patriarca biblico From Wikipedia, the free encyclopedia
Abrahán[1] (en hebreo: אַבְרָהָם, Avraham; en árabe ابراهيم, Ibrāhīm)[2] é o patriarca do xudaísmo, recoñecido polo cristianismo e un profeta moi importante do islam. A historia da súa vida é relatada no libro da Xénese[3] e no Corán,[4] pero non hai ningunha evidencia histórica da súa existencia. As datas tradicionais da súa biografía sitúanse entre o 2166 a.C. e 1991 a.C. Segundo a tradición xudía, naceu no ano 1948 da Creación, equivalente ao ano 1812 a.C.
O seu nome orixinal era Abram (en hebreo אַבְרָם Avram), e era descendente do fillo de Noé, Sem.[5][6][7] Aínda que a súa muller era estéril, Deus prometeulle que da súa descendencia fariase unha gran nación, razón pola que cambiou o seu nome por "Abrahán", que significa pai de multitudes. O truncado sacrificio de Isaac é unha das escenas máis representadas da súa vida nas artes, que é un dos pasaxes bíblicos máis coñecidos.
Na Xénese, o libro do Antigo Testamento que rexistra a vida de Abrahán, presenta o seu papel como un individuo que debe cumprir un pacto monoteísta establecido entre el e Deus (Xehová o cal tamén foi transliterado como "Yehowah" ou "Yahweh")[8][9][10]. O Corán presenta historias sobre Abrahán e os seus descendentes que son similares ás que hai na Biblia.
Abrahán aparece citado por primeira vez no libro da Xénese co nome de Abram ata que Yahvé lle cambia o nome e o chama Abrahán.[11] O relato indica que Abrahán significa "pai dunha multitude" (en hebreo: goyim ab-Hamon).[12] Con todo, os especialistas non aceptan a definición da narración sobre a etimoloxía de Abrahán xa que, aínda que ab- significa "pai", -hamon non é o segundo elemento e -raham non é unha palabra hebrea, a palabra en hebreo para "multitude" é rabim. Johann Friedrich Karl Keil suxire que en hebreo existiría a palabra raham (רָהָם) co significado de "multitude", en analoxía co de ruhâm árabe que ten este significado, pero non hai ningunha proba que apoie as súas teorías[13] Outra posibilidade é que o primeiro elemento debe ser abr-, que significa "cabeza", pero isto demanda un segundo elemento pouco claro, -aham. David Rohl suxire que o nome provén da lingua acadia e significa "o pai que ama",[14] aínda que os especialistas cren que hai que buscar unha orixe que se fundamente na lingua hebrea.
Segundo a tradición/lenda, naceu no século XX antes de Cristo na cidade babilónica de Ur (hoxe Iraq ). Deus, comunícalle a Abrahán que de se trasladar á Terra de Canaán a súa semente será bendicida e levantará unha gran nación. Así, Abrahán e a súa tribo nómade chegan ó que hoxe se coñece como deserto do Negev (sur de Israel). En Bersebá fúndase a primeira base estable da tribo de Abrahán.
Como era tradicional nos pobos semitas, Abrahán foi polígamo, cunha muller chamada Sara tivo a Isaac, e con Agar tivo a Ismael.
No que se coñece como Áqueda, Deus pediulle a Abrahán o sacrificio do seu primoxénito Isaac para poñer a proba a súa fe. No último minuto, un anxo detivo o brazo de Abrahán que estaba a piques de asasina-lo seu fillo.
