tartaruga mariña de gran tamaño From Wikipedia, the free encyclopedia
A tartaruga verde[3] ou tartaruga mariña verde[4] (Chelonia mydas)[5] é unha tartaruga mariña de gran tamaño da familia Cheloniidae, e única especie do xénero Chelonia.[6] Vive nos mares tropicais e subtropicais de todo o mundo, e ten dúas poboacións distintas no Atlántico e Indo-Pacífico.[7] Nas costas de Galicia pode verse ás veces (ver Lista de réptiles de Galicia). O seu nome común procede da graxa xeralmente de cor verde que hai debaixo da súa coiraza ou cuncha.
Tartaruga verde | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Tartaruga verde en Hawai. | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
En perigo[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Chelonia mydas Brongniart, 1800 | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
* Testudo macropus Walbaum, 1782 (nomen illegitimum) * Testudo viridis Schneider, 1783 * Testudo japonica Thunberg, 1787 * Testudo marina vulgaris Lacépède, 1788 * Testudo viridisquamosa Lacépède, 1788 * Testudo mydas macropus Suckow, 1798 * Chelonia mydas Brongniart, 1800 * Testudo chloronotos Bechstein, 1800 * Testudo cepediana Daudin, 1801 * Testudo rugosa Daudin, 1801 * Chelone mydas Brongniart, 1805 * Chelonia japonica Schweigger, 1812 * Chelonia virgata Schweigger, 1812 * Caretta cepedii Merrem, 1820 * Caretta esculenta Merrem, 1820 * Caretta thunbergii Merrem, 1820 * Caretta mydas Fitzinger, 1826 * Caretta virgata Fitzinger, 1826 * Chelonia lachrymata Cuvier, 1829 * Chelonia maculosa Cuvier, 1829 * Chelonia midas Wagler, 1830 (ex errore) * Chelonia mydas var. japonica Gray, 1831 * Chelonia esculenta Wiegmann & Ruthe, 1832 * Chelonia bicarinata Lesson, 1834 * Chelonia marmorata Duméril & Bibron, 1835 * Chelonia (Chelonia) cepedeana Fitzinger, 1835 (ex errore) * Chelonia viridis Temminck & Schlegel, 1835 * Mydas mydas Cocteau, 1838 * Mydasea mydas Gervais, 1843 * Euchelonia mydas Tschudi, 1846 * Megemys mydas Gistel, 1848 * Chelonia lacrymata Agassiz, 1857 (ex errore) * Chelonia formosa Girard, 1858 * Chelonia tenuis Girard, 1858 * Euchelys macropus Girard, 1858 * Chelone macropus Strauch, 1862 * Chelone maculosa Strauch, 1862 * Chelone marmorata Strauch, 1862 * Chelone virgata Strauch, 1862 * Chelone viridis Strauch, 1862 * Chelonia albiventer Nardo, 1864 * Thalassiochelys albiventer Günther, 1865 * Chelonia agassizii Bocourt, 1868 * Mydas viridis Gray, 1870 * Chelone midas Cope, 1871 * Chelonia lata Philippi, 1887 * Chelone mydas Boulenger, 1889 * Chelonia mydas mydas Mertens & Müller, 1928 * Caretta thunbergi Smith, 1931 (ex errore) * Chelonia mydas agassizii Carr, 1952 * Chelonia mydas agassizi Schmidt, 1953 (ex errore) * Chelonia mydas carrinegra Caldwell, 1962 * Chelonia agazisii Tamayo, 1962 (ex errore) * Testudo nigrita Tamayo, 1962 * Chelonia agassizi Carr, 1967 * Chelonia mydus Nutaphand, 1979 (ex errore) * Chelonia mydas carinegra Nutaphand, 1979 (ex errore) * Testudo chloronotus Smith & Smith, 1980 (ex errore) * Chelone albiventer Márquez, 1990 * Caretta thumbergii Sharma, 1998 (ex errore) * Chelonia mydas viridis Karl & Bowen, 1999 |
