Remove ads
especie de molusco From Wikipedia, the free encyclopedia
O Mytilus galloprovincialis, coñecido vulgarmente en galego como mexillón,[1] ou como mexillón galego,[2] é unha especie de molusco bivalvo mariño da subclase dos pteriomorfios, orde dos mitílidos, superfamilia dos mitiloideos, familia dos mitílidos e subfamilia dos mitilinos, unha das oito integradas no xénero Mytilus.[3]
Mytilus galloprovincialis Mexillón, mexillón galego | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
As dúas valvas de Mytilus galloprovincialis | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Mytilus galloprovincialis Lamarck, 1819 |
É unha especie invasora en moitas partes do mundo (está incluída na Lista das 100 especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo),[4][5] e tamén obxecto de culivo intensivo, a denominada mitilicultura.
A especie foi descrita en 1819 polo naturalista francés Jean-Baptiste Lamarck,[6][7] na súa obra Histoire naturelle des animaux sans vertèbres. Tome sixième, 1re partie. París.
Linneo tomou o nome Mytilus do latín posclásico mytilus, variante do latín clásico mītulus, "mexillón", á súa vez derivado do grego helenístico μίτλος mítlos, derivado do grego antigo μυτίλoς mytílos, co mesmo significado.[8][9]
O epíteto específico, galloprovincialis, refírese á provincia do Imperio romano Gallia Narbonensis, que comprendía o sueste da Galia.
Ademais de mexillón, o nome máis empregado, e o recomendado pola Real Academia Galega, e o de mexillón galego, utilizado en contextos en que se precisa diferenciar doutras especies de mexillóns, nos portos galegos úsanse numerosísimas denominacións para este molusco, como se pode ver no monumental traballo de Ríos Panisse.[10]
Durante moitos anos considerouse a especie Mytilus galloprovincialis como conespecífica con Mytilus edulis. Hai pequenas diferenzas entre elas na forma da cuncha e na cor do bordo do manto; e aínda hoxe para algúns autores a súa separación en dúas especies distintas non está debidamente xustificada, dado que en zonas onde conviven xuntas ambas as especies prodúcense hibridacións.[11]
Xa en 1957 Hepper identificou o M. galloprovincialis na costa sur de Inglaterra, identificación que foi confirmada por outros autores. No caso concreto do mexillón galego, estudos xenéticos levados a cabo por investigadores das universidades de Santiago e de Vigo a partir de 1970, corroboraron que a especie presente nas nosas costas —coma no resto das costas españolas— era o M. galloprovincialis e non M. edulis, como se admitía até entón.[12]
Realmente este problema afecta a un grupo de (polo menos) tres taxons de mexillóns estreitamente relacionados, coñecido como "o complexo Mytilus edulis". Colectivamente ocupan ambas as costas do Atlántico Norte (incluído o Mediterráneo) e do Pacífico Norte en augas desde temperadas a polares,[13] así como costas de natureza similar do hemisferio sur. A distribución dos taxons compoñentes foi modificada recentemente como resultado da actividade humana (especies invasoras). Estes taxons poden hibridarse entre si, se están presentes na mesma localidade.
O complexo constitúeno:
É orixinario das costas mediterráneas e do mar Negro, e das do Atlántico, en España, Portugal, norte de Francia, illas Británicas e Noruega. Recentemente esta especie tamén se encontrou no Ártico europeo, incluíndo o norte de Noruega e as illas Svalbard.[15]
Pero estableceuse en numerosos lugares das rexións temperadas de todo o mundo, debido a introducións polos humanos, e tamén a través dos cascos de barcos e ao desaugamento de auga de lastre. Esta difusión tivo un grande impacto sobre as comunidades de mexillóns autóctonos de ditas zonas.[5]
No Pacífico Norte a especie atópase ao longo da costa de California, onde foi introducida desde Europa pola actividade humana a principios do século XX, e tamén na rexión Puget Sound do Estado de Washington, onde é obxecto de acuicultura.[16] Tamén está presente como especie invasora na costa asiática e en todo o Xapón, incluíndo as illas Ryukyu, así como en Corea do Norte,[17] e ao redor de Vladivostok na Federación Rusa.
