confrontación civil entre os comunistas bolxeviques e a oposición conservadora From Wikipedia, the free encyclopedia
A guerra civil rusa (en ruso Rússkaia grazhdánskaia voiná, Русская гражданская война, transliteración internacional Russkaja graždanskaja vojna) confrontación civil entre os comunistas bolxeviques (Exército Vermello) e un exército formado por un grupo heteroxéneo conservadores, demócratas, socialistas, nacionalistas e o chamado Exército Branco. O conflito durou de 1917/18 a 1920 ou 1921. O momento exacto do comezo é discutido polos historiadores. Algúns fano coincidir coa Revolución de Outubro de 1917, outros coa primavera de 1918.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2016.) |
A guerra foi dura e brutal, e incluíu ataques contra poboación civil; os mortos calcúlanse nuns oito millóns. A participación de forzas estranxeiras da Entente e dos Imperios centrais contribuíu a aumenta-la súa duración e violencia. A Unión Soviética perdeu como consecuencia da guerra o control dunha gran parte do Imperio Ruso: ademais da xa independente Polonia, que comprendía parte das actuais Ucraína e Belarús, os estados bálticos e Finlandia conseguiron a independencia. O conflito acabou coa vitoria do Exército Vermello sobre as últimas tropas brancas en Crimea en novembro de 1920.
O período que abrangue a guerra é discutido tanto entre os historiadores occidentais como entre os rusos. Unha corrente de opinión sitúa o comezo da guerra en maio de 1918, coincidindo co alzamento da Lexión checa contra o Exército Vermello, a outra marca o inicio da guerra coa revolución de outubro, en novembro de 1917. Os partidarios da primeira postura inciden nas consecuencias das influencias estranxeiras no conflito. Os da segunda toman en consideración os alzamentos conta o poder soviético que comezaron case coa mesma revolución. O problema da datación exacta do período da guerra é causado polo mesmo desenvolvemento desta. Ámbolos dous bandos levaban a cabo campañas sen unha estratexia a longo prazo e provocados máis axiña polo propio desenvolvemento dos acontecementos. A intervención estranxeira e a guerra polaco-soviética contribúen aínda máis a esvaecer os límites da guerra.
Despois de asegurar militar e politicamente o control dos carozos do vello imperio tsarista os comunistas comezaron a estender o seu poder cara ás zonas periféricas. Foi entón cando apareceron as primeiras resistencias que prefiguraron as liñas de conflito da guerra civil. Estas tiveron lugar nas fronteiras rexionais, nacionais e sociais do estado plurinacional ruso, este período do conflito coñécese como "A guerra do ferrocarril", e caracterízase polas accións militares improvisadas de unidades revolucionarias que, partindo dos centros ferroviarios de Petrogrado e Moscova, se desprazaban ás diferentes áreas de conflito. Esta fase foi de triunfos continuos do Exército Vermello e durou ata o ataque dos imperios centrais en febreiro de 1918.
Os cosacos,considerados de etnia rusa, formaban unha minoría cun status especial. Estaban asentados como forzas defensivas nas zonas fronteirizas do imperio e formaban como tropas de cabalaría, un corpo de elite militar. Como contrapartida tiñan unha gran capacidade de autogoberno e amplas posesións de terras, que cultivaban por si mesmos ou arrendaban a campesiños non cosacos. A súa estrutura social, o seu monarquismo e os dereitos especiais que posuían facíanos pouco receptivos ó marxismo e mostráronse contrarios, en xeral, á toma do poder polo partido de Lenin. Xa en 1917 o atamán Durov, da rexión cosaca siberiana de Orenburgo, tentara organiza-la resistencia armada contra os comunistas, pero os campesiños-soldados cansos de loitar nas frontes da primeira guerra mundial non estaban en condicións de formar unidades de combate apropiadas. Orenburgo foi tomada por Gardas Vermellos o 31 de xaneiro de 1918. Máis consistencia tivo o alzamento dos cosacos da zona do Don. Alí o atamán e antigo xeneral Kaledin quixo formar un exército para restaura-lo imperio. Intentou mobilizar os habitantes non cosacos coa creación do "Goberno Unido da rexión". Unha vez máis o cansazo da guerra nos soldados e a falta de apoio dos agricultores da rexión do Don que agardaban que o poder soviético puxera fin ós privilexios territoriais dos cosacos e repartise as terras, non permitiron consolidar a resistencia. A reacción do Exército Vermello foi inmediata, pola posición estratéxica da rexión do Don, que era cruzado polas liñas de tren que viñan do Cáucaso e pola ameaza que a insurrección supoñía para o importante núcleo industrial da zona do Donets. En novembro de 1917 o comisario do ministerio da guerra, Antonov-Ovsejenko,foi encargado de tomar medidas especiais. Co traslado de traballadores armados desde Petrogrado, o recrutamento de soldados voltos da fronte do Cáucaso e a mobilización de traballadores da conca do Donets tivo á súa disposición unha forza de combate suficiente para derrotar ás tropas cosacas e conquistar Novocherkask, capital da rexión do Don, o 25 de febreiro de 1918 e acabou coa revolta.