En xeral, os especialistas están de acordo en admitir que non hai nada na Xéneseque se relacione coa historia de Canaán do comezo do II milenio a. C.: ningún dos reis mencionados non é coñecido, Abimelec non podía ser filisteo – xa que os filisteos aparecerían varios séculos despois-, Ur non podía ser coñecida como "Ur dos caldeos" ata o comezo do I milenio a. C., e Laban non podía ser arameo porque os sirios non se converteron nunha entidade política identificable ata o século XII.[15] Joseph Blenkinsopp, profesor emérito da Universidade de Notre Dáme especialista en estudos bíblicos, sinala que durante as últimas catro ou cinco décadas aumentou o consenso de que a narración de Abrahán que aparece na Xénese ten as súas orixes nos círculos literarios dos séculos V e VI a. C. reflectíndose coa situación da comunidade xudía baixo o dominio dos babilonios e o comezou do Imperio Persa.[16] Blenkinsopp describe dúas conclusións sobre Abrahán que son amplamente aceptadas polos especialistas sobre a Biblia: a primeira é que, excepto na tríade" Abrahán, Isaac e Xacobe," non é clara e queda inequivocamente testemuñada na Biblia antes do exilio de Babilonia (non aparecen, por exemplo, os textos proféticos anteriores a este momento). A segunda é que, durante o período persa, pasouse a servir de modelo de quen se foi de Babilonia para volver a Xudá.[17] Máis aló da historia de Abrahán (e a de Isaac e Xacobe) serve como propósito teolóxico logo da destrución de Xerusalén, do Templo e da realeza davídica: malia a perda de todo isto, os tratos de Xehová cos antepasados poñen unha base histórica que abre a esperanza cara a un futuro que se podería recuperar.[18] Hai un consenso básico en considerar que a conexión con Farán, Siquem e Betel é secundaria e que se orixinou cando se identificou como o pai de Xacobe e cos antepasados das tribos do norte. A súa relación con Mambré e Hebrón, no outro lado (no sur, no territorio de Xerusalén e de Xudá), suxiren que esta rexión foi o fogar onde se orixinou o seu culto.[19]
Os literarios bíblicos, que cren que a Creación se fixo nunha data recollida nas Escrituras, datan a vida de Abrahán entre 1812 a.C. e o 1673 a.C. Tentando atopar correlacións entre os reis e as nacións mencionadas no Xénese cos achados arqueolóxicos; Abrahán sería un patriarca que viviu entre os séculos VII e VI a.C. A ausencia de inscricións sobre a súa figura, é porque Abrahán era un nome moi común e non aparece ningunha figura destacada na zona de Ur con ese nome, levan a pensar que é unha figura mítica, inspirada en varios líderes locais.
O Texto masoterico estándar do Tanakh dá como o ano de nacemento de Abrahán en 1948 despois da Creación, ou en 1948 AM (Anno Mundi). As outras dúas tradicións textuais principais teñen diferentes datas: a Septuaginta, traducida ao grego, sitúaa no 3312 AM e a versión samaritana da Torá, o 2247 AM. As tres fontes documentais coinciden en que Abrahán morreu á idade de 175 anos.[20]
Houbo máis de douscentos intentos para conseguir que coincidisen a cronoloxía bíblica coas datas históricas. Dous dos intentos máis influentes foron a data da tradición xudía, que di que Abrahán viviu de 1812 a.C. a 1637 a.C, e a proposta realizada o século xvii polo arcebispo James Ussher que afirmaba que viviu 1976 a.C. 1801 a.C. O que se pode dicir cun certo grao de validez é o que se desprende do texto estándar hebreo da Xénese que sitúa a vida de Abrahán na primeira parte do milenio II a.C.[21]
Durante os séculos XI e XII, os rabinos Salomón ben Yishaq (Rashi) e Abrahán ben Meir ibn Ezra estaban de acordo en que a terra natal de Abrahán foi Ur Kaśdim, máis coñecida como Ur de Caldea, un lugar de Mesopotamia fundado polos descendentes de Cam, o fillo de Noé.[22] Algúns estudos máis actuais sobre o xudaísmo identifican este lugar como o da cidade estado sumeria de Ur.[23][24] Pero a cidade é só un dos candidatos a ser o lugar actual da antiga Ur Kasdim, segundo un debate de 1927.[25]
O rabino Nahmánides (Bonastruc ça Porta), coñecido no xudaísmo co acrónimo Rambán (de Rabbi Moshe ben Nahman), foi un erudito xudeu medieval do século xiii que estaba en desacordo con Rashi e ibn Ezra sobre o lugar de nacemento de Abrahán. Os argumentos de Ramban eran que Ur Kaśdim foi poboada por descendentes de Cam e, polo tanto, non podía ser o lugar de nacemento de Abrahán porque era descendente de Sem. A pesar destes argumentos, hai un acordo xeneralizado de que a familia de Abrahán, baixo a dirección do seu pai, Tareh, viviran en Ur Kaśdim antes de ser chamado para ir a Canaán.[22]
Os tres rabinos tamén coinciden en considerar que a patria de Tareh foi Charan, un lugar bíblico coñecido como Farán na Xénese,[26] onde se atopa a casa de Tareh.[22][27] Como este asentamento foi establecido polos descendentes de Sem, só Ramban supón que Charan debería ser o lugar de nacemento de Abrahán. Tamén concluíu que Tareh e os seus tres fillos, co tempo, fóronse de Charan en Ur Kaśdim e, máis tarde, por orde de Yahvé foron a Canaán. Por suposto, detivéronse na cidade natal de Tareh, Charan, onde o pai quedou no canto de ir a Canaán.[22]
O pai de Abrahán, Tareh, era o xefe da sétima xeración de descendentes de Sem (orixe mítica dos pobos semitas, dos que forman parte os xudeus), que volveu poboar a Terra despois do Diluvio universal. Esta xenealoxía lígao directamente cos primeiros homes, o que reforza o seu carácter de patriarca.