Mytilus galloprovincialis tamén está presente como liñaxe nativa en partes do hemisferio sur. Ademais hai poboacións introducidas recentemente desde o norte pola actividade humana. Estas liñaxes distínguense polos caracteres xenéticos. Non había poboacións orixinais de Mytilus en Suráfrica, pero M. galloprovincialis foi introducido desde Europa en 1984, e agora é o mexillón intermareal dominante na costa occidental. A súa distribución abrangue unha área desde a fronteira con Namibia até Port Alfred (provincia do Cabo Oriental).[18] M. galloprovincialis tamén se encontra en Nova Zelandia, Australia e Suramérica.
Este animal alcanza até os 140 mm de lonxitude. É un mexillón de cuncha lisa cunha base lixeiramente máis ampla que a de Choromytilus meridionalis, co que adoita confundirse en Suráfrica. A súa cuncha é de cor azulada ou negra,[11][5] pero pode ter unha tonalidade parda clara.[19] Ás veces presenta bandas amarelas, e son raros os espécimes co exterior da cuncha de cor clara.[11]
É moi semellante a Mytilus edulis, do que o separan os seguientes caracteres:[20]
A cuncha, globosa, ovoidea, ten as dúas valvas simétricas, sen dentes nos bordos ou só con esbozos deles. En Galicia alcanza os 120 mm de lonxitude, aínda que os exemplares que viven nas rochas da costa, na rexión intermareal, non alcanzan o tamaño dos que viven nas bateas. Poden encontrarse tamén na rexión infralitoral, entre grandes algas e fixados ás pedras, podendo nestes fondos acadar un gran tamaño, e teñen unha forma moi irregular e son máis anchos. Nas costas expostas é moi abundante, aparecendo en piñas nas fendas das rochas; estes espécimes son máis pequenos que os que viven no fondo, e moito máis pequenos que os que se cultivan nas bateas.[11]
A cor das valvas é azulada ou moura, ás veces con bandas amarelas, sendo raros os espécimes de cuncha de cor clara. Existen moitas formas desta especie, que varían segundo o hábitat e a súa distribución xeográfica.[11]
O animal (a parte que se come), e que en gastronomía se denomina vianda, está totalmente cuberto por un gran manto de cor alaranxada clara co bordo negro. O pé é pequeno, e dispón dunha glándula que segrega uns finísimos filamentos adhesivos que constitúen o biso, co que o animal se fixa ás rochas ou a outros substratos duros.[11]
Mytilus galloprovincialis pode ser afectado polas seguintes enfermidades:[20]
Porén, ningunha destas enfermidades causa danos serios ao cultivo de M. galloprovincialis.[20]
As especies asociadas que se encontran nos bancos naturais de mexillón son aquelas que viven nas praias intermareais rochosas, tales como algúns cirrípedos (Balanus sp.) e algas (Enteromorpha sp.). Entre os depredadores do mexillón están os cangrexos, (como Carcinus maenas), as estrelas de mar (como Asterias rubens) e varias especies de aves mariñas.[20]
As especies asociadas que colonizan os mexillóns que crecen sobre as cordas suspendidas das bateas, fano por medio de larvas planctónicas ou que se arrastran lentamente, e que corresponden a crustáceos tales como o decápodo Pisidia longicornis, anfípodos (como Phtisica marina e Eurystheus maculates), ascidias (como Ascidiella aspersa e Ciona intestinalis) e especies incrustantes tales como balánidos e vermes poliquetos (como Elminius modestus e Pomatoceros sp.). Estes organismos compiten entre eles polo espazo e polo alimento, e algúns poden invadir as cunchas dos mexillón. O dano causado por cangrexos e estrelas de mar é leve, pero ocasionalmente A. rubens e Nucella lapillus, un gasterópodo, poden encontrarse sobre as cordas. Algúns peixes, tales como o sargo, Diplodus sargus, e a dourada, Sparus aurata, da familia dos espáridos, ocasionalmente danan aos mexillóns adultos rompéndolles a cuncha e, ademais, tamén comen a mexilla.[20]
A miticultura,[21] ou mitilicultura,[22] é o cultivo industrial do mexillón, unha actividade marisqueira dirixida e controlada polo ser humano sobre artefactos flotantes, denominados bateas, fondeados nas augas costeiras. Na actualidade é unha das principais actividades económicas de numerosas poboacións da costa galega, especialmente nas rías Baixas.
