tipoloxía de danza From Wikipedia, the free encyclopedia
As danzas brancas, ou danzas gremiais, son danzas rituais ligadas habitualmente á procesión dunha virxe ou santo. Celébranse tamén noutras datas sinaladas como no día de reis, no Entroido, polo Corpus Christi ou nas festas patronais. Con probábel orixe nas asociacións gremiais de artesáns da Idade Media, consérvanse hoxe máis de trinta destas danzas por todo o territorio galego.
Malia teren unha orixe pagán para algúns estudosos,[1] os primeiros rexistros documentais asocian as danzas brancas coas sociedades gremiais dos séculos XVI e XVII.[2] Estas organizacións de artesáns participaban nas festas de vilas e cidades executando cadansúa danza cerimonial. En Compostela, por exemplo, saían até doce agrupacións no día do Corpus Christi: prateiros, ferreiros, carniceiros, xastres, tecedores, barbeiros, acibecheiros, correeiros, pedreiros, carpinteiros, armeiros e zapateiros.[3] Os gremios foron abolidos na época do liberalismo, porén, a tradición das danzas continuou da man de confrarías de mariñeiros ou da propia veciñanza das parroquias.
As danzas desenvólvense polo xeral no adro da igrexa, ás veces como acto previo ao inicio dunha procesión relixiosa. Como esquema xeral, comezan cunha reverencia inicial, seguida da parte coreográfica da propia danza na que, nunha serie de movementos e cruces prefixados, os danzantes baten paus, espadas, trenzan fitas de cores arredor dun mastro ou danzan con arcos. O evento finaliza cunha nova reverencia.[2]
A denominación "danzas brancas" provén do emprego polos danzantes das pezas de roupa branca que van por baixo da vestimenta tradicional: camisas, cirolas, enaguas etc. Se ben cada lugar complementa esta indumentaria de distintos xeitos engadindo faixas vermellas, bandas cruzando o peito, chapeus con fitas etc.
A maioría das danzas acompáñanse musicalmente por grupos de gaiteiros, e nalgunha aparecen tamén figuras festeiras como abandeirados, demos, comparsas de xigantes e cabezudos ou cocas. Estas últimas, representacións medievais de dragóns, mantéñense en Betanzos e Redondela, lugar onde tamén se conservaron as penlas, nenas vestidas de branco e con ás de anxo que bailan nos ombros de dúas mulleres (chamadas burras) mentres se efectúa unha danza de espadas.[4]
As danzas gremiais foron prohibidas no século XVIII a instancias da igrexa católica, que as consideraba propias do paganismo supersticioso.[5] Polos mesmos motivos sufriron graves problemas durante o franquismo. En Ourense, por exemplo, celebráronse até o ano 1956 cando, por orde do bispo Temiño Sáiz, a música e a danza foron prohibidas nas procesións, o que provocou a súa desaparición.[2]
Atendendo os instrumentos empregados polos danzantes, as danzas pódense clasificar nos seguintes tipos: arcos, castañolas, espadas, fitas ou paus. Porén na maioría delas empréganse varios deles, ou todos, durante a danza. Existen tamén os ranchos de reis, que se ben hoxe gardan gran similitude co resto das danzas, eran en orixe agrupacións de veciños que percorrían as parroquias durante as festividades do Nadal, aninovo e reis.[6]
No ano 2008 anunciouse a creación da Asociación Galega de Concellos con Danzas Brancas,[7] constituída coa intención de rescatar todo este patrimonio, sumándose á proposta a maioría dos concellos que conservan algunha destas danzas, até vinte e un.[8] Enuméranse a continuación algunhas das danzas galegas existentes ou xa desaparecidas.
Nome | Lugar | Tipo | Gremio/Festa | Estado |
---|---|---|---|---|
Danza dos xastres de Allariz.[9] | Allariz | Fitas e paus | Xastres / Festa do Boi | Danzouse de xeito descontinuo desde 1942, e recuperouse a finais da década de 1960.[10] Hoxe báilase o 2º ou 3º domingo de agosto, durante a festa do boi.[11] |
Danza da virxe do libramento.[12] | Arbo | Castañolas, fitas, arcos e paus. | Festa do libramento. | Recuperada na década de 1990 pola Asociación Cultural Barca de Loimil.[13][14] |
Danza procesional de Güín.[15] | Güín (Bande) | Castañolas, fitas e paus. | Festa de virxe da Espectación.[16] | Deixouse de bailar na década do 1950 por problemas co párroco. Recuperada no ano 1993,[17] hoxe xa non se baila. |
Danza de espadas de Baiona.[18] | Baiona | Espadas. | Mariñeiros / Virxe da Anunciada. | Dánzase o primeiro sábado de agosto. |
Danza do gremio de Labradores.[19] | Betanzos | Espadas | Labradores / Festas de San Roque. | Bailase o 16 de agosto, nas festas patronais de San Roque.[20][21] |
Danza do gremio de mareantes.[19] | Betanzos | Arcos | Mariñeiros / Festas de San Roque. | Bailase o 16 de agosto, nas festas patronais de San Roque.[22] |