Esta tartaruga mariña ten un corpo aplanado dorsoventralmente cuberto por unha gran coiraza con forma de bágoa; ten un par de extremidades anteriores grandes con forma de aleta. Xeralmente está coloreada, aínda que nas poboaciós do Pacífico leste a coiraza pode ser case negra. A diferenza doutros membros da súa familia, como a Eretmochelys imbricata (tartaruga carei), C. mydas é principalmente herbívora. Os adultos xeralmente habitan lagoas de atois ou costeiras, alimentándose principalmente de plantas mariñas.[8]
Igual que outras tartarugas mariñas, as tartarugas verdes migran a grandes distancias entre as súas áreas de alimentación e as praias onde desovan. Moitas illas de todo o mundo levan o nome de Illa da Tartaruga debido a que as tartarugas verdes aniñan nas súas praias. As femias arrástranse polas praias, cavan un niño e poñen os seus ovos de noite. Despois, emerxen as crías que se dirixen rapidamente á auga. Aínda que a maioría das crías morren axiña, as que chegan á madurez sexual poden vivir uns oitenta anos na natureza.[7]
C. mydas está na lista de especies en perigo da IUCN e CITES e está protexda en moitos países,[9] polo que é ilegal capturala, facerlle dano ou matala. Ademais, moitos países teñen leis que protexen as áreas de cría. Porén, as tortugas están aínda en perigo debido ás actividades humanas. Nalgúns países as tartarugas e os seus ovos son capturados como alimento. A polución dana indirectamente ás poboacións de tartarugas. Moitas tartarugas quedan atrapadas en redes de pesca. Ademais, o desenvolvemento urbanístico a miúdo causa perda de hábitats ao destruír ou alterar as praias onde aniñan.
A tartaruga verde é un membro da tribo Chelonini. Un estudo de 1993 esclareceu o status do xénero Chelonia con respecto a outras trartarugas mariñas. As tartarugas carnívoras Eretmochelys, Caretta e Lepidochelys foron asignadas á tribo Carettini. As herbívoras Chelonia manteñen o seu status como xénero, mentres que Natator foi quitada do xénero onde antes estaba.[10]
A especie Chelonia mydas foi orixinalmente descrita por Linné en 1758 co nome Testudo mydas.[11] En 1868, Marie Firmin Bocourt denominou unha determinada especie de tartaruga mariña Chelonia agassizii.[12][13] Esta suposta "especie" foi denominada "tartaruga mariña negra".[14] Pero posteriormente determinouse que a tartaruga mariña negra de Bocourt non era xeneticamente distinta de C. mydas, e, por tanto, taxonomicamente non se considera unha especie separada.[15] Estas dúas "especies" foron entón unificadas en Chelonia mydas e as súas poboacións foron consideradas subespecies cos nomes: C. mydas mydas (a poboación descrita orixinalmente) e C. mydas agassizi (a poboación do Pacífico coñecida como tartaruga verde das Galápagos).[16][17] Con todo, determinouse despois que esta subdivisión era inválida e que todos os membros da especie debían designarse Chelonia mydas (sen distinguir subespecies).[6] O nome que a miúdo se ve mencionado C. agassizi é un sinónimo júnior inválido de C. mydas.
O nome común da especie non deriva de que teña unha coloración verde externa, senón da cor verde da graxa que a tartaruga ten entre os seus órganos internos e a coiraza.[18]
As tartarugas verdes adultas comen principalmente plantas mariñas e algas como o quelpo e outras, mentres que os xuvenís teñen unha dieta máis carnívora.
