segundo líder da Unión Soviética From Wikipedia, the free encyclopedia
Iosif Vissarionovich Stalin (en ruso Иосиф Виссарионович Сталин; nado Ioseb Besarionis je J̌uḡašvili, en xeorxiano: იოსებ ბესარიონის ძე ჯუღაშვილი, AFI: [iɔsɛb bɛsariɔnis dze dʒuɣaʃvili]), nado en Gori (Xeorxia) o 21 de decembro de 1879 e finado en Moscova o 5 de marzo de 1953, foi un político e revolucionario marxista-leninista soviético, segundo líder da Unión Soviética.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2016.) |
Tamén foi coñecido coma Koba (nome dun heroe popular de Xeorxia) e empregou varios pseudónimos: David, Nijeradzé, Chijikov, Ivanóvich, ata adoptar o de Stalin que usou despois da Conferencia Bolxevique de Tammerfors (Finlandia). O nome Stalin deriva da palabra rusa stal (aceiro) co mesmo sufixo posesivo persoal -in que tamén empregara o seu predecesor Lenin.
Ós 15 anos Iosif Stalin entrou no seminario ortodoxo de Tiflis. Influído polas ideas revolucionarias, en 1898 ingresou no Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso (POSDR). Un ano despois foi expulsado do seminario por realizar propaganda marxista e, a partir de entón, converteuse nun revolucionario “profesional”. Deportado a Siberia (1903), escapou ó ano seguinte e uniuse á facción bolxevique do POSDR. Novamente deportado a Siberia (1907-08), volveu escapar. En 1913 foi enviado a Viena como emisario do Comité Central para tomar contacto cos grupos bolxeviques do exterior. Alí escribiu a súa primeira obra, O marxismo e o problema das nacionalidades.
Elixido membro do Comité Central, participou na Revolución Rusa de 1917 e formou parte do primeiro Goberno de Lenin (novembro de 1917) como comisario das Nacionalidades. Elixido Secretario Xeral do Comité Central (1922), comezou o dominio do aparato do Partido Comunista. Despois da morte de Lenin (1924) acumulou progresivamente a meirande parte dos órganos de dirección política. Fronte a tese de Lev Trotski sobre a Revolución permanente, mantivo as teses de Lenin da Revolución ininterrompida e, polo tanto, a posibilidade do socialismo nun só país (Acerca dos principios do leninismo, 1924) e canalizou tódolos criterios políticos cara á consolidación do réxime socialista dentro da URSS. Apoiado maioritariamente pola gran masa do Partido, composta polos revolucionarios "do interior" –é dicir aqueles que non se exiliaran nas décadas previas á revolución–, apartou das súas funcións a Trotski, Kamenev e Zinoviev no XV Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética (1927).
En 1928 iniciou un programa de industrialización intensiva e de colectivización da agricultura soviética, impoñendo unha gran reorganización social. Na década de 1930 consolidou a súa posición a través dunha política de modernización da industria. Como arquitecto do sistema político soviético, creou unha poderosa estrutura militar. Mandou prender e deportar opositores[1], ó mesmo tempo que cultivaba o culto da personalidade como arma ideolóxica[1]. A acción persecutoria de Stalin estendeuse mesmo a territorio estranxeiro, imputándoselle o asasinato de Trotski, entón exiliado en México. Por máis que Trotski tomase todas as medidas para se protexer de axentes secretos, Ramón Mercader, membro do Partido Comunista Mexicano, conseguiu gañar a confianza do disidente para executalo cun golpe na cabeza.
Desconfiando de que as reformas económicas que implantara producían descontento entre a poboación, Stalin dedicouse, nos anos 30 a consolidar o seu poder persoal. Tratou de expulsar toda a oposición política. En 1934, Sergei Kirov, principal líder do Partido Comunista en Leningrado (actual San Petersburgo), apareceu morto. Foi o inicio dunha serie de presións que pasaron á historia coma a "Gran Purga", que tivo lugar entre 1934 e 1937. Stalin concedeu un trato duro a todos os que tramasen contra o estado soviético. Entre as vítimas máis destacadas desta acción estaban os oficiais e membros de maior importancia do Exército Vermello, incluíndo trece dos quince xenerais, coma Mikhail Tukhachevski, unha das súas máis famosas vítimas, quen sufriu a acusación de ser axente do servizo secreto alemán, razón pola que foi executado, mentres que outros moitos foron deportados a Siberia, co que se enfraqueceu o mando militar soviético.
