Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Asuán, cidade situada na marxe dereita do Nilo, sobre a primeira catarata, posúe dous encoros: o novo Encoro Alto de Asuán e o menor e máis antigo, Encoro de Asuán ou Encoro Baixo de Asuán.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2015.) |
Normalmente o Nilo desbórdase anualmente, cando as augas procedentes de Etiopía flúen para o baixo Nilo no verán. Desde a antigüidade, estes desbordamentos ao deixar un sedimento de nutrientes e minerais no chan, foron os que converteron as terras do arredor do río nunha fértil veiga ideal para a agricultura. Porén, esta impredecíbel alternancia entre períodos de crecidas supoñía a perda de colleitas enteiras polo alagamento ou seca e a conseguinte escaseza de alimentos na poboación, polo que se considerou necesaria a construción dun encoro que regulase estas inundacións para protexer as terras de labor e os campos de algodón.
A construción foi iniciada polos británicos en 1899 e concluíuse en 1902. O deseño inicial tiña 1.900 m de longo por 54 m de alto e descubriuse axiña que era inadecuado, polo que se procedeu a aumentar a súa altura en dúas fases: de 1907 a 1912 e de 1929 a 1933. Esta é a que se coñece como Presa Baixa.
Cando o encoro case se desbordou en 1946, decidiuse que, no canto de aumentar a súa altura por terceira vez, se construíse un segundo encoro 6 km río arriba. O proxecto comezou en 1952, exactamente tras a revolución de Nasser e, en principio, os Estados Unidos axudarían a financiar a construción cun empréstito de 270 millóns de dólares. A oferta de axuda foi retirada a mediados de 1956 e o goberno exipcio propúxose continuar o proxecto en solitario, utilizando os ingresos que proporcionaba o Canal de Suez como axuda na construción. Porén, en 1958 interveu a Unión Soviética (en plena Guerra fría polo dominio de África) pagando, posibelmente, un terzo do custo da inmensa presa de pedra e arxila como regalo. Á parte desta axuda monetaria, proporcionaron técnicos e maquinaria pesada e o deseño correu a cargo do instituto ruso Zuk Hydroproject.
A construción comezou en 1960. O Encoro Alto, as-Sad al-'Aali, foi concluído na súa totalidade o 21 de xullo de 1970; mentres que a primeira etapa, o encoro, se concluíu en 1964 e se comezou a encher coa presa aínda en construción, atinxindo a súa capacidade total en 1976. Este encoro causou inquietude entre os arqueólogos debido a que o complexo de Abu Simbel, así como outras decenas de templos, quedarían somerxidos baixo as augas. En 1960, unha operación de rescate patrocinada pola UNESCO localizou, escavou e trasladou vinte e catro destes monumentos a situacións máis seguras ou foron doados aos países que colaboraron no rescate, como o templo de Debod, actualmente en Madrid (España).
As súas coordenadas xeográficas son 23°58'12.52 N, 32°52'41.29 E
O Encoro Alto ten 3.600 m de longo e 980 m de largo na base, por 40 m de ancho na cúspide e 111 m de alto, cun volume de material de 43 millóns de m³. En condicións de máxima capacidade pode dar saída a 11.000 m³ de auga por segundo. Posúe desaugadoiros de emerxencia adicionais para un volume de 5.000 m³ extra e o canal Toshka, que liga o encoro coa depresión Toshka . Este encoro, denominado Lago Nasser, ten 480 km de longo e 16 km na súa parte máis larga, a súa área na superficie é de 6.000 km² e contén entre 150 e 165 km³ de auga. Inundou gran parte da baixa Nubia e tivéronse que trasladar máis de 90.000 persoas.
Os efectos das perigosas inundacións de 1964 e 1973 e as terríbeis secas como as de 1972-73 e 1983-84 quedaron mitigados. Creouse unha nova industria pesqueira ao redor do lago Nasser que continúa na súa pugna por prosperar debido á distancia á que se encontra calquera mercado significativo.
Cunha produción hidroeléctrica de 2,1 xigavatios, a presa alberga 12 xeradores de 175 megavatios cada un. A subministración eléctrica comezou en 1967, cando a presa alcanzou o seu cénit de produción, xerando aproximadamente a metade da electricidade necesaria para o consumo de todo Exipto (ao redor do 15% en 1998) e permitindo, por primeira vez, a conexión eléctrica na maioría dos pobos exipcios.
A realización do grande encoro de Asuán, hoxe Sadd al-Alí, situado no Alto Exipto e destinado a modificar o contorno físico para controlar as crecidas do Nilo e producir enerxía, tivo graves consecuencias no fráxil equilibrio do milenario ecosistema, sobre todo porque os enxeñeiros que o deseñaron non tiveron en conta o impacto ecolóxico que a súa construción tería sobre a fauna, a flora, e tamén sobre a economía dos pobos que habitaban as marxes do río Nilo.
As consecuencias medioambientais foron numerosas: sedimentación excesiva augas arriba, erosión augas abaixo, desaparición de especies animais que efectuaban migracións ao longo do río, destrución e salinización dos deltas (ao reducirse o caudal do Nilo, motivou que as augas salgadas do Mediterráneo penetren no terreo ao longo da costa próxima á desembocadura do Nilo), diminución da produtividade nas pesquerías, emigración de animais mariños ao suprimirse a barreira da salinidade, subida do nivel das augas freáticas nas veigas próximas, contaminación do río provocada polos fertilizantes, herbicidas e pesticidas. Outra das consecuencias negativas para a poboación foi o aumento de risco sanitario xa que os canais de rega agrícola e as marxes do lago Nasser son o hábitat perfecto para animais que transmiten enfermidades, tales como o mosquito da malaria (Anopheles) e os caracois que propagan o parasito da bilharziase (Schistosoma sp.).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.