From Wikipedia, the free encyclopedia
O gaiteiro galego é o músico que emprega como instrumento a gaita galega. Asociado desde a Idade Media á celebración de todo tipo de eventos sociais, no século XIX foi adoptado polo movemento galeguista como un símbolo do país. Viviu unha época de recoñecemento até a década de 1940, cando caeu no desprestixio, volvendo a recuperar popularidade na de 1970. Desde finais do século XX produciuse un importante aumento no seu número, chegando algúns a comercializar internacionalmente as súas obras musicais.
As máis antigas mostras da existencia de músicos tocando a gaita aparecen en Galiza na Idade Media, representados entre a iconografía das igrexas románicas[3] e nas ilustracións contidas nos códices das Cantigas de Santa María[4]. Do ano 1374, data a primeira referencia manuscrita sobre un gaiteiro, ao asinar Johan Gonçalves de Monfero como testemuña nunha escritura de venda.[5]
Na Idade Moderna, os gaiteiros figuran na documentación histórica "institucionalizados", isto é, con contratos por varios anos ou vitalicios, a servizo de gremios, concellos, confrarías e grandes señores. Estes documentos reflicten a importancia social dos gaiteiros, que exercían o seu oficio non só en actividades festivas, senón tamén nas oficiais e litúrxicas. Dous exemplos son o do gaiteiro Gomes Mouro quen foi contratado no 14 de decembro do 1458 como gaiteiro oficial do concello de Ourense "por todo tempo da súa vida"[6], e o de Xoán Rivas do Mar, contratado o 27 de maio do 1517 pola confraría de San Nicolas de Noia para tocar na festa do patrón "nos días de vida do gaiteiro".[7]
Das pegadas iconográficas deixadas polos gaiteiros ao longo da historia dedúcese que até o século XVIII tocaban maiormente en solitario, pois non é até aquel entón que comezan a ser representados en compañía dos tamborileiros.[8] Este dúo de gaita e tambor ocupábase en Galiza da animación de todo tipo de acontecementos sociais: seráns, romarías, entroidos, magostos, vodas, danzas gremiais, etc.[9][10] Cada bisbarra tiña un, ou varios, destes músicos non profesionais, que exercían o oficio como complemento para os seus traballos dentro da economía rural, eran labregos, ferreiros, carpinteiros, etc. e non eran infrecuentes as ocasións nas que se vían forzados a emigrar. Entre a diáspora galega existiron,e existen, notábeis gaiteiros como Manuel Dopazo, quen se fixo moi popular na Arxentina.[11]
Un dos momentos estelares do gaiteiro eran as festas patronais. Alí ocupaba un papel fundamental, até o punto de non se entenderían sen a súa presenza. O gaiteiro tocaba nas mañás a tradicional alborada, a peza coa que se percorría a vila espertando á veciñanza, despois actuaba misa e na procesión, se houber, e que pola tarde amenizaba a verbena, "o baile".
Este foi o papel do gaiteiro na sociedade galega até mediados do século XIX, e máis aló nas zonas rurais, cando comezou a verse desprazado pola aparición das bandas de música.[12] Estas novas formacións musicais comezaron a ocupar daquela os terreiros das festas, introducindo música e instrumentación máis moderna. Con elas chegaron os bailes agarrados (mazurcas, pasodobres, valses) cuxo inmediato éxito comezou a substituír os tradicionais soltos tocados a ritmo da gaita (muiñeiras, xotas).
Forzado a adaptárense ás circunstancias, o gaiteiro evolucionou unindo o seu instrumento aos achegados pola bandas. Un dos primeiros en ser adoptado foi o bombo, que deseguida formou trío con gaita e tambor. Do mesmo xeito naceron outras agrupacións instrumentais, como o cuarteto de gaita e clarinete ou, máis tardiamente, a charanga, na que a gaita convivía con instrumentos de vento como o saxofón.