A súa aparencia é a dunha típica tartaruga mariña. C. mydas ten un corpo aplanado dorsoventralmente, unha cabeza bicuda e un pescozo curto, e brazos convertidos en aletas adaptadas á natación.[19] As tartarugas verdes adultas crecen ata os 1,5 m de lonxitude.[20] O peso medio dos individuos maduros é de entre 68 e 190 kg e a lonxitude media da coiraza é de 78 a 112 cm.[21] Espécimes excepcionais poden pesar 315 kg ou máis, e o maior peso rexistrado foi de 395 kg e unha lonxitude da coiraza de 153 cm.[22]
Anatomicamente hai unhas poucas características que distinguen a tartaruga verde dos outros membros da súa familia. A diferenza de Eretmochelys, o fociño da tartaruga verde é moi curto e o seu peteiro non forma gancho. A vaíña que cobre a súa mandúbula superior posúe beiras denticuladas, mentres que a súa mandíbula inferior é máis forte, aserrada, e con denticulación mellor definida. A superficie dorsal da cabeza da tartaruga ten un só par de escamas prefrontais. O espaldar da súa coiraza está composto de cinco escudos centrais flanqueados por catro pares de escudos laterais. Pola parte inferior, ten catro pares de escudos inframarxinais que cobren a área entre o plastrón e o espaldar. As patas dianteiras das C. mydas maduras teñen só unha única uña (a diferenza das dúas de Eretmochelys), aínda que ás veces hai unha segunda uña prominente nos espécimes novos.[23]
O espaldar da tartaruga ten varios padróns de coloración que cambian co tempo. Os individuos que acaban de eclosionar, igual que ocorre con outras tartarugas mariñas, teñen principalmente espaldares negros e plastróns de cor clara. Os espaldares dos xuvenís cambian a castaño escuro ou oliva, mentres que os dos adultos maduros son ou completamente castañas, con manchas ou de aspecto marmóreo con radios variegados. Por debaixo, o plastrón ten tons amarelos. As patas de C. mydas son escuras con liñas amarelas, e xeralmente están marcadas cunha gran mancha escura no centro de cada membro.[7][24]
A área de distribución da tartaruga verde esténdese a todas as rexións oceánicas tropicais e subtropicais do mundo. Tamén pode verse nas costas galegas. Hai dúas subpoboacións principais, a do Atlántico e a indopacífica. Cada subpoboación é distinta xeneticamente, e ten os seus propios territorios para aniñar e alimentarse dentro da súa área de distribución.[7]
A tartaruga verde pode atoparse por case todo o Atlántico. Foron atopados individuos tan ao norte como no Canadá e as Illas Británicas. No sur atopáronse no extremo de África e na Arxentina. Os principais sitios para aniñar son varias illas do Caribe, e as costas leste dos Estados Unidos e Suramérica e moi salientablemente, algunhas illas do Atlántico Norte solitarias.
No Caribe, os principais sitios de desove son as Illas de Aves, as Illas Virxes Estadounidenses, Porto Rico, e Costa Rica. En anos recentes hai signos dun incremento de aniñación nas Illas Caimán.[25] Unha das rexións máis importantes é Tortuguero en Costa Rica.[26] De feito, a maioría das C. mydas da rexión caribeña son naturais dunhas poucas praias de Tortuguero.[27] Nos Estados Unidos hai áreas de aniñación menos importantes en Xeorxia, Carolina do Norte, Carolina do Sur, e a costa leste de Florida, especialmente Hutchinson Island. Localizacións notables en Suramérica son praias apartadas de Suriname e da Güiana Francesa.[28] No Atlántico Sur, unha área importante é a illa de Ascensión,[19] onde aniñan de 6.000 a 13.000 tartarugas verdes.[29][30][31]
A diferenza da distribución esporádica dos sitios de aniñación, as áreas de alimentación son moito máis amplas e distribuídas por toda a rexión atlántica.[19][32]
No Pacífico, a súa área de distribución leste vai polo norte desde as costas do sur de Alasca ata polo sur as costas de Chile. No oeste do Pacífico vai polo norte desde o Xapón e costas do sur de Rusia, ata polo sur a parte norte de Nova Zelandia e algunhas illas no sur de Tasmania. Estas tartarugas poden encontrarse tamén por todo o océano Índico.[33]