Mexillón de Galicia é a denominación de orixe protexida desta especie en Galicia, que se produce en bateas nun espazo marítimo delimitado nas rías galegas de Ares-Sada, Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo.[23]
A produción de mexillóns de Galicia constitúe o 80 % da produción da acuicultura mariña española. O sector mexilloeiro galego, con máis de 3 300 bateas, xera uns 11 500 postos de traballo directos (dos cales 8 500 son fixos) e 7 000 indirectos, e un volume de facturación anual que oscila entre os 120 e os 150 millóns de euros.
O coñecemento do xenoma do mexillón galego permitirá axudar a protexer e mellorar este recurso e outros de natureza similar. Isto poderá valer, entre outras cousas, para domesticar e mellorar este recurso, de momento unha especie salvaxe, e para encontrar respostas ao problema das toxinas que paralizan periodicamente o sector.[24]
A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia concedeu unha axuda para secuenciar o xenoma do mexillón galego a un grupo do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Vigo,[25] e a outro da Universidade de Vigo,[26], que utilizarán liñas de mexillón criadas no IIM CSIC a partir de mexillóns das rías galegas para illar, extraer e cuantificar o ADN xenómico tanto do núcleo como das mitocondrias, empregando protocolos establecidos nos seus propios laboratorios.
Investigadores do CSIC e da Universidade de Vigo lograron obter unha primeira versión do xenoma do mexillón galego, que é o primeiro paso para iniciar o estudo dos xenes deste molusco até alcanzar a súa secuenciación e anotación completa; estas primeiras investigacións, publicadas na revista SCI PLOS ONE, son froito de 5 anos de traballo conxunto entre o Grupo de Filoxenómica da UVIGO e do Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas da cidade viguesa. Así, descubriuse que o xenoma do mexillón galego é moi complexo (consta de 1400-1900 pares de bases), cun alto contido de secuencias repetidas e un elevado número de polimorfismos. En comparación cos xenomas doutros moluscos, identificáronse un maior número de xenes con funcións adaptativas, como a destoxificación e o mantemento de estruturas ciliares.[27]
Existen referencias relativas á presenza de Mytilus galloprovincialis nas costas da Península Ibérica desde hai máis de 100 millóns de anos, como acreditan os fósiles encontrados no Parque Rexional de El Valle y Carrasco e na Rexión de Murcia, e restos de bivalvos poden encontrarse na práctica totalidade dos sedimentos mariños existentes desde o triásico medio até o cuaternario. Destacan, pola súa concentración, os bancos e arrecifes de ruditas do cretáceo inferior e as acumulacións de grandes ostreidos e pectínidos durante o mioceno superior. Do seu consumo, encontráronse restos procedentes do paleolítico, como os da Cueva de los Aviones ou da Cueva de los Mejillones, descuberta en 1978 no cabo de Palos, onde se identificaron fragmentos de arpóns fabricados con ósos de cervo e dardos, procedentes do ano 4.500 a.C., que eran empregados nos labores pesqueiros e de marisqueo.[28]
En Galicia, os celtas, no século VIII a.C. xa tiñan o costume de baixar á costa na baixamar para recolectaren mexillóns e outros moluscos das rochas para o seu consumo. Os romanos foron os seus primeiros cultivadores, recolectándoos do medio e transportándoos a criadeiros artificiais. Apicio, gastrónomo romano do século I d.C., preparaba unha receita consistente na elaboración dunha salsa con garum, porro picado, comiño, viño de pasas, Satureja montana (planta aromática da familia das Lamiaceae), viño e auga, na que introducía os mexillóns para a súa cocción. Máis cerca dos nosos días, o galego Francisco Martínez Motiño, xefe de cociña de Filipe II, que foi rei de España, Sicilia e Sardeña, e que mantivo o cargo até o reinado de Filipe IV, introduciu nos menús da corte o mexillón, que era levado até Castela en barrís procedentes do porto de Aveiro. Xa no século XVIII, o rexedor da Coruña, José Cornide Saavedra, xa dicía do mexillón que «a súa carne, despois da da ostra, é a mellor». Nesta época, o mexillón procedía de parques ou zonas determinadas, suxeitas a un réxime de concesión que ostentaban algunhas familias.[28]
