Remove ads
conflito bélico entre os anos 1936 e 1939 From Wikipedia, the free encyclopedia
A guerra civil española[7] foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2017.) |
Guerra civil española | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
A cidade de Guernica devastada pola aviación fascista en 1937. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
II República Española B. Internacionais Milicias confederais Consello Soberano de Asturias e León (1937) |
Bando nacional Alemaña nazi Italia fascista | ||||||
Forzas en combate | |||||||
Exército Popular -750.000 homes[1] -1500 pezas de artillaría[1] ~800 tanques e carros blindados[2] Forzas da orde ~16.400 gardas civís ~7.900 carabineiros ~12.000 gardas de asalto Forzas aéreas da República Española 1300 avións[3] Armada Republicana ~13.000 efectivos da Armada -1 acoirazado -3 cruceiros -14 destrutores -12 submarinos Brigadas internacionais ~59.380 |
Exército Nacional -800.000 homes[4](65.000 no comenzo) -2000 pezas de artillaría[3] ~300 tanques e carros blindados[3] Forzas da orde ~15.800 gardas civís ~6.500 carabineiros ~5.000 gardas de asalto Exército de África -75.000 homes[2] Aviación nacional ~1500 avións[5] Armada nacional ~7.000 efectivos da Armada -1 acoirazado -4 cruceiros -1 (+4*) destrutores -2* submarinos * Vendidos por Italia en 1937 Lexión Cóndor -15.000 efectivos ~100 avións[3] Corpo Truppe Volontarie -75.000 efectivos[2] ~120 avións[3] | ||||||
Baixas | |||||||
~500.000 (~120.000 na | retagarda)[6] |
O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
Despois da falta de confianza no rei Afonso XIII expresada na segunda rolda das eleccións municipais do 12 de abril de 1931, o rei parte cara ao exilio e o 14 de abril proclámase a Segunda República española. Dende esa data asume o poder un goberno deseñado no Pacto de San Sebastián. O 28 de xuño realízanse unhas novas eleccións que repiten o voto de confianza a republicanos e socialistas. Comeza así o Bienio republicano-socialista, tamén coñecido como Bienio reformista, que iniciou o seu labor nun contexto económico adverso co crac da Bolsa de Nova York de 1929 e a Gran Depresión. Aínda que non afectou a España coa mesma intensidade que a outros países máis desenvolvidos, a crise provocou o aumento do paro e o estancamento da produción. En Europa, esta perda do nivel de vida derivada da crise fixo avanzar as solucións ditatoriais, autoritarias ou fascistas.
A República herdaba tamén as consecuencias dos erros económicos da ditadura de Miguel Primo de Rivera. A crise da peseta, que non soubo atallar durante a ditadura o ministro de Facenda José Calvo Sotelo, provocou, ante a chegada da República, que os ricos traspasaran parte dos seus cartos cara ó exterior (até 917 millóns de pesetas entre o 1 de abril e o 30 de xuño, cantidade equivalente ó 15% dos depósitos totais), temorosos das reformas fiscais ou mesmo da revolución social. Esta retirada de capital, xunto coa limitación dos investimentos, provocou un novo aumento do paro, principalmente no campo. Isto provocou un clima de tensión que estaría presente durante toda a República.
Aínda e todo o goberno republicano-socialista realizou importantes reformas, que moitas veces chocaron de fronte cos sectores privilexiados e poderosos, que vían ameazada a súa concepción social, económica e institucional. Así redactouse unha Constitución que definía España como unha República democrática de traballadores de todas as clases, que se organiza en réxime de liberdade e xustiza. Ademais garantía dereitos individuais e colectivos inéditos no estado até aquela.
En 1932 aprobouse o Estatuto de autonomía de Cataluña, visto por algúns membros do exército como un atentado contra a “sacra unidade da patria”, a pesar de que a república naceu unitaria e non federal. Ademais comezou o vieiro dos Estatutos vascos e galego, que no caso do vasco remataría en 1936 e no caso galego, a pesar de ser aprobado en referendo, nunca chegou a entrar en vigor polo comezo da guerra civil. A cuestión territorial foi un foco de tensións. O malestar no exército fíxose patente no levantamento militar do xeneral José Sanjurjo Sacanell. Este golpe de estado (coñecido como Sanjurjada) produciuse o 10 de agosto de 1932 en Sevilla e resultou un fracaso. Sanjurjo tentou fuxir a Portugal pero foi detido en Huelva.
