mamífero carnívoro da subfamilia dos felinos From Wikipedia, the free encyclopedia
O guepardo,[4][5][6][7] tamén coñecido como onza,[4][6] Acinoyx jubatus, é un mamífero carnívoro da familia dos félidos e subfamilia dos felinos, o único representante actual do xénero Acinonyx.
Guepardo Acinonyx jubatus Rango fósil: plioceno - actualidade [1] | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||
Vulnerable[2] | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Acinonyx jubatus (Schreber, 1775) | |||||||||||||||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||||||||||||||
Acinonyx venator Brookes, 1828 (= Felis jubata, Schreber, 1775) | |||||||||||||||||||||||||
Distribución histórica do guepardo
Presenza histórica Presenza posíbel Presenza media Presenza elevada | |||||||||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||||||||
|
É un animal que presenta un comportamento atípico, se o comparamos cos outros membros da mesma familia, xa que as súas garras non son completamente retráctiles, permanecendo visíbeis mesmo cando están recollidas ao máximo, sendo usadas para permitir unha maior adherencia ao solo cando corre, acelera e manobra no terreo (porén, as crías conseguen subir ás árbores por teren as garras máis finas).[8] e caza ás súas presas mediante persecucións a alta velocidade, en vez de tácticas como a caza á espreita ou en grupo; é o máis rápido de todos os animais terrestres, conseguindo atinxir velocidades por riba dos 110 km/h en carreiras curtas (dun máximo de 400 a 500 m).[9][10][11][12][13][14][15][16][17][18]
O corpo do guepardo, deseñado para a carreira, ten un aspecto delgado e fino, con longas e esveltas patas e unha cara co fociño curto, marcado por dúas manchas negras que baixan desde os ollos até a comisura dos labios, e unha longa cola.
A súa coloración é beigue amarelada, con manchas negras polo dorso e a parte exterior das patas. Os indivuduos novos presentan, ademais, unha curta crina negra no dorso do pescozo.
As femias poden teren até cinco cachorros por camada. A súa presa fundamental son as gacelas.
Típico habitante da sabana, vive en África, e nalgunhas zonas remotas da península Arábiga e o suroeste de Asia.
En épocas antigas este animal foi domesticado para a caza, actuando de forma semellante a como hoxe se empregan os galgos.
Na actualidade, está clasificado como vulnerábel pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza, e están en marcha numerosos intentos de protección da especie, incluíndo procesos de clonación.[19]
O xénero Acinonys foi descrito en 1828 polo naturalista alemán Johann Christian Daniel von Schreber nun traballo publicado en Londres na revista Cat. Anat. Zool. Mus. Joshua Brookes.[20]
Ao longo do tempo este xénero foi coñecido polos sinónimos:
A especie tipo do xénero é Acinonyx venator, Brookes, 1828, que fora descrita como Felis jubata por Schreber en 1775,[20] no múmero 5 do volume 2 da súa obra Die Säugethiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibunge.[21]
A especie Felis jubata Schreber, 1775 foi posteriormente reclasificda no xénero Acinonyx, como Acinonyx jubata,[22] e considerada como monotípica (é dicir, única do xénero) pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica en 1956.
Debido ás súas peculiaridades, Wozencraft (1993) situou ao xénero Acinonyx na súa propia subfamilia monofilética, acinoniquinos (Acinonychinae),[23] aínda que a maioría dos autores encádrano na dos felinos.[24]
Salles (1992), Johnson & O'Brien (1997), Bininda-Emonds et al. (1999), e Mattern & McLennan (2000) consideran que Acinonyx e as dúas especies do xénero Puma, Puma concolor (o puma) e Puma yagouaroundi (o iaguarundí ou xaguarundí), son representantes de grupos cercanamente relacionados.[24]
Ademais do guepardo, foron desceitas catro especies fósiles de Acinonyx:
Aínda que moitas fontes admiten seis ou máis subespecies de guepardo, o status taxonómico da maioría destas subespecies non está resolto. A suposta subespecie Acinonyx jubatus rex (o chamado guepardo real, véxase máis abaixo) foi abandonada como subespecie desde que se descubriu que a variación foi causada por un só xene recesivo. A subespecie Acinonyx jubatus guttatus, o guepardo laúdo, tamén pode que sexa unha variación debido a un único xene recesivo. Algunhas das subespecies máis comunmente recoñecidas son:[22]
Porén, a UICN só cita dúas subespecies, Acinonyx jubatus ssp. hecki e Acinonyx jubatus ssp. venaticus.[19]
O nome do xénero biolóxico, Acinonyx, está tirado do grego científico ἀκινὄνυξ akinónyx, "o de gadoupas inmóbiles", construído con ἀ- (a-, "non") + κινέω (kinéō, "eu movo") + ὄνυξ (ónyks, "uña"), xa que, como vimos, é o único félido que non pode retraer as uñas por completo.
