Atenas
cidade e capital de Grecia From Wikipedia, the free encyclopedia
cidade e capital de Grecia From Wikipedia, the free encyclopedia
Atenas[1][2] (en grego: Αθήνα, tr. "Athína", [aˈθina] (AFI)) é a capital da Grecia e tamén a capital da rexión de Ática. Ademais de ser unha cidade moderna, Atenas tamén é famosa por ter sido unha poderosa cidade-Estado e un centro de cultura moi importante nos tempos antigos.
Αθήνα (el) | |||||||||||||
Epónimo | Atenea | ||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||||||||||
| |||||||||||||
Estado | Grecia | ||||||||||||
Axencia gobernamental | administración descentralizada de Ática | ||||||||||||
Periferias | Periferia de Ática | ||||||||||||
Unidades periféricas | Atenas Central (pt) | ||||||||||||
Concello | Município de Atenas (pt) | ||||||||||||
Capital de | |||||||||||||
Poboación | |||||||||||||
Poboación | 643.452 (2021) (16.498,77 hab./km²) | ||||||||||||
Lingua oficial | lingua grega | ||||||||||||
Xeografía | |||||||||||||
Superficie | 39 km² | ||||||||||||
Altitude | 74 m | ||||||||||||
Comparte fronteira con | |||||||||||||
Datos históricos | |||||||||||||
Precedido por | |||||||||||||
Creación | c. VII milenio a. C. | ||||||||||||
Evento clave
| |||||||||||||
Santo padrón | Dionisio o Aeropaxita | ||||||||||||
Organización política | |||||||||||||
• Xefe do goberno | Kostas Bakoyannis (en) (2019–2023) | ||||||||||||
Membro de | |||||||||||||
Identificador descritivo | |||||||||||||
Código postal | 104 xx-106 xx, 111 xx-118 xx e 121 xx-124 xx | ||||||||||||
Fuso horario | |||||||||||||
Prefixo telefónico | 210 | ||||||||||||
Outro | |||||||||||||
Irmandado con | |||||||||||||
Páxina web | cityofathens.gr | ||||||||||||
En grego antigo, Atenas era chamada Athenai (Αθήναι) e, no século XIX, este nome foi retomado formalmente como nome da cidade. Desde o abandono oficial do grego Katharevousa na década de 1970, a forma popular Athina converteuse no nome oficial da cidade.
Incluíndo os suburbios, Atenas ten unha poboación de máis de 4 millóns de habitantes, case un terzo da poboación total da Grecia. Atenas creceu rapidamente nos últimos anos e ven sufrindo problemas urbanos como superpoboación, atascos e polución do aire.
Atenas espállase pola planicie central de Ática, limitada ao oeste polo monte Aegaleo, ao norte polo monte Parnita, ao nordeste polo monte Penteli, ao leste polo monte Hímetus, e ao suroeste polo golfo Sarónico. Atenas expandiuse de modo que cubriu toda a planicie, sendo, por tanto, pouco probábel que a cidade medre en área de forma significativa no futuro debido as fronteiras naturais. A xeomorfoloxía de Atenas causa frecuentemente fenómenos de inversións térmicas, parcialmente causadas polo problema de polución (Os Ánxeles posúe unha xeomorfoloxía semellante e problemas decorrentes semellantes).
A terra é rochosa e de baixa fertilidade. O antigo local da cidade estaba centrado no outeiro rochoso da Acrópole. En tempos antigos, o porto de Piraeus (nome moderno: Pireas) era unha cidade á parte, sendo actualmente parte da grande Atenas.
O centro da cidade é a Praza Sintagma (Praza da Constitución), diante do antigo Pazo Real hoxe Parlamento de Grecia e con outros edificios públicos do século XIX. A maioría das partes antigas da cidade concéntranse ao redor deste centro.
Atenas foi sede dos Xogos Olímpicos de 2004, así como dos primeiros xogos olímpicos modernos, os xogos de Atenas, en 1896, e as olimpíadas intermedias de 1906.
