enfermidade vírica contaxiosa From Wikipedia, the free encyclopedia
A COVID-19[2][3] (do inglés coronavirus disease 2019 ou enfermidade por coronavirus 2019) é unha enfermidade infecciosa respiratoria causada polo virus SARS-CoV-2.[4] Tamén se pode escribir Covid-19 ou, completamente lexicalizada, covid-19.[2][5] Esta doenza foi identificada primeiramente en 2019 en Wuhan, capital da provincia chinesa de Hubei, e desde entón espallouse por todo o mundo, orixinando a pandemia por coronavirus de 2019–2021.[6][7] Os seus síntomas comúns son febre, tose e dificultade para respirar. Outros síntomas poden ser dor muscular, produción de esputos, diarrea, dor de garganta, dor abdominal e perda do olfacto ou do gusto.[1][8][9] Aínda que na maioría dos casos orixina síntomas leves, certa porcentaxe de casos progresa a pneumonía e ás veces disfunción multiorgánica.[6][10] O 25 de marzo de 2020, a taxa de letalidade global (proporción de mortes por número de casos diagnosticados) era do 4,5%; variando desde o 0,2% ao 15% segundo o grupo de idade e outros problemas de saúde.[11]
COVID-19 | |
---|---|
Radiografía (TAC) pulmonar dun caso de pneumonía por COVID-19 | |
Especialidade | Doenzas infecciosas |
Síntomas | Infeccción respiratoria aguda Febre, tose, falta de alento[1] |
Complicacións | Pneumonía, sepse viral, síndrome de dificultade respiratoria aguda, insuficiencia renal |
Inicio habitual | Período de incubación típico de 5-6 días (pode variar entre 2-14 días) |
Causas | SARS-CoV-2 |
Diagnóstico | Probas rRT-PCR, TAC |
Prevención | Lavado de mans, corentena, distanciamento social |
Tratamento | Sintomático e de apoio |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O virus transmítese principalmente entre persoas en contacto próximo (entre 1 e 1,8 m)[12][13] xeralmente por medio das pingas respiratorias (coñecidas como micropingas de Flügge) producidas principalmente cando unha persoa tose ou espirra[12][14] e mesmo cando fala.[12][14][15] Estas pingas son relativamente pesadas e non permanecen no aire moito tempo,[12][16] pero en lugares cerrados ou non ventilados poden permanecer suspendidas por máis tempo, polo que non se poden descartar como posible fonte de infección. Igualmente, é posible a transmisión por pingas de tamaño máis pequeno, chamadas aerosois.[17][18] As persoas poden tamén contaxiarse de COVID-19 ao tocaren unha superficie contaminada e despois tocaren partes da súa face como nariz, boca ou ollos.[12][14] É máis contaxioso cando as persoas son sintomáticas, aínda que a transmisión tamén é posible antes de que aparezan os síntomas.[14] O virus pode seguir sendo contaxioso nas superficies ata 72 horas, dependendo do material sobre o que está.[19] O tempo que pasa desde a exposición ao comezo dos síntomas é xeralmente de entre dous e catorce días, cunha media de cinco días.[20][21] O método normal de diagnose é con probas de reacción en cadea da polimerase con transcriptase inversa (rRT-PCR) de mostras dun frotis nasofarínxeo.[22] A infección pode tamén diagnosticarse observando a presenza dunha combinación de síntomas e factores de risco e cunha tomografía computadorizada torácica que mostre características propias da pneumonía.[23][24]
As medidas recomendadas para previr a infección son lavar as mans frecuentemente, o distanciamento social (manter unha distancia física doutros, especialmente dos doentes), tusir ou espirrar nun tecido ou na parte interna do cóbado (o sangradoiro) e non tocar a cara coas mans sen lavar.[25][26] O uso de máscaras de protección recoméndase en lugares públicos para minimizar o risco de transmisión. Desenvolvéronse tamén diversas vacinas e varios países iniciaron campañas masivas de vacinación.[27][28] Non existe un tratamento antiviral para a COVID-19. A súa xestión implica o tratamento dos síntomas e de apoio, illamento e medidas experimentais.[29]
A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o gromo de coronavirus de 2019–20 emerxencia sanitaria pública de preocupación internacional o 30 de xaneiro de 2020[30][31] e pandemia o 11 de marzo de 2020.[7] A transmisión local (no propio país) da doenza rexistrouse pouco despois en moitos países das seis rexións da OMS e seguidamente espallouse por todo o mundo.[32]
Síntoma[33] | % |
---|---|
Febre | 87,9 |
Tose seca | 67,7 |
Fatiga | 38,1 |
Produción de esputos | 33,4 |
Perda do olfacto e do gusto[9][34] | 30 a 66 |
Dificultades respiratorias | 18,6 |
Dor muscular ou de articulacións | 14,8 |
Dor de garganta | 13,9 |
Dor de cabeza | 13,6 |
Calafríos | 11,4 |
Náuseas ou vómitos | 5,0 |
Conxestión nasal | 4,8 |
Diarrea | 3,7 a 31[35] |
Hemoptise | 0,9 |
Conxestión da conxuntiva | 0,8 |