O epíteto específico, jubatus, vén do adxectivo latno iubãtus, -a, -um, que significa "con crina" (de iuba, "crina [de cabalo]", "melena" [de león]", "cista", "penacho"), aludido ás crinas que presentan as crías do guepardo.[32]
Guepardo deriva do latín científico gapardus (rexistrado en Francia en 1622, en J. B. Gramaye, Africae illustratae libri decem, Tournay, t. II, p. 38), ou outras formas do latín moderno, e que pasou como préstamo, por medio da lingua franca da África do Norte ao italiano da época como gattopardo, rexistrado a principios do século XVII e composto de gatto, "gato" e pardo, "leopardo".[33] Esta antiga forma debe a súa fama moderna pola novela de Giuseppe Tomasi di Lampedusa, O gatopardo (Il Gattopardo) (1958), levada ao cinema en 1963 por Luchino Visconti.
E do italiano pasou, adaptado, ás outras linguas europeas: galego-portugués e castelán gueopardo, francés guépard, catalán guepard, alemán Gepard, ruso Гепард (guepard) italiano moderno, ghepardo, latín moderno cattus pardo, neerlandés jachtluipaard e gepard, afrikaans jagluiperd etc.
O sinónimo onza deriva dun latín vulgar *luncěa, e este do latín lynx, lyncis, "lince".[6] Porén, cómprte sinalar que o nome onza tamén se aplica ao xaguar,[6]
Nalgunha bibliografía a especie vén denominada como chita, adapatación do inglés cheetah, á súa vez adaptación da voz do hindi 'चीता' (cītā), quizais derivada do sánscrito citrakāyaḥ, que significa "salferido de manchas" e "leopardo".[34]
As principais características deste animal son:[16][23][32][35][36]
O guepardo ten unha pouco usual baixa variabilidade xenética, debido a un moi baixo número de espermatozoides e a escasa motilidade destes, que moitas veces presentan os flaxelos deformados.[37]
Os enxertos de pel entre guepardos de distintas poboacións ilustran o punto anterior, xa que non hai ningún rexeitamento á pel do doador. Pénsase e que a especie atravesou un período prolongado de endogamia durante o último período glacial (o que se chama "efecto colo de botella xenético"). Isto suxire que o monomorfismo xenético non impediu que o guepardo se desenvolvese amplamente en dous continentes durante miles de anos.[38]
O guepardo real (Acinonyx jubatus f. rex) é ás veces considerado como unha subespecie, pero realmente non é máis que unha forma simple que resultaría dunha mutación recesiva. De feito, pode aparecer nunha ampla gama de guepardos normais.[39]
Observouse por primeira vez en 1926 na que daquela era Rodesia do Sur (hoxe Zimbabue). En 1927 o naturalista Reginald Innes Pocock declarouno como unha especie separada, pero revogou esta decisión en 1939 debido á falta de probas. Parecía máis grande que un guepardo, e a súa pel tiña unha textura diferente. Houbo outro avistamento en 1986, o primeiro en sete anos. En 1987 até, trinta e oito exemplares se rexistraran, moitos deles a través de peles.