A historia de Atenas representa a da polis por antonomasia, o berce e creación en Europa, e por extensión na civilización occidental, dese complexo organismo coñecido como cidade. Dito nacemento tivo lugar ao primeiro entre as brétemas do mito e a historia.
Do final do neolítico, concretamente de 5520-4900 aC, aparecen vasillas na rexión da Ática e cara ao 3500-3200 aC deberon existir os primeiros asentamentos na Acrópole, outeiro rochoso de fácil defensa e con mananciais no medio dunha chaira tamén rica en correntes de auga, asentamentos que se mantiveron no bronce temperán e medio (3000-1500 aC)[3]. Semella que primeiro ocuparon as ladeiras do noroeste e suroeste e despois (3200-2000 aC) xa a cima cha do monte, rentes do terreo do posterior Erecteión.
Seica houbo outro asentamento contemporáneo no veciño outeiro do Olimpeión (despois arrasado para a construción do templo homónimo). Tamén nesta época aparece un primitivo camiño cara ao noroeste (Vía das Panateneas na ágora en época clásica, onde asemade houbo un asentamento entre 2000-1500 aC).
En torno a 1400 aC o influxo da veciña cultura Micénica levou aos diferentes asentamentos da área ateniense a unha época de desenvolvemento e prosperidade, especialmente no sur da Acrópole. Especúlase coa característica distribución da poboación en diferentes aldeas coma posible orixe do nome da cidade en plural (Athenai, "as Atenas"). En todo caso arredor dun centro, o localizado no cumio do outeiro.
Alí vai aparecer a primeira estrutura de poder, un megarón (pazo micénico), en volta do 1300 aC. E de seguido fortifícase con murallas ciclópeas a meseta, engadindo embaixo outra que protexía o acceso oeste (enneapylon, nove portas) [4]. É o tempo dos míticos reis atenienses, de Cécrope ou Erecteo, fundadores, a Exeo e o seu fillo Teseo[5][6]. Ese mito foi alimentado nos séculos escuros que viñeron despois de 1200 aC cun despoboamento e empobrecemento progresivos tralo colapso da civilización micénica (invasión dos dorios; pobos do mar).
Poucos son os datos da idade escura. Seica a ocupación da área da posterior ágora foi sistemática e crecente. Tamén nesta época (comezos do século IX aC) semella terse consolidado o proceso coñecido coma sinecismo, ou cohabitación, unión do patrón histórico de múltiples núcleos na chaira ateniense nunha soa entidade política, a cidade-estado (século VIII aC).
A recuperación económica coa volta das relacións comerciais no mar Exeo acompañou o proceso antedito. Tamén a cultura da man da escritura (a figura senlleira de Homero) e as demais artes.
Un primeiro e pequeno templo dedicado a Atenea foi construído na Acrópole no lugar do arruinado pazo micénico; ademais, outros altares de culto e tumbas dos míticos fundadores da cidade mostran o cambio de uso da meseta de residencial a sacro. O século VII aC viu unha súbita interrupción da bonanza (talvez unha seca con fame e epidemias), pero sobre todo o fin da monarquía (683 aC) e a súa substitución pola orixinal estrutura social e de goberno que inda hoxe cimenta a nosa tradición intelectual: unha democracia de corte aristocrático con institucións que se reúnen en edificios ou prazas públicas: pritaneo, buleterion e ágora (en Atenas a asemblea de cidadáns reunirase, despois do 500 aC, no monte Pnice situado xunto ao outeiro do Areópago onde o tribunal de xustiza tiña a súa sede, ambos a carón da Acrópole polo oeste). Pronto recopiouse un corpo escrito de leis ou constitución (Dracón e Solón, arredor do 600 aC).
