O cisne pequeno[2][3] (Cygnus columbianus) é un cisne de pequeno tamaño do Holártico. Os dous taxons con categoría de subespecie que comprende son xeralmente considerados conespecíficos, pero ás veces[4][5] son separados en dúas especies: Cygnus bewickii (cisne de Bewick) do Paleártico e o C. columbianus propiamente dito, do Neártico. As poboacións do leste de Rusia (paroximadamente ao leste da península de Taimir) son ás veces separadas na subespecie C. c. jankowskii, pero isto non está amplamente aceptado e a maioría dos autores inclúenas en C. c. bewickii. O cisne pequeno é ás veces clasificado no subxénero Olor xunto coas outras especies de cisnes árticos.

Máis información Estado de conservación, Clasificación científica ...
Cisne pequeno

Cygnus columbianus bewickii adulto


C.c. beweckii gravado en Gloucestershire, Inglaterra

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Cygnus
Especie: Cygnus columbianus

Subespecies

C. c. bewickii (Yarrell, 1830),
C. c. columbianus (Ord, 1815)

Sinonimia

Anas columbianus Ord, 1815
Cygnus bewickii (Yarrell, 1838)
Cygnus bewickii jankowski (lapsus)
Cygnus bewickii jankowskii
Cygnus columbianus jancowskii (lapsus)
Cygnus columbianus jankowskii
Olor bewickii (Yarrell, 1838)
Olor columbianus (Ord, 1815)

Pechar

O cisne de Bewick foi nomeado en 1830 por William Yarrell en honor do gravador Thomas Bewick, que se especializou en iustracións de aves e outros animais.[6] Cygnus é a palabra latina para cisne, e columbianus vén do río Columbia, a localidade tipo.[7]

Descrición

Thumb
Un C. c. columbianus con mancha amarela na base do bico

C. columbianus é o cisne de menor tamaño do Holártico, cunha lonxitude de 115 a 150 cm, e de 168 a 211 cm de envergadura alar e un peso de 3,4 a 9,6 kg.[8][9] En aves adultas, a plumaxe de ambas as subespecies é enteiramente branca, con pés negros e un bico que é principalmente negro, cunha delgada liña cor salmón que percorre a liña da boca e, dependendo da subespecie, máis ou menos amarelo na parte proximal. O iris é marrón escura. Nos exemplares que viven en augas que conteñen grandes cantidades de ión ferro (por exemplo lagos pantanosos), a plumaxe da cabeza e pescozo adquire un ton dourado ou ferruxento. As femias son lixeiramente menores que os machos, pero non son diferentes en aspecto.[4][10]

Thumb
Adulto (diante) e inmaturo de seis meses de idade de cisnes de Bewick (C. c. bewickii) invernando en Saitama (Xapón)

Os inmaturos de ambas as subespecies son brancos con algunhas plumas gris claras, principalmente na cabeza e parte superior do pescozo, partes que ás veces son totalmente grises claras; a súa plumaxe do primeiro verán é xa bastante branca e no seu segundo inverno mudan á plumaxe adulta. Os bicos téñenos negros cunha gran mancha rosa sucia na maior parte da metade proximal e a miúdo con orificios nasais negros e pés grises escuros con tons rosas. As crías cubertas de penuxe son grises prateadas pola parte superior e brancas pola inferior.[4][10]

A subespecie máis pequena é a de Bewick. Hai unha lixeira clina en tamaño pola que os exemplares do leste son algo máis grandes; porén, só existen bos datos de medidas para as poboacións do oeste. Estes pesan de 3,4 a 7,8 kg, como media 6,4 kg en machos e 5,7 kg en femias. A lonxitude total é de 115 a 140 cm; e unha á mide de 46,9 a 54,8 cm de longo, como media 51,9 cm en machos e 50,4 cm en femias. As medidas da lonxitude do tarso son de 9,2 a 11,6 cm, o bico é de 8,2 a 10,2 cm, como media 9,1 cm. A subespecie de Bewick é similar en aparencia á especie parapátrica Cygnus cygnus, pero é de menor tmaño, de pescozo máis curto e ten unha cabeza máis arredondada, cun padrón do bico moi variable, pero sempre presenta máis cor negra que amarela e a mancha amarela da base ten un bordo anterior que non acaba en punta. O Cygnus cygnus ten un bico que é máis amarelo que negro e co bordo anterior da mancha amarela xeralmente en punta. O padrón do bico de cada individuo da subespecie de Bewick é único e os científicos a miúdo fan debuxos detallados de cada bico e asignan nomes aos cisnes para facilitar o estudo destas aves. As aves do leste, ademais de seren máis grandes, adoitan ter menos amarelo no bico, o que quizais indica que hai un fluxo xénico a través de Berinxia, que se ben é marxinal, nunca cesou. Informouse dun caso aparente de híbridación entre a subespecie C. c. bewickii e exemplares errantes de C. c. columbianus no leste de Siberia.[4][10]