O seu aspecto é diferente ao dos outros guepardos: as manchas son significativamente máis grandes e forman liñas en varias partes, cunhas cospicuas franxas negras nas costas que se estende desde a cabeza até a cola.
Sábese que existen nas zonas máis boscosas dun pequeno sector de Zimbabwe e da parte norte da antiga provincia de Transvaal de Suráfrica.
Esta pelaxe, máis marmorada que manchada con pintas, parece que proporciona ao animal un excelente camuflaxe no miombo.[40]
A súa condición taxonómica foi resolta en 1981, cando varios guepardos reais naceron no De Wildt Cheetah and Wildlife Centre de Suráfrica. En maio dese ano dúas irmás manchadas pariron alí, e cada camada contiña un guepardo real. As irmás foran cubertas por un macho capturado na zona de Transvaal (onde se rexistrara a presenza de guepardos reais).
Outros guepardos reais naceron máis tarde no mesmo Centro.
En 2012, a causa deste patrón de cor alternativa encontrouse nunha mutación no xene da "aminopeptdidase transmembrana Q" ("Taqpep").[41]
Hai varias poboacións de guepardos illadas, sobre todo en África, e tamén no suroeste de Asia, onde perviven tan só uns 50 individuos no Khorasán, Irán, que son obxecto dunha campaña para a súa preservación.[42] A presenza do guepardo asiático foi sinalada repetidamente en Paquistán, no Baluchistán, aínda que isto non foi confirmado.[43]
En África os guepardos encóntranse principalmente en hábitats abertos de chairas herbosas (sabanas), pero tamén viven en bosques secos, sabanas arboradas, zonas de matogueiras e semidesertos, estando ausentes da selva tropical.
Hai informes de guepardos que estanan a unha altitude de 4.000 m no monte Kenya. No Sáhara central ocupan hábitats de alta montaña (as montañas do sur do Sáhara son hiperáridas), sempre que reciban precipitacións lixeiramente máis altas que o deserto circundante.[19]
O seu hábitat en Irán son as zonas desérticas, moitas delas con precipitacións de menos de 100 mm ao ano. O seu territorio esténdese desde as chairas e salinas até os outeiros erosionados e esgrevios, en alturas de eté os 2.000-3.000 m. A vexetación, alí onde a hai, está composta por unha escasa cuberta de arbustos, de máis ou menos un metro de altura, dos xéneros Salsola, Artemisia, Zygophyllum, Astragulus, Aphaxis e outros.
As gacelas Gazella subgutturosa e G. bennetti eran as súas presas preferidas, pero hoxe volvéronse escasas pola caza excesiva e a extensión das zonas de pastoreo do gando. A recuperación puntual experimentada ultimamente por algunhas posoacións de guepardo suxire que mata ovellas salvaxes persas (Ovis orientalis), cabras montesas (Capra aegagrus) e lebres (Lepus capensis), aínda que estas especies non se consideran óptimas para os guepardos.[19][35]
Os guepardos son os mamíferos terrestres máis rápidos e cazan áa súas presas, principalmente de pequenos a medianos ungulados, especialmente gacelas, perseguíndoas en carreiras de alta velocidade, de até 103 km/h (29 m/seg) a distancias duns centos de metros. Outras presas inclúen aves terrestres aves e pequenos mamíferos como lebres.