Precisamente baixo Solón iníciase o traslado da ágora vella da aba norte da Acrópole (ágora de Teseo, da que pouco se coñece [7] e algúns investigadores sitúan ao leste preto do Olimpeión) á súa posición clásica no noroeste, onde de sempre houbera un asentamento, por ser o paso da arteria principal (vía das Panateneas) e cruzamento de camiños da vila. Co tirano Pisístrato e os seus sucesores (segunda metade do século VI aC) continúase ese labor e outros que contribúen ao enriquecemento da forma e imaxe da cidade.
Na Acrópole ten lugar unha grande actividade construtora. Antes do 625 aC o ancestral pequeno templo de Atenea é substituído por un novo en pedra, o antigo templo de Atenea Polias (protectora da polis) que se vai reformando e enriquecendo ao longo do século VI aC (580 aC e 520 aC períptero). Ao seu carón, en paralelo polo sur, eríxese tamén na primeira metade do mesmo século o Hecatompedón, substituído antes do 500 aC por un primeiro Pre-Partenón infrutuoso e pouco despois por un segundo (490 aC[8]) cuxa construción quedou interrompida pola invasión persa[9][10]. Ao recinto sacro dáselle unha entrada monumental (primitivos Propileos, de 575-550 aC ata 480 aC), e o conxunto da cidade arrodéase dunha primeira muralla (560-510 aC, 60 ha) que inclúe a grande expansión do norte en torno á nova ágora [11][12].
Fóra de murallas, ao sueste da Acrópole, eríxese no último cuarto do século VI aC o xigantesco Olimpeión (Templo de Zeus Olímpico, rematado en época romana). E a considerable distancia arredor da vila son fundadas a cargo do estado as gymnasia da Academia, o Liceo e o Kynosarges, de tanta importancia cultural na época helenística.
En 479 aC, no fragor das guerras médicas, os persas destruíron a cidade arrasando os templos da Acrópole. Pero a vitoria final decantouse do lado grego coa hexemonía indiscutible de Atenas, que se converte nunha potencia marítima (porto do Pireo). O feito apuntalou a democracia coma forma exitosa de goberno da cidade-estado.
De seguido iniciouse a tarefa de reconstrución sostida pola riqueza engadida das minas de prata de Laureión recentemente descubertas. Denantes as defensas da cidade cun cinto de murallas moito máis amplo (murallas de Temístocles, 250 ha[13]) para acoller o grande incremento de poboación do rural da Ática transformada de agricultores en cidadáns da polis. Temístocles e despois Cimón tamén fortifican a ruta entre Atenas e os seus portos (o novo do Pireo e o primitivo de Falero[14]). Ademais fornecen a Acrópole dun novo muro de contención no canto do micénico.
Precisamente sobre eses novos baseamentos o sucesor de Cimón, Pericles, vai erixir a obra inicial e cumio dun gran proxecto edilicio e artístico sen precedentes. No 447 aC comezan as obras do Partenón (gran templo de Atenea Partenos, "a virxe", do arquitecto Ictino que albergaba a enorme estatua criselefantina de Fidias) segundo un plan premeditado para o conxunto da meseta sacra e onde cabe citar outras obras fundamentais para a historia da arquitectura: unha nova entrada monumental (Propileos de Mnesicles) que centra o eixo do recinto; antes da entrada, ao seu carón, o pequeno pero espléndido templo xónico de Atenea Niké ("a vitoriosa") de Calícrates; xunto as ruínas do antigo templo de Atenea Polias, o Erecteión, sobor da tumba e altar do lendario fundador da cidade; finalmente entre os Propileos e os templos levantábase a colosal estatua en bronce de Atenea Promakos tamén de Fidias, os reflexos de cuxo helmo disque era o primeiro que os navíos que se achegaban polo Exeo vían da metrópole [15].
Na cidade baixa, a ágora reconstrúese con stoás (paseos porticados con tendas), un novo buleterion e un gran templo no alto presidindo o conxunto, o Hefestión (inda que anterior ao plan de Pericles; foi chamado Teseión na época moderna) [16][17][18]. A vía das Panateneas amplíase rectilineamente ("dromos"), 20 m de ancho e seica con galerías comerciais, ata a nova muralla (barrio de Cerámicos) onde ábrense as portas máis importantes de Atenas: Dipilón e Sacra. Da primeira continuaba a vía ata a Academia, vía que convértese no lugar dos monumentos funerarios dos soldados e cidadáns egrexios do estado. Da segunda partía a homónima Vía Sacra ata Eleusis.
Por último na aba sur da Acrópole cabe destacar, inda que desaparecidos, os escenarios dos máis importantes acontecementos culturais do século: o Odeón de Pericles para as festas das Panateneas e o Teatro de Dioniso (agrandado en pedra no século IV aC) onde tiveron lugar as representacións das obras de Esquilo, Sófocles, Eurípides e Aristófanes.
As guerras do Peloponeso contra Esparta xunto a unha terrible epidemia de tifo que supuxo a morte mesmo de Pericles (430 aC) e a derrota final ateniense (404 aC) remataron un dos períodos máis esplendorosos da Historia [19].
A recuperación non chegou ata a metade do século IV aC pero a ameaza crecente do poder macedónico obrigou a un reforzamento das murallas (con foso na chaira e novo peche nos montes do oeste, Diateichisma [20]).
En adiante Atenas reconverterase de centro de poder da rexión en centro de prestixio histórico, intelectual e artístico.
No eido urbano é de resaltar como a característica composición ordenada e regular con eixos e simetrías do urbanismo helenístico superponse a idiosincrásica falla de trazados regulares na historia urbana ateniense ata entón (o casarío dos barrios era un desordenado e caótico labirinto de rúas). As actuacións máis importantes eríxense na ágora onde aparecen novas e suntuosas stoás [21] (Stoa de Atalo, 150 aC [22]). As competicións atléticas das Panateneas que alí tiñan lugar trasládanse a un estadio construído ao leste da cidade entre dous outeiros a beira do río Illisos (Estadio Panatenaico, recuberto en mármore no século II aC e sede dos primeiros Xogos Olímpicos modernos en 1896). Estaba situado a carón do barrio do Liceo que creceu á vez que a fama da escola onde ensinaba filosofía Aristóteles, mentres o seu mestre Platón fixo o propio na Academia, no outro extremo da cidade.
No ano 86 a.C. os romanos de Lucio Cornelio Sila conquistaron e saquearon a cidade cunha gran desfeita. Pero de seguido, as elites políticas, intelectuais e artísticas de Roma comezaron a visitala doando fondos para a restauración dos monumentos e Atenas recuperou axiña o seu antigo brillo. En adiante a protección dos benefactores do Imperio supuxo un factor esencial no seu enriquecemento urbano.
Novamente foi a zona da antiga ágora o lugar privilexiado para as novas intervencións [23]. O edificio senlleiro vai seres o Odeón de Agripa erixido no medio da praza xunto a outros edificios e templos. Esta ocupación do espazo vital de mercadores e artesáns derivou na construción dunha nova ágora (ágora romana, 19-11 aC) un cento de metros ao leste constituíndo o primeiro mercado específico de Atenas [24][25] (ao seu carón erixíase a coñecida Torre dos Ventos, preservada ata hoxe). O tramo da vía das Panateneas que remataba no Dipilón flanqueouse tamén con novas stoas [26].
O máis grande benfeitor de Atenas vai ser o emperador Hadriano (117-138 dC): Amplía a cidade ao leste cunha nova muralla que abrangue o barrio do Liceo (os Muros Longos do oeste xa estaban abandonados) [27] pero a súa maior obra será o remate do enorme Olimpeión preclásico [28] (e os atenienses dedícanlle un arco de acceso). Tamén constrúe unha Biblioteca rentes da ágora romana que reforma [29], ademais de moitas outras melloras (acueduto), pequenos templos e edificios incertos (un posible Panteón ao leste da biblioteca).
Finalmente, completando a aba sur da Acrópole, engadiuse as antigas infraestruturas culturais do Odeón de Pericles e Teatro de Dionisos e á Stoa de Eumene helenística o novo Odeón de Herodes Ático (161 dC) [30].
No ano 267 os hérulos invaden e saquean Atenas. Das ruínas e despoboamento a cidade comprimíuse ata quedar confinada no centro funcional do tempo, a ágora romana e a súa contorna, cunha pequena muralla (muro Postheruliano, 280).
Non obstante volveu a recuperarse no século IV coa actividade das escolas filosóficas, a ocupación novamente do antigo territorio e a reparación das murallas exteriores e outros edificios da época romana (Biblioteca de Hadriano, 402-410). Nas ruínas do Odeón de Agripa na antiga ágora erixiuse un Gymnasium (arredor do ano 400) [31][32].
Pero no ano 529 o emperador Xustiniano manda pechar as escolas filosóficas atenienses, derradeiro sostén da antiga fama da cidade. O progreso do cristianismo coma relixión do imperio tamén puxo fin aos cultos pagáns (decreto de Teodosio II, ano 437) e os templos foron reconvertidos en igrexas [33]. Xustamente xa a comezos do século V construírase no patio da Biblioteca de Hadriano a Megale Panagia (posible Catedral de Atenas, tetraconcha aínda que reformada no século VI [34][35]).
Despois de sufrir un tempo de incursións de ávaros e tribos eslavas, pouco antes do ano 750 Atenas foi elevada de bispado a metrópole da igrexa ortodoxa, sinalando o comezo dun período de renacemento construtor amparado no do Imperio Bizantino (trátase en todo caso sempre de igrexas de modestas dimensións, xa coa característica planta central de cruz grega con cúpula). O patrón urbano mantense no substancial e non se modificará ata a época actual [36][37]. Un complemento da muralla interior foi levantado arredor da base da Acrópole (o Rizocastro, segunda metade do século XI, que aproveitaba na ladeira sur os muros do Odeón de Herodes Ático e a Stoa de Eumene [38]).
Non foi casual o reforzar a defensa da cidade: a incursión normanda (1147), a destrución sarracena (1181) e o ataque de Leo Sgouros (1203) deixaron exhaustos aos atenienses e así, a conquista por parte dos francos da cuarta cruzada (1204), produciuse sen resistencia. Durante dous séculos e medio Atenas vai pertencer a sucesivos señoríos herdeiros do Imperio Latino.
A cidade queda reducida á muralla romana (postheruliana) máis o Rizocastro, abandonada á ruína a antiga exterior e o territorio entrambas (menos de 40 ha, máis pequena que a vila do século VI aC [39]). Os señores latinos (Duques de Atenas: sucesivamente francos burgundios, cataláns, florentinos e venecianos) vanse establecer na Acrópole converténdoa nun fortín, co Partenón coma catedral de Nosa Señora e os Propileos coma pazo-castelo ducal con dúas torres [40].
En 1456 os otománs conquistan a cidade sen destrucións (á parte das murallas). Admirados polos vellos monumentos tentan preservala vila coma capital provincial modélica. Reconvirten o Partenón na gran mesquita cun minarete no canto da engadida torre cristiá [41].
Pero a propia debilidade do Imperio Otomán non poderá impedir o declinar de Atenas ata se converter no século XVII nunha pequena poboación [42]. Mesmo o casarío volveu a ocupar o cumio da Acrópole por primeira vez dende a idade escura [43].
Os Propileos, que se usaban coma polvoreira, estouparon por un raio en 1640 pasando o seu cometido ao Partenón. En 1687 os venecianos sitiaron a cidade e un canonazo destruíu grandemente o antigo templo (as ruínas de hoxe en día) [44]. Unha pequena mesquita foi construída no baleiro provocado [45]. En 1778 os otománs levantaron unha muralla de seu arredor da cidade de entón con materiais de monumentos destruídos [46]. A puntilla foi o permiso concedido en 1801 ao embaixador inglés Lord Elgin para arramplar cos mármores dos frontóns do Partenón.
En 1833, definitivamente independente, Atenas é proclamada capital do Reino de Grecia. O monarca elixido polos seus devanceiros bizantinos, Otón I, era un príncipe bávaro e entre os primeiros cometidos vai encargar o levantamento arqueolóxico da cidade e un plan de ampliación para a nova capital do reino (Atenas contaba por entón con apenas 10 000 habitantes). Así os responsables da nova Atenas van ser alemáns e o estilo oficial un neoclasicismo bastante ríxido pero elegante.
Concretamente dous discípulos (S. Kleanthes e E. Schaubert) do máis prestixioso arquitecto xermano da época, Karl F. Schinkel (quen tamén vai firmar un proxecto para o Pazo Real na Acrópole [47]), levarán a cabo un primeiro plan que outro ilustre arquitecto neoclásico, Leo von Klenze, revisará un ano despois (1834). O plan definitivo mantivo as liñas básicas do primeiro inda que cunha visión máis práctica e menos ambiciosa: cinguindo polo norte a cidade histórica estrutúrase en dous eixos (cara ao Pireo e cara ao Stadio, con prazas intermedias onde dispúñanse edificios representativos) que córtanse en ángulo recto (Praza Omonia) cuxa bisectriz constitúe o terceiro, principal norte-sur, que apunta ao acceso da Acrópole [48]. Un último eixo horizontal (rúa Ermou) atravesaba a cidade vella de leste a oeste. A peza urbana que máis custou localizar foi o Pazo Real. Primeiro en Omonia, despois en Kerámikos e finalmente, na revisión de Friedrich von Gärtner, no extremo leste de Ermou (Praza Sintagma) entre a Acrópole e o Monte Licabeto, vai sinalar un novo centro para a capital no seu futuro desenvolvemento [49].
Desenvolvemento que foi lento (40 000 habitantes en 1860 [50]; 100 000 habitantes en 1890 [51]) marcado pola ausencia de actividade industrial (concentrada no Pireo). Nesas décadas procedeuse a limpeza do cumio da Acrópole dos elementos medievais (a torre e fortín francos) e as casas e mesquita otomás. Tamén chegaron o ferrocarril e os servizos dunha cidade moderna.
Avanzado o novo século, en 1921, a derrota na guerra Greco-Turca provocou a repatriación de miles de gregos da costa xónica de Anatolia. A maioría asentáronse en Atenas producindo o primeiro paso [52] (o segundo foi o gran fluxo dende o rural trala IIGM) da conversión da capital en metrópole caótica e deslavazada de crecemento rápido e alta polución en que se ten convertido hoxe en día, estendéndose por toda a chaira de Ática [53].
Foi co gallo dos Xogos Olímpicos de 2004 (e xa cos non conseguidos de 1996), cando se implementaron todo tipo de medidas a vez que se executaron modernas obras de infraestrutura (metro) paliando en gran medida os problemas.
Atenas é a capital de Grecia pero tamén é a capital da Periferia de Ática e da Prefectura de Atenas. A cidade é a capital do país desde 1834 ao se trasladar desde Nafplion, a capital provisoria durante a Guerra de Independencia Grega.
A cidade moderna de Atenas consiste nun conglomerado de distintas vilas e aldeas que gradualmente converxeron unha única gran metrópole, a maior parte desta expansión aconteceu durante a segunda metade do século XX. A Gran Atenas divídese en 55 municipios, o maior é o Municipio de Atenas ou Dimos Athinaion, que ten unha poboación de 745.514 habitantes e divídese en sete distritos municipais ou demotika diamerismata, que se utilizan a efectos administrativos aínda que popularmente a cidade divídese en barrios, cada un coa súa propia historia e características, entre eles están Pangrati, Ambelokipi, Exarcheia, Ano Patissia, Kato Patissia, Ilissia, Ano e Kato Petralona, Mets, Koukaki e Kypseli.
Predecesor: Ningunha |
Capital Europea da cultura 1985 |
Sucesor: Florencia |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.