A primeira formación que xuntou a gaita co clarinete e á percusión das bandas de música foi a creada polo gaiteiro de Ribadavia Xoán Míguez, "O Ventosela". Foi precisamente nesta vila onde se formou a primeira banda popular galega: A Lira, e con músicos procedentes da banda formou o Ventosela o seu cuarteto musical "mestizo". Con el atreveuse a ampliar o repertorio tradicional dos gaiteiros cos novos bailes agarrados, atrevéndose mesmo con outras pezas como arias, zarzuelas ou foxtrots para escándalo dos puristas.[13] Este músico innovador chegou a modificar a súa gaita con chaves para poderen alcanzar as notas do clarinete, e mesmo a mesturar a vestimenta de estilo militar das bandas co traxe habitual do gaiteiro. O éxito do seu conxunto fixo que nacesen axiña grupos similares por todo o pais, como Os Trintas de Trives ou os Montes de Viveiro. A mestizaxe permitiu que os gaiteiros continuasen a ocupar o seu lugar nas festas das vilas, pois ademais da súa función de costume podían agora interpretar tamén os bailes de moda, e cunhas esixencias económicas inferiores as das bandas.[12]
Porén, este cruzamento da tradición coas influencias foráneas xerou certa controversia[14][15], pois daquela xurdía por toda Europa unha tendencia "tradicionalista" interesada na conservación do folclore que non vía cons bos ollos esta "contaminación". Ao igual que o galeguismo, que desde moi cedo fixo da gaita e do gaiteiro tradicionais un dos seus símbolos.[16] Estas correntes de pensamento, expresáronse en Galiza en obras literarias, sociedades de estudo e, sobre todo, na aparición dos primeiros coros galegos. Neste sentido, cóntase unha anécdota sobre o gaiteiro Perfecto Feijoo, fundador de Aires da Terra, quen chegou a abandonar indignado unha romaría na vila de Marcón ao ver á xente bailar unha mazurca.[17]
Este interese da intelectualidade "urbanita" fixo que os gaiteiros vivisen un época de gran recoñecemento[18] na que proliferaron nas principais vilas e cidades as competencias entre gaiteiros. Nestes certames os músicos loitaban pola sona acadada e por importantes premios económicos. Un primeiro premio nun destes concursos equivalía a unhas cinco actuacións en festas.[19] O máis importante certame era o celebrado nas festas patronais de Compostela. Alí, no 24 de xullo de 1924, o gaiteiro Avelino Cachafeiro foi nomeado, diante das personalidades máis importantes do galeguismo da época, como o mellor gaiteiro de Galiza.[20] E foi o seu grupo, os gaiteiros de Soutelo, os que popularizaron na década de 1920, unha nova agrupación de gaiteiros, o cuarteto tradicional, no que as gaitas (dúas, ás veces tres) tocaban por primeira vez a varias voces.[12]
Coa sublevación fascista de xullo de 1936, os gaiteiros entraron nunha etapa escura. Por causas derivadas do conflito militar: recrutamentos, mortes, exilios, etc, gran parte dos grupos foron desfeitos.[21] Na posguerra, a situación política foilles desfavorábel pois o franquismo, nun intento de fortalecer a unidade de España, tratou de homoxeneizar o folclore dos distintos pobos do estado.[22] Así, a través da sección feminina da falange, as expresións da cultura popular foron sendo reducidas a un produto folclorístico valido para a súa utilización política[23]. Ao mesmo tempo as festas populares espontáneas foron prohibidas[24] e, para poderen tocar libremente, os gaiteiros tiñan que solicitar autorizacións específicas e estaren afiliados no sindicato vertical do réxime.[25] Por este motivo moitos deixaron de tocar, até o punto de que entre os anos 1940-60 a formación de novos gaiteiros reduciuse ostensibelmente.[26]
Malia isto, os grupos de gaiteiros, antes adorados e agora obxecto de burla e desprezo[25], continuaron presentes nas zonas rurais, alí onde non se entendían as festas sen eles.[27] Algúns dos grupos do período formáranse antes da guerra, como os Campaneiros de Vilagarcía ou os Morenos de lavadores, outros creáronse despois, como Airiños do Parque de Castrelos ou Os Rosales de Asados. Desde a década de 1950, exercían as súas funcións compartido os palcos das verbenas cunha nova agrupación musical competidora, as orquestras de baile.[28] Algúns destes grupos chegarían nos anos setenta a pasar polo estudio de gravación.
