O adxectivo peláxico refírese ás zonas do mar moi distantes da terra, ou aos seres que viven nas zonas máis profundas do mar.[1]
O termo deriva do grego antigo πέλαγος pélagos, "mar aberto", é dicir, a parte dos océanos que están sobre a zona peláxica, ou sexa, a columna de auga do océano que non está sobre a plataforma continental. Os organismos que habitan esta área denomínanse, por tanto, peláxicos.
En ecoloxía e hidroloxía a columna de auga é unha columna conceptual de auga que se estende desde a superficie dun mar, un río ou un lago até o sedimento do fondo.[2]
En contraste, a zona demersal comprende as augas achegadas á costa. Este último nome deriva do latín demergere, "somerxer", por ser a zona onde se pode un percibir o fondo para mergullarse.
Denomínase zona abisal ou zona abisopeláxica a un dos niveis nos que está dividido o océano segundo a súa profundidade; está por debaixo da zona batial ou zona batipeláxica, e por riba da zona hadopeláxica ou zona hadal, e corresponde ao espazo oceánico entre os 3 000 e os 6 000 m de profundidade. É unha zona escura, onde a luz solar non chega.
Divisións
Esta zona divídese nun número de subzonas, baseadas nas súas diferentes características ecolóxicas (que, máis ou menos, indican a súa profundidade):
- Zona epipeláxica (desde a superficie até os 200 m, aproximadamente). É a zona onde hai suficiente luz para realizar a fotosíntese e, por tanto, onde están moi concentrados os animais e as plantas, polo que tamén se denomina zona fótica. Aquí tipicamente encontramos peixes como o atún e moitos tiburóns.
- Zona mesopeláxica (dos 200 m até os 1 000 m, aproximadamente). É a zona de penumbra. Aínda que penetra un pouco de luz até esta profundidade, esta é insuficiente para a fotosíntese. o nome vén do prefixo grego μέσον, méson, "intermedio.
- Zona antropeláxica (1 000 m, aproximadamente). É unha zona de transición; nalgunhas fosas existe presenza de material orgánico, pero non existen vexetais vivos.
- Zona batial ou batipeláxica (dos 1 000 m até os 4 000 m. aproximadamente) O nome deriva do grego βάθος báthos, "profundidade", e de βαθύς bathýs, "profundo". A esta profundidade o océano está practicamente en completa escuridade (só con excepción da ocasional bioluminescencia dalgúns organismos). Non hai plantas vivas, e a maioría dos animais sobreviven consumindo a chamada neve mariña (que cae dos niveis superiores), ou depredando a outros. As luras xigantes viven neste nivel, e son cazadas polos cachalotes.
- Zona abisal, o abisopeláxica (dos 4 000 m até o leito mariño). Nesta zona non hai luz, e a maioría dos seus habitantes son cegos e transparentes. O nome vén do grego άβυσσος ábyssos, "abismo", ou sexa, sen fondo (unha reminiscencia dos tempos en que se cría que o océano non tiña fondo).
- Zona hadal ou hadopeláxica (a zona que está dentro das fosas oceánicas). O nome vén do grego ᾍδης Hadēs, Hades, "O Invisíbel", que alude tanto ao antigo inframundo grego como ao deus deste. Esta zona é descoñecida nun 90 %, e coñécense moi poucas especies que vivan aí.
Véxase tamén
Outros artigos
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.