A primeira guerra mundial, a guerra civil rusa, a intervención por parte das 14 potencias estranxeiras despois da toma do poder polos bolxeviques e a mesma revolución, tiveron un efecto devastador na economía do país. A produción industrial de 1922 foi un 13 % menor cá de 1914. Baixo a Nova Política Económica (NEP), impulsada por Lenin perante a situación urxente, que permitía certo grao de flexibilidade no mercado dentro do contexto do socialismo, produciuse unha recuperación. Esgotada a NEP, esta política foi substituída por un sistema centralizado e suxeito aos plans quinquenais a partir de 1928. Estes plans perseguían ambiciosos programas de industrialización e de colectivización e estatalización da agricultura.
O obxectivo da industrialización era tanto reacondicionar as vellas fábricas e empresas industriais, de tecnoloxía atrasada e en estado de práctico abandono, coma construír unha poderosa industria pesada. A industrialización era considerada fundamental na construción do socialismo, xa que garantiría a alianza de obreiros e campesiños coma base da ditadura do proletariado e a defensa da URSS, e elevaría notablemente o nivel de vida da poboación.
Sen capitais iniciais, con escaso comercio internacional e virtualmente sen infraestrutura moderna, o goberno de Stalin financiou a industrialización a partir das ganancias obtidas polas fábricas e empresas do Estado, polo comercio, os bancos e o transporte. Entre 1926 e 1927, investíronse na industria preto de mil millóns de rublos; tres anos despois, puideron investir xa nela uns 5.000 millóns.
A década de 1930 conseguiu a produción por primeira vez na historia da Unión Soviética dunha ampla gama de novos produtos coma motocicletas, reloxos e cámaras fotográficas, así como as máquinas e ferramentas necesarias para producir estes e outros bens. Na industria química produciuse o desenvolvemento da industria dos plásticos, na metalurxia desenvolvéronse novos tipos de aliaxes de alta calidade e diversos metais non ferrosos foron manufacturados por primeira vez.
Tamén mellorou notablemente a escala e a eficiencia coa que se fabricaban os produtos existentes. Na industria do ferro e do aceiro, a finais da década de 1930 o tamaño medio dos novos fornos de fundición era un 40 % maior con respecto a dez anos antes. Moitas innovacións estaban baseadas exclusivamente en desenvolvementos técnicos locais. Na industria aeronáutica, por exemplo, os enxeñeiros soviéticos produciron avións que eran comparables a deseños estranxeiros; na industria militar, pola súa parte, desenvolvéronse tanques que non tiñan equivalentes no mundo occidental. A Unión Soviética foi tamén o primeiro país en producir goma sintética de polibutadieno.
O goberno de Stalin promoveu a colectivización da agricultura co fin de aumentar a produción agrícola a partir das granxas mecanizadas a grande escala, o que permitía manter os campesiños baixo un control político máis directo e para que a recadación de impostos fose máis eficiente. A colectivización significou cambios sociais drásticos nunha escala nunca vista dende a abolición da servidume en 1861.
A colectivización forzada da agricultura comezou a inicios da década de 1930, formándose a asociación obrigatoria de todas as granxas nos chamados koljós (ou granxas colectivas), unha estrutura fortemente centralizada. A supresión dos dereitos da propiedade sobre a terra foi unha consecuencia da forma como se decidiu resolver o antigo conflito da loita de clases. Ademais, de acordo coa visión económica da época, os koljós debían traballar con maior eficiencia debido á aplicación da tecnoloxía e a división do traballo. Nos primeiros anos da colectivización estimábase que a produción agrícola e industrial debería aumentar un 200 % e un 50 % respectivamente; porén, a produción agrícola diminuíu.