Importante para o futuro da guerra foi a constitución do "exército de voluntarios" (Dobrovoltsaia armia), dirixida polo xeneral Kornilov, que co seu intento de golpe de estado de xullo de 1917 fora decisivo para acelerar a toma do poder polos comunistas. Na época da campaña do Don eran só 4000 soldados pero sería o núcleo do futuro Exército branco no sur de Rusia. Despois da derrota na rexión do Don, os voluntarios asentáronse na estepa ó sur desa rexión. Alí morreu durante un combate de artillaría o 10 de abril de 1918 Kornilov, que foi substituído por Denikin que ía dirixir as forzas conservadoras do sur de Rusia durante o ano seguinte. Despois de acabar coa sublevación do Don, o Exército Vermello atacou tamén a zona cosaca do Kuban acadando a súa capital Iekaterinodar o 13 de marzo.
Os ucraínos eran a minoría nacional máis numerosa do Imperio Ruso e vivían nu territorio ben delimitado. Xa no século XIX aparecera un sentimento nacionalista entre os ucraínos que se afirmou en 1917 na constitución da "Rada" (parlamento ucraíno) perante a debilidade do poder central. A Rada estivo dominada por socialrevolucionarios e marxistas pero mantivo o desexo de busca-la soberanía nacional. O goberno leninista non quería tolerar unha soberanía ucraína de tipo parlamentario, especialmente porque Ucraína era a orixe de boa parte dos alimentos e materias primas que precisaba Rusia. O intento de solución do problema foi a constitución, por orde de Petrogrado, o 4 de decembro de 1917 dun "Congreso dos soviets de tódolos ucraínos" que debía actuar como contrapoder da Rada. O mesmo día os bolxeviques deron un ultimato ó parlamento ucraíno esixíndolle o recoñecemento do Congreso dos Soviets e ameazando con usa-la forza. O intento de illar o parlamento ucraíno fracasou pola pouca forza dos leninistas na zona e a falta de apoio da poboación. O mesmo día da súa constitución os parlamentarios do Congreso dos Soviets tiveron que deixar Kíiv e marchar a Khárkov, onde a poboación era maioritariamente rusa. Lenín encargou a solución militar ó socialrevolucionario e antigo oficial tsarista Mikhaíl Muravjov. A Rada non foi quen de organizar unha resistencia militar sólida e o 26 de xaneiro de 1918 a Garda Vermella tomou Kíiv.
Finlandia tiña baixo os tsares unha autonomía considerable. Elixía un parlamento propio que era o centro político da nación xa no Imperio. Os fineses estaban liberados da chamada a filas obrigatoria. Tamén alí os bolxeviques influíron no movemento obreiro. Unha crise política, a falta de alimentos e as tensión sociais provocaron o intento revolucionario de derrubar ó goberno do 27 de xaneiro de 1918, que triunfou no sur e foi suprimido polas tropas "brancas" gobernamentais no norte, e continuou na guerra civil finlandesa entre Brancos e Vermellos que se decidiu a favor dos primeiros polo mellor adestramento militar dos soldados e polo regreso de Alemaña das unidades de "cazadores" alí formadas[Cómpre referencia]. Lenín, que recoñecera en xaneiro a independencia finesa foi obstaculizado de axudar os vermellos polo tratado de Brest-Litovsk. O 5 de maio de 1918 os brancos comandados por Carl Gustaf Mannerheim conseguiron acabar coa resistencia vermella.
En Besarabia, actual Moldova as tropas bolxeviques sufriron outro revés cando os habitantes romaneses da provincia constituíron en xaneiro de 1818 a República Democrática de Moldavia. Os gardas vermellos chegados ó apuro desde Odesa foron vencidos coa axuda de tropas vidas de Romanía. En abril de 1918 a nova república uniuse a Romanía. O goberno ruso conformouse con tomar o embaixador romanés como refén e con quedar coas reservas de ouro da antiga Besarabia que estaban en Petrogrado, pero non tentou recupera-lo territorio.
A administración Bolxevique estaba dividida sobre as futuras actuacións en relación cos poderes centrais e a continuación da guerra. Só unha pequena parte do partido con Lenín á cabeza estaba disposta a unha paz sen condicións. A maioría dos comunistas rexeitaban ceder ós imperios alemán e austríaco máis territorios. O resultado foi que, durante as conversacións de paz, Lev Trotski manifestou que Rusia non aspiraba nin á paz nin á guerra con Alemaña e o Imperio Austrohúngaro.
O mando alemán dirixido por Erich Ludendorff decidiu entón a continuación dos ataques para obrigar ós comunistas a asinar un tratado de paz. A operación Faustschlag supuxo un ataque combinado das tropas de Austria-Hungría e Alemaña ó longo de toda a fronte do Leste. A operación comezou o 18 de febreiro de 1918 e en só tres días caeu Minsk, o 24 de febreiro Xitomir e o 3 de marzo Kíiv. Un día despois a delegación dirixida por Trotski aceptou a paz polo tatado de Brest-Litovsk. Lenín conseguira convencer ó partido despois das derrotas militares. O pacto deulle a Alemaña o control de Ucraína, Crimea e parte de Belarús e a Rusia do sur, ademais o avance das tropas dos imperios centrais continuou despois da sinatura do tratado.
