Remove ads
dores e molestias localizadas en calquera parte da cabeza From Wikipedia, the free encyclopedia
Cefalalxia, cefalea (do latín cephalaea, e este do grego κεφαλαία, de κεφαλή, cabeza) ou dor de cabeza fai referencia ás dores e molestias localizadas en calquera parte da cabeza, nos diferentes tecidos da cavidade cranial, nas estruturas que o unen á base do cranio, os músculos e vasos sanguíneos que rodean o coiro cabeludo, face e pescozo. Na linguaxe coloquial cefalalxia é sinónimo de dor de cabeza.[1].
Cefalalxia | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Representación caricaturesca dunha dor de cabeza, pintura de George Cruikshank (1819). | |
ICD-10 | G43-G44, R51 |
ICD-9 | 339, 784.0 |
DiseasesDB | 19825 |
MedlinePlus | 003024 |
eMedicine | neuro/517 neuro/70 |
MeSH | D006261 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
As dores de cabeza frecuentes poden afectar as relacións persoais e o emprego.[2] Dáse tamén un gran risco de depresión en persoas con dores de cabeza severas.[2] É un dos síntomas máis comúns na medicina, e unha das razóns máis frecuentes das consultas a especialistas clínicos, pediatras e neurólogos, fisioterapeutas especializados en osteopatía e acupuntura. A cefalea é un síntoma universal no ser humano. Estímase que entre o 90 e o 100% das persoas terán algún tipo de dor de cabeza ao longo da vida.[3]
As cefaleas máis comúns do ser humano son a xaqueca e a cefalalxia tensional. A meirande parte das cefaleas non teñen unha causa subxacente grave e só unha de cada 1.000 das que chegan a necesitar de asistencia médica se deben a un tumor.
Desde a antigüidade coñécese a demanda de asistencial debido a cefalalxias: o trastorno xa é citado nalgúns documentos sumerios e exipcios. Hipócrates refírese, con gran coñecemento, ás cefaleas e individualiza con gran precisión a xaqueca con aura. Posteriormente a estes primeiros achegamento á temática houbo outros tratados cara ao tema ao longo da historia e en especial a partir da segunda metade do século XIX. Con todo non foi ata o ano 1948 cando se sistematizan por primeira vez hipóteses rigorosas (actualmente en parte superadas) sobre a patoxenia das diferentes cefaleas, grazas á publicación de Headache and other head pain Harold Wolff.[4]
Hai máis de 200 tipos de dores de cabeza. Algúns son inofensivos e algúns son potencialmente mortais. A descrición da dor de cabeza e os achados no exame neurolóxico, determinan se se necesitan probas adicionais e que tratamento é o mellor.[5]
As dores de cabeza teñen unha gran variedade de causas, dende forzar demasiado a vista ata a inflamación das cavidades sinusoidais ou, outras condicións perigosas como encefalite,[6] cancro de cerebro,[7] meninxite[6] ou un aneurisma cerebral. Cando a dor de cabeza aparece xunto cunha ferida na cabeza, a causa é normalmente bastante evidente; aínda que moitas causas das dores de cabeza son de máis difícil diagnóstico. O tipo de dor de cabeza máis común é a dor de cabeza tensional. Moita xente ten dores de cabeza cando teñen fame ou están deshidratados (a deshidratación severa é unha das causas da dor de cabeza despois da borracheira, xa que o alcohol é un diurético).
As dores de cabeza clasifícanse en termos xerais como "primarias" ou "secundarias":[8] Defínense como cefaleas primarias aquelas nas que non existe unha causa estrutural ou metabólica que explique a sintomatoloxía, mentres que nas secundarias a dor de cabeza non é máis que o síntoma dunha outra patoloxía subxacente.[9] Na gran maioría de casos a cefalea é primaria, con todo a cefalea pode ser síntoma doutra enfermidade. Debido ao carácter esencialmente subxectivo da dor de cabeza, o feito de que se dean escasos indicadores clínicos e a falta de marcadores biolóxicos e anatómicos, para facer un diagnóstico da cefalea e a súa diferenciación faise necesario efectuar unha extensa e minuciosa valoración da historia do paciente. Nas cefaleas secundarias é onde a práctica de diversas técnicas médicas (exploración física, exame neurolóxico, neuroimaxe etc.) adquiren maior relevo.[10]
As cefaleas tensionais son debidas á contracción e tensión dos músculos dos ombros, o colo, o coiro cabeludo e a mandíbula, xa que a miúdo están relacionados co estrés, a depresión ou a ansiedade. O feito de traballar demasiado non durmir o suficiente, omitir comidas e consumir alcohol ou alucinóxenos pode facer que as persoas sexan máis susceptibles ás dores de cabeza. Igualmente, as dores de cabeza poden ser desencadeadas polo chocolate, o queixo ou o glutamato monosódico (GMS). As persoas que consomen cafeína poden presentar dores de cabeza cando non obteñen a cantidade diaria usual.