Os infectados polo virus poden ser asintomáticos ou desenvolver síntomas parecidos aos da gripe, incluíndo febre, tose, fatiga, e dificutades respiratorias.[1][36][37] Síntomas que supoñen unha emerxencia son a dificultade respiratoria, a dor ou presión no peito persistente, confusión, dificultade para camiñar e que a cara ou beizos se poñan azulados; aconséllase buscar atención médica inmediata se aparecen ditos síntomas.[38] Menos comunmente poden presentarse síntomas nas vías respiratorias superiores, como espirrar, fluxo nasal, ou dor de garganta. Tamén se observan en variadas porcentaxes síntomas como náuseas, vómitos e diarrea.[35][39][40] Algúns casos na China presentaron inicialmente só tensión no peito e palpitacións.[41] A perda do olfacto e distorsión do gusto son considerados síntomas comúns entre os que noutros aspectos son asintomáticos.[9][34][42] Nalgunhas persoas a doenza pode progresar a pneumonía, disfunción multiorgánica e morte.[6][10] Naqueles que desenvolven síntomas graves, o tempo que pasa desde que comezan os síntomas ata que necesitan ventilación mecánica é normalmente de 8 días.[43]
Como é común nas infeccións, hai unha demora entre o momento no que unha persoa é infectada polo virus e o momento en que desenvolve os síntomas, que se denomina período de incubación. O período de incubación da COVID-19 é tipicamente de cinco a seis días pero pode variar de dous a catorce días.[44][45] O 97,5% das persoas que desenvolven síntomas fano aos 11,5 días da infección.[46]
A enfermidade é causada polo virus SARS-CoV-2, previamente denominado 2019-nCoV,[47] que se considera unha cepa da especie coronavirus relacionado coa síndrome respiratoria aguda grave (SARSr-CoV) da subfamilia dos coronavirus.[48]
O virus pénsase que é natural e ten unha orixe animal,[49][50] por medio dunha infección secundaria.[51] A orixe é descoñecida, pero en decembro de 2019 o espallamento da infección foi impulsada case enteiramente por transmision de persoa a persoa.[52][53] A primeira infección coñecida ocorreu o 17 de novembro de 2019 en Wuhan, China.[54]
A COVID‑19 é unha doenza nova e moitos detalles da súa transmisión están aínda investigándose.[12][13][15] Transmítese principalmente entre as persoas por medio das pingas respiratorias procedentes de toses e espirros ou expulsadas ao falar.[55] Canto máis próxima e de maior duración sexa a interacción entre as persoas, máis probable é que se transmita a COVID-19. A curta distancia poden intervir as pingas respiratorias máis grandes (que caen rapidamente ao chan) e tamén os aerosois, mentres que a distancias maiores só están implicados os aerosois. As pingas grandes poden tamén transformarse en aerosois (chamados núcleos de pingas) ao producirse a súa evaporación. O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) afirma que, aínda que non está totalmente clara cal é a facilidade coa que se contaxia, xeralmente unha persoa infecta outras dúas ou tres.[56]
A transmisión polo aire por medio de aerosois pode producirse principalmente en lugares cerrados e pouco ventilados.[17][12][57] A Academia Nacional das Ciencias dos Estados Unidos suxeriu que a transmisión por bioaerosol pode ser posible e os colectores de aire situados en corredores fóra dos cuartos onde dorme a xente renderon mostras positivas do ARN viral.[58] [17] Resultados experimentais mostraron que o virus pode sobrevivir en aerosois ata tres horas.[59] As pingas poden acabar entrando na boca ou o nariz de persoas que están próximas ou posiblemente ser inhaladas ao interior dos pulmóns.[60] Algúns procedementos médicos como a intubación e a resucitación cardiopulmonar poden causar que as secrecións respiratorias sexan aerosolizadas e isto favorece a posible transmisión polo aire.[57]
O virus permanece viable sobre superficies durante horas ou días. Se se tocan esas superficies e despois se toca a boca, nariz ou ollos pode producirse a transmisión. Un estudo que investigaba a velocidade de descomposición do virus no ambiente non atopou virus viables pasadas catro horas sobre superficies de cobre, 24 horas sobre cartón, 72 horas sobre aceiro inoxidable e 72 horas sobre plástico. Porén, as taxas de detección non acadaban o 100% e variaban entre os diversos tipos de superficies (o límite de detección era de 3,33×100,5 TCID50 por litro de aire para os aerosois, 100,5 TCID50 por mililitro de medio para o plástico, aceiro, e cartón e 101,5 TCID50 por mililitro de medio para o cobre). A estimación desta velocidade de descomposición cun modelo de regresión bayesiana suxire que os virus poden permanecer viables ata 18 horas en cobre, 55 horas en cartón, 90 horas en aceiro inoxidable e unhas 100 horas en plástico. O virus permaneceu viable en aerosois durante o tempo do experimento (tres horas).[61]
O virus tamén se atopou en feces e estase a investigar a transmisión por medio das feces,[62][63] que se cre que é baixa.[13]