O xudaísmo, o cristianismo e o islam chámanse "relixións abrahámicas", porque esta persoa desempeña un papel moi importante nas súas crenzas:
A miúdo como oración dise descansar con Abrahán despois da morte, querendo dicir que se irá a un lugar seguro, protexido e próximo a Deus.
Na Xénese, Abrahán era o patriarca dos hebreos que asinou o pacto con Deus mediante a circuncisión; el mesmo tiña noventa e nove anos cando se cortou a pel do prepucio. O seu nome orixinal era Abram pero Deus cambioullo para significar que a súa descendencia sería incontable e recibiría a Terra Prometida.
Segundo a tradición xudía, a súa familia vivía no exilio pero o seu pai foi autorizado a volver ao seu pobo natal de Ur de Caldea coa súa familia. Unha vez instalados, Tareh construíu varias imaxes a ídolos pagáns pero o seu fillo Abrahán seguía fiel o Señor, o deus dos seus antepasados. Unha vez, Abrahán quedou só ante o altar feito polo seu pai. Colleu un bastón e rompeu todas as imaxes excepto unha, á que lle puxo o pau nunha man. Cando chegou Tareh, preguntoulle que pasara e Abrahán díxolle que os deuses pelexaran entre eles. Tareh non o creu e enviou a Abrahán o palacio do rei Nimrod.
O rei Nimrod empezou a construción da Torre de Babel para chegar ao Ceo e matar o Creador. A tribo de Assur non estivo conforme e emigrou cara ao norte, onde construíu a cidade de Nínive. Abrahán decidiu quedar para discutir con Nimrod, e demostrarlle que a súa actitude era absurda. Nimrod ordenou matar Abrahán, que se salvou por milagre. Segundo a tradición xudía, era o ano 1996 da Creación, ou sexa en 1764 a.C.
Ao cabo duns anos volveu a Ur, ata que decidiron ir vivir a outra terra co seu pai Tareh, a súa muller e a vez sobriña Sara,[30] e o seu sobriño Lot. Durante a viaxe, o seu pai Tareh permaneceu no oasis de Haran. Mentres estaban acampados, segundo unha tradición xudía, o rei Nimrod queimou o oasis para matar a Abrahán.
Durante a súa vida viaxou varias veces entre Hebrón e Exipto, onde tivo problemas cos rexentes de ambas as rexións, Abimelec e o faraón, que desexaban a súa muller Sara, porque era moi bela. En Canaán houbo pelexas entre escravos de Lot e de Abrahán que fixeron que os dous parentes e amigos se separasen. Entón, Lot foi vivir ás cidades de Sodoma e Gomorra. Oito anos despois, houbo unha guerra entre Xinar, Elassar, Elam e Goïm contra Sodoma, Gomorra, Adma, Seboiïm e Soar. Despois dunhas batallas no Val de Sidim (actualmente mar Morto), gañaron os primeiros e saquearon todas as cidades rivais. Entón, Lot foi feito prisioneiro. Cando se decatou Abrahán, fixo unha expedición coa que salvou a Lot e a moitos prisioneiros máis.