Velocidade máxima dalgúns animais africanos á carreira[16]
Especie | Velocidade punta |
---|---|
Elefante africano Rinoceronte branco | 40 km/h |
Licaón | 48 km/h |
Xirafa Facóquero | 50 km/h |
Búfalo cafre | 55 km/h |
Hiena pinta | 64 Km/h |
Cebra | 65 km/h |
Avestruz Gacelas León Ñu | 80 km/h |
Gacela altadora | 95 km/h |
Guepardo | 114 km/h |
Os guepardos viven solitarios ou reunidos en pequenos grupos de até seis individuos. Cazan durante o día, a diferenza doutros depredadores, unha estratexia que pode axudar a reducir a competencia, preferentemente pola mañá e ao atardecer (algunhas veces tamén nas noites de lúa chea: a vista deste animal é o seu sentido máis desenvolvido). Ao cotrario que os demais félidos, no canto de agocharse preto dalgún bebedeiro ou ao longo dun rastro de caza, achégase sixilosamente á presa elixida e, entón, arranca na súa persecución. A súa técnica de caza consiste en achegarse á presa tanto como sexa posíbel, lanzándose daquela na súa procura mediante un ataque lateral e trabñandoa na gorxa.[19][35]
A diferenza doutros depredadores africanos, raramente buscan comida entre animais mortos, e non permanecer moito tempo coas súas presas matadas, moitas das cales son roubados por outros carnívoros.[19]
Afeito a que os preeiros de maior envergadura ou forza (como as hienas, os babuínos ou mesmo o león ou o leopardo) lle rouben as pezas que caza, o guepardo habituose a cazar nas horas centrais do día, cando os outros depredadores dormen. A súa estrutura física adaptada á velocidade limita a súa capacidade de loita e defensa, xa que o seu corpo é esvelto e fino a expensas dunha musculatura potente e a forza nas súas gadoupas limítano ao momento de enfrontarse cun opoñente mais dottado defensivamente. Así, é probábel que sufra unha derrota, polo que adoita retiraese antes de que suceda a pelexa e, deste xeito, evita ser danado.
O guepardo aliméntase esencialmente de mamíferos que pesen por debaixo dos 40 kg, principalmente antílopes novos ou pequenos (gacelas, oribís, impalas, raficeros etc.), facóqueros, lebres do Cabo e tamén aves (pintadas ou galiñas de Guinea, avetardas, avestruces).
A captura de presas maiores (cobos, damaliscos, ñus etc.) é consecuencia de que o guepardo pode cazar en grupos.[35]
(Datos de 1970)[16]
Total (25 especies) - 173
O leopardo e o guepardo cazan aos mesmos animais, pero non entran realmente en competencia polo alimentio, xa que o leopardo frecuenta zonas con árbores ou arbustos, ou bosques galería, mentres que o guepardo prefire as chairas abertas.[35]
Os machos alcanzan a madurez sexual a partir dos dous anos e medio ou os tres anos. As femias son un pouco máis precoces, e poden empreñaren aos dous anos. Despois dunha xestación duns tres meses (de 90 a 95 días), as femias paren unha camada dunha a cinco crías, ás veces até oito, aínda que isto é moi raro e frecuentemente só tres ou catro crías compoñen a camada.[23][44]
Os cachorros pesan entre 300 e 500 g ao naceren, miden ao erewdoe de 30 cm e son cegos.[44]
Tan pronto como a noite llo permita, a nai trasladará ás crías de lugar, poñéndoas a salvo doutros depredadores. Os cachorros non son capaces de seguir á nai até as catro semanas de idade. A desteta prodúcese seis meses despois do parto. A femia ocúpase dos cachorros sen que o macho a axude en ningún momento.
Durante a súa etapa xuvenil, os depredadores, o frío e a fame fan estragos entre os guepardos xuvenís antes de cumpriren os tres meses.
A taxa de mortalidade dos cachorros varía, segundo as zonas, do 50 ao 75 % e,[15] en casos extremos, como no ecosistema do Serengueti, até un 90 %; pero en comparación co Serengueti, a taxa de supervivencia dos cachorros na área de Kgalagadi é sete veces maior.[45][46]
Para ensinarlles a cazar aos seus fillos, a nai adoita capturar vivas algunhas crías de gacela que logo lles ofrece para despertar o seu instinto de cazadores. Aos dez meses, as crías xa poden cazar algunhas pezas pequenas.
Ao cumprir un ano e medio, a camada perde todo contacto coa nai, pero as crías seguen xuntas até que alcanzan a madureza sexual. Cando as femias teñen o seu primeiro celo separánse dos seus irmáns e inician a súa solitaria vida.
Os machos, porén, permanecerán xuntos para cazaren en grupo de maneira máis efectiva e defenderen mellor o seu territorio, o que determina que se forme un forte vínculo entre eles. Porén, ás veces se observaron alianzas entre machos non emparentados.