Os pulmóns son os órganos máis afectados pola COVID-19 porque o virus accede ás células hóspede por medio do enzima ACE2, que é máis abundante nas células alveolares de tipo II dos pulmóns. O virus utiliza unha glicoproteína de superficie especial chamada "espícula" (un peplómero) para conectar co ACE2 e entrar na célula hóspede.[64] A densidade do ACE2 en cada tecido correlaciónase coa gravidade da enfermidade nese tecido e algúns suxeriron que diminuír a actividade do ACE2 podería ter resultados protectores,[65][66] aínda que outra opinión é que incrementar o ACE2 usando un medicamento bloqueante do receptor da anxiotensina II podería ser protector e que estas hipóteses deben ser comprobadas.[67] A medida que progresa a enfermidade alveolar, pode desenvolverse unha insuficiencia respiratoria que pode conducir á morte.[66]
O virus tamén afecta os órganos gastrointestinais, xa que o ACE2 se expresa abundantemente nas células glandulares gástricas, duodenais e no epitelio rectal.[62] así como nas células endoteliais e enterocitos do intestino delgado.[68] O virus atopouse nas feces do 53%[62] das persoas hospitalizadas e atopáronse máis frotis anais positivos que frotis orais positivos nas etapas finais da infección.[69] O virus foi atopado en feces de 1 a 12 días e o 17% dos pacientes continúan presentando o virus nas feces despois de que xa non o presentan nas mostras respiratorias, o que indica que a infección viral gastrointestinal e a potencial transmisión fecal-oral pode durar incluso despois de que desaparecese o virus do tracto respiratorio.[62] A reaparición do virus foi tamén detectada en frotis anais, o que suxire un cambio de ser máis positivo nas mostras orais durante as primeiras etapas da doenza a ser máis positivo nas mostras anais durante os períodos posteriores.[69]
A OMS publicou varios protocolos de test para esta doenza.[71] O método estándar de testar é a reacción en cadea da polimerase con transcriptase inversa en tempo real (rRT-PCR).[72] O test faise normalmente con mostras respiratrorias obtidas por frotis nasofarínxeo; porén, tamén se pode utilizar unha mostra de frotis nasal ou esputo.[22][73] Xeralmente os resultados están listos en poucas horas ou ata dous días.[74][75] Poden utilizarse tests sanguíneos, pero para estes cómpren dúas mostras de sangue tomadas con dúas semanas de diferenza e os resultados teñen pouco valor inmediato.[76] Os científicos chineses conseguiron illar unha cepa do coronavirus e publicaron a súa secuencia xenética para que os laboratorios de todo o mundo puidesen desenvolver independentemente tests de reacción en cadea da polimerase (PCR) para detectar a infección polo virus.[6][77][78] O 19 de marzo de 2020,[79] non se dispoñía de tests de anticorpos aínda que xa se puxeron en marcha intentos para desenvolvelos.[80] A FDA dos Estados Unidos aprobou o primeiro test de punto de coidados o 21 de marzo de 2020 para o seu uso a finais dese mes.[81]
As guías para o diagnóstico elaboradas polo Hospital Zhongnan da Universidade de Wuhan suxeriron métodos para detectar infeccións baseadas en características clínicas e riscos epidemiolóxicos. Estes indicaban que había que identificar as persoas que tiñan polo menos dous dos seguintes síntomas ademais dunha historia de viaxes a Wuhan ou contacto con outras persoas infectadas: febre, características de pulmonía en radiografías, reconto de leucocitos normal ou reducido, ou reconto de linfocitos reducido.[23]
Un artigo de revisión da literartura científica de marzo de 2020 chegou á conclusión de que "as radiografías de tórax son de pouco valor diagnóstico nas primeiras etapas, mentres que os escaneos de tomografía computadorizada son útiles incluso antes do comezo dos síntomas."[82] Entre as características típicas dos TACs están as opacidades de vidro esmerilado multilobares bilaterais cunha distribución periférica, asimétrica e posterior.[82] A dominancia subpleural, pavimentación irregular e consolidación pulmonar vanse desenvolvendo a medida que a doenza evoluciona.[83] En marzo de 2020, o Colexio Americano de Radioloxía recomendaba que "o TAC non debería utilizarse para facer un cribado ou como test de diagnóstico de primeira liña da COVID-19".[84]
Dispóñense de poucos datos sobre as lesións microscópicas e fisiopatolóxicas da COVID-19.[85] Os principais achados patolóxicos nas autopsias son:
As medidas preventivas para reducir as posibilidades de infección inclúen quedar en casa, evitar lugares con aglomeración de xente, lavar as mans con xabón e auga quente a miúdo durante polo menos 20 segundos, practicar unha boa hixiene respiratoria e evitar tocarse os ollos, o nariz ou a boca coas mans sen lavar.[95][96][97] Os CDC dos Estados Unidos recomendan cubrirse a boca e o nariz cun tecido ou pano cando se tose ou espirra e se non se dispón de pano facelo na parte interna do cóbado.[95] Tamén se recomenda unha boa hixiene das mans despois de cada vez que se tose ou espirra.[95] As estratexias de distanciamento social pretenden reducir o contacto das persoas infectadas con grandes grupos pechando as escolas e centros de traballo, restrinxindo as viaxes e cancelando xuntanzas masivas.[98] O distanciamento social tamén inclúe que as persoas deixen unha distancia de entre 1 e 2 metros entre si.[99]