Tamén foron de vital importancia a reforma do exército emprendida por Manuel Azaña e a reforma educativa que constituíu un dos éxitos máis grandes da República, realizando un esforzo encomiable para reducir a taxa de analfabetismo e para educar os meniños, cun ensino obrigatorio, gratuíto e laico. Pero onde se atopou unha confrontación máis belixerante foi na reforma agraria e na cuestión relixiosa, das que se falará máis adiante. Debido a esta forte oposición dos sectores privilexiados a ver minguado o seu poder que durante séculos exerceu, as reformas sociais efectuábanse moi lentamente co conseguinte enfado popular, que sumado ó descontento das clases dominantes creou un clima de descontento popular, que culmina nunha serie de levantamentos anarquistas, dos que son salientables os Sucesos de Casas Viejas e Castilblanco, reprimidos con dureza e que provocan un forte balbordo político, a caída do Goberno e a celebración de eleccións anticipadas en 1933.
Nas eleccións xerais de novembro gañaron as dereitas, resultando a CEDA como partido máis votado. Porén o presidente da República, Niceto Alcalá-Zamora, mandou formar goberno a Alejandro Lerroux, do Partido Republicano Radical, que contou co apoio parlamentario da CEDA. Comezaba así o coñecido como Bienio negro, debido á política contrarreformista e de retroceso que se realizou. O primeiro goberno formado contaba tan só con membros do Partido Republicano Radical e con ningún da CEDA que condicionou o seu apoio a que as escolas eclesiásticas seguiran activas, que se paralizara a Lei de Congregacións, se revisara a lexislación laboral e se detivera a reforma agraria. Nesta política contrarreformista, de rectificación das reformas do anterior bienio, tamén se encontra a paralización dos estatutos vasco e galego así como a amnistía ós participantes no golpe de estado de José Sanjurjo Sacanell.
En Cataluña o goberno central anulou a Llei de contractes de conreu que facilitaba o acceso á propiedade da terra ós arrendatarios dos viñedos. Ricardo Samper, daquela xefe de goberno e que apoiara a lei tivo que dimitir ante a intransixencia das dereitas ante esta lei. Ante esta crise as esquerdas pedían a disolución das Cortes e a convocatoria de novas eleccións. A CEDA, por outro lado, aspiraba a entrar no goberno, e trala volta de Lerroux á xefatura do goberno, finalmente entran tamén tres membros da CEDA. A UGT convocou unha folga xeral revolucionaria que seguiron os partidos de esquerda e centro-esquerda co ánimo de botar abaixo o goberno. O goberno declarou ilegal esta folga e declarou o estado de guerra en toda España. A folga comezou o 5 de outubro e tivo seguimento nas principais cidades, mais tería unha relevancia notoria en Cataluña e Asturias.
En Cataluña a folga xeral foi unida ó descontento da esquerda nacionalista pola lentitude das transferencias de competencias conseguidas co estatuto de autonomía. O goberno da Generalitat de Cataluña presidido por Lluís Companys, de Esquerra Republicana de Catalunya, proclama o Estado Catalán dentro dunha República Federal Española. Este feito provocou a intervención do Exército, que axiña domina a situación despois dalgunhas loitas e o canoneo da cidade, nas que morren unhas 46 persoas (8 soldados e 38 civís), a detención de Companys e a fuxida de Josep Dencás (conseller de Governació). A autonomía catalá foi suspendida polo Goberno e a Generalitat de Cataluña foi substituída por un Consell de la Generalitat designado polo Goberno, nomeando a Manuel Portela Valladares gobernador xeral de Cataluña. A lei de Cultivos foi anulada. O President da Generalitat e os seus seguidores foron detidos e procesados. O consello de guerra ditou pena de morte contra dous militares rebeldes e condenou a Companys a 30 anos de reclusión por “rebelión militar”.