Os guepardos son polígamos. Terminada a cría da súa camada, a femia buscará un ou varios machos que a fecunden.
As femias son poliestrais, cun ciclo menstrual medio de 12 días. O período fértil esténdese dun a tres días. A reprodución prodúcese durante todo o ano. Porén, rexístrase un aumento dos nacementos desde marzo a xuño.
A lonxevidade do guepardo é de até os doce anos na natureza, e de até os vinte en catividade.[15]
A voz do guepardo pode semellar ás veces a un grito dun paxaroe, pero tamén o miar dun gato. Cando o guepardo manifiesta a súa cólera, grita. Pero non pode ruxir, porque ten completamente osificado o óso hioide; como os membros do xénero Felis. En cambio, os felinos do xénero Panthera si poden ruxir porque teñen incompletamente osificado o hioide.[47]
Os xéneros Acinonyx e outros relacionados probabelmenter evolucionaron en África durante o mioceno (de hai 26 milllóns de anos (MA) a 7,5 MA), antes de migrar para Asia. Entre as especies actualmente extinguidas están Acinonyx pardinensis (do plioceno), que era moito maior que o guepardo actual, cuxos restos se encontran en Europa, a India e a China; Acinonyx intermedius (plistoceno medio), coa mesma distribución xeográfica; Miracinonyx inexpectatus, Miracinonyx studeri, Miracinonyx trumani (ao longo de todo o plistoceno, e cuxos restos fósiles se encontraron en Norteamérica, polo que estapecie se coñece como guepardo americano, e Acinonyx kurteni, do período plioceno, encontrado na China. Investigacións recentes supoñen que o último antepasado común de todas as poboacións existentes de Asia viviu hai 11 MA, o que pode conducir a facer unha revisión e perfeccionamento das ideas existentes sobre a evolución do guepardo.[48]
Pero recentemente demostrouse, en base a análises de ADN, que o xénero norteamericano, Miracinonyx seria un exemplo de converxencia evolutiva, constituíndo entón non un parente próximo do actual guepardo, senón unha forma adaptada á caarreira do puma.[1]
Por outra parte, hai aproximadamente dez mil anos o guepardo estivo a punto de extinguirse, vítima da súa propia incapacidade para defender as presas que cazaba, e incluso ás súas propias crías. Segundo os estudos xenéticos máis recentes, a súa reprodución naquela época produciuse desde un grupo moi reducido, o que se traduce que na actualidade todos os espécimes presentan un mapa xenético moi parecido.[49]
Os antigos exipcios a miúdo mantiveron guepardos como animais de compañía (mascotas) e tamén os domaron e os adestraron para a caza (pero non os domesticaron realmente, é dicir, criábanos baixo control humano).
Os guepardos levaríanse aos campos de caza en carros os suxeitos aos cabalos, encapuchados e cos ollos vendados e atados con correas; mentres, os cans buscaban e concentraban ás súas presas. Cando estas estaban cerca, os guepardos serían liberados, e se lles quitaban as vendas.
Esta tradición da caza con guepardos pasou á antiga Persia e, de aí, á India, onde esta práctica, realizada polos príncipes, continuou até o século XX.
Os guepardos foron, en numerosos lugares, asociados coa realeza e coa elegancia, usándose como mascotas e como auxilaires na caza. Moitos reis e príncipes mantovéronos como amimais de compañía, incluídos Xenxis Khan e Carlomagno, que presumía de manter guepardos dentro dos terreos do seu Palacio. Akbar o Grande, gobernante do Imperio Mongol desde 1556 a 1605, mantivo até 1.000 guepardos.[37] E tan recentemente como na década de 1930, o emperador de Etiopía Haile Selassie foi fotografado moitas veces conducindo un guepardo atado cunha correa.
