Pandemia de COVID-19
pandemia causada polo virus SARS-CoV-2 / From Wikipedia, the free encyclopedia
A pandemia por coronavirus de 2019–2023 é unha pandemia global actual de doenza do coronavirus 2019 (COVID-19) causada polo coronavirus 2 da síndrome respiratoria aguda severa (SARS-CoV-2). O virus foi identificado por vez primeira en Wuhan, na provincia chinesa de Hubei, en decembro de 2019, estendéndose finalmente a cada provincia do país.[1][2] O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou o abrocho como unha pandemia.[3] A data do 13 de agosto, máis de 20 millóns de casos foron confirmados en máis de 200 países e territorios, co maior número de casos nos Estados Unidos, Brasil, India, Rusia, Suráfrica, Perú, México, Colombia, Chile, España, Irán e o Reino Unido.[4][5] Máis de 13 millóns de persoas conseguiron recuperarse da doenza e máis dun millón morreron.[5]
A transmisión do virus entre as persoas é semellante á da gripe, a través das vías respiratorias por tusir ou esbirrar.[6][7][8] O tempo entre a exposición e a aparición dos primeiros síntomas é polo xeral de cinco días, mais pode variar dende os dous ós catorce días.[8][9] Os síntomas máis comúns son febre, tose e falta de alento.[8][9] As complicacións poden incluír pneumonía e síndrome de dificultade respiratoria aguda. No presente, non existe unha vacina ou tratamento antiviral específico, mais estanse a facer investigacións. Os esforzos están dirixidos a controlar os síntomas e coidados de apoio. As medidas preventivas recomendadas inclúen a hixiene das mans, manter a distancia con outras persoas (particularmente aquelas que estean enfermas), e a monitorización e illamento durante catorce días das persoas sospeitosas de estaren infectadas.[7][8][10]
A resposta das autoridades sanitarias en todo o mundo inclúe medidas como as restricións de viaxes, corentenas, toques de queda e peches de colexios. Isto supuxo a corentena de toda Italia e da provincia chinesa de Hubei; toques de queda na China e en Corea do Sur;[11][12][13] métodos de detección en aeroportos e estacións de tren;[14] e advertencias de viaxes a rexións con transmisión comunitaria.[15][16][17][18] As escolas foron pechadas a nivel local ou nacional en máis de 190 países, afectando a máis do 90% dos estudantes do mundo.[19]
Os efectos mundiais da epidemia implicaron inestabilidade política e social,[20][21] xenofobia e racismo contra persoas de ascendencia chinesa ou de Asia oriental,[22][23][24][25][26] e a difusión en liña de desinformación e teorías da conspiración sobre o virus e a súa orixe.[27][28][29]