organismo das Nacións Unidas From Wikipedia, the free encyclopedia
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura.[1][2] Ten 194 estados membros e 12 membros asociados,[3] así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado.[4] A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo[5] e 199 comisións nacionais[6] que facilitan o seu mandato global.
UNESCO | |
---|---|
Acrónimo | UNESCO e ONUÉSC |
Tipo | axencia da ONU, organización internacional, organización intergobernamental e organización |
Área de operación | mundial |
Data de fundación | 16 de novembro de 1945 |
Presidente/a | Audrey Azoulay (2017-) |
Nº de membros | 193 (2019) |
Organización matriz | ONU |
Organización subsidiaria | UNESCO Chair on Cyberspace and Culture, Comitê Científico para Problemas do Ambiente, UNESCO Institute for Statistics, Iranian National Commission for UNESCO e Hylean Amazon Institute |
Premios | Premios Peabody |
Sede | París |
Enderezo | 7, place de Fontenoy 75007 Paris |
48°51′00″N 2°18′22″L | |
Na rede | |
https://en.unesco.org, https://fr.unesco.org, https://es.unesco.org, https://ru.unesco.org, https://ar.unesco.org e https://zh.unesco.org | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A UNESCO fundouse en 1945 como sucesora do Comité Internacional de Cooperación Intelectual da Sociedade de Nacións.[7] A súa constitución estabelece os obxectivos da axencia, a estrutura de goberno e o marco operativo.[8] A misión fundacional da UNESCO, que foi moldeada pola segunda guerra mundial, é promover a paz, o desenvolvemento sustentábel e os dereitos humanos facilitando a colaboración e o diálogo entre as nacións.[8] Persegue estes obxectivos a través de cinco grandes áreas do programa: educación, ciencias naturais, ciencias sociais, cultura e comunicación. A UNESCO patrocina proxectos que melloran a alfabetización, proporcionan formación técnica e educación, fomentan a ciencia, protexen os medios independentes e a liberdade de prensa, preservan a historia rexional e cultural e promoven a diversidade cultural.[9][10][11]
Como centro de coordinación da cultura e da ciencia mundiais, as actividades da UNESCO foron ampliándose ao longo dos anos; axuda na tradución e difusión da literatura mundial, axuda a establecer e asegurar o Patrimonio da Humanidade cultural e natural, traballa para tender unha ponte entre a fenda dixital mundial, e crea sociedades do coñecemento inclusivas mediante a información e a comunicación.[12] A UNESCO lanzou varias iniciativas e movementos globais, como "Educación para Todos", para seguir avanzando nos seus obxectivos fundamentais.
A UNESCO está rexida pola Conferencia Xeral, integrada por estados membros e membros asociados, que se reúne semestralmente para fixar os programas e o orzamento da axencia. Tamén elixe os membros do consello executivo, que xestiona o traballo da UNESCO, e nomea cada catro anos un director xeral, que exerce como administrador xefe da UNESCO. A UNESCO é membro do Grupo das Nacións Unidas para o Desenvolvemento,[13] unha coalición de axencias e organizacións da ONU destinadas a cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel.
Dedícase a orientar ós pobos nunha xestión máis eficaz do seu propio desenvolvemento, a través dos recursos naturais e os valores culturais, e coa finalidade de modernizar e facer progresar ás nacions do mundo, sen que por iso se perdan a identidade e a diversidade cultural. A UNESCO ten vocación pacifista, e entre varias cousas oriéntase moi particularmente a apoiar a alfabetización. Na educación, este organismo asigna prioridade ao logro da educación elemental adaptada ás necesidades actuais. Colabora coa formación de docentes, planificadores familiares e vivenda, administradores educativos e alenta a construción de escolas e a dotación de equipo necesario para o seu funcionamento.
As actividades culturais buscan a salvagarda do patrimonio cultural mediante o estímulo da creación e a creatividade e a preservación das entidades culturais e tradicións orais, así coma a promoción dos libros e da lectura[14]. En materia de información, a UNESCO promociona a libre circulación de ideas por medios audiovisuais, fomenta a liberdade de prensa e a independencia, o pluralismo e a diversidade dos medios de información, mediante o "Programa Internacional para a Promoción da Comunicación".
A UNESCO ten as súas raíces en 1942, durante a segunda guerra mundial, cando os países aliados comezan a prepararse para restablecer os seus sistemas educativos en canto remate a guerra. Na Conferencia de Ministros Aliados de Educación (Conference of Allied Ministers of Education, CAME), no Reino Unido, inícianse as conversacións entre países europeos[15].
Como resultado, prepárase unha conferencia das Nacións Unidas para temas de educación e cultura, do 1 ao 16 de novembro de 1945. Reúnense corenta e catro países, dos cales trinta e sete deciden fundar a UNESCO. A constitución da UNESCO asínase o 16 de novembro, e vinte estados ratifícana un ano despois, o 4 de novembro de 1946 (Arabia Saudita, Australia, o Brasil, o Canadá, Checoslovaquia, China, Dinamarca, Exipto, Estados Unidos de América, Francia, Grecia, India, Líbano, México, Noruega, Nova Zelandia, República Dominicana, Reino Unido, Suráfrica e Turquía). Poucos días despois iníciase a primeira Conferencia Xeral da UNESCO, en París.