A pel de guepardo antigamente considerábase como un símbolo de status social elevado. E xa vimos como, desde tempos do antigo Exipto, moitos emperadores, reis e príncipes tiveron guepardos como animais de compañía. Hoxe en día estes animis teñen unha importancia económica crecente para o ecoturismo, e tamén se encontran exhibidos nos parques zoolóxicos de todo o mundo. Entre eles destaca o White Oak Conservation de Yulee, Florida, que mantén unha importante poboación de guepardos, e que manifestou que o manexo destes animais en catividade presenta retos debido á súa saúde, nutrición e socialización, pero que se superaron grazas a colaboracións con varios servizos de vida silvestre.[50]
Como son moito menos agresivos que outros felinos de gran tamaño, as crías de guepardo son facilmente vendidas como animais de compañía, aínda que este comercio é ilegal, xa que a propiedade privada de animais salvaxes ou especies ameazadas de extinción está prohibida por convencións internacionais (CITES).
Os guepardos son domados aínda no mundo moderno. Un exemplo é Burmani, criado en Inglaterra no Parque de animais salvaxes de Eagle Heights desde a idade de tres meses. Anteriormente fora criado nun Parque de cervos en Alemaña, e é tan manso que perdeu o seu instinto de cazador.[51]
Os guepardos foron perseguidos e cazados durante moito tempo (e aínda o son) por agricultores e pastores que os acusan de rapina dos rabaños. Cando a especie comezou a estar ameazada de extinción, promovéronse varias campañas coa intención de informar e educar ambientalmente os facendeiros, incentivándoos a protexer este animal. Evidencias recentes demostraron que os guepardos non atacan e comen animais domésticos se poden evitar facelo, xa que prefiren as presas silvestres.[52]
Fixéronse diversas propostas para reintroducir o guepardo en reservas subsaharianas, así como en Israel, a India, Turkmenistán e Uzbekistán[Cómpre referencia]. Pero a conservación das poboacións actuais, porén, segue a ser prioridade. Ademais, as reintroducións non se deben considerar seriamente antes de efectuar comparacións xenéticas e de avaliar os seus posíbeis impactos ambientais. Por último, débese contar co acordo do Consello da UICN.
É ben sabido que o guepardo asiático existiu na India durante moito tempo pero, como resultado da caza e doutras causas, o animal extinguiuse neste país na década de 1940.
Recentemente propúxose un proxecto de reprodución en catividade. O ministro de Medio Ambiente e Bosques dixo en 2009 que "o guepardo é o único animal que se declarou extinguido na India nos últimos 100 anos, e que debemos traelo do estranxeiro para repoboar a especie". Respondía así a unha chamada de atención de Rajiv Pratap Rudy, do Bharatiya Janata Party (BJP). "O plan para traer de volta o guepardo, que despareceu pola caza indiscriminada e polos complexos factores da súa fráxil cria, é audaz dados os problemas que afectan á conservación do tigre". Dous naturalistas, Divya Bhanusinh e M. K. Ranjit Singh, suxiriron a importación de guepardos de África, para despois crialos en cativerio e, co tempo, liberalos no seu hábitat natural.[53]
Porén, o plan para reintroducir os guepardos africanos na India foi suspendido despois de descubrirse a diferenza entre as subespecies dos guepardos de Asia e África, que se separaron hai de 32.000 a 67.000 anos.[54][55]
O guepardo é unha especie vulnerábel, e así a cualifica a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) a nivel global de especie, considerendo á subespecie africana que esta institución admite (Acinonys jubatus hecki) como ameazada, e á asiática (Acinonyx jubatus venaticus) en situación crítica.[19] Por outra parte, a especie está considerada como ameazada de extinción no Apéndice I da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES).
De todos os grandes felinos, é o menos capaz de adaptarse a novos ambientes. Sempre foi difícil de criar en cativerio, aínda que recentemente algúns zoolóxicos lograron ter éxito nisto. Unha das técnicas foi introducir un can como un compañeiro e protector para lograr que o guepardo cativo se sentise menos ameazado.
As crías sofren elevados índices de mortalidade debido a factores xenéticos e á predación por parte de carnívoros que compiten con esta especie, como o león e a hiena. Algúns biólogos defenden a teoría de que, como resultado da procreación consanguínea, o futuro da especie está comprometido.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.