Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A inmunización é o proceso polo cal o sistema inmunitario dun individuo se fortalece contra un axente infeccioso (coñecido como inmunóxeno).
Cando este sistema se expón a moléculas estrañas ao noso corpo, denominadas non propias, orquestra unha resposta inmune e desenvolve a capacidade de responder rapidamente a un posterior encontro con ditas moléculas debido á memoria inmunolóxica. Isto é unha función realizada pola sistema inmunitario adaptativo. Por tanto, ao expoñer un humano ou un animal a un inmunóxeno de maneira controlada, o seu corpo pode aprender a protexerse por si mesmo: esta é a chamada inmunización activa.
Os elementos máis importantes do sistema inmunitario que son optimizados pola inmunización son as células T e B e os anticorpos que producen as células B. As células B de memoria e as célula T de memoria son as responsables de dar unha rápida resposta ante un segundo encontro cunha molécula estraña. A inmunización pasiva é a introdución directa destes elementos no corpo, en vez de que o corpo os produza por si mesmo.
A inmunización ocorre de diversas maneiras, tanto naturais coma realizadas artificialmente polo ser humano como medida sanitaria. A inmunidade natural obtense cando o sistema inmunitario dos organismos consegue eliminar unha infección previa, sempre que o patóxeno sexa un cos que a inmunización é posible. A inmunidade natural pode ter graos de efectividade (parcial en vez de absoluta) e pode ir diminuíndo co tempo (en cuestión de meses, anos ou décadas, dependendo do patóxeno). Na sanidade, a principal técnica de indución artificial de inmunidade é a vacinación,[1] que é un dos modos principais de previr doenzas, xa sexa impedindo a infección (o patóxeno non pode reproducirse en número suficiente dentro do hóspede), ou previndo que a enfermidade chegue a ser grave (hai infección, pero é leve) ou ambas as cousas. A vacinación contra enfermidades previbles con vacinas supón un importante alivio da carga de morbilidade incluso se na maioría dos casos non pode erradicar a enfermidade. As vacinas contra microorganismos que causas doenzas poden preparar o sistema inmunitario do corpo, axudando así a loitar ou previr unha infección. O feito de que as mutacións poidan causar que as células cancerosas produzan proteínas ou outras moléculas especiais, constitúe a base teórica das vacinas contra o cancro terapéuticas. Tamén poden utilizarse outras moléculas para a inmunización, por exemplo en vacinas experimentais contra a nicotina (NicVAX) ou a hormona ghrelina en experimentos para crear unha vacina contra a obesidade.
As inmunizacións por vacinación adoitan considerarse como un modo de conseguir inmunidade para unha determinada doenza con menos risco e máis doado que padecer unha forma máis leve da propia doenza. Son importantes para adultos e nenos porque protexen de moitas doenzas. A inmunización non só protexe os nenos contra doenzas mortais senón que tamén axuda ao desenvolvemento do sistema inmunitario do neno.[2] Por medio do uso das inmunizacións, algunhas infeccións e doenzas foron case totalmente erradicadas do mundo. A polio desapareceu dos países con sistemas sanitarios potentes que aplicaron campañas de vacinación, pero aínda se dan casos en partes do mundo onde esta vacinación non se xeneralizou suficientemente, polo que o contaxio nesas zonas aínda é posible.
