From Wikipedia, the free encyclopedia
O suahili,[4] tamén chamado swahili ou kiswahili, é unha lingua africana que pertence ao subgrupo sabaki das bantú. Dentro das bantú, é a que conta co número maior de falantes. É unha das linguas oficiais de Kenya, de Tanzania e de Uganda, aínda que os seus falantes nativos, os pobos suahili, sexan orixinarios só das rexións costeiras. Tamén é unha das linguas de traballo da Unión Africana e da Southern African Development Community. Está recoñecida oficialmente como lingua franca da Comunidade de Estados Africanos.[5] En 2018, Suráfrica regulou a ensinanza do suahili nas escolas surafricanas como materia optativa en 2020.[6] Botswana seguiuna en 2020,[7] e Namibia tamén o planeou.[8]
Suahili 'Kiswahili' | ||
---|---|---|
Outros nomes: | swahili | |
Falado en: | Kenya Tanzania Uganda República Democrática do Congo Ruanda Burundi Somalia Mozambique Illas Comores (incluíndo Mayotte) | |
Rexións: | África oriental | |
Total de falantes: | Falantes como lingua materna: 2-18 millóns (2003)[1] Falantes totais (incluíndo os que a falan como segunda lingua): 200 millóns[2] | |
Familia: | Bantú Suahili | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Kenya, Tanzania e Uganda | |
Regulado por: | Baraza la Kiswahili la Taifa (Tanzania) | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | sw | |
ISO 639-2: | swa | |
ISO 639-3: | swa
| |
SIL: | SWA
| |
Mapa | ||
Status | ||
Descoñécese o número de falantes de suahili, como primeira ou como segunda lingua. Existen distintas estimacións, que van dende os cincuenta aos douscentos millóns de persoas.[9] Alén dos países que a teñen como lingua oficial, fálase na República Democrática do Congo, con algunha frecuencia nas áreas urbanas do Burundi e de Ruanda, no sur da Somalia ata ao norte de Mozambique (ao longo do litoral de África oriental), na Zambia e no sur da Etiopía. Existen tamén algunhas comunidades de falantes de suahili en Madagascar. O shikomor, lingua oficial nas Comores e tamén falada en Mayotte está moi emparentada co suahili.[10] Con todo, a maior parte dos falantes de suahili non a usan como lingua materna. De feito, crese que só dous a tres millóns, dos douscentos millóns están nesta situación,[11][12] o que significa que a gran maioría fala como lingua materna outro idioma níxer-congolés (por exemplo, bantú) ou cuxítico (somalí, por exemplo).
O suahili é a lingua nativa de diversos grupos que habitaron e habitan unha faixa de 2500 km da costa leste de África. Ten orixe nas linguas bantús, polo que a maior parte do vocabulario bantú é semellante ao da lingua pokomo, a lingua taita e a lingua mijikenda.[13] e, en menor medida, ao doutras linguas bantús. Aínda que non hai acordo específico, estímase que entre un 16 e un 20% do léxico do suahili provén doutras linguas, a maioría delas de orixe árabe, mais tamén do persa, do hindustano, o portugués e o malaio.[14]
A palabra Kiswahili provén do árabe سواحل, transliterado sawāhil; é o plural da palabra ساحل, sāhel, "fronteira" ou "litoral", usada como adxectivo de "negociantes do litoral". A adición do prefixo ki defíneo como unha lingua. Waswahili refírese aos pobos da "costa suahili" e Uswahili indica a cultura dos suahili". Sahel tamén é o nome que se dá á rexión oriental do deserto do Sáhara.
O suahili escribiuse con caracteres árabes[16] ata a era colonial de África, cando a escrita árabe foi substituída polo alfabeto latino, a través de misioneiros cristiáns e de administradores coloniais. Un dos máis antigos documentos en suahili, é un poema épico, Utendi wa Tambuka ("A Historia de Tambuka"), de 1728, en escrita árabe.