Como a vacina contra o SARS-CoV-2 non se espera que estea dispoñible ata 2021 como pronto,[100] unha parte esencial da xestión da pandemia de COVID-19 é tratar de diminuír o pico da epidemia, o que se coñece como aplanar a curva, tomando varias medidas que traten de reducir a taxa de novas infeccións.[90] Facer máis lenta a taxa de infección axuda a diminuír o risco de que os servizos sanitarios queden superados na súa capacidade de atención, permitindo un mellor tratamento dos casos que se produzan e atrasando a aparición de novos casos ata que se dispoña de terapéuticas ou vacinas.[90]
Segundo a OMS, o uso de máscaras recoméndase só se a persoa está tusindo ou espirrando ou cando se está a coidar de alguén que se sospeita que pode estar infectado.[101] Algúns países tamén recomendan que os individuos sans usen máscaras, especialmente China,[102] Hong Kong[103] e Tailandia.[104] Para facer fronte á necesidade de máscaras, a OMS estima que a produción global deberá incrementarse nun 40%. O acaparamento e a especulación empeoraron o problema, e o prezo das máscaras multiplicouse por seis, os respiradores N95 triplicaron o prezo e os traxes impermeables de protección duplicárono.[105] Algúns expertos sanitarios consideran que usar máscaras de características inferiores ás médicas e outros cubrimentos para a face como bufandas ou panos son un bo xeito de previr que a xente toque a boca e nariz, incluso se estas proteccións non médicas non protexen contra un espirro ou tose directos dunha persoa infectada, pero outros expertos din que para axustar a máscara a xente acaba tocándose a face con frecuencia.[106]
Os CDC dos Estados Unidos recomendan ás persoas diagnosticadas de COVID-19 ou aos que cren que poden ser infectados permenecer en casa agás para ir ao médico, avisar antes de visitar a calquera servizo médico, usar unha máscara facial antes de entrar no servizo médico ou en calquera habitación ou vehículo con outra persoa, cubrir as toses e espirros cun pano, lavar regularmente as mans con xabón e auga e evitar compartir obxectos en casa.[107][108] Os CDC tamén recomendan que as persoas laven as mans a miúdo con xabón e auga polo menos durante 20 segundos, especialmente despois de iren ao baño ou cando as mans están visiblemente sucias, antes de comer e despois de sonarse o nariz, tusir ou espirrar. Recomendan tamén usar un desinfectante de mans hidroalcohólico con polo menos un 60% de alcohol, pero só cando non se dispoña de auga e xabón.[95]
Para aquelas áreas nas que non se dispoña facilmente de desinfectantes de mans comerciais, a OMS proporciona dúas formulacións para a produción local. Nestas formulacións, a actividade antimicrobiana débese ao etanol ou isopropanol. O peróxido de hidróxeno (auga oxixenada) utilízase para axudar a eliminar esporas bacterianas no alcohol; "non é unha substancia activa para a antisepse de mans". O glicerol engádese como humectante.[109]
Non hai un tratamento específico ou cura para a COVID-19,[111][112] polo que o esencial na xestión dun caso de COVID-19 son os coidados paliativos, que inclúen o tratamento sintomático, terapia de substitución de fluídos, administración de oxíxeno como apoio respiratorio e se fose necesario colocar o paciente en posición prona, e o uso de medicamentos ou aparellos de apoio ao funcionamento dos órganos vitais afectados.[113][114][115]
A maioría dos casos de COVID-19 son leves. Neses casos, os coidados paliativos inclúen a administración de medicamentos como o paracetamol ou AINEs para aliviar os sísntomas (febre, dor corporal, tose), unha axeitada inxestión de fluídos, descanso e respiración polo nariz.[116][112][117][118] Tamén se recomendan unha boa hixiene corporal e unha dieta saudable.[119] As autoridades sanitarias de moitos países recomendan aos sospeitosos de portar o virus permanecer illados en casa e usar máscaras faciais.[120]
Nos casos que son máis graves adoita ser necesario o ingreso hospitalario. Nos pacientes que teñen niveis de oxíxeno baixos, recoméndase o uso de glicocorticoides como a dexametasona, xa que reduce o risco de morte.[23][121][122] Pode ser necesario o uso de ventilación non invasiva e, en último caso, o paciente debe pasar a unha unidade de coidados intensivos para aplicarlle ventilación mecánica para asegurar a súa respiración.[123] Nalgúns casos tense usado oxixenación por membrana extracorpórea para tratar a insuficiencia respiratoria, pero os seus beneficios están aínda sendo considerados.[124][125]