A evidencia máis temperá de consumo de mexillóns en Galicia está datada no século IV a.C., cando os nativos deixaron grandes depósitos de cunchas de moluscos bivalvos, entre eles de mexillóns. Estes depósitos, denominados concheiros,[29] encontráronse tamén cerca dos pobos romanizados do século I, como os atopados no castro de Baroña, e subministran informacións de gran valor arqueolóxico.[20]
Tamén hai constancia de que, no século XVI, xente de Portugal ía a Cambados, na ría de Arousa, para recolectaren mexillóns, ameixas e berberechos.[20]
Os mexillóns fixéronse importantes en España cando comezou a cultivarse ao comezo do século XX. Os primeiros cultivos realizáronse nas provincias de Tarragona e Barcelona en 1901 e 1909, respectivamente, usando postes de madeira chantados no fondo do mar, similares aos usados en Francia. Despois dos primeiros ensaios, este sistema foi abandonado e comezou o uso de estruturas flotantes: as bateas. En 1914, solicitouse estabelecer un criadeiro flotante no porto de Barcelona.[30] Nese tempo, as poboacións naturais de mexillóns nas rías galegas usábanse principalmente como fertilizante en agricultura e, a escala limitada, como alimento.[20]
Na Exploración científica de las costas del departamento marítimo de Ferrol de Mariano de la Paz Graell de 1870 contradícense estudos anteriores do seu inicio de cultivo no Mediterráneo, o seu uso só como fertilizante.
Dende 1876 hai referencias da súa venda e uso como cebo.[31]
O "Diccionario gallego : el más completo en términos y acepciones de todo lo publicado hasta el día" de Juan Cuveiro de 1876 di del que é comestíble e de bo gusto[32]. Outro dicionario, o "Diccionario Gallego-Castellano" de Marcial Valladares de 1884 cítao como comestible pero pouco saudábel[33] .
En 1892 envorca unha dorna de Palmeira por levar unha carga excesiva de mexillón entre San Vicente e Sálvora[34] Tamén se fala dos mexillón en escabeche en 1885.
En 1903 citase nos menús das cenas de Carnaval en Pontevedra[35]
En 1907 e 1908 aparecen noticias da súa importancia na alimentación de vilas costeiras como Sanxenxo [36][37] e xa para a industria conserveira.
A primeira batea de Galicia instalouse en 1945 na ría de Arousa, e o seu construtor foi Afonso Ozores Saavedra, perfeccionando experiencias da costa catalá.[38]
A partir de 1946 xeneralizouse o cultivo do mexillón en bateas en Galicia e, ao cabo de poucos anos, a produción aumentou considerabelmente. As primeiras bateas consistían en estruturas cadradas de madeira sustentadas por un flotador central; tamén se usaban antigos barcos pesqueiros restaurados e adaptados, que sostiñan estruturas de madeira das que os (mitilicultores) colgaban cordas de esparto, nas cordas fixaban a semente do mexillón, chamada mexilla,[10] e, cando os mexillóns alcanzaban o tamaño comercial, recolectábanos a man ou cunha roda especial. Máis adiante, os antigos barcos foron substituídos por estruturas de madeira cadradas ou rectangulares que soportaban pequenas casetas. A flotación lográbase con flotadores de madeira envoltos en redes de arame e revestidos con cemento. Hoxe en día, quedan unhas poucas bateas antigas, pero a maioría das novas constrúense con madeira de eucalipto.[20]
Na actualidade (2020), Galicia é a primeira potencia mundial en cultivo e comercialización de Mytilus galloprovincialis, situada en segundo lugar, detrás da China en canto á produción e extracción deste bivalvo,[20] pero hai que ter en conta que este país oriental emprega gran parte da súa produción para a piscicultura (como alimento dos peixes).[38]
Actualmente hai 3 337 bateas, a maior parte delas na ría de Arousa. Producen anualmente máis de 250 000 toneladas de mexillón, o que supón un 40 % da produción europea deste bivalvo. A súa explotación é familiar, cunha media de 1,8 bateas por familia.[38] Os bateeiros galegos comercializaron o ano 2017 case 267 000 toneladas de mexillón, cun valor en primeira venda de 122 millóns de euros. Isto representa un incremento respecto a 2016 preto das 28 000 toneladas e os 13 millóns de euros.[39]