A inmunización/vacinación activa foi considerada por institucións como os CDC norteamericanos como un dos "dez grandes logros na sanidade pública do século XX".[3]
Antes da introdución das vacinas, a xente só podía facerse inmune a enfermidades infecciosas contraendo a propia enfermidade e sobrevivindo a ela. A varíola conseguiuse previr por inoculación, a cal producía un efecto máis leve que a enfermidade natural. A primeira referencia clara á inoculación da varíola fíxoa o autor chinés Wan Quan (1499–1582) na súa obra Douzhen xinfa (痘疹心法) publicada en 1549.[4] Na China, pos de costras de varíola soprábanse no nariz de persoas sas. Esas persoas despois desenvolvían un caso leve da enfermidade e desde entón quedaban inmunizados contra ela. Non obstante, esta técnica tiña un 0,5–2,0% de taxa de mortalidade, pero era considerablemente menos perigosa que a taxa de mortalidade do 20–30% da propia enfermidade. Dous informes desta práctica chinesa da inoculación chegaron á Royal Society de Londres en 1700; un feito polo Dr. Martin Lister, que recibiu un informe dun empregado da Compañía das Indias Orientais radicado na China e outro de Clopton Havers.[5] Segundo Voltaire (1742), os turcos tomaron a práctica da inoculación da veciña Circasia. Voltaire non especulou de onde os circasianos tomaron esta técnica, aínda que informou que os chineses a viñan practicando desde hai "centos de anos".[6] Desde Turquía a técnica foi introducida en Inglaterra por Mary Wortley Montagu en 1721 (esposa do embaixador inglés en Istanbul) e foi utilizada por Zabdiel Boylston en Boston ese mesmo ano. En 1798 Edward Jenner introduciu a inoculación coa varíola das vacas (a vacina da varíola), que era un procedemento moito máis seguro. Ese procedemento, denominouse vacinación por estar relacionado coas vacas, e gradualmente substituíu a inoculación do virus da varíola, agora chamado variolación para distinguilo da vacinación. Ata a década de 1880 os termos vacina/vacinación referíanse só á varíola, pero despois Louis Pasteur desenvolveu métodos de inmunización para a cólera dos polos e o ántrax en animais e para a rabia en humanos e suxeriu que os termos vacina/vacinación deberían estenderse a estes novos procedementos, polo que hai que especificar par que doenza é a vacina.
A inmunización pode conseguirse de xeito activo ou pasivo na chamada inmunidade adaptativa. A vacinación é unha forma activa de inmunización.
A inmunización activa pode ocorrer de forma natural cando unha persoa estivo en contacto con, por exemplo, un microbio. O sistema inmunitario creará finalmente anticorpos e outras defensas contra o microbio. A próxima vez que se entre en contacto con este mesmo tipo de microbio, o sistema inmunitario responderá contra el de forma rápida e eficiente; este é o caso de moitas das infeccións infantís que unha persoa só contrae unha vez e despois é inmune a elas, como o sarampelo.
A inmunización activa artificial dáse cando o microbio ou partes del se inxecta nunha persoa ou animal antes de que este o infecte de forma natural. Se se usan microbios completos (vacina atenuada), adminístrase un pretratamento.
As vacinas atenuadas vivas diminuíron a patoxenicidade. A súa efectividade depende da capacidade do sistema inmunitario de replicar e realizar unha resposta similar á xerada pola infección natural. Xeralmente son efectivas cunha soa dose. Exemplos de vacinas atenuadas vivas son a do sarampelo, papeiras, rubéola, febre amarela, varicela, rotavirus e a vacina atenuada da gripe. Tamén hai vacinas de microbios mortos, antíxenos dos microbios ou ácidos nuceicos.
A inmunización pasiva é aquela na que se transfiren elementos presintetizados do sistema inmunitario a unha persoa para que o seu corpo non teña que producir por si mesmo ditos elementos. Actualmente, poden utilizarse anticorpos para realizar inmunizacións pasivas. Este método de inmunización empeza a actuar moi rapidamente, pero é de curta duración, porque os anticorpos degrádanse de forma natural en relativamente pouco tempo e desaparecen, e o corpo non ten células B preparadas para producir eses anticorpos.
A inmunización pasiva ocorre tamén fisioloxicamente cando os anticorpos se transfiren da nai ao feto durante o embarazo, para protexer o feto antes e pouco despois do embarazo. Despois do nacemento, poden chegar ao neno anticorpos maternos a través do leite da súa nai.
A inmunización artificial pasiva adminístrase normalmente por inxección e utilízase se houbo recentemente un gromo dunha particular enfermidade ou nun tratamento de emerxencia por toxicidade, como no tétano. Os anticorpos poden producirlos animais aos que se lles inocula o antíxeno, e os preparados denomínanse "antisoros", aínda que hai un certo risco de choque anafiláctico debido a que o corpo pode crear inmunidade contra o propio antisoro animal. Por esta razón, tamén se producen anticorpos humanizados in vitro por cultivo celular.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.