O tratado serviu coma unha sorte de catalizador das tensións políticas entre os partidos burgueses. Os bolxeviques foron derrotados en todas as zonas de avance das tropas alemás. A ocupación deu un novo potencial ás faccións que foran marxinadas durante a fase de consolidación do poder vermello. Así a entrada dos alemáns en Crimea coincidiu cun alzamento dos tártaros musulmáns que asasinaron os membros do consello do comisariado popular da República Soviética de Crimea.
En Ucraína as tropas alemás, que contaran co apoio dos ferroviarios ucraínos durante a toma de Xitomir, permitiron a toma do poder polos nacionalistas que volveron a constituír un parlamento en Kíiv, que foi suprimido o 29 de abril polos ocupantes alemáns que o temían por estar dominado polos marxistas. Tomou o poder o nacionalista conservador Pavlo Skoropadskyi, que tomou o título de hetman e se constituíu en ditador, aínda que se mantivo no poder só ata a derrota dos alemáns na primeira guerra mundial, momento no que a Rada retomou o poder para volver perdelo dous meses despois en beneficio da Unión Soviética.
A ocupación alemá tivo nas Repúblicas Bálticas consecuencias máis duradeiras. En Estonia a implantación dos bolxeviques era escasa e a presenza alemá evitou que puidesen formar unha organización política sólida para contrarrestar a situación. Trala fin da primeira guerra mundial os conservadores puideron atraer ós campesiños ó expropiar ós agricultores de orixe alemá. A consecuencia foi a constitución dun goberno nacionalista dirixido polos socialdemócratas de etnia estonia que puido resistir militarmente fronte ós Vermellos. Lenín uniu Lituania á Unión Soviética mediante a constitución dunha República Soviética local, pero o intento fracasou pola intervención polaca e a resistencia das forzas burguesas. En Letonia a situación foi máis complexa polo equilibrio entre nacionalistas e comunistas. En xaneiro de 1919 o Partido comunista quixo aproveitar o avance do Exército Vermello no seu prol, pero as forzas nacionalistas aproveitaron os seus triunfos iniciais para toma-lo poder. A vitoria dos nacionalistas letóns foi facilitada polo pacto cos letóns de etnia alemá. En maio de 1919 o corpo de voluntarios alemán-letón, dirixido polo antigo xeneral alemán Rüdiger Graf von der Goltz tomou baixo o seu control a cidade de Riga e eliminou das Repúblicas Bálticas o último punto de control soviético.
Entre a dirección bolxevique había dúas posturas sobre o xeito de organizar o Exército Vermello. A posición da ideoloxía marxista, apoiada entre outros por Stalin e o primeiro comandante xeneral Krylenko, esixía a constitución dun "exército revolucionario" en forma dunha milicia sen rangos e dirixida por oficiais escollidos pola tropa. Esta foi a postura seguida dende o triunfo da Revolución. A ofensiva alemá amosou claramente o fracaso do sistema. As unidades improvisadas dos Vermellos foron incapaces de resistir os ataques de febles unidades da infantaría alemá.Krylenko foi relevado e Trotski foi comisionado para organizar o exército segundo o seu criterio. Trotski proxectou un exército adoutrinado ideoloxicamente, mais no que se mantivesen a disciplina e a obediencia ós superiores. O resultado da súa dirección foi a constitución dun corpo de 700.000 soldados ó acabar o ano 1918. As unidades irregulares que aínda quedaban tiñan que servir como forza de loita case simbólica diante unha posible intervención exterior.