Outras causas comúns poden ser:
As cefaleas tensionais tenden a darse en ambos os dous lados da cabeza e a miúdo comezan na parte posterior deste e propáganse cara a diante. A dor pode ser xorda ou opresiva, mesmo como unha banda axustada ou unha prensa arredor da cabeza. É posible que se senta dor e rixidez nos ombros, o colo e a mandíbula.
As xaquecas son dores de cabeza fortes e recorrentes que xeralmente están acompañadas doutros síntomas, como trastornos visuais ou náuseas, e tenden a comezar nun lado da cabeza, aínda que a dor se pode diseminar dun lado o outro. É posible que a persoa experimente unha "aura" (síntomas de advertencia que se inician antes da dor de cabeza) e xeralmente sente unha dor intensamente pulsátil e palpitante.
Hai moitos. No Dicionario Enciclopédico de Medicina, aparecen 26 definicións de cefalalxias, entre as que se poden destacar:
O National Institutes of Health (NIH), unha institución do goberno dos Estados Unidos dedicada á investigación médica, clasifica as dores de cabeza nun número relativamente limitado de categorías.[12] Destacando cinco tipos de dor de cabeza fundamentais segundo sexan principalmente de tipo vascular, mioxénico (tensión muscular), de orixe cervical, de tracción, e como resposta inflamatoria.
A cefalalxia en realidade é un síntoma que pode estar orixinado por unha interminable lista de causas. A Sociedade Internacional de Cefaleas (International Headache Society IHS) publica unha clasificación actualizada periodicamente, na cal explícanse de forma detallada as distintas orixes de está afección.[9]
Supoñen en torno ao 78% das cefalalxias, tenden a non ser graves, aínda que a dor pode ser moi intenso:
Ver artigo princiapal: Xaqueca
A xaqueca ou hemicrania é un tipo de cefalalxia moi intensa, que pode acompañarse de certos avisos previos, denominados aura. Esta aura antecede ao episodio migrañento e pode ser de varios tipos. Un dos máis comúns é a aura oftálmica, na que o paciente ve unha serie de lampos ou alteracións na súa visión.
Xeralmente a xaqueca causa unha dor incapacitante, e é motivo de baixa laboral. A dor é pulsátil, é dicir, vai e ven en cuestión de segundos. Normalmente comeza nunha parte localizada do cranio para logo espallarse por todo el. A frecuencia de xaqueca é moi variable entre persoas, polo que existen enfermos con episodios ao ano, episodios ao mes, á semana e nalgúns casos cada poucos días.
Durante o proceso, que pode durar ata 3 días, o enfermo padece dor ante sons fortes (fonofobia) e molestias ante a luz (fotofobia). O repouso en cama e o sono axudan á conclusión do episodio. Noutras ocasións é preciso percorrer á medicación. Os antiinflamatorios non esteroides, coma o paracetamol ou o ibuprofeno adoitan ser pouco ou nada efectivos. A carbamacepina e a ergotamina son bos medicamentos. No caso de que unha persoa sufrise de moitos episodios, pode administrarse un tratamento preventivo.
Nuns poucos casos, a xaqueca perpetúase no tempo, enlazando unha xaqueca con outra. É o denominado status migrañento e é unha doenza que require hospitalización e tratamento endovenoso. O mantemento deste estado pode dar lugar a complicacións graves, por exemplo vasculares.
Ver artigo principal: Cefalea tensional
Xunto coas xaquecas, é o outro meirande tipo de cefalalxia. A causa é a contracción dos músculos da cabeza ou do pescozo. En moitas ocasións hai causantes coma o estrés ou substancias coma a cafeína. Trátase dunha dor opresiva, como se existise un casco que oprime a testa. Por norma xeral non é unha dor grave nin incapacitante, polo que habitualmente a persoa mantén as súas actividades normais. O exercicio adoita mellorar a dor. O tratamento pode requirir medicación preventiva constante se os ataques son moi frecuentes, ademais do tratamento da dor aguda cando este é moi intenso.[13] Se é preciso pódense empregar medicamentos, preferentemente antiinflamatorios non-esteroides, paracetamol ou metamizol.
Ver artigo princiapal: Cefalea en acios
É outro tipo de cefalalxia primaria, con dor en salvas, xeralmente localizados por encima do ollo, no arco supraciliar ou en zonas próximas. As salvas poden ser máis ou menos frecuentes, con posible espallamento por todo o cranio.