Pensando que a súa muller era estéril, tivo un fillo, Ismael, coa escrava Agar. Segundo o Corán islámico, Abrahán e o seu fillo Ismael fixeron a Kaaba (o lugar máis sacro do islam) nun lugar onde Adán xa fixera un altar en honra a Deus. Cando Ismael tiña catorce anos, Deus fíxolle o agasallo de poder procrear un fillo á avanzada idade del, cen anos, e noventa, a súa muller. Este fillo foi Isaac. Os xudeus considéranse descendentes de Isaac e os árabes de Ismael, polo que ambos os pobos crúzanse os herdeiros verdadeiros de Abrahán. Os primeiros para descender do fillo anunciado por Deus e os segundos para descender do primoxénito de Abrahán. Pouco despois de nacer Isaac, Abrahán repudiou Agar e o seu fillo Ismael, convertendo Isaac no único herdeiro, por orde divina[31]
Un día Deus díxolle que tomase o seu fillo (Isaac segundo a Biblia, Ismael segundo os musulmáns) e que llo ofrecese en sacrificio. Cando estivo a piques de matalo mandoulle que non o fixese, porque xa vira que o obedecía e xa non lle facía falta. En compensación, Abrahán sacrificoulle un cordeiro. Tras a morte de Sara colleu a Quetura como segunda esposa que lle deu seis fillos: Zimran, Jocxan, Medan, Midian, Ixbac e Xúah estes, cando foron maiores, Abrahán obrigounos a deixar as súas terras e ir a terras afastadas.
Morreu aos cento setenta e cinco anos e foi enterrado polos seus fillos Isaac e Ismael na Tumba dos Patriarcas, terra que el mesmo comprara para enterrar a Sara.
Abrahán (Ibrahim) é un dos profetas máis importantes do islam; é chamado "Pai" ou "Amigo de Deus" polos musulmáns que se consideran como os seus máis dignos descendentes, á vez como predicador do monoteísmo e como pai de Ismael (Ismail) antes de Isaac (Ishaq). En efecto, Ismael, o seu fillo máis vello, é considerado como o devanceiro dos árabes mentres que Isaac o é dos xudeus: Xudá vén sendo fillo de Xacob (tamén coñecido como Israel), este fillo de Isaac e polo tanto neto de Abrahán. (Xacob foi pai de doce fillos e unha filla, das súas catro mulleres. Os doce fillos son os que formaron as coñecidas doce tribos de Israel).
O islam ensina que o fillo que Abrahán ofrece a Deus en sacrificio é Ismael non Isaac, argumentando que a Biblia foi reescrita por rabinos: a Biblia xudía presenta a Isaac como o "fillo único" do patriarca. Agora ben, Isaac ten un irmán máis vello que só el, antes de que Isaac non viñese ao mundo, puido ser chamado "fillo único".[32] As tribos árabes ismaelitas, entre as que se conta a do profeta Mahoma, os coraixitas, considéranse tradicionalmente como descendentes directos de Ismael, inducindo unha filiación entre Mahoma e Abrahán .
Segundo a tradición musulmá, Abrahán é enterrado en Hebron.
O hajj ou peregrinación obrigatoria á Meca (un dos cinco alicerces do islam) reconstitúe os pasos de Abrahán, Agar e Ismael mentres que deambulaban polo deserto ata esta cidade. A piques de morrer de sede no deserto, Abrahán, Agar e o seu fillo son salvados por intervención divina grazas a unha fonte que os musulmáns sitúan preto da Kaaba e que chaman Zamzam, que prové aínda hoxe en día auga a máis de 3 millóns de peregrinos cada ano.
O Eid al-Adha ("festa do sacrificio"), a festa máis importante do islam, celebra o fin do hajj e conmemora o sacrificio de Ismael que Abrahán quería facer en sinal de obediencia e submisión á vontade de Deus. Nesta ocasión e en recordo do acto do profeta, os musulmáns sacrifican (na medida dos seus medios) un cordeiro ou outro animal que comparten en familia e, en sinal de caridade, cos pobres.