Despois da invasión alemá o poder bolxevique estaba nunha situación tan insegura e fráxil coma despois da revolución de outubro. Un elemento externo axudou ademais a provocar a serie de revoltas contra o poder do partido de Lenín que se seguiron no ano 1918. A Lexión checa, formada nos tempos do tsar principalmente con prisioneiros checos do exército austrohúngaro para loitar do lado ruso, constituíuse na primeira ameaza militar para o goberno comunista. О corpo, formado por 40.000 homes iniciou, de acordo cos aliados da Entente, o seu retorno a Europa partindo do porto ruso de Vladivostok. Os soldados estaban repartidos en varios puntos debido ás dificultades do transporte. O día 14 de maio produciuse un enfrontamento entre soldados checos e prisioneiros de guerra húngaros, que acabou con varios mortos. Trotski deu orde de desarmar as tropas estranxeiras. Os checos, que desconfiaban dos bolxeviques despois da paz destes cos alemáns, rexeitaron a orde rusa. Trotski ordenou daquela disparar a todo membro armado da Lexión. A orde non tivo en conta que o débil Exército Vermello na zona do Volga e Siberia non estaba en condicións de enfrontarse ós checos, superiores en instrución militar. A situación foi aproveitada por algúns grupos políticos para instrumentalizar a lexión Checa. Os socialrevolucionarios da rexión de Samara convenceron a parte dos checos para que tomasen parte nunha rebelión antibolxevique. E foi fundado en Samara o Comité dos membros do pacto constituínte (KOMUCH), co que os socialistas tentaban crear unha asemblea constituínte con forzas democráticas opostas ós bolxeviques. Coa axuda checa o Komuch acadou o control das rexións de Samara e Ufa e espallouse a parte das provincias limítrofes. A continuación intentaron formar un exército voluntario de 30.000 soldados na área que controlaban. A falta de voluntarios (só se presentaron uns 10.000, obrigou finalmente á recruta forzada e causou a impopularidade dos socialrevolucionarios, entre outras cousas porque ata daquela os bolxeviques formaran as súas tropas só con voluntarios, reduciu o espírito de loita dos recrutados forzosos e non permitiu ó Komuch sacar partido da súa inicial popularidade entre os agricultores. Perante a negativa dos menxeviques marxistas a se rebelaren contra o poder soviético e a imposibilidade de convencer ós campesiños pobres e ós traballadores xa decantados cara ó goberno de Petrogrado, o apoio o Komuch viña exclusivamente das capas sociais burguesas e da intelectualidade. Esta debilidade fixo que a súa supervivencia dependese só da reacción do goberno comunista. Trotski foi acumulando soldados durante o verán de 1918 e, en outubro o grupo Leste do Exército Vermello comandado por Tukhachevski contaba con 100.000 efectivos. Tukhachevski non quería esperar e comezara xa os ataques antes de contar con tódalas forzas. Despois do fracaso do intento do Exército popular do Komuch baixo as ordes de Kappel de cortar a liña ferroviaria con Moscova a desmoralización das tropas foi aínda meirande. Xa en setembro os Vermellos capturaron Kazán e Simbirsk e o 7 de outubro Samara. Despois da caída desta, o comandante local da Lexión Checa, Svec, suicidouse e as unidades checas retiráronse sen loitar cara ó leste.
Só un mes despois da supresión da primeira revolta dos cosacos do Don, empezou unha nova rebelión. O de 6 de maio foi conquistada polo Exército branco a capital dos cosacos do Don, Novocherkask. Á caída da cidade contribuíu a insatisfacción da poboación, cosaca e non cosaca, cos bolxeviques. As requisas de alimentos para ser enviados á desabastecida Petrograd provocaron conflitos coas autoridades bolxeviques agravados máis aínda polos métodos draconianos das unidades do Exército Vermello (que seguían a formulación de Trotski de utilizar o Terror como método de dominar ós rebeldes) e que incluían toma de reféns e fusilamentos.
Outro factor externo colaborou na recuperación dos contrarrevolucionarios: o avance dos soldados alemáns polos territorios próximos obrigou a retirarse ás forzas soviéticas. Deste xeito a nova rebelión cosaca foi indirectamente favorecida polos seus antigos inimigos. As tropas alemás cortaron o ferrocarril na zona do Don, entorpecendo a chegada de novas tropas soviéticas. Ademais, as armas requisadas ó Exército Vermello foron entregadas ós rebeldes. Dese xeito o exército comandado polo xeneral Krasnov contaba en xuño con 40.000 homes armados. Krasnov aproveitou militarmente esta vantaxe. En agosto de 1918 o xeneral Mamontov comezou un ataque de cabalaría contra [Zaryzin]. Foi a primeira acción masiva de cabalaría da guerra civil rusa e obrigou ó Exército Vermello a crear as súas propias unidades montadas. A cidade foi cercada polos brancos e a batalla o redor dela durou ata outubro e a dura resistencia dos sitiados serviu para que os Vermellos comparasen a cidade con Verdún. O papel de Iosif Stalin na loita foi glorificado na súa época de xefe de estado. A finais do ano os cosacos do Don conseguiran só pequenos avances fóra da súa área orixinaria. O bloqueo alemán da rexión do Kuban en Rusia do sur, que separou esta rexión e maila República Soviética do Cáucaso Norte de Rusia central, marcou tamén o inicio da revolta dos cosacos do Kuban. O comandante dos cosacos, Denikin, formou un corpo duns 9.000 voluntarios, máis deles veteranos da primeira guerra mundial e dirixidos por oficiais de carreira. Fronte deles as forzas do goberno estaban constituídas por entre 80.000 e 100.000 soldados sen adestramento militar e dirixidos por un antigo suboficial do exército tsarista. Esta situación permitiu ós Brancos a conquista de Ekaterinodar o 18 de agosto de 1918.
A presenza das forzas bolxeviques en Siberia era escasa, en parte pola menor confrontación social na zona. As tensións entre os grandes propietarios rurais e os arrendadores era menor ca noutras zonas de Rusia e o número de traballadores industriais era pequeno. Politicamente dominaban os socialrevolucionarios e nas cidades os antigos conservadores mantiñan o poder. A postura antibolxevique da Lexión checa acabou por eliminar case completamente o poder vermello en Siberia, o tomar baixo o seu control o ferrocarril transiberiano. Os checos tomaron Ekaterinenburg, o centro administrativo dos comunistas na zona, o 25 de xuño de 1918 despois dunha semana de sitio, obrigando ás tropas do Exército Vermello a retirarse cara ó oeste. Dous días despois foi constituído un goberno provisional en Omsk dirixido por Piotr Vassilievich Vologodski e formado por rexionalistas e socialrevolucionarios.