Ver artigo princiapal: Hemicrania continua
Trátase dunha cefalalxia que se dá nunha metade co cranio, de intensidade moderada. Non é frecuente. O tratamento de elección é o litio.
Inclúense varios subtipos, entre eles a cefalea asociada á actividade sexual, a cefalea benigna por tose, a cefalea benigna por exercicio e a cefalea hípnica.[14]
Son aquelas que están provocadas por unha enfermidade coñecida. Poden deberse a enfermidades moi diversas e divídense nos seguintes grupos:[15]
Os mecanismos que producen as cefalalxias son diferentes segundo o tipo da mesma:[16]
Pode ser unha manifestación da enfermidade de Wernicke.
O diagnóstico médico baséase en tres alicerces: Historia clínica, exploración do paciente e probas complementarias.
É importante coñecer os seguintes datos, que nos axudarán a recoñecer o tipo de cefalea e á súa etioloxía:
A exploración orienta ao profesional sanitaria sobre o tipo de cefalea que presenta o paciente. Dependendo dos síntomas acompañantes, o tipo de dor, a idade e os antecedentes poden ser necesarias diferentes tipos de exploracións, cítanse algunhas das que se empregan máis habitualmente:
O médico pode recomendar a realización de diferentes probas complementarias en casos seleccionados, en moitas ocasións os datos principais proveñen do interrogatorio e das características localización e intensidade da dor. É usual a solicitude de estudos analíticos, entre eles o hemograma, a VSG e a PCR.
Tamén poden solicitarse radiografías de cranio e columna cervical se se sospéitase sinusite ou lesións óseas e tomografía computadorizada (TAC) ou resonancia magnética nuclear (RMN) para estudar con detalle o tecido cerebral e detectar estruturas anómalas como tumores cerebrais.
Os seguintes signos ou síntomas poden ser indicativos de procesos agudos ou de maior gravidade, polo que obrigan a un estudo máis exhaustivo e específico:[17]
As dores de cabeza débense controlar diariamente para axudar a identificar a fonte ou o causante dos síntomas. Despois, débese modificar o ambiente ou os hábitos para evitar futuras dores de cabeza. Cando se presenta unha dor de cabeza, anotarase a data e a hora á que comezou, o que a persoa comeu nas últimas 24 horas, a cantidade de tempo que a persoa durmiu a noite anterior, o que a persoa estaba facendo e no que estaba pensando xusto antes de que comezase a dor de cabeza, calquera situación de estrés, a duración da dor de cabeza e o que a persoa fixo para detelo. Logo de certo tempo, a persoa pode comezar a observar un patrón.
Unha dor de cabeza pódese aliviar descansando cos ollos pechados e a cabeza apoiada ou utilizando técnicas de relaxación. Para aliviar as cefaleas tensionais pode ser efectivo un masaxe ou calor aplicada na parte posterior superior do pescozo.
O tratamento varía amplamente segundo a causa e o tipo de cefalea. As mellores opcións para tratar as cefaleas máis comúns son os analxésicos como o paracetamol e os axentes antiinflamatorios non-esteroides (AINEs) como a aspirina, o ibuprofeno e o naproxeno. Con todo é preciso ter en conta que estes fármacos non están exentos de efectos secundarios que en ocasións son graves, por exemplo, o ácido acetilsalicílico non se debe usar con nenos debido ao risco de desenvolvemento da síndrome de Reye. Ademais o abuso dos mesmos pode en determinadas circunstancias agravar o problema. Poden utilizarse en casos de dor de cabeza leve ou moderado que ocorra ocasionalmente. En caso de cefalea intensa, frecuente ou con algún dos síntomas de alarma, debe consultarse sempre co médico e evitar a automedicación.[18]
O primeiro sistema de clasificación do que se ten constancia foi publicado por Areteo de Capadocia, un médico erudito da antigüidade grecorromana. Fixo unha distinción entre tres tipos diferentes de dor de cabeza: i) cefalalxia, coa que indica unha dor de cabeza temporal de aparición repentina; ii) cefalea, referíndose a un tipo crónico de dor de cabeza; e iii) heterocrania, unha dor de cabeza paroxística nun lado da cabeza. Outro sistema de clasificación que se asemella aos modernos foi publicado por Thomas Willis, en De Cephalalgia en 1672. En 1787 Christian Baur dividiu de forma xeral as cefaleas en idiopáticas (cefaleas primarias) e sintomáticas (secundarias), e definiu 84 categorías.[19]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.