From Wikipedia, the free encyclopedia
Muhammad Hosni Said Mubarak (árabe : محمد حسنى سيد مبارك) coñecido como Hosni Mubarak, nado en Kafr-El Meselha (Monufia) o 4 de maio de 1928 e finado o 25 de febreiro de 2020,[1][2] foi un político exipcio. Foi presidente do seu país desde o 14 de outubro de 1981, 8 días despois do asasinato de Anwar el-Sadat,[3] ata o 11 de febreiro de 2011 momento no que se viu obrigado a deixar o poder logo que dende o 25 de xaneiro de 2011 se sucederan protestas populares para esixir un cambio no país do Nilo.[4][5] Mubarak foi internado o 12 de abril tras sufrir unha crise cardíaca durante un interrogatorio.[6] O día 13 de abril de 2011 foi ordenada a súa detención canda a dos seus fillos Alaa e Gamal, co fin de indagar nos posibles delitos que se lles imputan.[7] O día 2 de xuño de 2012 foi condenado a cadea perpetua pola represión das protestas durante a Primavera árabe, na que morreron máis de 800 persoas.[8]
Era tamén Secretario Xeral do Movemento de Países Non Aliñados desde o 16 de xullo de 2009 substituíndo a Raúl Castro.
Terminados os seus estudos de secundaria, ingresou na Academia Militar Exipcia obtendo o título en Ciencias Militares aos 20 anos de idade. En 1950 ingresou na academia da Forza Aérea, recibindo instrución tamén en Frunze, a actual Bixkek, capital de Kirguizistán, entón república da Unión Soviética, obtendo o título de piloto de combate. Ascendeu rapidamente e en 1964 foi nomeado representante da delegación militar exipcia na Unión Soviética.
En 1967 convértese en Xefe da Forza Aérea Exipcia, sendo responsable dalgúns dos combates que se suceden no permanente conflito con Israel. En 1973 participa activamente nos preparativos e desenvolvemento da Guerra do Yom Kippur.
Gobernou en Exipto durante 30 anos con man férrea baixo un goberno corrupto. Celebrou durante o seu mandato catro procesos electorais, fortemente manipulados. Así mesmo, privou o pobo exipcio de liberdades básicas. Este e outros feitos precipitou o inicio das protestas na súa contra. Foron necesarias máis de 300 mortes violentas nun intento do goberno de Mubarak de conter as revoltas. A saída do poder de Mubarak propiciou que o exército tomase as rendas. En 18 días de protestas pacíficas, salpicadas de violencia por parte das forzas represivas, Mubarak foi derrocado do poder político exipcio.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.