As áreas de alimentación importantes están espalladas por toda a rexión pacífica, incluíndo México, Hawai, e o Pacífico Sur, xunto coas costas do norte de Australia, e Sueste asiático. No océano Índico as colonias de aniñación inclúen a India, Paquistán e outros países costeiros. Nas costas do leste de África hai algunhas áreas de aniñación, incluídas as illas próximas a Madagascar.[33]
Por toda a costa de México poden atoparse lugares de aniñación. Estas tortugas aliméntanse de plantas mariñas no golfo de California.[34] As tartarugas verdes que pertencen á subpoboación hawaiana aniñan nos Bancos da Fragata Francesa, que están protexidos e situados a uns 800 km das Illas Hawai.[35] En Filipinas aniñan nas Illas das Tartarugas, xunto coas tartarugas carei.[36] Indonesia ten algunhas praias de aniñación, unha na Reserva Nacional Meru Betiri no leste de Xava.[37] O mar do Coral ten áreas de aniñación de importancia mundial.[38] O arrecife da Gran Barreira Australiana ten dúas poboacións xeneticamente distintas; unha ao norte e outra ao sur. Neste grande arrecife hai 20 localizacións de aniñación, que son pequenas illas e illotes, das cales a máis importante é Raine Island.[39][40] Os sitios importantes de aniñación abundan a ambos os lados do mar de Arabia, como Ash Sharqiyah en Omán, e ao longo da costa de Karachi, Paquistán (onde nalgunhas praias aniña xunto coa tartaruga carei e a Lepidochelys olivacea) e de Sindh e Beluchistán e na illa paquistaní de Astola (a 25 km do continente).[8][41][42]
Moito do que se sabe da ecoloxía das tartarugas mariñas procede dos estudos sobre a tartaruga verde, que é a máis estudada. A ecoloxía de C. mydas cambia drasticamente con cada estadio da súa vida. As tartaruguiñas que saen dos ovos son carnívoras, e peláxicas, e forman parte do mininecto do mar aberto. Ao contrario, os xuvenís inmaturos e os adultos atópanse xeralmente en campos de plantas mariñas de pouco fondo costeiros e son herbívoras.
As tartarugas verdes móvense entre tres tipos de hábitats dependendo do estadio do seu ciclo vital no que se encontren. Poñen os ovos en praias. As tartarugas mariñas gastan a maioría do seu tempo en augas costeiras de pouco fondo con pradeiras vizosas de plantas mariñas. Os adultos frecuentan as baías e lagoas costeiras e bancos de area con moita vexetación. A miúdo migran xeracións enteiras entre un par de áreas de alimentación e as de aniñación.[19]
As tartarugas verdes pasan a maior parte dos seus primeiros cinco anos en zonas de converxencia no mar aberto que as rodea.[8][43] Estas tartarugas novas raramente se ven, xa que nadan a bastante profundidade, en augas peláxicas.[44][45] As tartarugas verdes normalmente nadan a unha velocidade de 2,5 a 3 km/h.[46]
Só os seres humanos e os tiburóns grandes se alimentan de C. mydas adultos. Por exemplo, o tiburón tigre (Galeocerdo cuvier) captura os adultos en augas hawaianas.[47] Os xuvenís e os que acaban de eclosionar teñen máis depredadores, entre os que están cangrexos, pequenos mamíferos mariños e aves, como as limícolas.[7] Varios animais poden comer os ses ovos. Por exemplo, en Turquía, os seus ovos son vulnerables á predación polo raposo (Vulpes vulpes) e o chacal dourado (Canis aureus).[48]
As tartarugas verdes migran ao longo de grandes distancias desde as súas áreas de alimentación ata as de aniñación; algunhas nadan máis de 2600 km para chegar ás zonas de desove. As tartarugas maduras a miúdo tornan exactamente á mesma praia na que naceron. As femias xeralmente aparéanse cada dous a catro anos. Os machos, visitan as áreas de reprodución cada ano para intentar aparearse.[49] A temporada de apareamento varía segundo as poboacións. Para a maioría das C. mydas do Caribe, a temporada de apareamento é desde xuño a setembro.[19] As subpoboacións da Güiana Francesa aniñan de marzo a xuño.[28] Nos trópicos as tartarugas verdes aniñan durante todo o ano, aínda que algunhas subpoboacións prefiren épocas determinadas do ano. En Paquistán, as tartarugas do océano Índico aniñan todo o ano, mais prefiren os meses de xullo a decembro.[41]