Mais foi en Asturias onde a folga obtivo un maior carácter revolucionario. Alí a CNT mantiña unha postura máis proclive á formación de alianzas obreiras que noutras zonas de España. Deste xeito adheriuse na Alianza Obrera na que estaban a Federación Socialista Asturiana, a Unión General de Trabajadores e a Confederación Regional del Trabajo, e fóronse engadindo ós poucos outros partidos. A insurrección posuía certa organización e os obreiros tiñan acceso a armas. O goberno recorreu a Francisco Franco para afogar a rebelión, que finalmente custou a vida a 1.100 persoas e 300 soldados e gardas civís, provocando 2.000 feridos. A represión que se realizou a continuación foi durísima, e a petición de amnistía para os presos foi un dos principais puntos no programa do Frente Popular. O goberno, ante a derrota dos seus adversarios, saíu fortalecido, mais a CEDA quería máis poder no goberno. Ante esta situación, e despois de que Alcalá Zamora indultase a Ramón González Peña (indulto ó que a CEDA se opuña), Lerroux tivo que formar un novo goberno, no que a CEDA acadou cinco ministros, entre eles Gil Robles, na carteira de guerra, que colocou en postos chaves a militares como o xeneral Joaquín Fanjul, Francisco Franco, Manuel Goded ou Emilio Mola.
A finais de 1935 producíronse dous escándalos de corrupción que botaron abaixo o goberno. O primeiro foi o do estraperlo en outubro, que provocou un forte desprestixio de Alejandro Lerroux. Alcalá-Zamora fixo dimitir a Lerroux e encargou formación de novo goberno a Joaquín Chapaprieta, pero ó pouco chegou un novo escándalo de corrupción, o de Tayá-Nombela. Gil Robles retiroulle o seu apoio a Chapaprieta, confiando en ser nomeado o novo encargado de formar goberno. Pero Alcalá-Zamora, temoroso da reacción popular, preferiu un home de centro, Manuel Portela Valladares. Portela Valladares decretou a disolución das Cortes e convocou eleccións para o 16 de febreiro de 1936.
Nestas eleccións saíu vencedora a Fronte Popular, unha coalición de partidos republicanos de esquerda. A reacción popular foi inmediata, a xente apresurábase a sacar dos cárceres os presos políticos antes aínda de chegar a amnistía. O Xefe do Estado Maior Central, xeneral Franco, deu o apoio do exército a Manuel Portela Valladares para que "non deixase pasar o comunismo". Intentou promover entre algúns militares unha sublevación. Goded tamén tentou sublevar o cuartel da Montaña de Madrid e outros dous xenerais que estiveran en todas as conspiracións contra a República, Joaquín Fanjul e Ángel Rodríguez del Barrio, sondaron esa posibilidade. Franco non viu o momento maduro e recuou, aínda que eses días do 17 ó 19 de febreiro estivo máis preto que nunca de dar un golpe militar. Portela Valladares decidiu dimitir, polo que Alcalá-Zamora tivo que ordenar a Manuel Azaña que formase goberno. O día 19 de febreiro Azaña forma o goberno no que inclúe tan só republicanos de esquerda, decidindo non incluír ningún socialista (aínda que Largo Caballero xa vetara a participación do PSOE no novo goberno). Pese o moderado do novo goberno, as dereitas reaccionaron coma se os soviéticos acadasen o poder. A primeira medida do novo goberno foi a concesión dunha amnistía. Desde o comezo procedeuse a unha restauración das reformas emprendidas no primeiro bienio. Así se restauraron Generalitat de Catalunya, os concellos socialistas suspendidos dende outubro de 1934 e os concellos vascos suspendidos no verán de 1934. Reactívanse os procesos dos estatutos de autonomía, de tal xeito que o 1 de outubro se aproba Estatuto de Autonomía de Euskadi e en febreiro de 1938[8] o Estatuto de Autonomía de Galicia é admitido a trámite (aínda que non foi discutido nin aprobado). Reanudáronse tamén os traballos do Instituto de Reforma Agraria e enviáronse os militares máis proclives ó golpismo lonxe de Madrid.
A inestabilidade e tensión social provocou que algúns partidos políticos comezasen a formar as súas milicias. A Falange Española comezou a provocar a maior desorde e terror posibles (a “dialéctica dos puños e das pistolas”). O 10 de marzo a Falange atentou contra a vida do mestre Luis Jiménez de Asúa, asasinando o policía Jesús Gisbert que o escoltaba. O 14 de marzo, de novo a Falange, atentou contra a vida de Largo Caballero, sen éxito. Pouco despois a Falange Española foi ilegalizada. Pero non por iso deixaba de actuar: asasinaron a Manuel Pedregal Luege, un maxistrado que sentenciara a 30 anos de cárcere un falanxista que matara un vendedor de xornais de esquerdas; puxeron unha bomba no desfile conmemorativo do 14 de abril, resultando durante a confusión morto un garda civil a disparos da Garda de Asalto (no enterro deste houbo enfrontamentos entre a Falange e a Garda de Asalto, resultando varios mortos e feridos); asasinaron o xornalista Manuel Andrés en Donostia, o tamén xornalista Luciano Malumbres en Santander e o capitán socialista Carlos Faraudo en Madrid; abriron fogo de metralleta no centro de Madrid contra traballadores, matando 3 e ferindo 40, o día 16 de abril. A tensión non minguaba.