Thumb
C. c. columbianus adultos. Clicar para aumentar e ver a variación nas manchas amarelas do bico.
Thumb
C. c. columbianus adulto en voo. Vistos desde abaixo, todos os cisnes do "árticos" parecen case idénticos.

Os C. c. columbianus pesan de 4,3 a 9,5 kg, a media é 7,3 kg en machos e 6,4 kg en femias, e miden de 120 a 150 cm de lonxitude. Cada á ten de 50 a 57 cm de longo; o tarso mide de 9,4 a 11,4 cm de lonxitude, e o bico de 9,1 a 10,7 cm. C. c. columbianus distínguese de C. c. bewickii polo seu maior tamaño e o seu bico case negro, só cunha mancha amarela xeralmente moi pequena e difícil de ver pero de tamaño variable na base. Distínguese da especie en gran medida alopátrica Cygnus buccinator de Noreamérica polo seu maior tamaño e bico moito máis longo, que é todo negro agás unha liña da boca rosa, que é máis intensa que no C. c. columbianus.[4][10]

Cómpre indicar que as variacións de cor con máis ou menos amarelo, ou rosa en vez de amarelo ou negro, non son excepcionais, especialmente no cisne de Bewick, que en casos moi raros pode mesmo ter pés amarelados. O pequeno tamaño e especialmente o pescozo bastante curto, que fai que se pareza a un ganso grande branco, aínda serven como marcas distintivas.[4][10]

Os cisnes pequenos teñen chamadas agudas tipo grallada e sons similares aos dos gansos Branta. Son especialmente ruidosos cando buscan comida en bandadas nos seus terreos de invernada; cada vez que un exemplar chega ou marcha os que o rodean emiten unha sucesión de chamadas altas. As chamadas do C. c. columbianus non son moi diferentes das do C. c. bewickii. A chamada de voo deste último é un ladrido resoante máis baixo e suave, que se describiu na literatura como bow-wow...; o C. c. columbianus emite un ladrido trisilábico moi agudo wow-wow-wow en voo. En contraste, os cisnes C. cygnus e C. buccinator fan chamadas que son un profundo ouleo e un agudo son de corno francés, respectivamente. As aves en voo destas especies teñen pescozos máis curtos e teñen un batido de ás máis rápido que os seus parentes, pero adoita ser imposible diferencialos excepto polas súas chamadas.[4]

Distribución

Thumb
Bandada de C. c. columbianus adultos e novos

Vive nas tundras das rexións árticas e subárticas, onde habita en pozas ou lagoas pouco profundas, lagos e ríos. Estas aves, a diferenza do cisne común ou mudo Cygnus olor pero igual que outros cisnes árticos, son migratorias. O hábitat invernal de ambas as subespecies son as pradeiras e pantanos, a miúdo preto da costa; gústalles visitar os campos agrícolas despois da colleita para alimentarse dos grans descartados e durante a migración poden facer escala en lagos de montaña.[11] Segundo National Geographic, cando migran poden voar a grande altura en fano en formación en V.[4][10]

A área reprodutora de C. c. bewickii esténdese polas terras baixas costeiras de Siberia, desde a península de Kola ao leste ata o Pacífico. Empezan a chegar aos seus terreos de reprodución arredor de mediados de maio, e parten para os seus cuarteis de inverno a finais de setembro. As poboacións ao oeste da península de Taimir migran a través do mar Branco, mar Báltico e o estuario do río Elba para invernar en Dinamarca, Países Baixos e s illas británicas. No Reino Unido son comúns en inverno nas reservas naturais de aves silvestres da Royal Society for the Protection of Birds e o Wildfowl and Wetlands Trust. Algúns exemplares tamén invernan noutros lugares na costa sur do mar do Norte. O cisne de Bewick que se reproduce no lese de Rusia migra a través de Mongolia e norte da China para invernar nas rexións costeiras de Corea, Xapón e sur da China, ata Guangdong e ocasionalmente chegan a Taiwán. Uns poucos exemplares de Siberia central tamén invernan en Irán ao sur do mar Caspio; noutrora estas bandadas tamén migraban ao mar de Aral antes de que se producise a carástrofe ecolóxica a finais do século XX que secou moitos hábitats nese mar interior. A chegada aos cuarteis de inverno empeza a mediados de outubro, aínda que a maioría pasan semanas ou mesmo meses en lugares de descanso favoritos e non chegan aos lugares de invernada ata novembro ou mesmo en xaneiro. As aves abandonan os terreos de invernada para reproducirse desde mediados de febreiro. Exemplares errantes poden chegar máis ao sur da súa área habitual en anos fríos e foron rexistrados na maioría dos países europeos onde as aves normalmente non invernan, incluída Galicia[3], pero tamén en Alxeria, Iraq, Palestina, Libia, Nepal, nordeste de Paquistán e nas illas Marianas e illas Volcano no oeste do Pacífico. Observáronse aves errantes na migración de primavera na illa do Oso, Islandia e Svalbard e en Alasca, Oregón e Saskatchewan en América do Norte.[4][10][12]