En xuño de 1928, tivo lugar en Mombasa unha conferencia interterritorial á que asistiron representantes de Kenya, Tanganica, Uganda e Zanzíbar. Escolleuse o dialecto de Zanzíbar como estándar para esas áreas,[17] e adoptouse a ortografía estándar.[18]
O suahili é unha lingua aglutinante e flexiva, polo que xeralmente cada palabra é claramente segmentábel en afixos cun significado gramatical bastante preciso.
As regras de pronuncia do suahili son moi simples. Tódalas palabras son graves, agás Zánzibar. Tódalas letras que se escriben tamén se pronuncian e as sílabas sempre rematan en vogal, mais un m ou un n poden ser por si sós unha sílaba. As vogais son como en castelán, xa que só hai cinco. As consoantes pronúncianse do seguinte xeito:
O inventario fonético do suahili estándar ten cinco fonemas vocálicos: /ɑ/, /ɛ/, /i/, /ɔ/ e /u/. Segundo Ellen Contini-Morava, as vogais nunca se reducen, independentemente do acento.[19] Non obstante, segundo Edgar Polomé, estes cinco fonemas poden variar na pronuncia. Polomé afirma que /ɛ/, /i/, /ɔ/ e /u/ só se pronuncian en sílabas tónicas. Nas sílabas átonas, así como ante unha consoante prenasalizada, pronúncianse como /e/, /ɪ/, /o/ e /ʊ/. E tamén se pronuncia comunmente como posición media despois de w. Polomé afirma que /ɑ/ se pronuncia como tal só despois de w e pronúnciase como [ə] noutras situacións, especialmente despois de /j/ (y). A pódese pronunciar como [ə] en posición final de palabra.[20] As vogais suahili poden ser longas; estas escríbense como dúas vogais (por exemplo: kondoo, que significa "ovella"). Isto débese a un proceso histórico no que o L se eliminou entre dous exemplos da mesma vogal (kondoo orixinariamente pronunciábase kondolo, que sobrevive en certos dialectos). Non obstante, estas vogais longas non se consideran fonémicas. Un proceso similar existe no zulú.
Ademais, o suahili non ten ditongos; en combinación de vogais, cada letra pronúnciase separadamente. Por iso, a palabra suahili para "leopardo", chui, pronúnciase [tʃu.i], con hiato.
O seguinte cadro amosa o inventario de sons consonánticos en suahili. Entre paréntese aparecen os alófonos, en cursiva a grafía e entre barras os fonemas.
Bilabial | Labiodental | Dental | Alveolar | Postalveolar | Palatal | Velar | Glotal | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nasal | m /m/ | n /n/ | ny /ɲ/ | ng’ /ŋ/ | ||||
Prenasalizada nasal | mb /mb/ | nd /nd/ | nj /ɲɟ/~/ndʒ/ | ng /ŋɡ/ | ||||
Implosiva | b /ɓ/ | d /ɗ/ | j /ʄ/ | g /ɠ/ | ||||
Oclusiva | p /p/ | t /t/ | ch /tʃ/ | k /k/ | ||||
Aspirada | (p /pʰ/) | (t /tʰ/) | (ch /tʃʰ/) | (k /kʰ/) | ||||
Fricativa prenasalizada | mv /ɱv/ | nz /nz/ | ||||||
Fricativa sonora | v /v/ | (dh /ð/) | z /z/ | (gh /ɣ/) | ||||
Fricativa xorda | f /f/ | (th /θ/) | s /s/ | sh /ʃ/ | (kh /x/) | h /h/ | ||
Vibrante múltiple | r /r/ | |||||||
Aproximante lateral | l /l/ | |||||||
Aproximante | y /j/ | w /w/ |
Algúns dialectos do suahili tamén teñen os fonemas aspirados /pʰ tʰ tʃʰ kʰ bʱ dʱ dʒʱ ɡʱ/ aínda que non están marcados na ortografía do suahili.[21] Múltiples estudos favorecen clasificar a prenasalización como grupos consonánticos, non como fonemas separados. Historicamente, a nasalización perdeuse antes de consoantes sen voz e, posteriormente, as consoantes sonoras desapareceron, aínda que aínda se escriben mb, nd etc. O fonema /r/ reálizase como [r] ou máis comunmente como [ɾ] pola maioría dos falantes. [x] existe en variación libre con h, e só se distingue por algúns falantes.[20] Nalgúns préstamos árabes (substantivos, verbos, adxectivos), a énfase ou intensidade exprésase reproducindo as consoantes enfáticas orixinais /dˤ, sˤ, tˤ, zˤ/ e a uvular /q/, ou alongando unha vogal, mentres que se usaría a aspiración en palabras herdadas do bantú.[21]
A característica gramatical máis prominente das linguas bantús é o uso extensivo de morfemas baixo a forma de prefixos. Cada substantivo pertence a unha clase e cada idioma pode ter aproximadamente dez clases, un pouco como xéneros en idiomas europeos. A clase indícase por un prefixo no substantivo, como tamén en adxectivos e verbos que concordan con aquel. O plural indícase por unha mudanza de prefixo.
