COVID-19
enfermidade vírica contaxiosa / From Wikipedia, the free encyclopedia
A COVID-19[2][3] (do inglés coronavirus disease 2019 ou enfermidade por coronavirus 2019) é unha enfermidade infecciosa respiratoria causada polo virus SARS-CoV-2.[4] Tamén se pode escribir Covid-19 ou, completamente lexicalizada, covid-19.[2][5] Esta doenza foi identificada primeiramente en 2019 en Wuhan, capital da provincia chinesa de Hubei, e desde entón espallouse por todo o mundo, orixinando a pandemia por coronavirus de 2019–2021.[6][7] Os seus síntomas comúns son febre, tose e dificultade para respirar. Outros síntomas poden ser dor muscular, produción de esputos, diarrea, dor de garganta, dor abdominal e perda do olfacto ou do gusto.[1][8][9] Aínda que na maioría dos casos orixina síntomas leves, certa porcentaxe de casos progresa a pneumonía e ás veces disfunción multiorgánica.[6][10] O 25 de marzo de 2020, a taxa de letalidade global (proporción de mortes por número de casos diagnosticados) era do 4,5%; variando desde o 0,2% ao 15% segundo o grupo de idade e outros problemas de saúde.[11]
COVID-19 | |
---|---|
Radiografía (TAC) pulmonar dun caso de pneumonía por COVID-19 | |
Especialidade | Doenzas infecciosas |
Síntomas | Infeccción respiratoria aguda Febre, tose, falta de alento[1] |
Complicacións | Pneumonía, sepse viral, síndrome de dificultade respiratoria aguda, insuficiencia renal |
Inicio habitual | Período de incubación típico de 5-6 días (pode variar entre 2-14 días) |
Causas | SARS-CoV-2 |
Diagnóstico | Probas rRT-PCR, TAC |
Prevención | Lavado de mans, corentena, distanciamento social |
Tratamento | Sintomático e de apoio |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O virus transmítese principalmente entre persoas en contacto próximo (entre 1 e 1,8 m)[12][13] xeralmente por medio das pingas respiratorias (coñecidas como micropingas de Flügge) producidas principalmente cando unha persoa tose ou espirra[12][14] e mesmo cando fala.[12][14][15] Estas pingas son relativamente pesadas e non permanecen no aire moito tempo,[12][16] pero en lugares cerrados ou non ventilados poden permanecer suspendidas por máis tempo, polo que non se poden descartar como posible fonte de infección. Igualmente, é posible a transmisión por pingas de tamaño máis pequeno, chamadas aerosois.[17][18] As persoas poden tamén contaxiarse de COVID-19 ao tocaren unha superficie contaminada e despois tocaren partes da súa face como nariz, boca ou ollos.[12][14] É máis contaxioso cando as persoas son sintomáticas, aínda que a transmisión tamén é posible antes de que aparezan os síntomas.[14] O virus pode seguir sendo contaxioso nas superficies ata 72 horas, dependendo do material sobre o que está.[19] O tempo que pasa desde a exposición ao comezo dos síntomas é xeralmente de entre dous e catorce días, cunha media de cinco días.[20][21] O método normal de diagnose é con probas de reacción en cadea da polimerase con transcriptase inversa (rRT-PCR) de mostras dun frotis nasofarínxeo.[22] A infección pode tamén diagnosticarse observando a presenza dunha combinación de síntomas e factores de risco e cunha tomografía computadorizada torácica que mostre características propias da pneumonía.[23][24]
As medidas recomendadas para previr a infección son lavar as mans frecuentemente, o distanciamento social (manter unha distancia física doutros, especialmente dos doentes), tusir ou espirrar nun tecido ou na parte interna do cóbado (o sangradoiro) e non tocar a cara coas mans sen lavar.[25][26] O uso de máscaras de protección recoméndase en lugares públicos para minimizar o risco de transmisión. Desenvolvéronse tamén diversas vacinas e varios países iniciaron campañas masivas de vacinación.[27][28] Non existe un tratamento antiviral para a COVID-19. A súa xestión implica o tratamento dos síntomas e de apoio, illamento e medidas experimentais.[29]
A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o gromo de coronavirus de 2019–20 emerxencia sanitaria pública de preocupación internacional o 30 de xaneiro de 2020[30][31] e pandemia o 11 de marzo de 2020.[7] A transmisión local (no propio país) da doenza rexistrouse pouco despois en moitos países das seis rexións da OMS e seguidamente espallouse por todo o mundo.[32]