Galicia consolídase así como potencia acuícola mundial, xa que o valor económico da acuicultura de Galicia superou no 2017 os 207,6 millóns de euros de facturación, cun volume de produción de cerca de 279 000 toneladas de peixes e mariscos. A dicir da Xunta de Galicia, son «os mellores resultados rexistrados desde 2009, cun incremento dun 20 % en facturación e de máis dun 15 % en volume de produción». De aí que a Administración autonómica poña especial énfase no cultivo do mexillón en batea, «o máximo expoñente do sector en Galicia».[39]
Desde a súa creación, en 1994, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia traballou pola implantación dunha denominación de orixe protexida (DOP) para o Mexillón de Galicia, que a Unión Europea recoñeceu en 2007 como a primeira da súa categoría aplicada a un produto do mar. «A denominación certificou a calidade e a orixe do mexillón galego; dende o principio traballamos tamén na sostenibilidade, pero faltábanos a súa certificación; ese momento chega agora», indicou Francisco Alcalde, o presidente do Consello, un organismo baixo o que se amparan 2 090 bateas, ao redor de dous terzos das que existen nas rías galegas, e 55 empresas que, en 2018, colocaron no mercado 54 millóns de kg de mexillón acreditado. O Consello tamén está traballando na consecución do "selo azul" do Marine Stewardship Council (MSC), a principal etiqueta internacional de xestión ambiental para produtos mariños.[2]
A sede do Consello en Vilagarcía foi o escenario no que Mexillón de Galicia anunciou o arranque dunha avaliación que medirá o estado das poboacións de Mytilus galloprovincialis, o impacto do seu cultivo no ecosistema e a eficacia da súa xestión. Esta avaliación desenvólvese a través de 29 indicadores que puntúan examinadores independentes, neste caso, Bureau Veritas. A partir de aí, as empresas que desexen sumarse á certificación deberán someterse a un proceso similar, pero centrado na cadea de custodia. Se a nota é positiva, o mexillón galego con denominación poderá comercializarse co seu selo azul.[2]
Que o galego mariscaba desde a prehistoria está documentado, como quedou dito, e como nolo recorda o mestre Álvaro Cunqueiro no seu libro A cociña galega, onde se refire aos concheiros que se atoparon, e se atopan, dende as Cíes até Bares. Tamén di que outra das cousas do mar que tomou gran pulo nos últimos anos foi o mexillón do que di que vai máis para fóra de Galicia do que se come entre nós. Os mexillóns, segundo Cunqueiro, pódense xantar simplemente cocidos, ou en salpicón, ou en escabeche; pódese facer un arroz con eles, —aínda que non recomenda a receita que vén no Picadillo— e que tamén é moi sabedora a empanada, xa sexa de broa ou de pan trigo.[40]
En Bretaña, onde son moi devecidos dos mexillóns, cócenos cun bouquet de herbas e un vasiño de vinagre, e non os salan, senón que lles botan un pouco de pimenta. En París, póñenos gratinados, pro as máis das recetas que corren en Francia son bretonas, os mexillóns á Saint-malo, que levan crema fresca; o gratín de mexillóns de Ponthivre, ou como chaman en bretón "Glas-gwer", que non sei o que quer decir, pro que leva herbas e xema de ovo. En Cataluña son moi apreciados, e moitas veces, en Levante, van aos arroces é ás sopas de peixe.A. Cunqueiro. A cociña galega, p. 74.
A dicir do Jorge Víctor Sueiro, amigo e discípulo de Cunqueiro, e tan bo gastrónomo coma el, os mexillóns son unha espléndida realidade da culinaria galega, base dunha florecente industria de criadeiros e un dos orgullos da cociña popular. Non teñen máis defecto que o seu baixo prezo. Son de todos os xeitos os que, por estaren sempre nos mercados, manteñen uns prezos francamente estables e accesíbeis. Hai mexillóns noutros mares insulares e peninsulares, pero, sen discusión, os de Galicia teñen os maiores méritos, pola sinxela razón de que medran nas augas que mellores condicións ofrecen para iso. Os mexillóns permiten, como case ningunha outra especie de molusco, crustáceo ou peixe, unha longa serie de saborosas preparacións: desde a elemental de abrilos ao vapor, até guisos diversos, tortillas, empanadas, con salsas, ao forno etc.[41]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.