programa infantil e xuvenil emitido pola TVG From Wikipedia, the free encyclopedia
O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil da TVG que comezou a emitirse o 18 de abril de 1994.[5][6] O protagonista do programa é o personaxe animado do "Xabarín", un xabaril antropomorfo deseñado por Miguelanxo Prado[7] e ao cal dá voz Juanillo Esteban.[8][9] O "Xabarín" realiza a función de presentador do programa, o cal inclúe un club de socios, a emisión de series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia, como Xabarín News ou Os vixilantes do Camiño, a primeira serie animada de produción galega que emitiu o Xabarín Club.[10] Dende o 2 de febreiro de 2009, é transmitido pola tvG2, e dende decembro de 2016 contaba cunha aplicación específica e unha canle en liña, a Xabarín TV que funcionaba como unha lista de reprodución cos contidos do programa na páxina web da CRTVG. O 17 de xaneiro de 2024, a canle foi relanzada como unha plataforma dixital de contidos da CRTVG, dispoñible como plataforma web e como aplicación de contidos á demanda e en aberto.[11]
Formato | Infantil e xuvenil |
---|---|
Creado por | Suso Iglesias[1] Toñito Blanco[2] Teresa Seara |
Dirixido por | Alberte Casal Francisco Carballés |
Intérpretes | Juanillo Esteban (voz de Xabarín) Carlos Portela (Doutor TNT) Manuel Manquiña Silvia Superstar Manolo Romón Luís Tosar Xavier Viana Esteban Yáñez "Arroz Hacker"[3][4] |
País de orixe | Galicia |
Produtor(es) executivo(s) | Rosa Lorenzo Loli Fraga |
Canle de orixe | TVG (1994-2009) tvG2 (2009-presente) Plataforma dixital: 17 de xaneiro de 2024 |
Primeiro episodio | 18 de abril de 1994 |
Na rede | |
https://xabarin.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
No ano 2021, o Xabarín Club chegou á cifra récord de 146 000 socios.[12] Segundo os rexistros históricos do programa, entre 1994 e 2021 arredor dun 30% dos nenos galegos son ou foron socios.[12]
"Cabeceira Somos do Clube da Galega [HD]". YouTube. Xabarín. |
O Xabarín Club comezou a súa emisión o 18 de abril de 1994, case dez anos despois do nacemento da TVG, o 24 de xullo de 1985.[13][14] Aínda que sempre houbo contidos para o público infantil na TVG antes da creación deste espazo, a súa emisión non era regular. A idea do Xabarín Club xurdiu como un encargo interno para a emisión de contidos infantís nun programa que tamén tivese un club social.[15][10] O concepto do club de socios era unha fórmula de éxito que xa existía nos Estados Unidos con Mickey Mouse Club ou Cartoon Network.[10] O Xabarín Club comezou como unha banda de cinco porcos (Clodio, Tareixa, Uxía, Xonxa e Carolo) liderados por un porco bravo, o Xabarín, algo inédito neste tipo de clubs, que sempre contaban con persoas como presentadores.[10]
A través da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), a TVG comezou mercando as series animadas xunto con outras canles autonómicas, sendo as preferidas as series xaponesas por seren máis económicas e por contar con moitos capítulos para a captación dunha audiencia fiel.[10] Na súa primeira etapa, na segunda metade da década de 1990, converteuse nun fenómeno social entre os nenos e a rapazada galega da época, que máis tarde foron identificados colectivamente como Xeración Xabarín.[16][17] Ademais da emisión de series de animación, o Xabarín Club contou coa súa propia banda sonora, composta de cancións e vídeos musicais de grupos de música do rock bravú e da movida viguesa,[18] como Killer Barbies, Siniestro Total, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Aerolíneas Federales, Os Resentidos, Yellow Pixoliñas ou Heredeiros da Crus, así como grupos da lusofonía como Kussondulola, As Amarguinhas ou Despe e Siga.
Produto do éxito destas cancións xurdiu A cantar con Xabarín, unha serie de 5 CDs gravados polos grupos que aparecen no programa. O "Xabarín" tamén achegaba novidades de cine, vídeo e DVD, así como música e bandas sonoras de novos grupos galegos, concertos, discos, series de debuxos animados, banda deseñada, mangas, eventos, mostras, certames, videoxogos, revistas e fanzines, literatura infantil e xuvenil e unha axenda de recomendacións para o lecer na fin de semana. Ademais, o éxito do programa veu acompañado das "Xabaxiras" (1998), concertos da música do programa aos que asistiron milleiros de nenos galegas.
En 1999, o Xabarín Club emitiu a primeira produción galega, Os vixilantes do Camiño, unha animación en 2D producida por Miguelanxo Prado e Suso Iglesias.[19] Está protagonizada polos personaxes do Xabarín Club e está inspirada no Camiño de Santiago. Componse de 13 episodios de 26 minutos e unha longametraxe de 80. A serie foi editada en DVD pola TVG en 2008.
