From Wikipedia, the free encyclopedia
O Tampereen Ilves é un club polideportivo da cidade de Tampere, Finlandia. Foi fundado o 10 de abril de 1931 por iniciativa de Niilo Tammisalo, que daquela era profesor no Tampereen Lyseo. No ano 2024 o club tiña equipos nas disciplinas de floorball, fútbol, fútbol sala, hóckey sobre xeo e ringette, aínda que no pasado contou con equipos de bandy, baloncesto, balonmán, birlos, fútbol americano e patinaxe artística sobre xeo. O club tamén desenvolve actividades para persoas discapacitadas na modalidade de hóckey sobre xeo, contando con equipos de hóckey sobre xeo adaptado e special hockey.
Tampereen Ilves | |
---|---|
Tipo | multisports club |
Deporte | fútbol, fútbol sala, hóckey sobre xeo, Floorball e ringette |
Sede | Tampere |
País | Finlandia |
Na rede | |
http://ilves.fi/ e https://ilvesry.fi/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Seccións activas do Ilves | ||
---|---|---|
Floorball | Fútbol (masculino) |
Fútbol (feminino) |
Fútbol sala (masculino) |
Fútbol sala (feminino) |
Hóckey sobre xeo (feminino) |
Ringette | Hóckey sobre xeo (masculino) | Special hockey |
Parahockey |
Con 7 397 deportistas en 2024 é o club deportivo máis grande de Finlandia.[1]
Para falar das orixes do club hai que remontarse ao ano 1929, cando Niilo Tammisalo, un deportista polifacético que practicaba varios deportes de pelota, trasladouse a Tampere procedente de Helsinqui para exercer como profesor no Tampereen Lyseo. Tammisalo quería demostrar que os deportes de pelota podían ter éxito tamén en Tampere, unha cidade que no momento era especialmente coñecida polo atletismo e o patinaxe de velocidade.[2]
O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidera practicar deportes de pelota.[1] Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.[1][2]
Os primeiros deportes que se incluíron entre as actividades do club foron o fútbol, o hóckey sobre xeo e o bandy, e os primeiros partidos nas modalidades foron contra outro equipo da cidade, os Tampereen Palloilijat (TaPa). O equipo de fútbol debutou o 7 de maio do mesmo ano da súa fundación, mentres que os equipos das modalidades de xeo houbo que agardar ata os primeiros meses de 1932, debutando en hóckey sobre xeo o 24 de xaneiro e en bandy o 19 de febreiro.[2] Salientar que o TaPa se proclamara campión finlandés en 1931 e derrotou ao Ilves por 1 gol a 2.[3][4]
No primeiro ano o club non competiu en ningunha competición oficial, sendo un club de afeccionados en todas as súas modalidades. Foi en 1932 cando o Ilves comezou a xogar competicións oficiais, xogando partidos de cualificación para a Serie B en fútbol,[5] así como a SM-Cup en hóckey sobre xeo.[6] Se ben os equipos de bandy e fútbol non apareceron nas máximas categorías, os éxitos non tardaron n chegar para o equipo de hóckey sobre xeo, que en 1934 colgábase a primeira medalla de bronce no campionato finlandés,[7] e ao ano seguinte conseguía a prata por detrás do Helsingin Jalkapalloklubi.[8]
A partir deste momento o equipo de hóckey sobre xeo converteuse nun referente na modalidade en Finlandia, conseguindo 15 medallas de xeito consecutivo dende 1936 ata 1952,[lower-alpha 1] entre elas nove campionatos.[11]
Os mellores momentos do equipo de hóckey sobre xeo contrastan coa breve traxectoria do equipo de fútbol, que en 1938 cesou a súa actividade. Con todo, o equipo regresou pouco despois, en 1942, competindo en categorías rexionais,[12] se ben en 1945 o equipo superou a primeira rolda da SM-kilpailu fronte o TaPa.[13] Con todo, esta segunda etapa foi novamente curta, xa que en 1947 abandonouse de novo a modalidade mentres ano tras ano se fortalecía a posición do hóckey sobre xeo no club.[14]
En 2021 o Ilves celebrou o seu 90º aniversario. Con motivo da efeméride realizáronse numerosos sorteos e o club organizou varios eventos nas súas diferentes seccións, como partidos conmemorativos dos equipos femininos e masculinos de fútbol (o 25 e o 14 de setembro de 2021), o equipo feminino de hóckey sobre xeo (2 de outubro), torneos de fútbol, foorball, e ringette.[15][16][17] Ademais o Suomen Jääkiekkomuseo (en galego Museo do Hóckey sobre Xeo Finlandés), situado no Centro Museístico Vapriikki, realizou unha exposición monográfica sobre o equipo e a súa traxectoria no hóckey sobre xeo.[18] A directiva de Ilves ry homenaxeou aos antigos presidentes do club o 10 de abril, día oficial do aniversario, visitando as súas tumbas e levando flores amarelas en mostra de agradecemento polo seu traballo.[19] O 9 de outubro o club celebrou unha gala no Hotel Torni de Tampere.[20] Con todo, a situación provocada pola pandemia de COVID-19 obrigou a suspender algúns dos eventos como o Ilves päivä (enn galego Día do Ilves) que se ía celebrar, como habitualmente ocorría, no parque de atraccións de Särkänniemi o 18 de agosto.[21]
