introdución de substancias que provocan que un medio sexa inseguro From Wikipedia, the free encyclopedia
A contaminación é a introdución de substancias ou outros elementos físicos nun medio que provocan que este sexa inseguro ou non apto para o seu uso;[1] é dicir, calquera substancia ou forma de enerxía con potencial para provocar danos, irreversibles ou non, nese medio. Ese medio pode ser desde un ecosistema, ata un hábitat ou un ser vivo. O contaminante pode ser unha substancia química ou enerxía (como son, calor, luz ou radioactividade).
É sempre unha alteración negativa do estado natural do ambiente, e polo xeral, xérase como consecuencia da actividade humana considerándose unha forma de impacto ambiental.
A contaminación pode clasificarse segundo o tipo de fonte de onde provén, ou pola forma de contaminante que emite ou medio que contamina. Existen moitos axentes contaminantes entre eles as substancias químicas (como praguicidas, cianuro, herbicidas e outros.), os residuos urbanos, o petróleo, ou as radiacións ionizantes. Todos estes poden producir enfermidades, danos no ambiente ou nos ecosistemas. Ademais existen moitos contaminantes gaseosos que xogan un papel importante en diferentes fenómenos atmosféricos, como a xeración de choiva ácida, o enfraquecemento da capa de ozono, e o cambio climático.
Hai moitas formas de combater a contaminación, e lexislacións internacionais que regulan as emisións contaminantes dos países que adhiren estas políticas. A contaminación está xeralmente ligada ao desenvolvemento económico e social. Actualmente moitas organizacións internacionais como a ONU sitúan ao desenvolvemento sustentable como unha das formas de protexer aos ecosistemas e preservalos para as actuais e futuras xeracións.
En función do medio afectado
Contaminación atmosférica. Debida ás emisións atmosféricas. Os contaminantes principais son os produtos de procesos de combustión convencional en actividades de transporte, industriais, xeración eléctrica e calefacción doméstica, a evaporación de disolventes orgánicos e as emisións de ozono e freóns.
Contaminación do medio hídrico. Presenza de contaminantes na auga (río ou mar). Os contaminantes principais son os idoidos industriais (presenza de metais e evacuación de augas a elevada temperatura) e augas servidas (saneamento de poboacións).
Contaminación do solo. Presenza de contaminantes no solo, principalmente debidos a actividades industriais (almacéns, verteduras ilegais), vertedura de refugallos sólidos urbanos, produtos fitosanitarios empregados en agricultura (abonos e fertilizantes químicos) e xurros das actividades gandeiras.
Contaminación do espazo. Basicamente debida ós refugallos espaciais, que, debido ás grandes velocidades que se manexan no espazo, son perigosos dende dimensións ínfimas.[5]
En función da natureza do contaminante
Contaminación química: Calquera das comentadas nos apartados anteriores. Un determinado composto químico introdúcese no medio.
Contaminación térmica: Emisión de fluídos a elevada temperatura; pódese producir en cursos de auga. O incremento da temperatura do medio diminúe a solubilidade do osíxeno na auga.
Contaminación acústica: A debida ó ruído provocado polas actividades industriais, sociais e do transporte, que pode provocar malestar, irritabilidade, insomnio etc.
Contaminación lumínica: Brillo ou resplandor de luz no ceo nocturno producido pola reflexión e a difusión da luz artificial nos gases e nas partículas do aire polo uso de luminarias ou excesos de iluminación, así como a intrusión de luz ou de determinadas lonxitudes de onda do espectro en lugares non desexados.Afecta a medios transparentes ou traslúcidos, como a atmosfera e a agua. Así, a contaminación lumínica está no punto de mira das entidades adicdas á astronomía.
Contaminación ou impacto visual: Xeralmente de instalacións industriais, edificios e infraestruturas, consistente no afeamento do medio.
Contaminación por partículas. Importante na atmosfera, no século XXI preocupa tamén a nivel do espazo exterior, sendo un perigo que se incrementa día a día de cara a futuros lanzamentos espaciais.[5]
En función da extensión da fonte
Contaminación puntual: Cando a fonte se localiza nun punto. Por exemplo, as chemineas dunha fábrica ou un sumidoiro.
Contaminación lineal: A que se produce ó longo dunha liña. Por exemplo a contaminación acústica e química polo tráfico dunha autoestrada.
Contaminación difusa: A que se produce cando o contaminante chega ó ambiente de forma distribuída, non localizada. A contaminación de solos e acuíferos polos fertilizantes e pesticidas empregados na agricultura é deste tipo. Tamén é difusa a contaminación dos sollos cando a chuvia arrastra ata alí contaminantes atmosféricos, como pasa coa chuvia ácida.