actriz estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Nichelle Nichols, nada en Robbins (Illinois) o 28 de decembro de 1932[1] e finada o 30 de xullo de 2022, foi unha actriz estadounidense, especialmente coñecida polo seu personaxe da serie de televisión Star Trek como a tenente Uhura. Comezou como cantante con Duke Ellington e Lionel Hampton, para pasar posteriormente ao cine e á televisión.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Grace Dell Nichols 28 de decembro de 1932 Robbins, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 30 de xullo de 2022 (89 anos) Silver City, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | insuficiencia cardíaca |
Residencia | Woodland Hills |
Educación | Englewood Technical Prep Academy (en) |
Actividade | |
Ocupación | actriz de televisión, actriz de dobraxe, actriz de teatro, cantante, actriz de cinema, bailarina |
Período de actividade | 1959 - 2022 |
Membro de | |
Xénero artístico | Música pop |
Instrumento | Voz |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
Descrito pola fonte | Nichelle Nichols, Lieutenant Uhura on ‘Star Trek,’ Dies at 89 (en) |
Páxina web | uhura.com |
|
O documental Woman In Motion: Nichelle Nichols, Star Trek, and the Remaking of NASA detalla o papel crucial que desempeñou na introdución da diversidade na NASA, e na configuración do programa espacial estadounidense.[2]
Nichelle Nichols era filla do alcalde da cidade de Robbins. Estudou en Chicago, así como en Nova York e Os Ánxeles. Durante a súa etapa en Nova York, Nichelle apareceu no famoso club "Blue Angel" e nos clubs de Playboy, como cantante. Tamén aparece no papel de Carmen para unha produción dunha compañía de Chicago no musical de Broadway Carmen Jones.
Nomeárona dúas veces para a concesión do premio Sarah Siddons como mellor actriz bailarina e cantante. A súa primeira candidatura aos premios Siddons foi pola súa representación de Hazel Sharp en Kicks and Co, e o segundo nomeamento por The Blacks.
Nichols viaxou polos Estados Unidos, Canadá e Europa como cantante coas bandas de Duke Ellington e de Lionel Hampton. Na costa oeste, apareceu no musical The Roar of the Greasepaint – The Smell of the Crowd, para My People, e cultivou un grande éxito na adaptación da obra de James Baldwin Blues for Míster Charlie. Antes de asistir ao casting para a oficial Uhura en Star Trek foi actriz convidada nunha das primeiras series do produtor de televisión Gene Roddenberry.
Con todo, é en Star Trek onde Nichols gaña renome, sendo unha das primeiras mulleres negras protagonistas nunha serie importante da televisión. Durante o primeiro ano da serie, Nichols estivo tentada de deixar a serie pois cría que o seu papel era insustancial e carecía de importancia; soamente tras unha conversación co Dr. Martin Luther King, Jr. cambia a súa opinión. O Dr. King animouna persoalmente a que non renunciase, dicíndolle que el era un gran admirador da serie e díxolle que "non podía darse por vencida "... que ela representaba un papel que era un modelo vital para os nenos e as novas mulleres negras ao longo do país.[3]
A antiga astronauta da NASA Mae Jemison citou o papel de Nichols como a tenente Uhura como a súa inspiración para o seu desexo de converterse en astronauta,[4] e Whoopi Goldberg tamén falou da influencia de Nichols; Goldberg interpretou un personaxe ocasional en Star Trek: A nova xeración.[5]
No seu papel como a tenente Uhura, participou no primeiro bico interracial na historia da televisión dos Estados Unidos entre dous personaxes ficticios (en decembro de 1967 Sammy Davis Jr. e Nancy Sinatra bicáronse abertamente no programa de variedades Movin' with Nancy), co actor canadense William Shatner como capitán James T. Kirk no episodio de Star Trek de 1968 ,Os fillastros de Platón. A escena provocou iradas protestas aínda que o bico foi o resultado dun control mental extraterrestre aos personaxes na serie e non produto dunha relación sentimental ou amorosa entre os personaxes da serie. O episodio non se transmitiu por televisión nalgunhas cidades meridionais como resultado das protestas neses estados. A anulación do episodio fixo que moitos seguidores protestasen; mesmo os espectadores dos estados meridionais que non eran tan hostís como se temía.
Na súa autobiografía de 1994, Beyond Uhura, Star Trek and Other Memories, na páxina 197, Nichols cita unha carta dun branco do sur que lle escribiu: "... opóñome totalmente á mestura de razas. Con todo, en calquera momento que un raparigo americano con sangue nas veas como o capitán Kirk consegue a unha dama fermosa nos seus brazos que se pareza a Uhura, non debería deixala ir." Durante a súa aparición en Comedy Central o 20 de agosto de 2006, ela referiuse ao incidente e dixo ao presentador, "fagamos historia na TV outra vez... e vostede pode bicar o meu cu negro!"