C. c. columbianus reprodúcese nas chairas costeira de Alasca e o Canadá, que abndona para invernar en outubro. Chegan aos territorios de invernada en novembro/decembro. As aves que se reproducen no oeste de Alasca invernan ao longo da costa do Pacífico desde o sur de Alasca a California; a miúdo móvense cara ao interior, especialmente aos ricos campos de alimentación do Val Central de California, e algúns cruzan as Montañas Rochosas de novo e invernan máis ao leste en Utah e o sur de Texas e norte de México. As aves que se reproducen nas costas do océano Glacial Ártico migran a través do Canadá e a rexión dos Grandes Lagos para invernar na costa do Atlántico dos Estados Unidos, principalmente desde Maryland a Carolina do Sur, pero algúns móvense máis ao sur ata Florida. Os C. c. columbianus empezan a partir de volta para os seus terreos de reprodución a mediados de marzo e chegan a finais de maio. Rexistráronse aves errantes nas Bermudas, Cuba e illas Hawai, Porto Rico, e en Inglaterra, Irlanda, Xapón, nordeste de Siberia e Suecia.[4][10] En Galicia é unha ave accidental que raramente chega ao noso territorio.[3]

Ecoloxía e bioloxía

Dieta

Thumb
Cisne de Bewick alimentándose mergullando medio corpo

En verán a súa dieta consiste principalmente en vexetación acuática (por exemplo, Glyceria, Potamogeton e Zostera), que recollen estirando o pescozo baixo a auga ou envorcando medio corpo dentro da auga mentres nadan; tamén comen algo de herba que crece en terra seca. Noutros momentos do ano, recollen os grans de cereais que quedan nos campos despois da colleita e outros produtos agrícolas como patacas en campos abertos. Os cisnes pequenos buscan comida principalmente de día. Na estación reprodutora adoitan ser territoriais e son agresivos con moitos animais que pasan por onda eles. Fóra da estación reprodutora son aves bastante gregarias.[4][10]

Predadores naturais

Os adultos sans teñen poucos predadores naturais. As raposas árticas (Vulpes lagopus) poden ser unha ameaza para as femias reprodutoras e especialmente para os ovos e crías. Os adultos poden normalmente defender o seu territorio e espantar as raposas, pero ás veces as raposas teñen éxito. Outro sorprendente predador importante dos niños son os osos Ursus arctos, que foron aparentemente a causa do fracaso reprodutor observado no Refuxio Nacional de Vida Silvestre Ártico e no Refuxio Nacional de Vida Silvestre de Izembek de Alasca. Outros predadores potenciais dos niños son os raposos comúns (Vulpes vulpes), as aguias reais (Aquila chrysaetos), os papamerdas palanquíns (Stercorarius parasiticus) e as gaivotas hiperbóreas (Larus hyperboreus).[13][14] Os osos, aguias reais e, máis raramente, lobos (Canis lupus) poden en ocasións conseguir capturar e matar un adulto. Os predadores pequenos ou aves predadoras xeralmente orixinan no cisne unha resposta agresiva ou o comportamento de sentar firmemente sobre os ovos, mentres que cando os predadores son mamíferos máis grandes, seguramente máis perigosos para os adultos, xeralmente causan a resposta de levar as crías a augas profundas e permanecer alí ata que marchen.[15] Aproximadamente o 15% dos adultos morren todos os anos por variadas causas e así a duración media da vida na natureza é duns 10 anos. O cisne pequeno máis vello rexistrado tiña uns 24 anos.[10][16][17]