Por exemplo, en suahili , Mtoto mdogo amekisoma significa O neno pequeno leu isto (un libro, implícito). Mtoto = neno goberna o prefixo do adxectivo "m" (mdogo) e o suxeito do verbo co prefixo "a". De seguido vén o tempo do verbo (perfecto) "me" - e un marcador de obxecto "ki" - concordando con kitabu (implícito), libro. O plural desta frase é: Watoto wadogo wamekisoma; se usarmos o plural para libros (vitabu), a frase tórnase: Watoto wadogo wamevisoma.
O suahili escríbese actualmente co alfabeto latino. Hai algúns dígrafos para os sons nativos, ch, sh, ng e ny; q e x non se usan,[22] c non se usa máis que para o dígrafo ch, préstamos do inglés e ocasionalmente, como substituto de k en publicidade. Tamén hai dígrafos para os sons árabes, que moitos falantes fóra do grupo étnico suahili teñen problemas para diferenciar.
Adoitábase escribir coa escrita ajami, que é unha escrita árabe. Ao contrario que noutras adaptacións da escrita árabe noutras linguas, para o suahili non se fixo moita modificación. Había diferenzas ortográficas entre cidades e autores ao longo dos séculos, algunhas tan diferentes que causaban dificultade para a intercompresión.
Algunhas consoantes do suahili non teñen equivalente co árabe e, aínda así non se crearon letras especiais para representalas. No canto diso, substituíase polo son en árabe máis semellante. Isto produciu que unha mesma letra servise para máis dun son, mais tamén provocou que os autores fixesen diferentes escollas á hora de substituír os sons. Na táboa de abaixo amósanse as equivalencias entre o suahili coa escrita árabe e o alfabeto latino.
Suahili en alfabeto árabe | Suahili en alfabeto latino | |||
---|---|---|---|---|
Final | Medio | Inicial | Illado | |
ـا | ا | aa | ||
ـب | ـبـ | بـ | ب | b p mb mp bw pw mbw mpw |
ـت | ـتـ | تـ | ت | t nt |
ـث | ـثـ | ثـ | ث | th? |
ـج | ـجـ | جـ | ج | j nj ng ng' ny |
ـح | ـحـ | حـ | ح | h |
ـخ | ـخـ | خـ | خ | kh h |
ـد | د | d nd | ||
ـذ | ذ | dh? | ||
ـر | ر | r d nd | ||
ـز | ز | z nz | ||
ـس | ـسـ | سـ | س | s |
ـش | ـشـ | شـ | ش | sh ch |
ـص | ـصـ | صـ | ص | s, sw |
ـض | ـضـ | ضـ | ض | dhw |
ـط | ـطـ | طـ | ط | t tw chw |
ـظ | ـظـ | ظـ | ظ | z th dh dhw |
ـع | ـعـ | عـ | ع | ? |
ـغ | ـغـ | غـ | غ | gh g ng ng' |
ـف | ـفـ | فـ | ف | f fy v vy mv p |
ـق | ـقـ | قـ | ق | k g ng ch sh ny |
ـك | ـكـ | كـ | ك | |
ـل | ـلـ | لـ | ل | l |
ـم | ـمـ | مـ | م | m |
ـن | ـنـ | نـ | ن | n |
ـه | ـهـ | هـ | ه | h |
ـو | و | w | ||
ـي | ـيـ | يـ | ي | y ny |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.