Están estudándose intensamentre varios tratamentos experimentais en ensaios clínicos.[111] Outros tratamentos que ao inicio da pandemia parecían prometedores, como o uso de hidroxicloroquina e lopinavir/ritonavir, viuse posteriormente que non eran efectivos ou mesmo eran prexudiciais.[111][126][127] Malia as investigacións que se puxeron en marcha, aínda non hai evidencias de alta calidade para recomendar un tratamento temperán ao inicio da enfermidade.[126][127] Non obstante, nalgúns países, como os Estados Unidos, disponse de dúas terapias baseadas en anticorpos monoclonais para o uso temperán en casos nos que se cre hai un alto risco de progresión a un cadro grave.[127] O antiviral remdesivir está dispoñible nos Estados Unidos, Canadá, Australia e outros países, con diversas restricións, pero non se recomenda para persoas que necesiten ventilación mecánica e é desaconsellado totalmente pola Organización Mundial da Saúde (OMS),[128] debido ás limitadas evidencias sobre a súa eficacia.[111]
Algunhas persoas poden experimentar síntomas persistentes ou discapacidades despois de recuperarse da infección, o que se denomina COVID-19 persistente. Aínda hai información limitada sobre cal é a mellor xestión e rehabilitación para estas condicións.[123]
A OMS e outras autoridades sanitarias de diversos países publicaron recomendacións e guías clínicas para tratar os pacientes de COVID‑19.[129][130][123][131][132][133]
Algúns médicos recomendan o uso do paracetamol (acetaminofeno) mellor que o ibuprofeno como analxéxico de primeira liña.[134][135][136] A OMS non se opón ao uso de antiinflamatorios non esteroides (AINEs) como o ibuprofeno para tratar os síntomas,[137] e a FDA afirma que actualmente non hai evidencias de que os AINEs empeoren os síntomas da COVID-19.[138]
Aínda que se formularon preocupacións teóricas sobre os inhibidores de ACE e os antagonista do receptor da anxiotensina, o 19 de marzo de 2020, estas non son suficientes para xustificar que se deixen de utilizar estes medicamentos.[139][140][141] Os esteroides como a metilprednisolona non se recomendan a menos que a doenza se complique cunha sindrome de dificultade respiratoria aguda.[142][143]
Deben tomarse precaucións para minimizar o risco da transmisión do virus, especialmente en instalacións hospitalarias cando se realizan procedementos que poden xerar aerosiois, como a intubación ou a ventilación manual.[144]
Os CDC deseñaron directrices específicas para o uso de equipos de protección individual (EPI) durante a pandemia. O equipo recomendado comprende:
Cando se dispón de respiradores (en vez de máscaras faciais) estes deben ser preferidos.[150] Os respiradores N95 están aprobados para instalacións industriais pero nos Estados Unidos a FDA autorizou as máscaras para o seu uso en caso de emerxencia. Están deseñadas para protexer de partículas transportadas polo aire como o po, pero a súa efectividade contra un axente biolóxico específico non está garantida para usos fóra da súa especificidade.[151] Cando non se dispón de máscaras os CDC recomendan o uso de pantallas faciais ou, como último recurso, máscaras feitas en casa.[152]
A maioría dos casos de COVID-19 non son dabondo graves como para requirir ventilación mecánica (axuda artificial para manter a respiración), mais unha porcentaxe de casos si.[153][154] Algúns doutores canadenses recomendaron o uso de ventilación mecánica invasiva porque esta técnica limita o espallamento de vectores de transmisión aerosolizados.[153] Os casos graves son máis comúns en adultos vellos (de máis de 60 anos[153] e especialmente nos de máis de 80 anos[155]). Moitos países desenvolvidos non teñen suficientes camas hospitalarias per cápita, nin respiradores, o que limita a capacidade do seu sistema sanitario de manexar un pico rápido no número de casos de COVID-19 o suficientemente graves como para requirir hospitalización.[156] Esta capacidade limitada é un significativo factor que subliña a necesidade de aplanar a curva de infeccións (para manter a velocidade á que ocorren os novos casos e así reducir o número de persoas doentes nun momento determinado).[156] Un estudo feito na China atopou que un 5% foron admitidos en unidades de coidados intensivos, o 2,3% necesitaron ventilación mecánica, e un 1,4% morreron.[124] Os ventiladores son, pois, da maior importancia, xa que ata un terzo de todos os pacientes poderían necesitalos.[157] A falta de respiradores mecánicos e a falta de industrias subministradoras provocaron que se desenvolvese unha cooperación a nivel mundial para acadar modelos máis sinxelos, efectivos e doados de fabricar, que palien a escaseza. Varias organizacións están utilizando a impresión en 3D para producir diverso equipamento necesario.[158][159]
A ventilación mecánica faise máis complexa cando se desenvolve unha síndrome de dificultade respiratoria aguda na COVID-19 e a oxixenación do sangue empeza a facerse máis difícil[160]. Os ventiladores que poden facer un control da presión e unha alta presión positiva ao final da expiración[161] (a miúdo non dispoñibles en ventiladores vellos e de transporte) son necesarios para maximizar a liberación de oxíxeno mentres minimizan o risco de que se produzan danos pulmonares asociados ao ventilador e pneumotórax[162].