O apareamento das tartarugas verdes é similar ao doutras tartarugas. As femias das tartarugas controlan o proceso. Unhas poucas poboacións practican a poliandria, aínda que isto non parece que beneficie ás crías.[50] Despois de aparearse na auga, a femia diríxese á praia e ascende ata máis alá do límite da marea alta, onde cava un burato coas súas aletas traseiras e deposita nel os ovos. Nas tartarugas mariñas o tamaño da posta depende da idade da femia e da especie, e varía entre 100 e 200 ovos. Despois, a femia cobre o niño con area e volve ao mar.[7]
Entre 100 e 150 días despois, os ovos eclosionan durante a noite, e as crías diríxense por instinto directamente á auga. Este é o período máis perigoso na vida das tartarugas, xa que os depredadores (gaivotas, cangrexos) están agardando para comelas. Unha porcentaxe significativa nunca chega ao océano. Sábese pouco da parte inicial da vida das tartaruguiñas neonatas.[19] Os xuvenís pasan de tres a cinco anos en mar aberto antes de establecerse como xuvenís inmaturos no seu estilo de vida permenente en augas pouco profundas.[44][45] Especúlase que tardan de vinte a cincuenta anos en chegar á madurez sexual. Os individuos viven ata oitenta anos na natureza.[7] Estímase que só o 1% das crías chegan á madurez sexual.[51]
Como exemplo, cada ano na Illa da Ascensión no Atlántico Sur, as femias de C. mydas cavan de 6.000 a 25.000 niños. Estas están entre as tartarugas verdes de maior tamaño do mundo; moitas de máis dun metro de lonxitude e dun peso de ata 300 kg.[52]
As tartarugas pasan case toda a súa vida mergulladas, pero deben respirar aire para obter o oxíxeno que precisan para a súa vigorosa actividade. Cunha soa exhalación explosiva e unha rápida inhalación, as tartarugas mariñas poden substituír rapidamente o aire dos seus pulmóns. Os seus pulmóns permiten un rápido intercambio de oxíxeno e impiden que os gases queden atrapados durante as inmersións profundas. O sangue das tartarugas mariñas poden ceder o oxíxeno eficientemente aos tecidos do seu corpo mesmo ás presións que hai durante as súas inmersións. Durante a actividade de rotina, as tartarugas mariñas verde e a común (Caretta caretta) mergúllanse durante tempos que van de 4 horas a só cinco minutos, e van á superficie a respirar durante só de 1 a 3 segundos.
As tartarugas poden descansar ou durmir baixo a auga durante varias horas seguidas, pero o tempo en que permanecen mergulladas normalmente é moito menor cando nadan ou escapan dos predadores. A capacidade de aguantar sen respirar depende da actividade e do estrés, o que explica por que os arrastreiros e outros pesqueiros capturen moitas veces tartarugas que chegan ao barco afogadas.[23]
O xenoma de Chelonia mydas foi secuenciado en 2013 para examinar o seu desenvolvemento e a evolución do plan corporal da tartaruga.[53]
Historicamente, a pel das tartarugas era curtida para fabricar bolsos de man, especialmente en Hawai.[35] Na Antiga China a carne das tartarugas mariñas considerábase unha delicia culinaria, especialmente a de C. mydas.[54] A carne, graxa e cartilaxes das tartarugas mariñas, especialmente as desta especie, búscanse como ingredientes para facer a sopa de tartaruga, un prato que foi popular en Norteamérica no século XIX.[18]
En Xava, Indonesia, os ovos de tartaruga mariña son unha delicia popular. Porén, a carne de tartaruga é considerada ḥarām ou "impura" na lei Islámica (o islam é a relixión principal en Xava). En Balí, a carne de tartaruga era un elemento salientable nos banquetes relixiosos e cerimoniais. As tartarugas capturábanse nas partes remotas do arquipélago indonesio.[55] Balí importou tartarugas mariñas desde a década de 1950, xa que as súas poboacións de tartarugas quedaron decimadas.[56] En Balí recóllense e véndense ovos de tartaruga.
