Remove ads
composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
A ghrelina[1] ou grelina[1] (en farmacoloxía o nome DCI é lenomorelina) é unha hormona peptídica de 28 aminoácidos que estimula o apetito, producida polas células do tracto gastrointestinal, principalmente polas células P/D1 do revestimento interno do fundus do estómago e polas células épsilon do páncreas.[2][3] Adoita denominarse "hormona da fame", xa que estimula o apetito.[4] Orixínase a partir da clivaxe ou corte dun prepropéptido máis longo codificado no xene GHRL, situado no cromosoma 3 humano. Os niveis de ghrelina increméntanse antes das comidas e diminúen despois. Considérase que contrarresta á hormona leptina, producida polo tecido adiposo, a cal induce a sensación de saciedade cando está presente en niveis altos. Nalgúns tratamentos da obesidade, redúcese o nivel de ghrelina dos pacientes, para así causar a saciedade bastante antes de que esta se produza de forma normal.
GHRL | |||
---|---|---|---|
Estruturas dispoñibles | |||
PDB | Buscar ortólogos: PDBe, RCSB | ||
Identificadores | |||
Nomenclatura | Outros nomes
| ||
Identificadores externos | |||
Locus | Cr. 3 p25.3 | ||
Ortólogos | |||
Especies |
| ||
Entrez |
| ||
Ensembl |
| ||
UniProt |
| ||
RefSeq (ARNm) |
| ||
RefSeq (proteína) NCBI |
| ||
Localización (UCSC) |
| ||
PubMed (Busca) |
|
A ghrelina é un potente estimulador da hormona do crecemento na adenohipófise.[5] O receptor da ghrelina é un receptor acoplado á proteína G, coñecido como o receptor secretagogo da hormona do crecemento. A ghrelina únese á variante de splicing GHSR1a deste receptor, o cal está presente en gran cantidade no hipotálamo, hipófise e nos corpos das células aferentes vagais e nas terminacións aferentes vagais por todo o tracto gastrointestinal [6][7]
A ghrelina xoga un papel significativo na neurotrofia (desenvolvemento e funcionamento neuronal), especialmente no hipocampo, e é esencial para a adaptación cognitiva ao cambio de ambientes e no proceso da aprendizaxe.[8][9] Recentemente, viuse que a ghrelina activa a isoforma endotelial da óxido nítrico sintase nunha ruta que depende de varias quinases, como a Akt.[10]
A diferenza de moitos outros péptidos endóxenos, a ghrelina pode cruzar a barreira hematoencefálica, o que lle dá á ghrelina administrada exoxenamente un gran potencial para o seu uso clínico.[11]
O descubrimento da ghrelina seguiu ao descubrimento do receptor da ghrelina en 1996 [12] e foi publicado por Masayasu Kojima e os seus colegas en 1999.[5][4] O seu nome foi acuñado en inglés como ghrelin, e ten unha estraña ortografía en inglés e en galego, xa que esta denominación está baseada no seu papel como péptido liberador da hormona do crecemento (growth hormone-releasing peptide), e á vez fai referencia á raíz protoindoeuropea *ghre, que significa crecer, e ten a terminación ina, típica do nome da maioría das hormonas.[4] Tamén se ve escrito grelina, regularizando máis a ortografía, aínda que perdendo parte da referencia ao seu significado orixinario.[1] En calquera caso, o nome do seu xene mantén o H (GHRL).[13]
O ARNm transcrito do xene GHRL codifica un péptido de 117 aminoácidos chamado preproghrelina, que contén 4 exóns de dito xene. Primeiro, córtase e sepárase a molécula do péptido de sinalización deste longo precursor, orixinando o que queda a proghrelina. A proghrelina é cortada despois en dous fragmentos producindo o péptido ghrelina de 28 aminoácidos (non acilado) e a ghrelina C (da cal se supón que se corta a obestatina).[6]
O termo ghrelina xeralmente fai referencia á forma octanoilada da ghrelina (acil ghrelina), é dicir, unida a un residuo de ácido octanoico. A acil ghrelina está formada polo péptido de 28 aminoácidos cunha octanoilación no seu terceiro aminoácido (serina). Esta octanoilación lévaa a cabo o encima ghrelina O-aciltransferase (GOAT) (membro da familia de proteínas de O-aciltransferases unidas á membrana), localizado no estómago e páncreas.[6] Este péptido pode activar o receptor GHSR e é por iso coñecido como a forma activa da ghrelina. A forma non octanoilada coñécese como desacil ghrelina ou forma inactiva (xa que non activa ao GHSR1a e, xa que logo, non libera a acil ghrelina similar á hormona do crecemento), aínda que diversos estudos mostraron que exerce os seus propios efectos.[14][15][16][17]Tamén se atoparon outras cadeas laterais distintas do octanoíl.[18]
A ghrelina é a primeira hormona que promove o apetito que foi identificada. A ghrelina e as ghrelinas sintéticas (secretagogos da hormona do crecemento) incrementan o consumo de comida e a graxa corporal [19][20] actuando sobre o hipotálamo. Activan as células do núcleo arcuato [21][22] que inclúen as neuronas do neuropéptido Y orexixénico (NPY).[23] A resposta destas neuronas á ghrelina é sensible tanto á leptina coma á insulina.[24] A ghrelina tamén activa a conexión de recompensa colinérxica-dopaminérxica mesolímbica, un circuíto que comunica os aspectos pracenteros e reforzantes da recompensa natural, como a comida, e as drogas adictivas, como o etanol.[25][26][24]
Hai tamén fortes evidencias de que a ghrelina ten un efecto modulatorio do apetito periférico sobre a saciedade ao afectar á mecanosensibilidade dos aferentes vagais gástricos, facéndoos menos sensibles á distensión causada polo exceso de comida no aparato dixestivo.[7]
A obestatina é unha suposta hormona cuxa existencia foi proposta en 2005 e que foi descrita como unha hormona que diminuía o apetito. Tanto a obestatina coma a ghrelina están codificadas polo mesmo xene; o produto do xene cortaríase orixinando dúas hormonas peptídicas.[27] Pero a importancia fisiolóxica deste mecanismo non se coñece, e ningunha convertase secretora pode escindir o precursor recombinante cortándoo no residuo requirido para a xeración de obestatina; polo que a xeración fisiolóxica deste péptido é cuestionable.[28] Non se fixeron tampouco estudos bioquímicos sobre a obestatina circulante.