En 2023 o club recibiu o premio ao "Club Deportivo do Ano" (en finés Vuoden urheiluseura) na "Gala do Deporte" (en finés Urheilugaala) celebrada o 12 de xaniro de 2023.[22]
Cando se creou o club propuxéronse catro posibles nomes para a entidade: Niilon pojat, Pallopojat, Näsin pojat, Haukat e Ilves, gañando esta última na reunión fundacional.[2]
Se ben o fundador do club, Niilo Tammisalo, sinalou que o nome proviña do equipo homónimo de Hämeenlinna, segundo o membro da primeira xunta directiva Jorma Ruissalo a orixe do nome viría da rexión de Tavastia (en finés Häme).[2] "Ilves" significa en galego lince. O lince é o mamífero representativo da provincia de Tavastia e da actual rexión de Tavastia Propia (en finés Kanta-Häme), á cal pertenceu a actual rexión de Pirkanmaa e a cidade de Tampere entre 1831 e 1997. Durante esa época foi fundado o club que foi nomeado en honor do animal, presente no escudo e na bandeira rexionais.[23][24]
As cores do equipo son o amarelo, o verde e o negro.[25] Estas cores fan referencia á identidade da cidade, xa que o amarelo e o verde eran, no momento da fundación do club, as cores da cidade, presentes no antigo escudo de Tampere que estivo en uso dende 1839 e 1960, cando se aprobou o escudo actual da cidade.[26]
O primeiro logotipo de Ilves, en funcionamento dende 1931 ata 1945 consistía na figura dun lince amarelo, que con posterioridade mudou a unha forma redonda cunha base negra e verde rodeada por unha franxa amarela, no centro encontrábase a figura do lince e ao redor podía verse oo texto "Ilves Tampere". Este logotipo redondo foi modificado varias veces entre 1945 e 1962 e mesmo empregáronse simultaneamente diferentes logotipos do club.[25]
O logotipo actual do equipo foi deseñado por Rauno Broms e consiste nunha cabeza de lince de cor amarela amosando os dentes. Este logotipo foi introducido en 1962, cando o daquela xerente do equipo Seppo Helle quixo renovar a marca do equipo para facela máis atractiva para a xente nova. Logo de rexeitar numerosas propostas Helle escolleu o deseño de Rauno Broms, que se mantivo entre os anos 1962 e 1993.[27][25]
Se ben durante uns anos o equipo profesional masculino empregou outro logotipo diferente ao do resto de seccións durante a década de 1990, o 8 de novembro de 1999 o equipo volveu empregar a versión de 1962-1993 coa cabeza do lince por iniciativa de Risto Jalo, que fora escollido conselleiro delegado do equipo de hóckey sobre xeo. En outono dese ano Jalo quixo reparar as pontes entre o equipo de hóchey sobre xeo e o club matriz, e como símbolo desta reparación recuperou o deseño de 1962, que na tempada 2021-22 se mantiña como imaxe do club.[25][27]
O hóckey sobre xeo está presente nas actividades do Ilves dende o mesmo ano da súa fundación.[2] O club xogou o seu primeiro partido na modalidade sobre o xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, caendo por 2 goles a 1 fronte ao Tampereen Palloilijat (TaPa).[2][28] Posteriormente o equipo converteuse no gran dominador do hóckey sobre xeo finlandés, conseguindo un total de 31 medallas (15 ouros, 7 pratas e 9 bronces) na SM-sarja, a máxima categoría do hóckey sobre xeo finlandés ata a creación da SM-liiga (actualmente coñecida como "Liiga").[29][30][31] En 1971 comezaron as actividades en categoría feminina, onde o club axiña se converteu no gran dominador do campionato finlandés, conseguindo 13 medallas consecutivas (8 ouros, 4 pratas e 1 bronce) dende a creación do campionato en 1983.[32]
En total o equipo masculino gañou 16 campionatos e o feminino 10, ademais de proclamárense campioas de Europa en 2011.[33] O Ilves é o segundo equipo máis laureado de Finlandia en ambas modalidades, tan só superado polo Tappara e o K-Espoo respectivamente, se ben é o equipo feminino con máis medallas.[34][35]
Ademais máis de 50 personalidades do club foron introducidas no salón da fama do hóckey sobre xeo finlandés, coñecido como Suomen Jääkiekkoleijonat.[36]