Nalgúns lugares creáronse granxas comerciais de tartarugas, como as granxas de tartarugas das illas Caimán no Caribe, que antes as criaban para comercializar a carne, aceite (obtido da graxa), coiraza e pel. A granxa iniciouse en gran parte con ovos que estaban "condenados" á destrución porque foran recollidos de niños ameazados pola erosión, inundacións, ou estaban en solos quimicamente hostís.[57] As granxas chegaron a criar unhas 100.000 tartarugas. Cando os mercados internacionais foron pechados polas regulacións que non permitían a exportación internacional de produtos de tartaruga criados en granxas, a granxa pasou a ser esencialmente unha atracción turística na que se criaban 11.000 tartarugas.[58][59]
As tartarugas son unha parte integral da historia e cultura das illas Caimán. Cando as illas foron descubertas por Cristovo Colón en 1503, el nomeounas "Las Tortugas" debido á abundancia nas súas augas de tartarugas mariñas.[60] Moitos dos primeiros visitantes viñan ás illas Caimán para capturaren as tartarugas como fonte de carne fresca durante as súas longas viaxes marítimas. A tartaruga verde é un símbolo nacional que forma parte do escudo de armas das Illas Caimán, que tamén forma parte da bandeira das illas Caimán. Nos billetes de banco do paìs aparece tamén a tartaruga.[61] Un debuxo dunha tartaruga estilizada, chamada "Sir Turtle" é a mascota das liñas aéreas Cayman Airways.[62]
Nos campos de lava Pu'u Loa da illa grande de Hawai hai un ki' pohaku (petróglifo) representando unha tartaruga. A tartaruga verde (chamada honu en Hawai) sempre tivo un especial significado para os hawaianos e este petróglifo data de cando as illas empezaron a ser poboadas. A tartaruga simboliza un navegante que sempre encontra o seu camiño a casa, como fan as tartarugas que nadan ás veces miles de quilómetros para poñer os seus ovos nas mesmas praias onde naceran. Aínda que hai varios mitos ao respecto, algunhas lendas hawaianas relatan que o honu foi o primeiro que guiou aos polinesios ata as illas Hawai. Os hawaianos reverencian á tartaruga e á lenda de Kailua, unha tartaruga que podía tomar a forma dunha moza. Cando adoptaba forma humana, observaba aos nenos xogando na praia de Punalu'u.[63]
Nas últimas décadas as tartarugas mariñas pasaron de ser explotadas sen restricións a unha protección global, na que os distitnos países proporcionan protección legal adicional, aínda que seguen tendo que afrontar grandes ameazas.
As actividades humanas supoñen ameazas tanto intencionadas coma non para a supervivencia da especie. Entre as ameazas intencionadas están a caza legal ou furtiva, e a recollida de ovos. Máis perigosas son as ameazas non intencionadas, como golpes contra embarcacións, redes de pesca que carecen de dispositivos para excluír tartarugas, a polución e a destrución do hábitat. A contaminación química pode orixinar tumores;[64] as verteduras dos portos cerca dos lugares de aniñación poden crearlles diversos trastornos; e a polución lixeira pode desorientar ás crías. A perda de hábitats xeralmente ocorre debido ao desenvolvemento humano nas áreas de aniñación. As construcións na liña de praia, a "recuperación" de terras ou gañar terreo ao mar e o incremento do turismo son exemplos dese desenvolvemento.[7][8] Unha doenza infecciosa causante de tumores chamada fibropapilomatose, é tamén un problema nalgunhas poboacións. A enfermidade mata a unha fracción significativa dos infectados, aínda que tamén hai individuos resistentes.[35][65][66] Debido a todas estas amezazas, moitas poboacións están en estado vulnerable.