Os campesiños ricos, os chamados kulaks, con independencia de se resistían ou non aos cambios impostos e a colectivización, eran postos a traballar directamente nos campos, ou ben eran trasladados a Siberia ou ao leste do país. A política de industrialización da agricultura seguida por Stalin requiriu grandes cantidades de equipamento e maquinaria, que se conseguiu exportando trigo e outros bens agrícolas ao estranxeiro. Os koljós foron obrigados mediante plans específicos a entregar ao Estado a súa produción agrícola. Estas medidas trouxeron como consecuencia unha drástica caída na calidade de vida do campesiñado e na produción agrícola.
Para evitar o illamento do réxime soviético, Stalin decidiu a entrada da URSS na Sociedade de Nacións (1934), e a aproximación a Gran Bretaña e Francia. Na política interior procurou eliminar calquera tipo de oposición: entre 1936 e 1938 organizou os chamados procesos de Moscova e deportacións contra os principais mandos militares e contra toda oposición no seo do Partido e do Estado. Baseándose nos datos subministrados trala perestroika e documentados polo Gulag, foron detidas máis de 1 300 000 persoas por motivos políticos. Delas case 700.000 foron fusiladas. Durante o seu goberno iniciouse un controvertido programa para rusificar os diferentes estados da URSS, enviando rusos ás distintas repúblicas soviéticas para que casasen cos locais e así aumentar a porcentaxe de rusos na rexión.
Por outra parte, xa durante o primeiro período stalinista, antes incluso da década de 1930, amplos sectores da sociedade soviética aceptaron con optimismo os grandes avances da Revolución. Rusia era o único país do mundo onde se pagaba ás mulleres o mesmo que ós homes por un traballo similar. Tamén neste primeiro período, existían grandes facilidades para obter un divorcio ou mesmo abortar.
O 23 de agosto de 1939 asinou con Hitler o Pacto Ribbentrop-Molotov, un pacto de non-agresión que recibiu o nome dos ministros de exteriores alemán e soviético. Stalin esperaba gañar tempo e reorganizar a forza industrial-militar da cal a Unión Soviética non podería prescindir con vistas a un enfrontamento coa Alemaña nazi, que para algúns sempre fora inevitable. Por outra parte, Hitler estaba ansioso por evitar un enfrontamento inmediato cos soviéticos, pois naquel momento ía ocuparse de Gran Bretaña e Francia. Mais a invasión da Unión Soviética polas forzas alemás en 1941 levouno a aliarse co Reino Unido e os Estados Unidos durante a segunda guerra mundial. Baixo a súa forte dirección, o exército soviético conseguiu facer recuar os invasores –non sen terribles perdas humanas– e ocupar terras na Europa Oriental, contribuíndo decisivamente á derrota da Alemaña nazi.
Os seus críticos, como Lev Trotski, denunciaron o pacto co goberno nazi coma unha traizón imperdoable e un máis dos crimes do stalinismo contra o movemento obreiro internacional. O stalinismo sempre o considerou unha xenial manobra de Stalin argumentando que impediu o avance nazi, gañando tempo, o que lle permitiu vencer na segunda guerra mundial.
Unha vez iniciada a segunda guerra mundial, porén, e considerando Hitler que a caída de Inglaterra era inminente, ordenou atacar a Unión Soviética, facendo do pacto papel mollado. O 18 de decembro de 1940, o mando alemán decidiu que a invasión da URSS se realizaría en abril de 1941, pero só se puido concretar o 22 de xuño dese ano, cando se iniciou o ataque ao territorio soviético con máis de 3 000 000 de militares alemáns. A invasión tomou por completa sorpresa a Stalin a pesar de que o seu espía Richard Sorge avisara de que era inminente.
Stalin encerrouse no Kremlin cunha aparente depresión e falta de autoridade e só reaccionou 10 días máis tarde, para retomar o control con man firme. Desesperado pola invasión xermánica, decidiu suspender a campaña ateizante e permitir o rexurdimento da Igrexa ortodoxa rusa, para que o pobo soviético crente se unise á loita armada, "esquecendo" por un tempo o obrigado ateísmo do PCUS. Incriblemente e en forma insospeitada para os alemás, o pobo ruso uniuse detrás da súa figura.