Propúxose que a ghrelina promove a proliferación das células intestinais e inhibe a súa apoptose durante os estados inflamatorios e o estrés oxidativo.[29][30] Tamén suprime os mecanismos proinflamatorios e aumenta os antiinflamatorios, polo que podería utilizarse terapeuticamente en casos de inflamacións gastrointestinais como colite e sepse.[31][31][32][32] Tamén ten capacidade rexenerativa das mucosas danadas do estómago.[33] A ghrelina tamén incrementa a motilidade do tracto gastrointestinal, igual que o fai a motilina. A ghrelina tamén parece promover a malignidade dos tumores gastrointestinais e pancreáticos.[34][35][36]
Nos fetos parece que a ghrelina prodúcese nos pulmóns e promove o seu crecemento.[37]
Estudos en modelos animais indican que a ghrelina pode entrar no hipocampo desde a circulación sanguínea, alterando as conexións nervio-célula, e mellorando a aprendizaxe e a memoria. Suxeriuse que se aprende mellor durante o día e cando o estómago está baleiro, xa que os niveis de ghrelina son maiores neses momentos.[38]
Esta hormona podería axudar a contrarrestar os síntomas de depresión e ansiedade inducidas polo estrés,[39] o que foi estudado en ratos.[40]
Un estudo [41] aparecido na revista PLoS Medicine suxire que a curta duración do sono está asociada con altos niveis de ghrelina e obesidade. Cando se incrementan as horas de sono, as concentracións de ghrelina son considerablemente máis baixas, reducindo potencialmente o apetito e diminuíndo a posibilidade de obesidade.
Os niveis de ghrelina no plasma sanguíneo dos obesos é menor ca nas persoas delgadas,[42] o que suxire que a ghrelina non contribúe á obesidade, excepto en casos de obesidade inducida pola síndrome de Prader-Willi, na que os niveis altos de ghrelina están correlacionados co incremento na inxestión de alimento.[43][44] As persoa que sofren do trastorno da alimentación anorexia nerviosa teñen niveis plasmáticos altos de ghrelina en comparación tanto coas persoas de constitución delgada coma de peso normal.[45] O uso de ghrelina nos pacientes de anorexia nerviosa incrementa o consumo de alimentos nun 12-36%.[46]
Yildiz e colegas encontraron que os niveis de ghrelina increméntase desde a medianoite ao mencer nas persoas máis delgadas, o que suxire a existencia dun defecto no sistema circadiano nas persoas obesas.[47] O profesor Cappuccio da Universidade de Warwick descubriu recentemente que a duración curta do sono pode levar tamén á obesidade, por medio do incremento do apetito debido a cambios hormonais. A falta de sono produce ghrelina, a cal estimula o apetito e crea menos leptina, a cal, entre os seus moitos outros efectos, suprime o apetito.
Os niveis de ghrelina son tamén altos en pacientes que teñen caquexia inducida polo cáncer.[48]
Polo menos un estudo atopou que a cirurxía de bypass gástrico non só reduce a capacidade do intestino por almacenar comida, senón tamén baixa drasticamente os niveis de ghrelina comparados coas persoas control delgadas ou coas persoas que perderon peso só por medio dunha dieta.[49]
A ghrelina a través do seu receptor incrementa a concentración de dopamina na substancia negra, unha rexión do encéfalo onde a dexeneración das células da dopamina orixina a enfermidade de Parkinson. Por tanto, a ghrelina podería aplicarse para atrasar o comezo da enfermidade de Parkinson.[50]
Recentemente, desenvolveuse unha vacina antiobesidade, que está dirixida contra a hormona ghrelina nos roedores[51] e porcos.[52] A vacina utiliza o sistema inmunitario, concretamente os anticorpos, para unirse a obxectivos seleccionados, dirixindo a resposta inmunitaria do propio corpo contra eles. Isto impide que a ghrelina chegue ao sistema nervioso central, e produce así a desexada redución de peso.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.