O movemento anticomunista apoiábase, á parte de nos intelectuais urbanos e nas forzas estranxeiras, nos cosacos de Siberia e nuns 8.000 antigos oficiais tsaristas residentes na zona. Estes, partidarios dunha Rusia unida rexeitaban por igual as ideas dos rexionalistas e as de cambio social dos socialrevolucionarios. Os militares conservadores aproveitaron a debilidade do goberno provisional para daren un golpe de estado incruento o 17 de novembro de 1918 que acabou coa fase parlamentaria da resistencia anticomunista. O almirante Kolchak substituíu o goberno por unha ditadura militar, estableceuse coma dirixente máximo do movemento dos Brancos en toda Rusia e marcou o desenvolvemento das operación militares nos anos a seguir. Kolchak marcou como obxectivo do seu goberno a derrota dos comunistas e o restablecemento da orde social, pero renunciando especificamente a permitir a política de partidos, o que se demostraría coma un dos grandes erros do movemento antibolxevique. Os meses a seguir marcaron o estancamento das operación militares dos dous bandos, que se preparaban para o ano seguinte.
O tratado de paz sen condicións de Brest-Litowsk asinado por Lenín serviu para aliviar a presión dos ataques alemáns e austríacos pero empeorou as relacións cos estados que formaba a Entente que, xa antes da fin da primeira guerra mundial, comezaron a enviar soldados a territorio ruso para evitar a posible colaboración soviético-alemá. O primeiro continxente británico, duns 600 homes, desembarcou en xuño de 1918 no porto de Múrmansk, no océano Ártico. O porto, afastado dos centros neurálxicos de Rusia foi tomado, mais non se seguiron outras operacións. O seguinte paso foi o desembarco en Odesa dun exército franco-grego de 1.000 homes, apoiado por unidades da mariña francesa. Estas tropas retiráronse perante o avance dos Brancos e o 7 de abril de 1919 xa non quedaban tropas da Entente en Ucraína. A seguinte operación foi en agosto cando 600 soldados franceses e británicos, reforzados despois por 5.000 máis dos Estados Unidos, entraron en Arkhangelsk, para evitar que os depósitos de armas da cidade caesen en mans alemás ou soviéticas. Algúns políticos americanos apoiaron a intervención por sentirse obrigados a axudar a Lexión checa, que, de feito, se atopaba moi lonxe da zona. As tropas expedicionarias avanzaron uns centos de quilómetros. Despois dun ano de loitas esporádicas con unidades do Exército Vermello non se chegou a ningunha situación de vantaxe estratéxica clara. As tropas estranxeiras abandonaron a zona en xullo de 1919. A ocupación estranxeira de máis duración foi a de Vladivostok, o porto ruso no Pacífico máis importante. A ocupación iniciárana en abril de 1918 tropas xaponesas e británicas, ás que seguiu un corpo expedicionario de 8.000 soldados estadounidenses. Vladivostok debía servir de punto de apoio para as tropas de Kolchak, que pola súa postura contraría ós alemáns era considerado pola Entente como o lexítimo gobernante de Rusia. As tropas ocupantes permaneceron nesa zona ata a derrota final dos contra-revolucionarios, sendo reforzados por 70.000 soldados xaponeses que non chegaron a entrar en combate. Vladivostok non foi recuperada polos soviéticos ata 1922. A importancia da intervención aliada na guerra foi moi destacada polos historiadores soviéticos, pero as súas consecuencias militares son discutibles por limitarse a unha zona periférica. É certo que facilitaron a entrega de material ós Brancos en Siberia e no sur de Rusia, contribuíndo se cadra a alongar a guerra.
Baixo o mando do almirante Kolchak cristalizou unha ditadura militar en Siberia e na zona do Ural No inverno de 1918/19 estableceuse un goberno firme, favorecido polas preocupacións internacionais do goberno comunista, daquela xa asentado en Moscova. Os bolxeviques agardaban unha extensión internacional do movemento revolucionario, sentimento favorecido pola revolución de novembro de 1918 en Alemaña. Por outro lado Trotski consideraba que a situación dos frontes de guerra era a comezos de 1919 tranquila e con vantaxe para os comunistas. Nese clima a ofensiva do Exército Branco do 4 de marzo de 1919 foi inicialmente un golpe duro para o poder soviético. O obxectivo do ataque era Ufa, nó central de comunicacións ferroviarias dos Urais. Foi levado a cabo por dous grupos de exército. O grupo do oeste, dirixido pola xeneral Khanzin dirixiuse directamente a Ufa. O exército siberiano comandado polo xeneral checo Gajda estaba 200 km ó norte e debía atacar dende Perm. Conseguiu avanzar 300 km en territorio vermello, pero nunha área na que non había nin cidades importantes nin puntos de importancia estratéxica para o transporte. O pulo dos Brancos pillou por sorpresa ós dirixentes militares comunistas. O grupo oeste dos brancos conquistou Ufa o 28 de abril de 1919 e cortou o acceso ferroviario ós Urais. Os defensores perderon uns 20.000 soldados, pero a situación estratéxica dos vencedores era complexa. Controlaban unha área de 300 km de longo e só 150 de ancho en territorio inimigo na que quedaban moi expostos e co exército de Gajda moi afastado para axudarlles. O mesmo 28 de abril os Vermellos empezaron o contraataque, recuperaran Ufa e os Brancos perderan todo o territorio gañado.