Terapia | Recomendacións |
---|---|
Oxíxeno nasal de fluxo alto | Para SpO2 <93%. Pode impedir a necesidade de intubación e ventilación |
Volume mareal | 6mL por kg e pode ser reducido a 4mL/kg |
Presión das vías aéreas meseta | Manter por debaixo de 30 cmH2O se é posible (pode ser necesaria unha alta frecuencia respiratoria (35 por minuto)) |
Presión positiva ao final da expiración | Niveis moderados ou altos |
Posición prona | Para cando hai un empeoramento da oxixenación |
Inhalación de óxido nitroso | 5-20 ppm |
Xestión dos fluídos | O obxectivo é un balance negativo de 1/2-1L por día |
Antibióticos | Para infeccións bacterianas secundarias |
Glicocorticoides | Non recomendado |
A OMS non aprobou medicamentos para tratar a doenza, aínda que algúns son recomendados por algunhas autoridades médicas nocionais.[163] A investigación en tratamentos potenciais empezou en xaneiro de 2020,[164] e varios fármacos antivirais están na fase de ensaios clínicos.[165][166] Aínda que os novos medicamentos poden tardar en desenvolverse ata 2021,[167] varios dos medicamentos que foron testados están xa aprobados para outros usos ou están xa en fases de probas avanzadas.[163] Os medicamentos antivirais pode ensaiarse en persoas con varias doenzas.[113] A OMS recomenda a voluntarios que tomen parte en ensaios sobre a efectividade e seguridade de tratamentos potenciais.[168]
En febreiro de 2020, China lanzou unha app para móbiles para tratar co gromo da enfermidade.[169] Pedíuselles aos usuarios que introducisen o seu nome e número ID. A app pode detectar o 'contacto próximo' usando datos de vixilancia e, por tanto, un risco potencial de infección. Cada usuario pode tamén comprobar o status doutros tres usuarios. Se se detecta un risco potencial, a app non só recomenda a autocorentena, tamén alerta aos axentes sanitarios locais.[170]
Utilízanse as analíticas de big data con datos de teléfono móbil, tecnoloxía de recoñecemento facial, rastreo de teléfonos móbiles e intelixencia artificial para rastrear persoas infectadas e persoas coas que contactaron en Corea do Sur, Taiwán e Singapur.[171][172] En marzo de 2020, o goberno israelí permitiu que as axencias de seguridade rastereasen os datos de teléfonos móbiles de persoas que supostamente tiñan o coronavirus. A medida tomouse para reforzar a corentena e protexer a aqueles que poden poñerse en estreito contacto con cidadáns infectados.[173] Ademais en marzo de 2020, Deutsche Telekom compartiu datos de localización de teléfonos móbiles agregados coa axencia gobernamental federal alemá, Instituto Robert Koch, para investigar e previr o espallamento do virus.[174] Rusia desenvolveu unha tecnoloxía de recoñecemento facial para detectar os que rompían a corentena.[175] O comisionado da sanidade rexional italiana Giulio Gallera dixo que fora informado por opreradores de teléfonos móbiles de que o "40% das persoas continúan desprazándose a pesar de todo".[176] O goberno alemán realizou unha fin de semana de 48 horas de hackatón con máis de 42 000 participantes.[177][178] Ademais o presidente de Estonia, Kersti Kaljulaid, fixo unha chamada global para pensar solucións creativas contra o espallamento do coronavirus.[179]
Os individuos poden experimentar angustia durante a corentena, restricións de viaxe, efectos laterais e tratamento, ou medo pola propia infección. Para afrontar estas preocupacións, a Comisión Sanitaria Nacional da China publicou unhas directrices nacionais para a intervención en crises psicolóxicas o 27 de xaneiro de 2020.[180][181]
A gravidade da COVID-19 é variable. A enfermidade pode presentar un cadro leve con poucos ou ningún síntomas, parecéndose a outras doenzas respiratorias como o arrefriado común. Os casos leves recupéranse normalmente en dúas semanas, mentres que os que son graves ou críticos pode tardar de tres a seis semanas en recuperarse. Entre os que morreron, o tempo que vai desde o comezo dos síntomas ao momento da morte foi de dous a oito semanas.[33]
Segundo os datos recollidos na China, os nenos de todas as idades son susceptibles á doenza, pero o máis probable é que teñan síntomas máis suaves e unha posibilidade moito menor de ter un cadro grave da enfermidade que os adultos; nos menores de 50 anos, o risco de morte é de menos do 0,5%, mentres que nos que superan os 70 é de máis do 8%.[184][185] As mulleres preñadas poderían ter un alto risco de sufrir unha infección grave da COVID-19 baseándose en datos doutros virus similares, como a síndrome respiratoria aguda grave (SARS polas súas siglas en inglés) e a síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS), pero carécense de datos suficientes para a COVID-19.[186][187]
A algunhas persoas a COVID-19 pode afectarlle os pulmóns, causando pneumonía. Nos que están afectados máis gravemente, a COVID-19 pode progresar rapidamente a unha síndrome de dificultade respiratoria aguda que causa insuficiencia respiratoria, shock séptico, ou disfunción multiorgánica.[188][189] As complicacións asociadas coa COVID-19 inclúen a sepse, coagulación sanguínea anormal e danos no corazón, cerebro[190], riles e fígado. Describíronse anormalidades na coagulación, especificamente un incemento no tempo de protrombina, no 6% dos que foron hospitalizados con COVID-19, mentres que o funcionalmento anormal renal se obervou no 4% dese grupo.[191] As lesións hepáticas indicadas por marcadores sanguíneos de danos hepáticos tamén se observan nos casos graves.[192]
