Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A cefalea en acios, tamén denominada cefalea de agrupamento ou en inglés, cluster headache, é unha cefalxia caracterizada por unha dor moi intensa e sempre unilateral, é dicir, só nunha das dúas metades da cabeza, sobre todo na rexión orbitaria. A cefalea en acios denomínase dese xeito porque aparece a brotes, isto é, xéranse unha ou varias crises ao día durante un período de tempo de entre 1 e 2 meses, para posteriormente remitir a dor durante períodos máis longos de tempo. A cefalea en acios é máis frecuente en homes ca en mulleres, ao contrario que na xaqueca[1]. Adoita debutar entre os 20 e os 50 anos, e está relacionada con doentes fumadores e consumidores de alcol. Non é hereditaria, mais aproximadamente un 10% dos doentes teñen antecedentes familiares. É considerada unha das doenzas quen de inducir ao suicidio, por mor da intensísima dor que provoca. O estudo desta cefalxia adoita realizarse nos servizos de neuroloxía.
Caracterízase por unha dor de cabeza unilateral[2] (sobre todo na rexión orbitaria), moi intensa, que típicamente aparece a intervalos regulares de entre 12 e 48 horas durante períodos de tempo determinados (habitualmente de 1 a 3 meses), desaparecendo o resto do ano. Porén, os períodos de actividade e os períodos de remisión poden varias segundo a persoa, o sexo e a idade: hai doentes que a padecen de xeito crónico durante o ano todo, e hainos que teñen períodos de remisión máis prolongados, de até catro anos. É frecuente que apareza durante o sono nocturno (na fase REM) ou pola mañá ao acordar, e adoita aparecer case que sempre ás mesmas horas do día. Na meirande parte dos casos, a cefalea acompáñase de lacrimación e rinorrea acuosa (caída de pingas polo nariz) e poden, como as outras cefalxias, acompañarse de fotofobia, sonofobia, edema palpebral, suoración na cara, miose, ptose palpebral e náuseas, aínda que, contrariamente á xaqueca, non cursan con alteracións visuales nin outros síntomas neurolóxicos que habitualmente compoñen o aura da xaqueca. Ao contrario que todas as demais cefaleas, a cefalea en acios adoita acompañarse de axitación (inquedanza psicomotriz). A literatura médica describe a dor coma o máis intenso que un ser humano pode sufrir sen perder a consciencia. É, polo tanto, unha doenza grandemente incapacitante, xa que impide ao paciente realizar calquera actividade mentres estean presentes os ataques (que teñen unha duración entre media hora e 3 horas). Ademais deixa secuelas coma o esgotamento ou a depresión. É un importante factor de risco para o suicidio. A cefalea en acios aparece bruscamente entre a adolescencia e os 50 anos, e desaparece bruscamente cando o paciente chega arredor dos 70 anos. Non se coñecen as causas, mais semella estar relacionado cos ritmos circadiáns e algunhas interaccións do hipotálamo[3].
O diagnóstico da cefalea en acios é estritamente clínico. Non hai probas diagnósticas que establezan con certeza a doenza. As probas diagnósticas coma a TAC ou a resonancia só serven para descartar outras patoloxías. Así, a Clasificación Internacional de Cefaleas establece que para diagnosticar unha serie de criterios diagnósticos[4].
Criterio | Características |
---|---|
A | Polo menos 5 ataques que satisfagan os criterios B-D. |
B | Dor de intensidade severa ou moi severa, na rexión orbitaria, supraorbitaria e/ou temporal, cunha duración de 15 a 180 minutos sen tratamento. |
C | A cefalea está asociada a polo menos un dos seguintes signos, que han de estar presentes no mesmo lado da dor: A. Lacrimación B. Obstución nasal/Rinorrea C. Edema palpebral D. Suoración da cara ou fronte/miose/Ptose E. Axitación psicomotriz |
D | A frecuencia dos ataque varía entre un ataque cada dous días e 8 ataques ao día. |
E | A dor e a sintomatoloxía non son atribuíbeis a outra doenza. |
Nos doentes con cefalea en acios adoitan pasar anos antes de diagnosticárenlles a doenza correctamente, xa que habitualmente confúndense con xaquecas e outras cefalxias[5]. Medicamente, as cefaleas en acios son consideradas benignas, mais ao ser a dor tan intensa, un ataque severo trátase coma emerxencia médica. Os fármacos que se empregan habitualmente para tratar as cefaleas (AINEs e paracetamol) non melloran a dor nestes pacientes. O tratamento de elección nestes casos é o triptano, neuroléptico que tamén se emprega na xaqueca. Ademais, o osíxeno pode axudar a mellorar a dor durante as crises, polo que esta doenza é un dos motivos de pautar oxixenoterapia domiciliaria[6]. Nos períodos onde non hai crises, o que se procura e alongar o máximo posíbel os períodos sen crises. Para iso, emprégase bloqueantes dos canais de calcio coma o verapamilo, corticoides e, nos caos onde este tratamento non funcione, o litio.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.