Reprodución

Thumb
O ovo

Os cisnes pequenos aparéanse a finais de primavera, normalmente despois de que tornan aos seus terreos de nidificación; como é o normal nos cisnes, son monógamos ata que un dos membros da parella morre. En caso de que un deles morta moito antes que o outro, o supervivente non se aparea de novo durante alguúns anos, ou incluso en toda a vida. A estación reprodutora empeza a finais de maio. A parella constrúe un niño grande con fórma de montículo feito de material vexetal nun sitio elevado preto de augas abertas e defende un gran territorio arredor del. A femia pon e incuba unha posta de 2 a 7 (xeralmente de 3 a 5 ) ovos. Ambos os pais vixían o niño ante o achegamento de posibles predadores.[4][10]

O tempo que pasa desde a posta dos ovos á súa eclosión é de 29 a 30 días para o C. C. bewickii e de 30 a 32 días para o C. C. columbianus. Como aniñan en rexións frías, as crías de cisne pequeno crecen máis rápido que as doutros cisnes que se reproducen en climas máis cálidos; as de C. c. columbianus tardan de 60 a 75 días en emplumar, é dicir, dúas veces máis rápido que as do cisne común ou mudo por exemplo, mentres que as de C. c. bewickii, sobre o cal se saben poucos datos sobre a súa reprodución, poden emplumar en tan só de 40 a 45 días despois da eclosión. As crías emplumadas permanecen cos seus pais durante a primeira migración invernal. A familia está ás veces unida polos seus descendentes de anteriores estacións reprodutoras mentres están nos terreos de invernada. Non chegan á madureza sexual ata os 3 ou 4 anos de vida.[10]

Status de conservación

Thumb
Gravado en madeira feito por Robert Elliot Bewick do cisne ao que William Yarrell lle deu o nome do seu pai. Edición de 1847 da obra de Thomas Bewick A History of British Birds (Unha historia das aves británicas).

O C. c. columbianus é o cisne máis común de Norteamérica, e o seu número de individuos estimábase en 170 000 en 1990. Esta cifra parece estar diminuíndo lentamente na parte oeste da súa área de distribución desde finais do século XIX, coicidindo coa expansión dos asentamentos humanos e a conversión do hábitat nas zonas de invernda da ave; porén, as poboacións do leste de Norteamérica parece que se incrementaron algo, e en conxunto as cifras prece que subiron lixeiramente a finais do século XX (a poboación estimábase en só 146 000 en 1972). Do C. c. bewickii sábese moito menos; aínda que a súa poboación está en declive no noroeste de Europa, por razóns polo momento inexplicadas.[18] A poboación invernante europea estimouse entre 1 ,000 e 17 000 exemplares en 1990, e son uns 20 000 os que invernan no leste de Asia. A poboación invernante iraniana é pequena, dunhas 1 000 aves como moito, pero normalmente están dispersas en varios sitios, algúns dos cales non son ben coñecidos.[4][10]

Aínda que a cantidade de cisnes pequenos é estable na maior parte da súa área de distribución, son cada vez máis dependentes das colleitas agrícolas para suplementar a súa dieta invernal, xa que a vexetación acuática no seu hábitat invernal mingua debido á destrución do hábitat e á contaminación da auga. Con todo, a principal causa de mortalidade dos adultos é a caza; uns 4 000 C. c. columbianus son cazados oficialmente cada ano, e outros 6 000 A 10 000 se cre que morren a mans de furtivos e de cazdores-recolectores nativos para a súa subsistencia. O C. c. bewickii non pode cazarse legalmente, pero case metade das aves estudadas tiñan perdigóns no seu corpo, o que indica que os furtivos lles disparan con frecuencia. O envelenamento por chumbo debido á inxestión de perdigóns é unha causa moi significativa de mortalidade tamén, especialmente no caso do C. c. columbianus. A IUCN non considera que o cisne pequeno estea ameazado debido á súa ampla área de distribución e gran poboación.[1] A subespecie prpoposta jankowskii foi durante algún tempo situada no Apéndice II do CITES, pero finalmente foi retirada, xa que xeralmente non se acepta como unha subespecie válida.[4][10][19]

O C. c. bewickii é unha das aves ás cales se aplica o Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias africano-euroasiático (AEWA).

Os residuos mineiros tóxicos no Silver Valley, Idaho nos Estados Unidos causaron a morte de moitos cisnes pequenos migrantes.[20]

Thumb
Cisnes pequenos pousados no Refuxio Mattamuskeet en Carolina do Norte

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.