O Exército Vermello, moi debilitado polas purgas de finais dos 30, atopábase virtualmente sen mando competente, polo que as forzas alemás avanzaron rapidamente polas estepas occidentais da URSS. Hitler predicía que a guerra co xigante ruso duraría polo menos 6 meses e que o pobo ruso mesmo eliminaría a Stalin.
Stalin fíxose nomear Presidente do Consello de Comisarios do Pobo co que na práctica converteuse oficialmente no Xefe do Estado. As medidas iniciais de Stalin por conter a invasión alemá foron ineficaces e non puideron deter o avance das forzas blindadas de Hitler que penetraban profundamente no territorio soviético. Se ben no comezo Stalin mostrouse dubitativo e irresoluto polo súbito e contundente ataque dos alemáns, pronto comezou a tomar o control da situación e autonomeouse Supremo Comandante en Xefe do Exército Vermello.
A diferenza de Hitler, Stalin deu certa autonomía aos xenerais na toma de decisións e fixo traer dende a fronteira algúns dos seus mellores xenerais, como Zhúkov e Vatutin, permitindo ademais o envío dende as frontes orientais de milleiros de soldados das tropas siberianas adestradas xa no combate cos xaponeses.
Durante a Batalla de Smolensk, o seu fillo Yákov Dzhugashvili foi capturado: Stalin soubo desta situación pero permaneceu indiferente á sorte corrida polo seu fillo. Yákov permaneceu anónimo no campo de concentración de Sachsenhausen até que foi delatado. Intentárono adoutrinar para a propaganda alemá pero non cambiou de bando. Entón decidiuse o seu troco polo mariscal Friedrich Paulus, pero Stalin negouse. Yákov morreu en estrañas circunstancias o 15 de abril de 1943 no mesmo campo. Stalin xamais demostrou publicamente algún tipo de consideración pola sorte corrida por Yákov.
Mantívose en Moscova o inverno de 1941, cando os alemás ameazaban a cidade, a 42 km, e organizou alí o contraataque soviético. Ao ano seguinte tivo éxito ao manter a estratéxica cidade de Stalingrado, última defensa da zona petroleira do Cáucaso, pese á enorme cantidade de baixas entre os seus homes (Stalin, a través dos seus comisarios políticos, ordenou disparar contra os seus propios soldados se estes se retiraban dun combate ao consideralos desertores) e posteriormente (1943) tamén derrotou o exército alemán na batalla de Kursk co que todo o curso das accións militares tivo un cambio, sendo entón os soviéticos os que obrigaban a retirarse aos alemáns. Así, en maio de 1945, as forzas de Stalin foron as primeiras en entrar en Berlín, forzando o suicidio de Hitler e a capitulación alemá.
No seu papel de comandante en xefe, Stalin procuraba sempre manter un control persoal pero flexible no mando, sobre todo á fronte de batalla, as reservas militares e a economía de guerra. Esta actitude non se mostrou eficaz, xa que deixaba nun só home todas as decisións, pero logo Stalin foi aprendendo dos erros e comezou a delegar decisións militares ao contrario do seu rival, Hitler, quen monopolizou o mando.
Como Xefe de Estado, Stalin participou en varios encontros cos líderes aliados, coma o chamado "dos tres grandes", con Winston Churchill e Franklin D. Roosevelt en Ialta e en Potsdam (ambos os dous en 1945), nos que logrou o recoñecemento internacional dunha esfera de influencia soviética na Europa do Leste e mostrándose como un formidable negociador segundo o propio secretario do exterior británico, Anthony Eden. Así mesmo, o 4 de setembro de 1943, reuniuse con tres metropolitas da Igrexa para restablecer o Santo Sínodo e convocar o Concilio Episcopal para elixir como Patriarca de Moscova un deles (Serguéi) cinco días despois, por primeira vez en 17 anos.
Un feito deste período que reflicte o seu "culto á personalidade" é que se autoconcedeu a honra de Heroe da Unión Soviética, a pesar que só a recibían os soldados en combate. Sentíase ameazado pola popularidade de Zhúkov, ao que acusou de usar ese triunfo ao seu favor e terminou degradándoo.