Nos estertores do franquismo, na época dos cantautores e a canción protesta, a apropiación política por parte da ditadura da cultura popular fixo que os gaiteiros fosen percibidos como próximos ao réxime e mesmo rexeitados por parte dalgúns sectores sociais progresistas.[29] Porén, a aparición de grupos de esquerda de "raíz" galega como Voces Ceibes ou Fuxan os Ventos xunto a reivindicación da dignidade do seu oficio por parte de gaiteiros como Ricardo Portela ou Moxenas fixo que fosen sendo aceptados aos poucos.[30][27]
No ano 1971 creouse por vez primeira unha cátedra de gaita no conservatorio de Vigo, impartida por Henrique Otero, o gaiteiro de Fragoso, quen, con tal motivo, publicou o libro Leccións de gaita, o primeiro método de ensinanza para o instrumento.[31] A gaita comezaba a ter recoñecemento oficial e os gaiteiros a mesturarse con músicos "académicos" abandonando o seu rol exclusivamente tradicional.
A comezos da década de 1980, o artesán Antón Corral fíxose cargo do obradoiro-escola de instrumentos da Universidade Popular de Vigo. Neste obradoiro acadáronse importantes avances na organoloxía das gaitas: mellora dos punteiros, da afinación, novas tonalidades; e alí formouse unha nova xeración de gaiteiros que protagonizou na década seguinte a internacionalización do seu instrumento: Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Anxo Lorenzo, Anxo Pintos, etc, formáronse neste obradoiro.[32] A aparición destas escolas de gaiteiros motivou naturalmente o nacemento dunha nova agrupación musical: as bandas de gaitas[33]. Nestes grupos, alleos até o momento á tradición galega, os novos gaiteiros podían tocar e formarse xuntos.
Tamén nesta década, os músicos galegos comezaron a ser convidados ao Festival Intercéltico de Lorient. Alí entraron en contacto cos seus homólogos escoceses, irlandeses e bretóns, chegando a crearse un trofeo específico para as gaitas galegas e asturianas: o trofeo MacCrimmon. A fascinación por este novo mundo celta do director dunha das bandas galegas convidadas nestes anos, Xosé Lois Foxo, fixo que na década de 1990 se atrevese a introducir na súa formación modificacións copiadas das bandas militares escocesas.[34] Estas mudanzas, financiadas e promovidas a cargo do erario público, deron inicio a unha intensa polémica entre gaiteiros, á chamada guerra das gaitas[35][36], que coincidiu no tempo coa chegada á presidencia da Xunta de Galiza de Manuel Fraga. Un político de pasado franquista, que empregou aos novamente prestixiados gaiteiros para presentarse diante do electorado coa vendíbel etiqueta do galeguismo. Nas catro ocasións nas que foi investido presidente da Xunta, tomou posesión do cargo nunha cerimonia na que se enchía a compostelá Praza do Obradoiro de gaiteiros, moitos deles procedentes das bandas de gaitas seguidoras do estilo introducido por Foxo.
A música tradicional galega abriuse dende finais do século XX a influencias foráneas, e grupos como Luar na Lubre ou Berrogüetto levaron a gaita galega cara a un rexistro máis folk. Neste momento apareceron tamén prestixiosas gaiteiras como Susana Seivane, Mercedes Peón ou Cristina Pato, nun instrumento que, coa excepción de Áurea Rodríguez, fora historicamente exclusivamente masculino.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.