Algúns estudos atoparon que a proporción neutrófilos-linfocitos pode ser útil en cribados iniciais para a enfermidade grave, xa que é alta en pacientes graves.[193]
Moitos dos que morren de COVID-19 teñen condicións preexistentes subxacentes de saúde, como hipertensión arterial, diabetes mellitus e doenzas cardiovasculares.[194] O Istituto Superiore di Sanità italiano informou de que o 88% das mortes totais en Italia tiñan polo menos unha comorbilidade.[195] Unha revisión de historias clínicas de 10,4% das mortes para as cales a se podía analizar a historia mostraron polo menos unha comorbilidade no 97,9% dos pacientes mostreados, tendo o paciente medio 2,7 doenzas.[196] Segundo o mesmo informe, o tempo medio entre o inicio dos síntomas e a morte foi nove días, dos cales cinco os pasaba hospitalizados. Porén, os pacientes que son transferidos a unha UCI tiñan un tempo medio de seis días entre a hospitalización e a morte.[196] Nun estudo de casos temperáns, o tempo medio desde que aparecen os síntomas iniciais á morte é de 14 días, e o intervalo completo é de seis a 41 días.[197] Nun estudo feito pola Comisión Sanitaria Nacional da China, as mulleres tiñan unha taxa de mortalidade de 1,7%, mentres que nos homes era de 2,8%.[198] Os exames histopatolóxicos de mostras post-mortem de pulmón mostran danos alveolares difusos con exsudados fibromixoides celulares en ambos os pulmóns. Observáronse cambios citopáticos virais nos pneumocitos dos alvéolos. As características que presentan os pulmóns lembran a síndrome de dificultade respitratoria aguda.[33] No 11,8% das mortes das que informou a Comisión Sanitaria Nacional da China, as lesións cardíacas detectáronse polos niveis elevados de troponina ou a parada cardíaca.[41]
A dispoñibilidade de recursos médicos e a socioeconomía da rexión afectada poden afectar tamén á mortalidade.[199] Estimacións da mortalidade segundo a condición varían debido ás diferenzas rexionais,[200] pero tamén debido a dificultades metodolóxicas. O reconto de casos leves inferior ao real pode causar que a taxa de mortalidade sexa sobreestimada.[201] Porén, o feito de que as mortes sexan o resultado de casos contraídos no pasado pode significar que a taxa de mortalidade actual sexa subestimada.[202][203]
Descoñécese se anteriores infeccións nun individuo provocan unha inmunidade efectiva e a longo prazo unha vez que o paciente se recupera da doenza.[204] Baseándose no comportamento doutros coronavirus, é probable que se adquira inmunidade,[205] pero informouse de casos nos que a recuperación da COVID-19 foi seguida de tests que deron positivo para o coronavirus en datas posteriores.[206][207] Non está claro se estes casos son resultado dunha verdadeira reinfección, ou dunha recaída ou dun erro nos test (falsos negativos previos).[208]
Expresáronse preocupacións sobre as posibles secuelas a longo prazo desta doenza. A Autoridade Hospitalaria de Hong Kong atopou un descenso dun 20% a un 30% na capacidade pulmonar dalgunhas persoas que se recuperaron da enfermidade e os escáneres pulmonares suxiren a presenza de danos nese órgano.[209]
Utilízanse varias medidas para cuantificar a mortalidade.[210] Estas cifras varían segundo a rexión e co tempo, e están influídas polo volume de test realizados, calidade do sistema sanitario, opcións de tratamento, tempo pasado desde o gromo inicial e características da poboación como a idade, sexo e saúde xeral.[211]
A proporción de morte/casos reflicte o número de mortes dividido polo número de casos diagnosticados nun intervalo de tempo dado. Baseándose en estatísticas da OMS, esta proporción era do 4,7% (29957 / 634835) o 29 de marzo.[212] As cifras varían segundo a rexión.[213]
Outras medidas son a taxa de letalidade, que reflicte a porcentaxe de individuos diagnosticados que morren por unha doenza, e a taxa de letalidade de infección, que reflicte a porcentaxe de persoas infectadas (diagnosticadas e non diagnosticadas) que morren dunha doenza. Estas estatísticas non están ligadas ao tempo e seguen unha poboación específica desde a infección á resolución do caso. Varios académicos intentaron calcular estas cifras para poboacións específicas.[214]
Os humanos parece que poden contaxiar o virus a outros animais. Un gato doméstico en Liexa, Bélxica deu positivo despois de empezar a mostrar síntomas (diarrea, vómitos, dificultades respiratorias) unha semana despois de que o seu propietario dese tamén positivo.[230] Os tigres do Zoo do Bronx, Nova York, deron positivo e manifestaron síntomas da COVID-19, como tose seca e perda de apetito.[231]
Nun estudo feito con animais domésticos feito na China inoculouse o virus a varias especies e atopouse que os gatos e os furóns parecían ser "moi susceptibles" á doenza, mentres que os cans parecían ser menos susceptibles, con menores niveis de replicación viral. O estudo non atopou evidencias de replicación viral en porcos, patos domésticos e galiñas.[232] Tamén afecta a visóns e houbo gromos en moitas granxas peleteiras.[233][234]
Debido ao seu papel clave na transmisión e progresión do SARS-CoV-2, o enzima ACE2 foi o foco dunha proporción significativa das investigacións e suxeríronse varias aproximacións terapéuticas.[66]