Cando rematou a segunda guerra mundial, Stalin foi visto como o gran líder que conducira o pobo soviético á vitoria na súa loita contra a Alemaña nazi. A finais da década de 1940 o patriotismo ruso foi en ascenso por causa dos éxitos propagandísticos. Por exemplo, algunhas invencións e descubrimentos científicos foron reclamados pola propaganda rusa. Exemplos diso son a máquina de vapor, reclamada polo pai e o fillo da familia Cherepánov; a lámpada incandescente, por Pavel Yablochkov e Aleksandr Lodyguin; a radio, por Aleksandr Stepánovich Popov; e o avión, por Aleksandr Mozhaiski. Continuaron as súas políticas represivas (incluso nos territorios recentemente anexionados), pero nunca chegaron aos extremos da década de 1930.
Internacionalmente, Stalin viu a consolidación do poder como un paso necesario para protexer a Unión Soviética, rodeándoa de gobernos amigables, coma un cordón sanitario contra posibles invasións. Mentres, "Occidente" buscou un modelo idéntico de protección contra a expansión comunista. Estas políticas conduciron a unha estabilidade, onde o éxito da influencia soviética dependería da cooperación entusiasta das nacións satélites.
Coa súa esfera de influencia alongada á metade oriental de Europa, nos chamados Estados Obreiros, Stalin foi unha persoa chave da posguerra. Dominando países coma a República Democrática Alemá, Checoslovaquia e Romanía, estableceu a hexemonía soviética no Bloque do Leste e rivalizou cos Estados Unidos no liderado do mundo.
Stalin tivo a esperanza de que a retirada e a desmobilización dos Estados Unidos darían lugar a un aumento da influencia comunista, especialmente en Europa. Cada unha das partes vía as accións defensivas da outra como provocacións desestabilizadoras e estes dilemas de seguridade desgastaron as relacións entre a Unión Soviética e os seus ex-aliados occidentais da segunda guerra mundial e deu lugar a un prolongado período de tensión e a desconfianza entre o Leste e Occidente coñecido coma a guerra fría (véxase Pano de aceiro).
O Exército Vermello terminou de maneira exitosa a segunda guerra mundial ocupando gran parte do territorio que fora ocupado anteriormente polos países do Eixo.
En Asia, o Exército Vermello invadiu Manchuria no último mes da guerra e tamén tomou o control de Corea preto do Paralelo 38. Na China, Mao Zedong do Partido Comunista da China, receptivo a recibir o apoio soviético, derrotou ao prooccidental e proestadounidense Partido Nacionalista Chinés na guerra civil da China.
Os comunistas controlaron a maior parte da China, mentres que os nacionalistas se refuxiaron nun pequeno estado na illa de Formosa (actualmente Taiwán). A Unión Soviética recoñeceu pronto as "fazañas" de Mao pouco despois da fundación da República Popular da China, que foi considerada coma un novo aliado. A República Popular reivindicou Taiwán, a pesar de que nunca se consolidou a súa autoridade na illa.
As relacións diplomáticas coa China acadaron un punto culminante coa firma do Tratado chinés-soviético de Amizade e Alianza en 1950. Ambos os dous países proporcionaron apoio militar a un novo estado en Corea do Norte. En 1950, despois de varios conflitos fronteirizos, estalou a guerra entre o novo estado e os Estados Unidos e os seus aliados de Corea do Sur, comezando a guerra de Corea.
En Europa existían zonas de ocupación soviética, tanto en Alemaña coma en Austria. Hungría e Polonia estaban practicamente ocupadas militarmente. Dende 1946 a 1948 foron elixidas en Polonia, Checoslovaquia, Hungría, Romanía e Bulgaria gobernos de coalición integrados por comunistas, e os movementos comunistas accederon ao poder en Iugoslavia e Albania.
Estas nacións foron coñecidas coma o Bloque do Leste ou Bloque Comunista. Gran Bretaña e os Estados Unidos apoiaron a loita contra os comunistas na guerra civil grega e os soviéticos foron sospeitosos de apoiar aos comunistas gregos, aínda que Stalin se abstivo de involucrarse en Grecia, desestimando o movemento por consideralo prematuro. Albania seguiu sendo aliada da Unión Soviética, pero Iugoslavia rompeu coa URSS en 1948.