A dirección bolxevique tomou por fin en serio a ameaza na súa fronte oriental e Lenín proclamou a necesidade de recuperar a zona do Ural antes do inverno para evitar o fracaso da Revolución. Os grupos do exército vermello no leste foron reforzados, pasando de 84.000 a 360.000 homes a fins de maio de 1819 fronte ós 100.000 dos inimigos. A ofensiva vermella do verán de 1919 foi devastadora. O 1 de xullo caeu Perm provocando a retirada desordenada dos Brancos cara ó leste. Dúas semanas despois capturaron Ekaterinburg, o núcleo industrial máis importante dos Urais, o 24 de xullo Cheliabinsk e os brancos foron expulsado dos montes Urais. A perda desta liña defensiva foi un desastre para o movemento antibolxevique. O terceiro grupo meirande dos que o formaban, o exército do sur dirixido por Belov, quedou illado nos arredores de Orenburg e tivo que renderse en setembro de 1919. Os outros dous grupos non tiveron máis sorte, o avance Vermello era imparable. En outubro estaban xa preto de Omsk, centro do goberno de Kolchak. A cidade rendiuse sen loitar o 14 de novembro.
A situación dos brancos en Rusia do sur era a comezos de 1919 ambivalente. Separados do teórico comandante Kolchak, desenvolveron a súa propia estratexia militar e tiveron éxito nas operacións no Cáucaso. O exército do Don, dirixido polo líder cosaco Piotr Krasnov estaba envolto nunha loita de desgaste contra o Exército vermello de Vladimir Gittis, que compensaba a falta de adestramento militar e disciplina dos seus homes coa superioridade numérica e as accións de castigo da Cheka e os xuízos militares sumarísimos. En febreiro de 1919 o exército cosaco reducíase a 15.000 homes e Krasnov foi obrigado a renunciar ó mando, sendo substituído por Bogaevski, colaborador próximo de Anton Denikin o xefe dos Brancos en Rusia do sur. O novo xefe cosaco aceptou a autoridade de Denikin sobre as súas tropas e rompeu os vencellos de Krasnov cos alemáns que impedía a Denikin recibir axuda de Gran Bretaña.
Xa como dirixente indiscutible dos contrarrevolucionarios na rexión do Don, Denikin puido coordinar as accións das tropas cosacas coas das súas propias e ordenou ó Exército de Voluntarios axudar ós cosacos do Don. Os Voluntarios partiron do Cáucaso e foron levados á conca do Donets para reforza-lo lado oeste do exército do Don, nun momento no que a loita se intensificara. O Exército dos Voluntarios comandado por Vladimir Mai-Maievski conseguiu, grazas ó control da rede de trens, conter a ofensiva Vermella e pasar ó ataque en xuño, provocando a retirada dos soviéticos e conseguindo tomar Kharkov, centro comunista en Ucraína. Ó leste, Denikin deu o mando das tropas Brancas ó xeneral Piotr Wrangel que consolidou as posicións contrarrevolucionarias e en maio comezou unha ofensiva que levou á conquista de Tsarytsin. Os brancos tomaron a iniciativa no fronte do sur e Denikin puido pensar en empresas máis importantes. A derrota Vermella no sur foi unha sorpresa, sendo causada en boa parte por dificultades na retagarda. O líder anarquista Nestor Makhno, antigo aliado do goberno soviético decidira a principios de 1919 rebelarse contra o poder soviético. Os cosacos, cansos da guerra de desgaste, que decidiran non aceptar as chamadas á mobilización de Krasnov, foron movidos de novo á resistencia polo avance dos vermellos e as medidas anticosacas decretadas polo Comité Central do Partido Comunista, que impulsaban a desaparición dos cosacos como clase social e a súa integración no sistema político soviético, utilizando medidas sumarias. Por outro lado as reformas de Trotski para a reforma do exército estaban aínda sendo postas en marcha, o que reducía a capacidade operativa das tropas Vermellas. Trotski deseñou un sistema no que utilizaba a antigos comandantes do exército imperial que eran controlados por comisarios políticos e que non estaba aínda disposto a mediados do 1919. A incapacidade de integrar os labregos recrutas nas forzas armadas era evidente e as desercións multiplicábanse. A falta de oficiais cualificados facía preciso recorrer a suboficiais procedentes das capas máis radicais de soldados o que provocaba problemas dentro da organización.