O floorball foi incluído entre as actividades do club en 1995.[2] O equipo masculino chegou xogar na máxima categoría durante a tempada 2012-13, mais finalizou da derradeira posición e descendeu ao finalizar a tempada.[37]
O Ilves ten equipos de fútbol tanto en categoría feminina como masculina, competindo ambos nas máximas categorías. O maior logro do equipo masculino foi o campionato de liga conquistado en 1983,[38][39] ademais dos campionatos de copa dos anos 1979, 1990, 2019 e 2023.[40]
O equipo feminino é o segundo equipo que máis tempadas xogou na máxima categoría do fútbol feminino finlandés por detrás do HJK de Helsinqui. Se ben nunca gañou o campionato, ao longo da súa historia conseguiu un total de cinco medallas, dúas delas de prata (1992 e 2015) e tres de bronce (1991, 1993 e 1996),[41][42] e foi outras cinco veces subcampión da Copa de Finlandia (1991, 1997, 2010, 2011, 2014).[43][44]
A sección de fútbol sala foi a derradeira sección en integrarse nas actividades do Ilves. O Ilves FS é o club máis exitoso do fútbol sala finlandés, tendo gañado o campionato finlandés en oito ocasións en categoría masculina e catro en categoría feminina, así como catro Copa de Finlandia en categoría masculina e unha Copa en categoría feminina. O equipo masculino chegou a competir na UEFA Futsal Champions League en 2013.[45]
O ringette é un deporte de xeo feminino similar ao hóckey sobre xeo, aínda que con menos contacto. En 1992 o Ilves decidiu incluír esta modalidade, que xa se practicaba na cidade da man do Tampereen Ringette. En 1997 o equipo representativo conseguiu o seu primeiro ascenso á máxima categoría, a SM-sarja.[46]
En 2023 o Ilves comezou as súas actividades con persoas discapacitadas a través da creación de dous equipos, un de special hockey e outro de hóckey sobre xeo adaptado.
A principios de 2023 o Ilves iniciou as súas actividades no special hockey, unha modalidade destinada a persoas que poden patinar erguidas pero que contan con algún tipo de discapacidade intelectual leve ou moderada, TDAH, síndrome de Asperger, perda auditiva, problemas psicosociais ou motores, entre outros.[47][48]
O día 8 de abril de 2023 presentouse a modalidade de hóckey sobre xeo adaptado no pavillón de xeo Sentteri, en Kaukajärvi. A diferenza do special hockey, esta modalidade está destinada a persoas que non poden patinar erguidas e que se desprazan nunha zorra.[48]
Ademais das seccións activas na actualidade, o Ilves contou ao longo da súa historia con outras que foron desaparecendo.
O club tivo unha sección de baloncesto activa entre os anos 1944 e 1979.[49] Dende o ano da súa fundación o club tivo actividade no bandy, mais a sección acabou desaparecendo. En 1962 comezaron as actividades nos birlos e na patinaxe artística sobre xeo, máis ambas seccións acabaron desaparecendo. O balonmán formou parte tamén do programa de actividades do Ilves en tres períodos: entre 1945 e 1947, entre 1950 e 1957 e entre 1961 e 1964.[2] Dende 1990 o club competiu tamén no fútbol americano, mais en decembro de 1991 anunciouse que debido á falta de pagamentos á Federación Finlandesa de Fútbol Americano o equipo non puido competir máis na liga, poñendo deste xeito punto e final á breve historia da sección logo d ter finalizado na cuarta posición na súa única tempada na máxima categoría en 1991.[2][50][51]
Ao longo da súa historia o Ilves tivo 21 presidentes, o primeiro foi Niilo Tammisalo, quen exerceu o cargo dende a fundación do club en 1931 ata 1935. Risto Lindroos foi a persoa que máis tempo estivo á fronte do club de Tampere cun total de 12 anos entre 1944 e 1956. A seguinte táboa mostra todos os presidentes que tivo a entidade dende a súa fundación:[2]
Nome | Período |
---|---|
Kari Pansio | 2014- |
Petri Ojala | 2010-13 |
Markku Lehtola | 2004-09 |
Kari Kaitasuo | 1995-04 |
Hannu Telenius | 1992-94 |
Harri Pyhältö | 1985-92 |
Jorma Huura | 1983-85 |
Risto Hannula | 1981-83 |
Raimo Eskelinen | 1977-81 |
Pekka Terho | 1974-77 |
Paul Kirjavainen | 1969-74 |
Tero Jaakkola | 1965-70 |
Pekka Terho | 1961-64 |
Allan Tokoi | 1959-61 |
Aarne Honkavaara | 1956-59 |
Risto Lindroos | 1944-56 |
Väinö Teivaala | 1940-44 |
Jussi Tiitola | 1938-40 |
Kauko Mankonen | 1936-38 |
Mikko Tiitola | 1935-36 |
Niilo Tammisalo | 1931-35 |
O Ilves tense proclamado campión finlandés en varias das modalidades deportivas que inclúen o seu programa. A continuación enuméranse as medallas que cada sección gañou dende a súa creación:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.