O día 7 de abril Alcalá-Zamora é destituído coma presidente da República. A proposición redactada por Indalecio Prieto e Manuel Azaña e presentada no Congreso dos deputados o 3 de abril, sinala que non foi necesaria a disolución das Cortes o 7 de xaneiro de 1936, e que, seguindo a Constitución un presidente non pode disolver as Cortes dúas veces se non é coa aprobación da Cámara. Como substituto seu foi elixido Manuel Azaña. Indalecio Prieto aspiraba a ser o novo presidente do goberno, pero nunha votación do seu partido a maioría decidiron que o PSOE non entrase no goberno. Manuel Azaña nomeou presidente do goberno o galego Santiago Casares Quiroga.
En xullo de 1936 aconteceron uns importantes sucesos, que se ben non desencadearon o alzamento, si que lles serviu para xustificalo. O 12 de xullo uns falanxistas asasinaron o tenente da Garda de Asalto José Castillo, membro da UMRA. Algúns dos seus compañeiros decidiron vingarse ó día seguinte, asasinando a tiros o líder da dereita monárquica, autoproclamado fascista[9], José Calvo Sotelo.
A conspiración contra a República comezou no mesmo momento no que se deu a coñecer o pacto dos partidos da esquerda para formaren o Frente Popular que había concorrer ás eleccións do 16 de febreiro. Despois das eleccións finalizadas co triunfo do Frente Popular, os militares facían presión sobre o presidente do goberno en funcións Manuel Portela Valladares para que declarase o estado de guerra. Portela sen chegar a declaralo dimitiu o 19 de febreiro, formando Azaña un novo goberno, que envía os militares que máis se destacaran na conxura fóra de Madrid, Franco a Canarias, Goded a Mallorca e Emilio Mola a Pamplona, que se preparou alí para organizar o levantamento. Entre o 5 e o 12 de marzo reuniuse coa maioría dos militares golpistas, entre outros Franco (co que contactaron dende o principio, pero que non confirmou a súa participación até o asasinato de Calvo Sotelo), Mola, Orgaz, Fanjul e Valentín Galarza. Alí Mola comentou que estaba preparando un levantamento que podería suceder o 19 de abril, mais a conspiración foi descuberta polo PCE, o que forzou o goberno a tomar medidas. A pesar de todo seguiuse adiante coa trama golpista. Na dianteira da trama organizada por Emilio Mola tamén estaría José Sanjurjo Sacanell. Polo tanto, Mola convértese no verdadeiro reitor da conspiración (o denominado “director”), crea unha rede de axentes para preparala, entre os que salienta Gonzalo Queipo de Llano, inspector dos carabineiros, e conecta cos carlistas que estaban preparando a súa propia insurrección para a que crearan unha Xunta Suprema Militar Carlista. Tamén participan da preparación do alzamento a Unión Militar Española, e a Junta de Generales (da que era coordinador Emilio Mola)—, monárquicos, carlistas e outros sectores da extrema dereita.
| |||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
A esquerda tentou aproximarse ós militares, sobre todo mediante a Unión Militar Republicana Antifascista (UMRA). Un grupo de aproximadamente 200 militares desta organización desprazouse a África coa intención de secuestrar os xefes golpistas, pero esta operación foi descuberta por Casares Quiroga e desmontada deseguido. Os dirixentes do UMRA reuníronse con Casares Quiroga para avisalo do alzamento previsto para o 16 de xullo e déronlle os nomes dos militares golpistas: Franco, Mola, Goded, Varela, Aranda, Fanjul, Yagüe, García Valiño e Alonso Vega. O presidente do goberno non deu creto a estas afirmacións respondendo que non existía perigo ningún de insurrección.