Actualmente (inicios de 2021) disponse de varias vacinas para esta doenza que foron aprobadas polas axencias reguladoras de diversos países e están nunha fase inicial de distribución, e hai outras moitas vacinas aínda en fase experimental. Aproveitáronse tamén os traballos previos sobre o SARS-CoV con este fin porque o SARS-CoV-2 e o SARS-CoV usan ambos o receptor ACE2 para entrar en células humanas.[235] Utilizáronse tres estratexias de vacinación. Primeiro, trátase de construír unha vacina de virus completo. O uso dese virus, que tería que estar inactivado, pretende orixinar unha rápida resposta inmune do corpo humano a unha nova infección polo virus da COVID-19. Unha segunda estratexia son as vacinas de subunidades, que trata de crear unha vacina que sensibilice o sistema inmunitario a certas subunidades do virus. No caso do SARS-CoV-2, esas investigacións centráronse na proteína S da espícula que axuda ao virus a introducirse no enzima receptor ACE2. Unha terceira estratexia son as vacinas de ácidos nucleicos (vacinas de ADN ou de ARN, unha nova técnica para crear unha vacina). As vacinas experimentais por calquera destas estratexias tiveron que ser comprobadas para certificar a súa seguridade e eficacia.[236][237]
Estanse avaliando varios fármacos antivirais xa existentes para o tratamento da COVID-19 e algúns pasaron á fase de ensaios clínicos.[163] En marzo de 2020, a OMS lanzou un ensaio feito en dez países chamado "Solidarity" en resposta á pandemia da COVID-19. Os tratamentos experimentais que actualmente se están investigando no ensaio Solidarity son o remdesivir, a cloroquina, a hidroxicloroquina, o ritonavir/lopinavir e o ritonavir/lopinavir combinado con interferón beta.[238][239]
En marzo de 2020 hai evidencias iniciais sobre o remdesivir.[240] O remdesivir inhibe o SARS-CoV-2 in vitro.[241] Estanse realizando ensaios clínicos en fase 3 nos Estados Unidos, a China e Italia.[163][242][243]
A cloroquina, usada previamente para tratar a malaria, foi estudada na China en febreiro de 2020, con resultados preliminares positivos.[244] Porén, era necesario facer unha revisión por pares desas investigacións.[245][246][247][248][249] O 28 de marzo de 2020, a FDA norteamericana deu unha autorización de uso de emerxencia da hidroxicloroquina e a cloroquina á discreción dos médicos que tratan pacientes da COVID-19.[250][251] Porén, posteriormente, cando se dispuxo de maior cantidade de evidencias, viuse que a cloroquina e hidroxicloroquina non eran efectivas e mesmo podían ser prexudiciais.[111][126][127]
A sétima edición das directrices chinesas tamén inclúen o interferón, ribavirin ou umifenovir para o seu uso contra a COVID-19.[249]
En 2020, un ensaio atopou que o lopinavir/ritonavir non era efectivo no tratamento da doenza grave.[252] A nitazoxanida foi tamén recomendada para facer ulteriores estudos in vivo despois de demostrar unha inhibición a baixa concentración do SARS-CoV-2.[241]
Demostrouse que o cebado inicial da proteína da espícula polo enzima (TMPRSS2) é esencial para a entrada do SARS-CoV-2 por interacción co receptor ACE2.[253][254] Estes descubrimentos suxiren que o inhibidor da TMPRSS2, o camostat, aprobado para o seu uso no Xapón para inhibir a enfermidade da fibrose no fígado e riles, podería constituír un tratamento efectivo fóra do especificamente indicado.[253]
En febreiro de 2020, estaba estudándose o favipiravir na China para o tratamento experimental da enfermidade emerxente da COVID-19.[255][256]
A tormenta de citocinas é unha condición médica que pode ser mortal e pode ser outra complicación nas fases finais da COVID-19 grave. Hai probas de que a hidroxicloroquina ten propiedades anti-tormenta de citocinas.[257]
O tocilizumab foi incluído nas directrices e tratamento da Comisión Sanitaria Nacional da China despois de que se terminase un pequeno estudo.[258][259] Están realizándose ensaios en fase 2 non aleatorizados a nivel nacional en Italia despois de que se observasen resultados positivos en persoas con doenza grave.[247][260][261] Combinado cun test sanguíneo de feritina sérica para identificar as tormentas de citocinas, preténdese contrarrestar eses desenvolvementos, que se pensa son a causa da morte nalgunhas persoas afectadas.[262][263][264] O antagonista do receptor da interleucina-6 foi aprobado pola FDA norteamericana para o tratamento contra a síndrome de liberación de citocinas inducida por unha causa diferente, a terapia de célula T de receptor de antíxeno quimérico (T cell CAR), en 2017.[265]
O Instituto Feinstein da Northwell Health de Nova York anunciou en marzo un estudo sobre "un anticorpo humano que pode previr a actividade" da IL-6.[266]
Está investigándose como un método de inmunización non baseado en vacinas a transfusión de sangue que conteña anticorpos producidos polo sistema inmunitario de persoas que se recuperaron da COVID-19 a persoas que os necesitan.[267] Esta estratexia probouse para o SARS.[267] A neutralización viral é o mecanismo de acción anticipado polo cal unha terapia pasiva con anticorpos pode servir de defensa contra o SARS-CoV-2. Outros mecanismos, como a citotoxicidade celular dependente de anticorpo e a fagocitose, poden tamén ser posibles.[267] Están en desenvolvemento outras formas de terapia de anticorpos pasiva, por exemplo, usar anticorpos monoclonais fabricados.[267] A produción de 'soro convalescente', que consistía nunha porción líquida do sangue de pacientes recuperados que contén anticorpos específicos para este virus, podería incrementarse para unha utilización máis rápida.[268]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.