As áreas de alimentación das tartarugas verdes do Pacífico coñécense pouco e a maioría non se coñecen en absoluto.[67] Estas áreas de alimentación están situadas probablemente ao longo da costa de Baixa California (México) e no sur de California (EUA),[68] e nelas as tartarugas teñen o risco de converterse nunha captura accidental dos pescadores costeiros. O principal factor de mortalidade para estas tartarugas son os arrastreiros que pescan camaróns de México, nos cales moitas destas capturas de tartarugas non son rexistradas.[68] A única área de alimentación que foi identificada é a Baía de San Diego, a cal está moi polucionada con metais pesados e PCBs.[68] Estes contaminantes teñen un efecto negativo no medio ambiente oceánico, e causan lesións e ás veces mortalidade.[68] As tartarugas verdes tamén están ameazadas pola inxestión de plásticos ou verse enredadas en plásticos.[68][68]
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) incluíu repetidamente a tartaruga verde na súa Lista Vermella baixo diferentes criterios. En 1982, clasificárona oficialmente como especie en perigo.[69] Nas edicións de 1986,[70] 1988,[71] 1990,[72] 1994,[73] e a edición de referencia de 1996 da Lista vermella da IUCN, seguía incluíndose a especie.[74]
En 2001, Nicholas Mrosovsky fixo unha petición para que se retirase da lista a especie, argumentando que algunhas poboacións de tartaruga verde eran grandes, estables e nalgúns casos estaban en aumento. Daquela, as especie estaba na lista clasificada baixo o estrito criterio EN A1abd. O Subcomité de Peticións e Estándares da IUCN tiña a norma de que os recontos visuais de femias aniñando non podían considerarse "observación directa" e así mantiveron á tartaruga no status de en perigo.[75]
En 2004, o IUCN reclasificou C. mydas como "en perigo" baixo o criterio EN A2bd, que establece esencialmente que as poboacións silvestres están en alto risco de extinción debido a varios factores. Estes factores inclúen unha probable redución da poboación de máis do 50% con respecto á década anterior como se estimaba polos índices de abundancia e polas proxeccións dos niveis de explotación.[76]
En 2007, C. mydas foi incluída no Apéndice I da lista da Convención sobre o Comercio Internacional en Especies en Perigo (CITES) como membro da familia Cheloniidae.[77] A especie estaba na lista orixinalmente no Apéndice II en 1975. A familia enteira pasouse ao Apéndice I en 1977, coa excepción da poboación australiana de C. mydas. En 1981, a poboación australiana uniuse ás demais. Isto significa que é ilegal importar, exportar, matar, capturar ou acosar as tartarugas verdes.[78]
A poboación mediterránea está na lista como en perigo crítico.[7][18] As subpoboacións do leste do Pacífico, Hawai e sur de California están consideradas como ameazadas. As subpoboacións especificamente mexicanas están incluídas na lista como en perigo. A poboación de Florida considérase en perigo. O World Wide Fund for Nature considera ás poboacións de Paquistán como "raras e en declive".[42]
Ademais da xestión desta especie realizada por organismos internacionais como a IUCN e a CITES, determinados países están levando a cabo esforzos de conservación.