O "Xabarín" estreou nova imaxe en 2007 para celebrar en abril o seu 13º aniversario. Nesta nova etapa o "Xabarín" contou con novas seccións, como "Xabarín informa"; un pequeno espazo de información e novas diarias.
No ano 2013, lanzouse unha publicación de banda deseñada e literatura xuvenil chamada OINK!, dirixida a nenos dos seis aos quince anos e cuxos contidos estaban baseados no programa. Desta publicación saíron ao mercado cinco números mensuais acn custe de 3 euros. A editora foi a empresa Agalip, de Bertamiráns, con licenza da Televisión de Galicia. Na iniciativa participaron escritores e autores de banda deseñada como Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Miguel Porto, Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Kohell, Victor Rivas, Pinto & Chinto, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, e Andrés Meixide entre outros. Miguelanxo Prado foi o autor da capa, ademais de ilustracións interiores.[20] Varios dos autores participaran tamén na revista Golfiño, unha incursión previa do Xabarín na banda deseñada. En xaneiro do 2014, coincidindo coa publicación do quinto número, iniciaron a campaña de mecenado OINK! unha revista para a rapazada galega en Verkami, aínda que en marzo só acadaran uns 8.000 dos 36.000 € que precisaban para continuaren o proxecto.[21][22]
En marzo de 2013, a CRTVG ameazou a unha páxina web de seareiros do Xabarín Club de emprender accións legais se esta non pechaba en sete días. A CRTVG alegaba uso ilícito das súas marcas rexistradas "Xabarín Club", "Xeración Xabarín" e "Xabarín News".[23] A información do peche da páxina web chegou a diversas redes sociais e medios de comunicación de ámbito galego.[24]
O 2 de decembro de 2016 comezou a transmisión da Xabarín TV,[25] unha canle en liña infantil que funciona como unha lista de reprodución.[26]
En marzo de 2019, celebrou o seu 25º aniversario cun concerto na Sala Capitol de Santiago.[27]
En 2020, A Mesa pola Normalización Lingüística comezou unha campaña de recollida de sinaturas pola chamada "Iniciativa Xabarín", unha proposta para reforzar a programación infantil en galego e a creación dunha canle Xabarín.[28][7] Logo de conseguir máis de 33.000 sinaturas,[29] a iniciativa, que foi levada ao Parlamento de Galicia,[30] aprobouse por unanimidade o 11 de maio de 2021.[31] A proposta aprobada incluía a creación dunha terceira canle dirixida ao público infantil e xuvenil as 24 horas do día, e a inclusión na programación televisiva de TVE e das plataformas dixitais de contidos con versión en galego, ben sexa orixinal, dobrado ou subtitulado.[32]
Logo da aprobación da iniciativa, a CRTVG reforzou e promociouno as canles dixitais existentes con contidos infantís da CRTVG, incluíndo a aplicación específica "Xabarín", a canle web Xabarín TV e a Radio Picariña.[32] Ademais, anunciouse a creación dunha canle dixital "Xabarín" Over The Top, a cal emitirá contido por Internet á marxe dos operadores tradicionais de difusión.[32] Esta nova canle materializouse nunha plataforma dixital de de contidos á demanda e en aberto. No momento do seu lanzamento, a plataforma do Xabarín contaba con máis de 1.400 contidos propios.[11]
Ao afiliarse ao Xabarín Club, os socios obteñen varios beneficios, entre eles recibir un carné como membro do club, que a súa foto do carné apareza no programa o día do seu aniversario, recibir todos os anos unha postal de felicitación do aniversario, e poder participar nos sorteos do programa.[10]
En setembro de 1994 (5 meses despois do arranque do programa) acadáronse os 15 000 socios e un ano despois, en novembro de 1995, os 40 000. No ano 1996, case tres anos despois do nacemento do club, o número de socios ascendía a 66 000 e a súa presenza xa estaba implantada en todos os concellos de Galicia.[33] No ano 1997, en abril, xa tiña 70 000. No ano 1999, en maio, o número de socios do club acadara os 90 000, representando o 25% dos nenos galegos da época.[34][35] No ano 2004, unha década despois do seu nacemento, contaba con máis de 110 000 socios afiliados,[36] chegando á cifra de 138 000 no ano 2013.[37] No ano 2017, o Xabarín Club contaba con case 150 000 socios.[16] No ano 2021, o Xabarín Club chegou á cifra récord de 146 000 socios.[12] Segundo os rexistros históricos do programa, entre 1994 e 2021 arredor dun 30% dos nenos galegos son ou foron socios.[12]
O Xabarín Club foi Premio Galicia de Comunicación no ano 1994. En 1996 recibiu o premio AGAPI ao mellor programa de televisión. En 1997, recibiu o Premio Ourense á mellor iniciativa a prol da banda deseñada galega. En 1998, recibiu o Premio TV Joven avalado polo Centre de Recherche Scientifique e o Conseil Internationale du Cinema et de la TV da UNESCO.[37][81]
En 2021, foi Premio Rebulir da Cultura Galega.[82]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.