A pesar da cancelación da serie en 1969, Star Trek continuou xogando un papel importante na vida de Nichols. Ela proporcionou outra vez a voz de Uhura en Star Trek: A serie animada, nun episodio da cal, O sinal de Lorelei, Uhura asume o mando da nave Enterprise. Nichols recoñeceu na súa autobiografía a súa frustración porque esta situación non ocorrese nunca nos episodios orixinais. Nichols interpretou o seu papel en seis das películas de Star Trek, sendo a súa última aparición en Star Trek VI: Aquel país descoñecido.
Despois da cancelación de Star Trek, Nichols ofreceuse voluntariamente nun proxecto especial coa NASA para recrutar minorías e persoal feminino para a axencia espacial,[6][7] que demostrou ser un éxito. Inclúese entre os recrutas que conseguiu recrutar á doutora Sally Ride, a primeira astronauta feminina americana, membro da Forza Aérea dos Estados Unidos Guion Bluford, o primeiro astronauta afroamericano, así como a doutora Judith Resnik e o dr. Ronald McNair, quen voaron en varias misións durante o programa espacial antes da súa morte no accidente do Challenger o 28 de xaneiro de 1986.
Entusiasta da exploración do espazo, Nichols serviu desde mediados dos anos oitenta no consello superior da sociedade nacional do espazo, unha organización non lucrativa e educativa da defensa do espazo fundada polo Dr. Wernher von Braun.[8]
Sempre se interesou polas viaxes espaciais; así, voou a bordo do observatorio de astronomía C-141 da NASA, que analizaba as atmosferas de Marte e de Saturno durante oito horas, nunha misión de grande altitude. Foi tamén unha convidada especial no Jet Propulsion Laboratory en Pasadena, California, o 7 de xullo o 17 1976 para ver a aterraxe da nave Viking I en Marte. Con outros membros da serie orixinal de Star Trek, Nichelle acudiu a bautizar a primeira lanzadeira espacial, a Enterprise, na fábrica norteamericana de Rockwell en Palmdale, California.
En 1994 publica a súa autobiografía Beyond Uhura: Star Trek and Other Memories. Nela indica que tivo unha longa relación co produtor e creador da serie Gene Roddenberry.
Entre o final da serie orixinal e a serie animada de Star Trek, Nichols actuou en papeis de menor importancia en cine e televisión. Fixo o papel de Dorinda na película de 1974 Truck Turner con Isaac Hayes. Apareceu tamén como voz na serie Futurama en varios capítulos.
En 1982, Robert A. Heinlein dedicoulle a súa novela Friday. O asteroide 68410 Nichols leva o seu nome na súa honra.[9] En 1992, concedéuselle unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood, pola súa contribución á televisión. En 1999, Nichols foi galardoada coa Goldene Kamera por Kultstar deas Jahrhunderts (Estrela de culto do século). En 2010, Nichols recibiu un título honorífico do Os Anxeles Mission College. Nichols recibiu o premio The Life Career Award, da Academia de Cinema de Ciencia Ficción, Fantasía e Terror, en 2016, sendo a primeira muller en recibilo. O premio entregouse no marco da 42ª cerimonia dos Saturn Awards. Nichols recibiu o Premio Inkpot en 2018.[10]
Nichols é membro honorario da irmandade Alpha Kappa Alpha.
Ano | Título | Papel | Outras notas |
---|---|---|---|
1959 | Porgy e Bess | cameo | Sen créditos |
1964 | The Lieutenant (TV) | Norma Bartlett | |
1966 | Míster Buddwing | Di Player | James Garner |
1966 | Star Trek (TV) | Tenente Uhura | 1966-1969 |
1973 | Star Trek: A serie animada (TV) | Tenente Uhura/voces adicionais | |
1974 | Truck Turner | Dorinda | |
1979 | Star Trek: The Motion Picture | Tenente comandante Uhura | |
1982 | Star Trek II: a ira de Khan | Comandante Uhura | |
1984 | Star Trek III: en busca de Spock | Comandante Uhura | |
1986 | The Supernaturals | Sgt. Leoa Hawkins | |
Star Trek IV: misión: salvar a Terra | Comandante Uhura | ||
1989 | Star Trek V: a última fronteira | Comandante Uhura | |
1991 | Star Trek VI: aquel país descoñecido | Comandante Uhura | |
1992 | Star Trek: 25th Anniversary Enhanced (VG) | Tenente Uhura | |
1994 | Star Trek: Judgment Rites (VG) | Tenente Uhura | |
Batman: a serie animada (TV) | Thoth Khepera | Episodio Avatar | |
Gargoyles (TV) | Diane Maza | Artista convidada en catro episodios 1998 | |
2002 | Snow Dogs | Amelia Brooks | |
2005 | Are We There Yet? | Miss Mable | |
2007 | Star Trek: Of Gods and men | Capitá Uhura | Fan filme con varios membros das series oficiais |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.