Enterocito

From Wikipedia, the free encyclopedia

Enterocito
Remove ads

Os enterocitos ou células absorbentes intestinais son as células intestinais que absorben os nutrientes dixeridos, e que forman parte do epitelio columnar simple que reviste o intestino delgado e o colon. A súa superficie luminal (que dá á luz intestinal) ten microvilli, que incrementan a superficie para a absorción e o transporte de moléculas desde a luz intestinal, e está cuberta por un groso glicocálix que contén encimas dixestivos. Tamén teñen función secretora.

Datos rápidos Instancia de, Subclase de ...
Thumb
Esquema dun enterocito.
Remove ads

Características

Os enterocitos son células cilíndricas de 20-26 microns co núcleo situado na súa base. A súa superficie apical presenta un bordo estriado ou bordo en cepillo formado por microvilosidades ou microvilli paralelos moi apertados de 1-1,4 microns de longo. Por riba deste bordo hai un glicocálix de natureza glicoproteica moi resistente, que ten función protectora e dixestiva, xa que ten encimas adsorbidos. No citoplasma hai poucos lisosomas, pero as mitocondrias son numerosas e o retículo endoplasmático liso extenso (alí sintetízanse triglicéridos e monoglicéridos), tamén hai retículo endoplasmático rugoso sobre todo na parte basal da célula, e un aparato de Golgi activo durante a absorción de lípidos. Nas zonas laterais da célula as células están estreitamente unidas na parte superior (que dá á luz intestinal) por unións herméticas pero non máis abaixo, o que illa os espazos laterais da luz intestinal. A membrana plasmática está pegada a unha membrana basal continua, que cerra os espazos intercelulares e que deben atravesar as substancias absorbidas para chegaren aos capilares sanguíneos e linfáticos [1].

Remove ads

Funcións

Thumb
Membrana apical e membrana basolateral.

As principais funcións que desempeñan os enterocitos son:[2]:

  • Absorción de ións, como os ións sodio, calcio, magnesio, e ferro. Ocorre normalmente por transporte activo.
  • Absorción de auga. Está determinada polo gradiente osmótico establecido pola ATPase de Na+/K+ na superficie basolateral da célula. Pode ter lugar atravesando a célula por difusión ou por transporte paracelular (polos laterais entre as células por fóra da célula).
  • Absorción de azucres. No glicocálix do enterocito hai polisacaridases e disacaridases, que rompen as moléculas longas de carbohdratos que aínda chegaron sen dixerir ao intestino noutras máis pequenas, que poden ser absorbidas. A glicosa resultado da dixestión dos alimentos cruza a membrana apical do enterocito utilizando o cotransportador sodio-glicosa. A glicosa móvese polo citosol da célula e sae pola membrana basolateral do enterocito, pasando aos capilares sanguíneos, utilizando o transportador de membrana GLUT2 [3]. A galactosa usa o mesmo sistema de transporte. A frutosa cruza a membrana apical do enterocito utilizando o transportador GLUT5, e pénsase que cruza a membrana para pasar aos capilares utilizando algún dos outros transportadores GLUT.
  • Absorción de péptidos e aminoácidos. As peptidases do glicocálix rompen as proteínas que non foron dixeridas xa a aminoácidos e péptidos. A enteropeptidase é responsable da activación do tripsinóxeno pancreático a tripsina, a cal activa outros cimóxenos pancreáticos.
  • Absorción de lípidos. Os lípidos son dixeridos pola lipase pancreática e a bile (que os emulsiona facilitando o traballo dos encimas). Despois difunden ao interior dos enterocitos. Os ácidos graxos de cadea curta son transportados aos capilares intestinais, e os de cadea longa son procesados polo aparato de Golgi e o retículo endoplasmático liso formando quilomicrons (lipoproteínas) e exocitados nos vasos linfáticos.
  • Absorción de vitamina B12. Os receptores do enterocito únense ao complexo vitamina B12-factor intrínseco gástrico, que é seguidamente absorbido pola célula.
  • Reabsorción de sales biliares. A bile que foi secretada e non foi utilizada na emulsión dos lípidos da dieta é reabsorbida no íleo principalmente, o que se denomina circulación enterohepática.
  • Secreción de inmunoglobulinas. A Inmunoglobulina A (IgA) producida polas células plasmáticas (linfocitos B activados) na mucosa é reabsorbida desde o sangue por medio de endocitose mediada por receptor na superficie basolateral e liberada como un complexo receptor-IgA no lume intestinal.
Remove ads

Enfermidades

A intolerancia á frutosa débese a unha deficiencia na cantidade de transportador de frutosa.

A intolerancia á lactosa e o trastorno máis común na dixestión dos carbohidratos e débese a ter unha insuficiente cantidade do encima lactase (unha disacaridase), que se utiliza para escindir este disacárido nos dous monosacáridos que o forman. Como resultado desta deficiencia, a lactosa non dixerida non pode ser absorbida e pasa ao colon, onde a flora bacteriana a metaboliza. As bacterias liberan no proceso gas e produtos que incrementa a motilidade do colon.

Certas toxinas como a toxina colérica poden incrementar a eliminación ou diminuír a entrada de auga e electrólitos, orixinando unha deshidratación grave e un desequilibrio electrolítico.[4]

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads