festas relixiosas dedicadas a Atenea que se celebraban en Atenas From Wikipedia, the free encyclopedia
As Panateneas (en grego antigo Παναθήναια/Panatếnaia) eran unhas festas relixiosas que celebraban todos os anos en Atenas dedicadas a Atenea, deusa Poliada (protectora da cidade), e que tiñan lugar entre o 23 e o 30 do mes de hecatombeón (primeiro mes no calendario ático) equivalente á segunda metade do noso mes de xullo actual. Eran as celebracións relixiosas máis antigas e importantes de Atenas.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Por outra banda, e cada catro anos, celebrábanse as Grandes Panateneas que duraban catro días máis que as anuais e que eran as máis prestixiosas e apreciadas polos cidadáns de Atenas, similares, en importancia, aos Xogos Olímpicos ou os Xogos Panhelénicos. Ademais había desfiles militares desde o Cerámico até a Acrópole pasando pola Ágora.
As primeiras Grandes Panateneas instaurounas Pisístrato en -566 inspirándose nos Xogos Olímpicos, pero engadiulles certames de poesía e música (presentes nos Xogos Nemeos). Os xogos propiamente ditos dividíanse en dous: uns para os atenienses, que comprendían as artes, e outros abertos para todos os gregos. Estes últimos eran parecidos aos Xogos Olímpicos, incluíndo boxeo, loita, pancracio (forma de loita grega), péntatlon e carreiras de cuadrigas, sendo estas as probas de máis prestixio. O vencedor das carreiras era premiado cunha coroa de follas de oliveira e 140 ánforas panatenaicas de aceite de oliva procedentes das oliveiras sacras de Atenas. As ánforas estaban cinceladas por unha banda coa imaxe da deusa e polo outro cun gravado do vencedor da proba.
Os xogos reservados aos atenienses eran algo diferentes. Incluían unha carreira con fachos desde o santuario da Academia, nos arredores da muralla, onde no seu altar se acendían as mesmas, até o Partenón (predecesoras das substitucións de facho dos Xogos Olímpicos modernos), batallas de infantaría e cabalaría, un lanceiro de xavelina dacabalo, os apobotai (unha carreira de cuadrigas, na que o condutor debía saltar do carro, correr á beira do mesmo e despois volver incorporarse ao carro), a pyrriche (aparentemente exercicios militares con música) e o euandrion (un concurso de beleza entre os atletas).
O Estadio Panatenaico, xunto ao Leoforos Olgas, levántase nunha depresión e nel desenvolvíanse os concursos ximnásticos das Panateneas.
Os vencedores dos certames artísticos eran premiados cunha coroa de ouro. As probas e os concursos estaban supervisados por uns maxistrados especiais que se elixían cada catro anos, os athlotétes
A procesión do peplo (vestidura ampla e sen mangas, con pregues graduados), como rito oficial, puña o punto final ás Grandes Panateneas. Este era tecido, durante todo o ano, polas mulleres da Ática e ofrecido á deusa o día 28. O peplo era portado polas canéforas nunha solemne procesión que percorría toda a cidade até a Acrópole onde se achaba instalada a estatua de Atenea Poliada. A participación nesta procesión significaba unha gran honra. Na procesión ían sacerdotes, canéforas que levaban os útiles do sacrificio, anciáns con ramas de oliveira, mozas con armadura hoplita, os vencedores dos xogos e embaixadores das colonias atenienses. Os forasteiros residentes en Atenas tamén participaban na cerimonia, pero detrás dos cidadáns atenienses. Na Panatenea anual os fastos e cerimonias eran menores.
O festexo terminaba cun gran sacrificio a Atenea, a hecatombe (sacrificio relixioso de cen bois) e a carne dos animais sacrificados comíase durante un gran banquete que pechaba pola noite o festival.
As cerimonias aos premiados incluían a entrega de ánforas panatenaicas, grandes vasos de cerámica que contiñan o aceite dado como premio. O gañador da carreira de carros recibía como premio cento corenta ánforas panatenaicas cheas de aceite de oliva.
No friso dórico do Partenón que coroa o pronao e opistódomo e os muros laterais das naves, estaba representada a procesión das Panateneas na que Fidias reproduciu maxistralmente a mesma orde do seu desfile real. Medía 160 metros, contaba con máis de 350 figuras e foi esculpida por Fidias entre os anos -447 e -438. A procesión das Panateneas, que se inicia na fachada occidental, avanza en dúas filas, á vez polo norte e polo sur, e termina ante a asemblea dos deuses, na fachada oriental. No lado occidental, figuran os preparativos, con personaxes que se calzan as sandalias e preparan os cabalos. Polos costados vese avanzar á cabalaría xa formada, precedida por carros con parellas de guerreiros e polos que camiñan a pé: anciáns con talos de oliveira, músicos tocando a lira e o aulos ou dobre frauta, mozas que levan vituallas e, diante de todos, as raparigas atenienses (ergastinas) portadoras do peplos que regalan aos sacerdotes para que vistan a Atenea, a cal se achega á asemblea dos deuses sentados.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.