En xullo de 1936 aconteceron uns importantes sucesos, que se ben non desencadearon o alzamento, si que se empregaron para xustificalo. O 12 de xullo uns falanxistas asasinaron o tenente da Garda de Asalto José Castillo, membro da UMRA. Algúns dos seus compañeiros decidiron vingarse e achegáronse ó domicilio de Antonio Goicoechea, pero ó non atoparse alí foron ó de Gil Robles, que tampouco se atopaba alí, e definitivamente ó de José Calvo Sotelo, que foi asasinado a tiros[10].
Finalmente as ordes definitivas de Mola foron que o exército de África se sublevase ás 5 da mañá do día 18 de xullo e 24 horas máis tarde en toda a península. O exército de África tería que controlar o Marrocos español, e logo ser transportado vía marítima a Andalucía, polo que a frota tamén tiña que sublevarse.
Este plan foi descuberto o 17 de xullo en Melilla, debido a que un dos dirixentes locais da Falange de Melilla informa o dirixente local de Unión Republicana, chegando esta información ó Xeneral Romerales, Comandante Militar de Melilla, que á súa vez informa a Casares Quiroga. Romerales envía á tarde unha patrulla de soldados e gardas de asalto a rexistrar o departamento cartográfico. O coronel ó mando do mesmo atrasa o rexistro e chama ó cuartel da Legión, dende onde envían un grupo de lexionarios. Ante estes, a patrulla réndese e os sublevados proceden a arrestar a Romerales, proclaman o estado de guerra e inician anticipadamente o levantamento, informando os seus compañeiros do resto de Marrocos de que foran descubertos, pese ó risco de que os demais conspiradores non estiveran preparados. Así e todo, na noite do 18 de xullo xa se eliminara a resistencia no Marrocos español.
Francisco Franco dirixiuse a Marrocos dende Canarias no famoso voo no Dragon Rapide, alugado co diñeiro de Juan March, para comandar as tropas regulares.
Para pasar as tropas regulares á península necesitou pedir apoio ás forzas nazis e fascistas, xa que o estreito de Xibraltar estaba controlado polas tripulacións da escuadra republicana, que se amotinaran contra os oficiais rebeldes. Hitler envioulle a Franco unha partida de 20 Junker e 6 cazas Heinkel. O obxectivo de Hitler era que co triunfo dun golpe militar dereitista, Francia perdera un posible aliado. Pola súa banda Mussolini enviou unha escuadrilla de 12 bombardeiros Savoia-Marchetti S.M.81 e 2 buques mercantes con cazas FIAT CR.32.
Pese a todo, o apoio á sublevación non foi maioritario entre o exército. Dos 18 xenerais con mando de división, incluídos da Garda Civil e de Carabineiros, é dicir, os que controlaban as unidades de intervención máis importantes, unicamente se sublevaron 4: Cabanellas, Queipo de Llano, Goded e Franco e só Cabanellas mandaba a tropas na península. Outros dous xenerais de división en situación de dispoñibles que interviñeron na sublevación foron Fanjul e Saliquet.
Entre os xenerais de brigada só 14 de 56 apoiaron o golpe de estado. Os sublevados contaban inicialmente cuns 120.000 homes armados, dos 254.000 que había nese intre na península, nas Illas e en África[11].
Mais varios factores confluíron para daren superioridade ós alzados e diminuír a eficacia de quen permaneceron leais. Un foi a orde xeral do goberno de desmobilizar os soldados, para minguar forza ós militares rebeldes, que porén conseguiu o efecto contrario, xa que moitos deses soldados, naquelas zonas onde fracasou a sublevación, se negaron despois a volver ás súas unidades e, baixo o amparo da mobilización revolucionaria e popular, ingresaron nas milicias. Os anarquistas e socialistas, os primeiros en organizar milicias, desconfiaban en gran parte destes xefes e oficiais. Truncábase así dende o comezo o que podía ter sido o exército republicano.
Para os sublevados era todo diferente xa que, a pesar do exército peninsular non estar tampouco moi preparado para a guerra, contaban con forzas disciplinadas e organizadas. Sobre todo dispuxeron dende o comezo co exército de África, coa case totalidade dos seus 1.600 xefes e oficiais e dos 40.000 homes baixo seu mando. A súa tropa máis coñecida era a Legión, composta de prófugos, delincuentes e marxinados que eran introducidos no culto á violencia e á virilidade. Ó carón da Legión estaban tamén as Forzas Regulares Indíxenas, composta por mercenarios marroquís e algúns españois.