Danza do gremio de zapateiros.[23] | Betanzos | Arcos | Zapateiros / Festas de San Roque. | Bailouse por última vez no ano 1902. |
Danza procesional de Xuvencos.[24][25][26] | Xuvencos (Boborás) | Castañolas, fitas e paus. | Virxe de Xuvencos /Festa das Mudaciós | Dánzase cada catro anos no 2º e 3º domingos de maio.[27] |
Danza de arcos de Camariñas.[28] | Camariñas | Arcos | Festa do Carme.[29] | Faise o 16 e 17 de xullo, polas festas da virxe do Carme.[30] |
Danza de Aldán[31] | San Cibrán de Aldán (Cangas) | Castañolas | San Sebastián. | 20 de xaneiro.[32] |
Danza de San Roque do Hío[31] | O Hío (Cangas) | Castañolas | San Roque. | 16 de agosto.[33] |
Danza e contradanza de Darbo[31] | Darbo (Cangas) | Castañolas | Santa María / Romaría de Darbo.[34] | 8 de setembro.[35] |
Danza de arcos de Cariño.[36] | Cariño | Arcos | Festa do Carme. | 16 de xullo.[37] |
Danza da Franqueira.[38] | A Caniza | Fitas e paus. | Romaría da Franqueira. | Luns de Pentecosté.[39] |
Danza de Seara de Montes[40] | As | Castañolas, fitas e paus. | Santa Rita | Recuperada no ano 1980.[41] Hoxe abandonada.[42] |
Danza branca á Virxe das Neves.[42] | Barral (Castrelo do Miño) | Castañolas, fitas e paus. | Virxe das Neves. | Abandonada no 1972.[42] |
Romaría dos danzantes.[43][44] | Fontefría (Castrelo do Val) | Castañolas e fitas | Santa Marta. | Derradeiro domingo de agosto. Abandonada no 1950. Recuperada no 1980.[45] |
Danza das cocas.[46][47] | Santa Tegra (Castro Caldelas) | Arcos. | Festa da Virxe da Luz. | 1º domingo de agosto. Deixouse de bailar no 1952. Recuperada en 1983.[48] |
Danza do cristal[49] | Vilanova dos Infantes (Celanova) | Procesional: Castañolas, fitas e paus. | Zapateiros / Virxe do Cristal. | 15 de setembro.[50] |
San Pedro de Líncora. | Chantada | Paus | Virxe da saúde. | Abandonada. |
Danza de paus de nosa señora das Areas | Fisterra | Paus | Festa do cristo de Fisterra. | Semana santa.[51] |
Danza de Arcos da Cervela[52] | A Cervela (O Incio) | Arcos | Santa Lucia. | 26 e 27 de agosto. |
Danza procesional de Laza.[53][54] | Laza | Castañolas e espadas. | Festa do santo cristo. | 1º fin de semana de maio. Bailouse de xeito intermitente durante todo o século XX. Regularmente desde o 1971.[55] |
Danza procesional de Maceda.[56] | Maceda | Fitas | Danzouse por última vez no 1959. | |
Danza de espadas de Marín.[57] | Marín | Espadas | Mariñeiros / San Miguel | 29 de setembro.[58]. |
Danza de arcos de Covas.[59] | Covas (Meaño) | Arcos, castañolas. | San Bieito de Cambados. | 11 de xullo.[60] |
Danza procesional de Cádavos.[61] | Cádavos (A Mezquita) | Castañolas, fitas e paus. | Festas do Sagrado Corazón. | 3º domingo de xuño.[62] |
Danza de Mouriscados.[63] | San Cibrán de Mouriscados (Mondariz) | Arcos, Paus, fitas. | Virxe do Socorro. | 16 de agosto.[64] |
Rancho de reis de Riofrio.[65] | Riofrio (Mondariz) | Arcos, castañolas, fitas e paus. | Virxe do leite. | 5 e 6 de xaneiro.[66] |
Danza de espadas de Quintáns. | Quintáns (Muxía) | Espadas | San Isidro | 1º domingo de agosto.[67] |
Rancho de reis das Cortellas. | As Cortellas (Ponteareas) | Arcos, castañolas, fitas e paus. | Día de reis. | 5 e 6 de xaneiro.[68] |
Rancho de reis de Fozara. | Fozara (Ponteareas) | Arcos, castañolas, fitas e paus. | Día de reis. | 5 e 6 de xaneiro.[69] |
Rancho de reis de Guláns.[70] | Guláns (Ponteareas) | Arcos, castañolas, fitas e paus. | Día de reis e día de San Xián (patrón) | 6 e 7 de xaneiro.[71] |
Danza de Anceu.[72] | Anceu (PonteCaldelas) | Arcos, castañolas, fitas e paus. | Virxe das Dores. | Derradeiro domingo de setembro.[73] |
Danza de espadas de Redondela.[74] | Redondela | Castañolas, espadas. | Festa da coca. | Dánzase xoves e domingo do Corpus Christi.[75] |
Rancho de reis de Salceda de Caselas.[76] | Salceda de Caselas | Castañolas | Día de reis. | 5 e 6 de xaneiro.[77] |
Rancho de reis de Fornelos. | Fornelos (Salvaterra de Miño) | Arcos, castañolas, fitas e paus. | Día de reis. | 5 e 6 de xaneiro.[78] |
Rancho de reis de Lourido | Lourido (Salvaterra de Miño) | Arcos, castañolas, fitas e paus. | Día de reis. | 5 e 6 de xaneiro.[79] |
Danza de espadas de Carril.[72] | Carril (Vilagarcía de Arousa) | Espadas | Festas de Carril. | Dánzase o 25 de xullo.[80] |
Danza da Santa Cruz de Lamas.[81] | Santa María de Lamas (Xinzo da Limia) | Castañolas, fitas e paus. | Festa da Santa Cruz.[82] | 3 de maio. Prohibida a música na procesión no 1954. Foi recuperada no 1980.[83][84] |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.