Segundo se van normalizando as relacións internacionais rotas pola segunda guerra mundial, vanse incorporando máis países. Así, o Xapón e a República Federal Alemá entran en 1951, España en 1953, a URSS en 1956 e os países africanos xurdidos na descolonización de África durante a década dos sesenta do século XX.
En 1957, por primeira vez un país membro abandona a UNESCO: o goberno de Suráfrica alega "interferencias" da UNESCO nos seus "problemas raciais". En 1996, con Nelson Mandela como presidente, Suráfrica volverá a incorporarse á UNESCO[16].
Durante a X Conferencia Xeral da UNESCO celebrada en París en 1958, acórdase crear un "Centro Latinoamericano de Estudos Superiores de Xornalismo"[17]. A iniciativa contou co apoio do Goberno e a Universidade Central de Ecuador, os cales o 9 de outubro de 1959 asinaron, xunto coa UNESCO, un acordo tripartito para a fundación e radicación en Ecuador de dito Centro, que hoxe leva o nome de Centro Internacional de Estudios Superiores de Comunicación para América Latina ou CIESPAL[18].
O 3 de novembro de 1958 inaugúrase a sede principal no número 7 da praza de Fontenoy, en París. A súa planta ten forma de Y. Os planos foron deseñados polos arquitectos Marcel Breuer, Pier Luigi Nervi e Bernard Zehrfuss e aprobados por un comité internacional de cinco membros: Lucio Costa, Walter Gropius, Le Corbusier, Sven Markelius e Ernesto Rogers. Tamén foi consultado Eero Saarinen.
En 1960 lánzase o primeiro proxecto de grandes dimensións: a protección do templo de Abu Simbel e outros 21 monumentos e complexos arquitectónicos en Exipto, ameazados pola construción do encoro de Asuán.
En 1985, Estados Unidos abandona a UNESCO alegando diferenzas en temas de xestión; o Reino Unido e Singapur tamén a abandonaron en 1986. Isto fixo que o orzamento diminuíra considerabelmente durante os anos seguintes. Os tres países reincorporáronse posteriormente (en 2003, 1997 e 2007 respectivamente).
Os órganos reitores da UNESCO son a Conferencia Xeral e o Consello Executivo[19].
A Conferencia Xeral está formada por representantes de todos os Estados membros da organización. Reúnese cada dous anos, coa participación dos estados membros e dos membros asociados.Cada estado membro ten un voto, independentemente de cal sexa a súa achega ao orzamento da organización.
Tamén se invita a participar, en calidade de observadores, a Estados non membros, organizacións intergobernamentais, organizacións non gobernamentais e fundacións.
A Conferencia Xeral determina a orientación e a liña de actuación xeral da UNESCO. Decide o Programa e o orzamento da UNESCO para os dous anos seguintes. Elixe aos membros do Consello Executivo e designa, cada catro anos, ao Director Xeral.
Os idiomas de traballo da Conferencia Xeral son inglés, árabe, chinés, español, francés e ruso.
O Consello Executivo, á unha sorte de consello de administración da UNESCO. Prepara o traballo da Conferencia Xeral e vela porque as decisións se executen axeitadamente.
As funcións e responsabilidades do Consello Executivo emanan da Constitución e dos regulamentos ou directivas establecidos pola Conferencia Xeral. Este regulamento complementase coas resolucións da Conferencia Xeral. Cada dous anos, a Conferencia Xeral encarga tarefas específicas ao Consello. Outras atribucións emanan de acordos asinados entre a UNESCO e a ONU, as institucións especializadas e outras organizacións intergobernamentais.
Os seus 58 membros son escollidos pola Conferencia Xeral. A selección respecta a diversidade de culturas e a orixe xeográfica que representa cada país; trátase de acordos complexos para lograr que haxa equilibrio entre as diversas rexións do mundo, e reflectir a universalidade da organización. O Consello Executivo reúnese dúas veces no ano.
En xuño de 2013, eran 11 os directores xerais da UNESCO dende a súa creación: nove homes e dúas mulleres. Os 11 directores xerais da UNESCO proceden de seis rexións da organización: Europa Occidental (5), América Central (1), América do Norte (2), África Occidental (1), Asia Oriental (1) e Europa Oriental (1).
Ata a data, non houbo ningún director xeral elixido das dez rexións restantes da UNESCO: sueste asiático, sur de Asia, Asia central e do norte, Oriente Medio, norte de África, África oriental, África central, Suráfrica, Australia-Oceanía e Suramérica.