Coincidindo cos ataques do exército de Denikin no sur un novo perigo para o goberno soviético apareceu no noroeste. Na fronteira con Estonia formaranse baixo protección alemá o ano 1918 unidades militares contrarrevolucionarias que foron rexeitadas cara á república báltica polos soviéticos durante a Revolución Alemá de 1918. Os Brancos derrotados refuxiáronse en Estonia e en maio de 1919 6.000 homes dirixidos polo xeneral Nikolai Iudenich cruzaron a fronteira e, en poucas semanas, ocuparon un territorio duns 18.000 km² centrado na cidade de Pskov. A finais de setembro atacaron en dirección a Petrogrado e, o 21 de outubro estaban só a 30 km da antiga capital rusa. Os bolxeviques víronse forzados a retirar tropas da fronte do sur. En poucos días concentráronse en Petrogrado máis de 70.000 soldados vermellos. Os brancos contaban con 15.000 homes, moitos deles desertores do Exército Vermello, e recursos limitados. A falta dun programa político concreto non facilitaba a colaboración dos habitantes do territorio ocupado con Iudenich. En novembro os brancos foran de novo rexeitados á fronteira con Estonia. O goberno desta república acolleu ós fuxidos, que días despois foron, porén, desarmados e internados. En decembro Estonia asinou un tratado de alto o fogo cos bolxeviques.
En xullo de 1919 Denikin preparou a súa estratexia de ataque. O seu exército, dividido en tres grupos debía envolver Moscova e tomar a capital bolxevique. O golpe final debía dalo o Exército dos Voluntarios dirixido por Vladimir Mai-Maievski. Este corpo de elite dos Brancos conseguira grandes éxitos no outono, conquistando Kursk. O 14 de outubro tomaron Oriol e estaban só a 400 km o sur de Moscova. As tropas brancas en Ucraína conseguiran tamén expulsar ós soviéticos. Do lado Vermello xa desde setembro estaba a prepararse unha unidade de choque formada por cosacos leais ós comunistas, cabalaría e o grupo de fusileiros letóns. Esa unidade recuperou axiña Oriol e a decisión do xeneral Semion Budionny de atacar coa súa cabalaría cara ó oeste, e non ás tropas brancas do Cáucaso como lle fora ordenado, permitiu ós Vermellos tomar a cidade ferroviaria estratéxica de Voronesh, e corta-las comunicacións entre o Exército de Voluntarios e o resto das forzas brancas. Denikin perdeu a iniciativa e non puido evitar a retirada das súas desmoralizadas tropas. O 13 de decembro os Vermellos retomaron Kíiv e en xaneiro recuperaran xa toda a conca do Don. Rostov, a capital cosaca caeu o 7 de xaneiro, os Brancos fuxiron e 37.000 soldados do seu exército, entre eles Denikin, foron evacuados de Novorossisk en Crimea por barcos ingleses. Os 60.000 que quedaron en terra foron feitos prisioneiros. Denikin, que perdeu toda a súa ascendencia por causa da derrota abandonou Rusia en abril e morreu en 1947 nos Estados Unidos. A ofensiva de Denikin foi a ameaza máis importante para os bolxeviques en toda a guerra, e coa súa fin desapareceron as posibilidades dos contrarrevolucionarios de retomar o corazón de Rusia.
As causas da Derrota de Denikin son, coma no caso de Kolchak, tanto militares como políticas e sociais. O seu exército loitaba nunha fronte de 1.000 quilómetros contra forzas superiores en número. Nunca tivo máis de 99.000 soldados á súa disposición, diante dos 150.000 vermellos, ós que se sumaban 677.000 máis na reserva. Pero o seu fracaso principal foi supor que ía encontrar o apoio xeral da poboación. O alzamento anticomunista que agardaba provocar co seu ataque non se produciu. Os agricultores non recibiron ben as tropas Brancas que, faltas de medios, foron autorizadas a requisar as colleitas, alimentos e outras propiedades. A medida acabou en saqueos. O xeneral Wrangel queixouse por carta a Denikin de que os Brancos non se diferenciaban nos seus métodos de requisa dos Vermellos. O cura militar Georgi Schawelski expresou sobre o comportamento do Exército de Voluntarios: “Roubo, especulación, descaro e desvergoña apodrenta o espírito do exército. Un exército que saquea non é un exército: é unha banda”.
En xeral os erros de Denikin son semellantes ós de Kolchak e outros dirixentes Brancos. Nin iniciou reformas, nin propuxo un programa político detallado. En oposición ós bolxeviques, non foi quen de formular unha visión global que permitira ó seu movemento acadar unha base nacional ampla. Para territorios que chegou a controlar, habitados por 42 millóns de persoas no momento de máxima expansión, pensou só nunha ditadura militar transitoria sen preparar un plan de futuro. As capas ilustradas acabaron por afastarse dos militares Brancos, que non estiveron en condicións de establecer un aparato político e administrativo eficaz, entre outras cousas pola falta de colaboración da “intelixencia”. A falta de organización agravou os problemas de abastecemento e facilitou o incremento dos saqueos.
