escritor, xornalista e tradutor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión o 25 de xaneiro do 1902 e finado en Cambados o 17 de xullo de 1967, foi un escritor, xornalista e tradutor galego. Foi unha figura destacada do galeguismo de entreguerras, así como un activo persoeiro da cultura galega na diáspora, durante a súa estadía no Reino Unido tras a Guerra Civil.
Nome orixinal | Plácido Ramón Castro del Río |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 25 de xaneiro de 1902 Corcubión, España |
Morte | 17 de xullo de 1967 (65 anos) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | tradutor |
Lingua | Lingua galega |
Familia | |
Cónxuxe | Jesusa Sineiro Vidal |
Fillos | 8 (Plácido, Hugo, Francisco, Carmen, Antonio, Ramón, Jesusa e Manuel) |
Pai | Plácido Castro Rivas |
Era fillo de Plácido Castro Rivas e de Eufrasia del Río Recamán. Tivo unha irmá chamada Hermitas Castro, nove anos máis vella[1]. Cando tiña seis anos os pais trasladáronse ao Reino Unido, e en 1911 estaban establecidos en Cardiff[1]. O pai era empresario do carbón, e naquela altura Gales era unha das grandes rexións mineiras da illa. No Reino Unido proseguiu os seus estudos, primeiro en Cardiff e posteriormente na cidade de Scarborough, onde estudou ata secundaria. Logo mudouse a Glasgow, onde estudou Arquitectura naval[2][3] na universidade desa cidade entre 1918 e 1921. Tamén realizou estudos complementarios no Royal Technical College da mesma cidade. Durante esa etapa universitaria comezou o seu labor como tradutor. Esporadicamente visitaba Galicia, pasando temporadas na vila de Cambados, na cal participou en actividades culturais.[4]
Posteriormente asentouse en Londres, desde onde, en 1927, comezou a súa colaboración cos xornais El Pueblo Gallego e Informaciones, así como en publicacións próximas ás Irmandades da Fala, como A Nosa Terra e Céltiga.
En 1930 retornou a Galicia, e ao pouco empezou a colaborar coas Irmandades da Fala. En decembro de 1931 deveu membro da Asemblea Fundacional do Partido Galeguista, e foi votado para o Consello Permanente. O seu peso no Partido Galeguista era tal que, na III Asemblea (1933), foi o membro que máis apoios recibiu para as eleccións á executiva do partido, con 1.654 votos.
No ano 1933 participou como representante de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, onde se considerou a Galicia como unha nación, o cal posteriormente serviu a Castelao para defender a condición nacional de Galicia.
A declaración institucional[5] presentouse en galego e en inglés, e nela declarouse:
"O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente (...) que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta".
En 1936, co levantamento militar contra a República, detivérono en Muxía e procesárono. Foi condenado á inhabilitación absoluta, ao desterro de máis de cen quilómetros de Muxía e a unha cuantiosa multa. A raíz disto, instalouse en Coruxo (Vigo), onde se adicou á tradución de poesía inglesa. En 1944 casou con Jesusa Piñeiro en Cambados, e do matrimonio naceron oito fillos.
Debido á inhabilitación que pesaba sobre el e á ditadura, exiliouse[cando?], primeiro en Portugal e finalmente de volta no Reino Unido, onde se asentou de novo en Londres. Alí traballou durante seis anos como locutor-redactor da BBC, onde realizou o Galician Programme, a primeira emisión radiofónica estable en lingua galega. Durante este período colaborou tamén con xornais como Jornal de Notícias do Porto, La Nación de Bos Aires e Galicia Emigrante.
Logo de que se levantase a inhabilitación que pesaba sobre el[cando?], volveu a Galicia; residiu en Cambados e traballou no Instituto Laboral de Vilagarcía, onde exerceu como profesor de inglés. Os xornais cos que colaborou nesta época foron o Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e, especialmente, Faro de Vigo. Tamén participou activamente na promoción da Festa do albariño, na creación da Romaría Viquinga de Catoira en 1961, e do Ateneo Ullán.
A revista Grial publicou en 1963 a súa tradución de Rubáyiát, de Omar Khayyam, vertida ao galego desde a versión inglesa de Edward Fitzgerald, e en 1967, xa a título póstumo, un ensaio sobre William Butler Yeats.
Finou en Cambados en 1967, tras conseguir unha praza como profesor numerario unha vez presentado o seu estudo comparativo entre a poesía de Christina Rossetti e Rosalía de Castro[6].
Logo de décadas de relativo esquecemento, a figura de Plácido Castro recobrou notoriedade sobre todo grazas á tarefa de recuperación levada a cabo por Xulio Ríos, analista do IGADI. A iniciativa desa institución, en 2001 foi creada a Fundación Plácido Castro, que ten como obxectivos manter o legado de Castro e promocionar a tradución de libros ao galego.
En memoria da súa destacada faceta coma tradutor, instituíuse o Premio de Tradución Plácido Castro, que cada ano recoñece a mellor tradución á lingua galega publicada na Biblioteca Virtual BIVIR [7]. A este respecto, verbo da tradución, no limiar da obra Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Ed. Alborada, 1949), que Castro asina conxuntamente con Lois Tobío e F. M. Delgado Gurriarán, sinálase:
"A ruindade dunha tradución literaria pode vir, naturalmente, ou da incapacidade para enxerga-la obra orixinal, ou de impotencia para rendela nunha nova lingua. E aínda sendo imprescindible para un cumprido fin ter vencido estas dúas limitacións, quizais sexa máis decisivo o vencemento de derradeira.[8]
En 2016 e 2017 foi candidato a ser a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas correspondente aos anos 2017 e 2018, respectivamente, canda outros autores como Ricardo Carballo Calero, María Victoria Moreno, Antón Fraguas Fraguas e Eusebio Lorenzo Baleirón.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.