Ámbalas dúas superpotencias viron a Alemaña coma país clave. En represalia á formación da "Trizona" occidental, Stalin decidiu tomar medidas. Grazas á información do axente británico Donald Maclean Duart e outros axentes de espionaxe británicos e estadounidenses, Stalin era perfectamente coñecedor de que os Estados Unidos non procederan á produción masiva de armamento atómico, de feito, nin sequera produciran ningunha dende Nagasaki. Sería preciso un gran número para destruír as forzas comunistas, xa fose en Europa ou no Extremo Oriente. Polo tanto ordenou o bloqueo de Berlín, que estaba baixo dominio británico, francés e estadounidense.
O Bloqueo de Berlín fracasou debido á masiva campaña de reabastecemento aéreo (Luftbrücke), levado a cabo polas potencias occidentais. En 1949, Stalin recoñeceu a derrota e puxo fin ao bloqueo. Despois da formación de Alemaña Occidental pola unión das tres zonas occidentais de ocupación, os soviéticos declararon en 1949 Alemaña Oriental como país independente baixo un goberno comunista.
En 1948 Stalin apoiou inicialmente a creación do estado de Israel. A Unión Soviética foi un dos primeiros países en recoñecer o novo país, e nese mesmo ano Golda Meir chegou a Moscova como primeira embaixadora. Porén, máis tarde cambiou de opinión e opúxose a Israel.
Ao contrario que a política dos Estados Unidos de armamento restrinxido (proporcionou equipo limitado á infantaría e as forzas da policía de Corea do Sur, Stalin apoiou con armas a Kim Il Sung en Corea do Norte: o exército e as forzas aéreas con equipamento militar (incluído os Tanques T-34/85) e "asesores" moi por riba do que se requiría para fins defensivos, co fin de facilitar a Kim (ex oficial da Unión Soviética) a conquista do resto da península coreana. Pilotos soviéticos voaron en avións soviéticos dende bases chinesas contra aeronaves das Nacións Unidas na defensa de Corea do Norte. Investigacións na Unión Soviética, posteriores á guerra fría revelaron que a guerra de Corea foi iniciada por Kim Il Sung coa autorización expresa de Stalin.
Nos últimos anos de vida de Stalin, unha das súas últimas grandes iniciativas de política exterior foi a Nota de Stalin de 1952 para a reunificación alemá e a non intervención das superpotencias en Europa central, pero Gran Bretaña, Francia e os Estados Unidos sospeitaron da proposta e rexeitaron a oferta.
O 5 de marzo de 1953 Stalin faleceu de hemorraxia cerebral feito que, segundo moitos, aínda merece unha profunda investigación[Cómpre referencia]. O seu corpo ficou exposto no mesmo salón que Lenin até o 20º Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética, realizado o febreiro de 1956, no cal Nikita Khrushchev, o seu sucesor, denunciou no chamado "relatorio secreto" as prácticas stalinistas, particularmente o chamado "culto á personalidade". Despois do 20º Congreso, o corpo de Stalin foi enterrado fóra dos muros do Kremlin, sendo o túmulo máis visitado alí.
A primeira muller de Stalin, Ekaterina Svanidze, morreu en 1907, tres anos despois do seu matrimonio. Tiveron xuntos un fillo, Yakov Dzhugashvili, co que rachou a relación posteriormente. O seu fillo intentou suicidarse, sen éxito, sufrindo graves feridas. Yakov formou parte do Exército Vermello e foi capturado polas tropas alemás. Alemaña ofreceu a Stalin intercambialo por un xeneral alemán, ó que Stalin non accedeu. Yakov morreu oficialmente electrocutado, intentando escapar do campo de concentración.
A segunda muller de Stalin foi Nadezhda Alliluyeva, que morreu en 1932. A causa oficial da súa morte foi unha grave enfermidade. Xuntos tiveron un fillo (Vassili Dzhugashvili) e unha filla (Svetlana Alliluyeva). Vassili conseguiu rangos militares na Forza Aérea Soviética, morrendo a causa do alcol en 1962. Svetlana abandonou a URSS en 1967, regresando décadas máis tarde.
A nai de Stalin morreu en 1937. Stalin non asistiu ó seu funeral.[2][3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.