Despois das derrotas no Don e en Siberia o último reduto das tropas anticomunistas era a península de Crimea. Alí o xeneral Wrangel formou un exército de 37.000 soldados (o Exército Ruso) con tropas evacuadas de Novosibirsk. A guerra polaco-soviética favorecía a situación de Wrangel na península e permitiulle agrupar soldados ata abril de 1921. No mes de xuño dese ano comezou unha ofensiva cara ó norte. A forza defensiva soviética na zona cedeu e, a finais de mes, un corpo da cabalaría vermella foi eliminado case por completo. Cando o 13 exército comunista reaccionou, as tropas de Wrangel chegaran xa ó río Dniéper. O contraataque bolxevique consistiu en establecerse preto do istmo da península para illar no posible os Brancos das bases en Crimea. Aínda así estes puideron tomar Mariopol e Alexandrov, á beira do mar de Azov. Wrangel era, porén, consciente de que a súa situación era inestable. O seu ataque en dirección á rexión cosaca de Kuban fracasou e un intento en outubro de cruza-lo Dniéper para manter a iniciativa militar usando os soldados sobreviventes do Exército dos Voluntarios tampouco tivo éxito. O 12 de outubro Polonia asinou o armisticio coa Unión Soviética que permitiu a esta dispor de tropas novas para contrarrestar a Wrangel. Comandados por Mikhail Frunse os Vermellos empurraron ó inimigo, que perdeu 20.000 soldados nos combates. Wrangel tiña xa preparada a evacuación e, por medio da antiga frota tsarista do mar Negro consegue sacar de Crimea antes do 16 de novembro a 146.000 persoas, máis deles civís, que foron levadas a Turquía. Moitos dos que non puideron ser evacuados caeron vítima da represión que seguiu á vitoria Vermella. No curto período do seu comando Wrangel foi politicamente máis activo cá Kolchak ou Denikin. Levou a cabo unha reforma do chan en Crimea, que incluía expropiacións. Intentou alianzas con tódolos partidos, incluídos os anarquistas de Nestor Makhno para formar unha fronte común contra os comunistas. Sen renunciar á ditadura militar, tentou atraer á intelixencia do territorio que ocupaba. Esta política permitíulle dispoñer dunha retagarda segura, da que careceran outros comandantes Brancos.
Os combates desprazáronse daquela a zonas periféricas, sobre todo ó extremo leste, onde a loita polo control total de Siberia non acabou ata 1922, cando os xaponeses retiraron en outubro as súas tropas da rexión do Amur, que tiveran intención de anexionarse. As rexións de Kamchatka e o norte da illa de Sakhalin estiveron en mans nipoas ata o tratado de 1925 coa Unión Soviética.
Á parte de Brancos e Vermellos, falase na historiografía da guerra civil rusa doutro partido: os Verdes. Este estaría formado principalmente por labregos que rexeitaron as propostas comunistas e formaron grupos guerrilleiros que loitaban contra os Vermellos. En Ucraína loitaba ademais un exército partisano anarquista, a "makhnochina", dirixido por Nestor Machno. Este grupo loitou en principio a favor dos bolxeviques e máis tarde en contra e acabou sendo eliminado polos Vermellos. Á confusión xeral da guerra contribuíron tamén exércitos partisanos de todo tipo e señores da guerra coma Roman Ungern von Sternberg que actuaban por libre.
A guerra civil foi aínda máis catastrófica para Rusia cá primeira guerra mundial. Morreron en combate uns 770.000 soldados, dos que se calcula que un 80% eran do exército comunista. Outros 700.000 combatentes morreron por enfermidades durante o servizo. O número de civís mortos nas campañas de Terror dos dous bandos non esta aínda fixado. O número de executados polos Vermellos oscila segundo a historiografía occidental entre 50.000 e 200.000. A cantidade de mortos causados por represións sen condena a morte expresa non se coñecen. Do lado Branco os datos están pouco documentados. As estimacións van de 20.000 a 100.000 asasinatos de simpatizantes comunistas. A eles habería que engadir de 50.000 a 100.000 vítimas de orixe hebrea provocados polos pogroms no lado contrarrevolucionario.
A destrución de infraestrutura económica e o caos provocados pola guerra provocaron millóns de vítimas causadas pola fame e as pragas. Segundo o censo levado a cabo en 1923 os habitantes de Rusia eran 10 millóns menos cá en 1920. Entre eles contábanse 2 millóns de emigrados. En total catro veces máis perdas que durante a guerra mundial.
A vitoria comunista cambiou a actitude das potencias estranxeiras cara á Unión Soviética. Gran Bretaña encetou relacións comerciais co novo réxime en 1920, Francia decidiuse por unha política de illamento dos comunistas que só rompeu parcialmente despois da fin da guerra polaco-soviética. Só co Pacto de Rápallo de 1920 conseguiu a Unión Soviética un aliado, aínda que se tratara de Alemaña, daquela tamén excluída do concerto internacional. As consecuencias políticas foron máis importantes dentro do propio estado. A guerra civil foi un dos mitos fundacionais da ditadura comunista. As causas internas da guerra foron, debido ó seu carácter de clase, postas ó mesmo nivel cás provocadas polos ataques de inimigos exteriores. Durante o stalinismo a historia da guerra civil foi interpretada para salientar o rol de Stalin en contra dos seus rivais políticos coma Trotski. Trotski pola súa parte, desde o exilio, fíxoo mesmo en senso inverso. O nacionalismo dos Brancos reforzou a tendencia bolxevique a fuxir de calquera forma de patriotismo, tendencia que se mantivo ata a segunda guerra mundial.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.