A sublevación na península non triunfou, mais tampouco foi esmagada pola ineficiencia do goberno.
No principio do alzamento, España viuse dividida en dúas zonas segundo a facción que tiña o control:
Tras cinco días, o protectorado de Marrocos, Canarias, Baleares, Galicia, Logroño, Aragón e Navarra enfrontábanse a Asturias, Cantabria, Euskadi, (nas súas maiores cidades, non no rural) Menorca, Cataluña, Andalucía e Murcia. Os pretextos do bando sublevado foron o desgoberno e os resultados dos partidos da esquerda (coligados no partido chamado Frente Popular) nas eleccións de maio de 1936, que achegaban o risco dunha revolución social comunista e a ruptura da unidade españoladDebido aos estatutos de autonomía; pero, na realidade, o alzamento resulta ser consecuencia dunha tensión social -a das dúas Españas- entre a parte conservadora do país (Falanxe e Igrexa católica), que ía indefectiblemente perdendo os seus privilexios, e a toma do poder por parte da esquerda (nacionalistas, comunistas e anarquistas).
Co inicio da guerra, España quedou dividida en dúas zonas: O bando republicano, tamén chamado "bando leal" ou, polos sublevados "bando vermello"; e o bando nacional, tamén chamado "bando sublevado", "franquista", e "fascista".
Milicias: As milicias foron tropas de voluntarios de diferentes sindicatos e partidos políticos que loitaron xunto ás tropas regulares da República.
A formación típica destas milicias espontáneas foi a columna.
Participación estranxeira:
Participación estranxeira:
A guerra estaba a ser gañada polo bando rebelde, capitaneado cada vez máis polo xeneral Franco, fronte á facción republicana (con Manuel Azaña como presidente da II República española, e Francisco Largo Caballero e logo Juan Negrín como xefes do goberno). No entanto, ningún bando cría nas súas posibilidades de vitoria e buscaron apoios no exterior. A Alemaña nazi e a Italia de Benito Mussolini colaboraron co bando sublevado, mentres que ós republicanos lles chegaron axudas da URSS e das Brigadas Internacionais, uns 60.000 combatentes estranxeiros de diversas partes do mundo organizados polo Comintern.
Principais episodios:
En el día de hoy, cautivo y desarmado el Ejército Rojo, han alcanzado las tropas nacionales sus últimos objetivos militares. La Guerra ha terminadoEl generalísimo Franco
Burgos, 1º de abril de 1939.Último parte de guerra.
A guerra terminou o 1 de abril de 1939 tras unha carnizaría de máis de medio millón de vítimas (sen contar mortos indirectos de fame ou enfermidades). Tanto na propia guerra coma nos anos posteriores, os poderes non dubidaron en utilizar a poboación segundo os seus intereses políticos: a represión trala vitoria franquista levaría moitos españois para o exilio ou o fusilamento, tras uns anos de loita de guerrilla (termo que se estendeu internacionalmente para designar a utilización de escaramuzas por parte de exércitos non regulares). Coa fin da guerra, instaurouse un goberno ditatorial de corte fascista, que rexería os destinos dos españois ata pouco despois da morte de Franco en 1975.
Esta guerra foi un ensaio das armas que se utilizarían despois na II Guerra mundial. A estrutura política de gran parte de Europa inclinouse para o fascismo e o comunismo, mentres que en España comezou unha época de rescisión das liberdades e represión de todo aquilo que se afastase da liña política do réxime.
O número de vítimas civís aínda se discute. Algúns afirman que a cifra estaría entre 500 000 e 1 000 000 de persoas.[13] Moitas destas mortes non foron debidas ós combates, senón á represión en forma de execucións sumarias e paseos. Esta levouse a cabo no bando sublevado de maneira sistemática e por orde dos seus superiores (por exemplo no masacre de Badaxoz), mentres no bando republicano produciuse de maneira descontrolada en momentos no que o goberno perdeu o control das masas armadas.[14] Os abusos centráronse en tódolos sospeitosos de simpatizar co bando contrario.
Outro xeito de represión foi a creación dos campos de concentración, que foron sendo construídos co avance da fronte, como o de Arnao, coa caída da fronte Asturiana.
Son numerosas as obras, tanto da gran pantalla como literarias, cuxa trama acontece durante a contenda:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.