A lista dos directores xerais da UNESCO dende a súa creación en 1946 é a seguinte:[20]
Imaxe | Nome | Nacionalidade | Período | |
---|---|---|---|---|
1. | Julian Huxley | Reino Unido | 1946–1948 | |
2. | Jaime Torres Bodet | México | 1948–1952 | |
3. | John Wilkinson Taylor | Estados Unidos | 1952–1953 | |
4. | Luther Evans | Estados Unidos | 1953–1958 | |
5. | Vittorino Veronese | Italia | 1958–1961 | |
6. | René Maheu | Francia | 1961–1974 | |
7. | Amadou-Mahtar M'Bow | Senegal | 1974–1987 | |
8. | Federico Mayor Zaragoza | España | 1987–1999 | |
9. | Koichiro Matsuura | Xapón | 1999–2009 | |
10. | Irina Bokova | Bulgaria | 2009-2017 | |
11. | Audrey Azoulay | Francia | 2017-presente |
Esta é a lista das sesións da Conferencia Xeral da UNESCO celebradas dende 1946:[21]
Sesión | Localización | Ano | Presidida por | Dende |
---|---|---|---|---|
1ª | París | 1946 | Léon Blum | Francia |
2ª | Cidade de México | 1947 | Manuel Gual Vidal | México |
3ª | Beirut | 1948 | Hamid Bey Frangie | Líbano |
1ª extraordinaria | París | 1948 | ||
4ª | París | 1949 | Edward Ronald Walker | Australia |
5ª | Florencia | 1950 | Stefano Jacini | Italia |
6ª | París | 1951 | Howland H. Sargeant | Estados Unidos |
7ª | París | 1952 | Sarvepalli Radhakrishnan | India |
2ª extraordinaria | París | 1953 | ||
8ª | Montevideo | 1954 | Justino Zavala Muniz | Uruguai |
9ª | Nova Deli | 1956 | Abul Kalam Azad | India |
10ª | París | 1958 | Jean Berthoin | Francia |
11ª | París | 1960 | Akale-Work Abte-Wold | Etiopía |
12ª | París | 1962 | Paulo de Berrêdo Carneiro | Brasil |
13ª | París | 1964 | Norair Sisakian | Unión Soviética |
14ª | París | 1966 | Bedrettin Tuncel | Turquía |
15ª | París | 1968 | William Eteki Mboumoua | Camerún |
16ª | París | 1970 | Atilio Dell'Oro Maini | Arxentina |
17ª | París | 1972 | Toru Haguiwara | Xapón |
3ª extraordinaria | París | 1973 | ||
18ª | París | 1974 | Magda Jóború | Hungría |
19ª | Nairobi | 1976 | Taaita Toweett | Kenya |
20ª | París | 1978 | Napoléon LeBlanc | Canadá |
21ª | Belgrado | 1980 | Ivo Margan | Iugoslavia |
4ª extraordinaria | París | 1982 | ||
22ª | París | 1983 | Saïd Tell | Xordania |
23ª | Sofía | 1985 | Nikolai Todorov | Bulgaria |
24ª | París | 1987 | Guillermo Putzeys Alvarez | Guatemala |
25ª | París | 1989 | Anwar Ibrahim | Malaisia |
26ª | París | 1991 | Bethwell Allan Ogot | Kenya |
27ª | París | 1993 | Ahmed Saleh Sayyad | Iemen |
28ª | París | 1995 | Torben Krogh | Dinamarca |
29ª | París | 1997 | Eduardo Portella | Brasil |
30ª | París | 1999 | Jaroslava Moserová | República Checa |
31ª | París | 2001 | Ahmad Jalali | Irán |
32ª | París | 2003 | Michael Omolewa | Nixeria |
33ª | París | 2005 | Musa Bin Jaafar Bin Hassan | Omán |
34ª | París | 2007 | Georgios Anastassopoulos | Grecia |
35ª | París | 2009 | Davidson Hepburn | Bahamas |
36ª | París | 2011 | Katalin Bogyay | Hungría |
37ª[22] | París | 2013 | Hao Ping | China |
38ª | París | 2015 | Stanley Mutumba Simataa[23] | Namibia |
39ª | París | 2017 | Zohour Alaoui[24] | Marrocos |
40ª | París | 2019 |
Ahmet Altay Cengizer[25] |
Turquía |
41ª[26] | París | 2021 | Santiago Irazabal Mourão | Brasil |
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura foi fortemente criticada ó longo da súa historia. Os críticos a acusan de tomar posicións contrarias á liberdade de prensa e de mercados, en particular pola iniciativa New World Information and Communication Order que recoñecía o dereito dos estados a censurar á prensa. En 1984 os Estados Unidos abandonaron a organización en protesta.
Así, mesmo no período dos anos 1970 e 1980, a organización recibiu repetidas acusacións de malgasto e corrupción.
Posteriormente, baixo a dirección de Federico Mayor Zaragoza e Koichiro Matsuura a UNESCO foi recuperando progresivamente a súa credibilidade, culminando coa reincorporación dos Estados Unidos no 2002.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.