Abrahán é citado varias veces no Corán, e a sura 14 leva tradicionalmente o seu nome. Nel evócase a súa mocidade, en particular a súa pelexa co seu pai quen simboliza a antiga crenza politeísta. O Corán evoca igualmente o seu descubrimento da fe monoteísta, presentada como unha emanación da súa razón: segundo a pasaxe que relata este episodio, Abrahán busca un deus e designa primeiro unha estrela como o seu señor. Cando esta desaparece, fai o mesmo coa Lúa e logo co Sol, pero termina por renegar de todos os ídolos adorados polo seu pai e os seus contemporáneos, terminando para virarse cara a "Aquel quen creou (a partir da nada) os Ceos e a Terra".[33]
No Corán, Abrahán un día decide non participar nunha festa solemne, pretextando que está enfermo, e aproveita a ausencia dos outros para destruír todas as imaxes de ídolos do seu pobo, a excepción dunha delas. Acusado deste acto de destrución sacrílega, afirma que é o ídolo restante, o máis grande, que é o responsable, e desafiou aos outros aldeáns de facelo testemuñar, tentando así demostrar que se trataba só dunha simple estatua, e non dun ser divino. Para estes actos, Abrahán é condenado a ser queimado, pero Deus salvao.
Este episodio é propio da tradición hebraica, sobre todo na pasaxe do Midrash Abrahán, os ídolos de Nemrod . Segundo o Corán, inspira máis tarde a Mahoma, cando volve do exilio, na toma da Meca, onde destrúe todos os ídolos.
Abrahán é o esposo de Sara, reputada pola súa beleza, e que presenta como a súa irmá. Esta atrae a atención do faraón, que tenta abusar dela. Deus intervén e o faraón, paralizado, non consegue tocala. O faraón devólvelle a Abrahán a súa esposa e ofrécelle numerosos presentes, que este se nega a aceptar. Propón a Sara tomar unha escrava entre as catrocentas mozas do seu reino. Elixe a que ten un estatuto superior a todas as demais, Agar, a quen aprecia desde o seu primeiro encontro.[34] Ibrahim, seguindo o consello de Sarah que é estéril, casa entón con Agar que lle dá un fillo: Ismael.
Sara fixo expulsar a Agar e Ismael. Vagan polo deserto e serían mortos de sede se o arcanxo Gabriel non viñese a indicar a Agar un pozo cheo de auga. A tradición musulmá designa xeralmente este punto de auga como o pozo de Zamzam, na Arabia Saudita. A carreira de Agar lamentándose de non atopar auga para darlla ao seu fillo moribundo é reproducida cada ano polos peregrinos musulmáns no momento do hajj na Meca no transcurso dunha xornada particular entre Safa e Marwah ( saʿīy, سَعْيي, carreira; esforzo; investigación).
É entón que chega a orde divina de sacrificar a Ismael,[35] este fillo único que ten grande importancia aos ollos de Abrahán. A tradición sitúa este evento preto da Meca, no lugar designado como Mina. O relato coránico non nomea explicitamente o fillo sacrificado, pero o contexto suxire fortemente que é Ismael, xogando sobre a ambigüidade do "fillo único".[36] As narracións do hadith son, en cambio, máis explícitas.
Tres anxos, baixo a forma de homes, anúncianlle o nacemento dun fillo de Sara (Isaac), a pesar da súa vellez e a esterilidade da súa muller que é tamén menopáusica. Segundo al-Tabari, trátase dos tres arcanxos Gabriel, Miquel e Rafael. Os anxos fanlle saber igualmente que son enviados por Deus para destruír o pobo do seu sobriño, Lot, que será salvado el e a súa familia exceptuado a súa muller, que forma parte dos condenados.
Reconstrúe a "Casa Sacra do Altísimo" (a Kaaba) coa axuda de Ismael, construída orixinalmente por Adán e destruída polo diluvio nos tempos de Noé, Deus ordenou a Abrahán de reconstruíla no lugar onde deixara ao seu fillo máis vello establecerse. Deus ensinoulle igualmente como resucitará as mortes o día da Resurrección.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.