Os usos tradicionais das tartarugas en Balí eran antes considerados sostibles, pero isto despois foi cuestionado dado o incremento da demanda por parte da crecente poboación humana. A explotación era a máis intensa no mundo.[55] En 1999, Indonesia restrinxiu o comercio de tartarugas e o seu consumo debido á diminución da pobaoación destes animais e a unha ameaza de boicot turístico. Rexeitouse unha petición feita polo gobernador de Balí I Made Mangku Pastika en novembro de 2009 de establecer unha cota de captura de 1.000 tartarugas que se matarían en cerimonias relixiosas hindús. Aínda que os conservacionistas respectan a necesidade de ter tartarugas para usalas nos rituais, desexaban unha cota menor.[79]
O ecotourismo é unha iniciativa emprendida en Sabah, Malaisia. Alí, a illa de Pulau Selingan alberga unha instalación para protexer a eclosión dos ovos. Os empregados colocan parte dos ovos depositados polas tartarugas cada noite na instalación para protexelos dos depredadores. A incubación dura uns 60 días. Cando os ovos eclosionan, os turistas axudan á liberación das tartaruguiñas no mar.[80] Nos Estados Unidos, o Servizo de Caza e Pesca dos Estados Unidos e o Servizo Nacional de Pesca Mariña clasifica a C. mydas como especie ameazada baixo a Lei de Especies en Perigo,[81] o que fai que sexa un delito federal que unha persoa non autorizada se acerque a uns 3 metros, moleste, capture ou mate unha destas tartarugas. Debido a esta lei, a subpoboación hawaiana experimentou un significativo aumento e é agora o foco do ecoturismo e converteuse nunha especie de mascota do estado. Os estudantes da Academia Preparatoria de Hawaii na illa Grande de Hawai levan etiquetado miles de espécimes desde inicios da década de 1990.[35] No Reino Unido a especie está protexida polo Plan de Acción da Biodiversidade, debido a un exceso de capturas e á polución mariña.[82] A rama paquistaní do World Wide Fund for Nature leva a cabo proxectos para asegurar a eclosión das tartarugas desde a década de 1980, pero aínda así a poboación continuou declinando.[8]
No Atlántico as iniciativas de conservación céntranse nos sitios de aniñación no Caribe. Nas praias de aniñación de Tortuguero en Costa Rica hai un límite para a recolección de ovos pola poboación desde a década de 1950. O Parque Nacional de Tortuguero estableceuse en 1976, en parte para protexer eses terreos de aniñación.[26] Na illa de Ascensión, que alberga algunhas das praias de aniñación máis importantes, estase a aplicar un activo programa de conservación.,[83] O grupo naturalista uruguaio Karumbé (tartaruga en guaraní) monitorizou as áreas de alimentación e de desenvolvemento dos individuos xuvenís da especie no Uruguai desde 1999.[84]
A Granxa de Tartarugas de Caimán está localizada na illa de Gran Caimán no Caribe e é a primeira granxa que obtivo unha segunda xeración de tartarugas verdes que se aparearon, puxeron ovos, eclosionaron e criaron en catividade.[85] Desde aos seus comezos en 1968, a granxa liberou unhas 31.000 tartarugas na natureza,[60] e cada ano libera no mar Caribe a máis tartarugas criadas en catividade.[86] As tartrugas que se liberaron cando eclosionaron ou como individuos dun ano marcados con "etiquetas vitais", empezan agora a retornar para aniñar na Gran Caimán como adultos.[87][88] En 2012 a granxa liberou a primeira segunda xeración criada en catividade cun transpondedor para o rastrexo da posición ou PTT (tamén chamado etiqueta por satélite).[89] Ademais, a granxa proporciona carne de tartaruga á poboación local para a cal a tartaruga foi parte da súa cociña tradicional desde hai séculos, o que reduce a captura furtiva de tartarugas no medio natural,[90] o que axuda ao incremento observado da poboación de tartarugas detectadas nas augas que rodean a illa de Gran Caimán e o desove nas súas praias.[91]
No Pacífico, as tartarugas verdes aniñan nos motu (illotes) da Área de Conservación de Funafuti no atol de Funafuti en Tuvalu.[92]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.