Remove ads
especie de cánido From Wikipedia, the free encyclopedia
O lobo[3] (Canis lupus) é o maior membro en liberdade pertencente á familia dos cánidos. É un supervivente da idade de xeo orixinada durante o Plistoceno superior, hai uns 300.000 anos.[4] A súa secuencia de ADN e máis os estudos sobre deriva xenética indican que o lobo comparte un devanceiro común co can doméstico (Canis lupus familiaris), sendo o seu parente máis achegado,[5] malia ser esta afirmación rexeitada por algúns expertos, que sinalan grandes diferenzas no tocante á súa morfoloxía e comportamento. En liberdade foron identificadas un gran número de subespecies de lobo, aínda que o seu número exacto segue a ser un tema de debate. Os lobos son tipicamente superdepredadores nos ecosistemas nos que moran. Malia non seren tan adaptábeis como o son algúns dos seus parentes cánidos, os lobos lograron prosperar en fragas temperadas, desertos, montañas, tundra, taiga, pradeiras, e incluso zonas urbanas ou intensamente humanizadas,[6] como é o caso de Galicia.
Lobo Rango fósil: Plistoceno–Actualidade | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Canis lupus lupus | |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Canis lupus Linnaeus, 1758 [2] | |||||||||||||||||||
Distribución. Verde, actual; vermello, antiga. | |||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||
39 ssp., ver subespecies de lobo |
Tendo sido abondoso noutras épocas ao correr de Europa, Asia e Norteamérica, na actualidade a distribución do lobo no mundo minguou notabelmente por mor da destrución dos seus hábitats e da persecución sufrida polo ser humano. A pesar desta persecución, o estado do lobo no mundo é considerado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) como pouco preocupante. A día de hoxe, os lobos son unha especie protexida en moitos lugares, aínda que segue a ser cazada como especie cinexética ou daniña noutros.
Nalgunhas culturas, como a galega, o lobo está moi presente na súa etnografía, debido ao vencello que une á presenza do lobo nas áreas rurais nas que até hai pouco vivía a meirande parte da poboación galega. A especie de lobo que habita en Galicia é o lobo ibérico.
O lobo habita en Galicia; atópase tamén en case toda Europa e Asia, así como en América do Norte.
Un lobo adulto pode chegar a medir 1,6 m de longo (incluíndo o rabo) e pode pesar ata 80 kg. A cor da pelaxe adoita ser negra, marrón e agrisada polo lombo e branca no peito. Os lobos que habitan preto do ártico adoitan ser completamente brancos. Todos os lobos posúen uns dentes moi poderosos, cola peluda, pupilas redondas e un potente olfacto. O lobo pode habitar en áreas moi distintas, pradeiras, bosques e tundras, pero nunca en montañas moi elevadas.
O Canis rufus habitaba antes na metade leste de Norteamérica, mais hoxe vive só en parques naturais de Carolina do Norte e Carolina do Sur, onde foi reintroducido despois dun programa de crianza controlada ao extinguirse na natureza. Esta especie é un pouco máis pequena que o canis lupus e a súa pelaxe ten uns tons máis escuros e avermellados.
Os lobos aliméntanse principalmente de ungulados de medio e gran tamaño, incluíndo ovellas, cabras, rebezos, porcos, cervos, corzos, antílopes, renos, cabalos, alces, iaks e bisontes. Outras presas inclúen mamíferos mariños, como as focas[7] e baleas varadas.[8] O canibalismo entre os lobos foi documentado en tempos de escaseza de alimentos.[9] Os lobos solitarios dependen máis de animais pequenos que poidan cazar chimpando enriba deles, suxeitándoos coas súas poutas dianteiras, malia documentárense casos de lobos solitarios que cazaron animais de gran tamaño sen axuda ningunha.[10] Algunhas mandas de Alasca e do oeste do Canadá víronse alimentándose de salmón.[11][12]
Tamén cazan roedores, paxaros e outros pequenos animais. Un só lobo pode comer entre 3,2-3,5 quilos de comida dunha vez, aínda que poden chegar a comer 13–15 kg cando están moi esfameados.[13] O alimento anual requirido é de ao redor de 1,5 toneladas de carne.[13] Os lobos poden sobrevivir longos períodos sen probar ren. O caso extremo amosouno un rexistro ruso que afirmou que un exemplar sobreviviu 17 días sen alimento.[14] Hai estudos que demostran que dúas semanas sen alimento non debilitan a actividade muscular do lobo.[13] Despois de comer, os lobos inxiren copiosas cantidades de auga co fin de previr problemas urémicos.[14] O estómago dun lobo pode albergar 7,5 litros de auga.[13]
Os lobos evitarán unha presa potencial que non se axuste ao que experimentaron durante as súas vidas. Xeralmente canta maior discrepancia haxa respecto do que están afeitos, maior será a súa reticencia a exploralo. O devandito comportamento intensifícase se a nova présa actúa con valentía, de forma asertiva e sen temor. Porén, mesmo cando non hai escaseza de alimento, os lobos explorarán unha presa alternativa se interactúan con frecuencia e se habitúan un ao outro.[15] As mandas amosan pouca estratexia de cooperación ao cazar, a diferenza dos leóns, aínda que parellas de lobos mostraron un comportamento estratéxico cando atacan presas de gran tamaño.[10] Ao cazar presas grandes, normalmente intentarán ocultarse a medida que se aproximan ao animal elixido. Por norma xeral, agardarán a que a presa paste, momento no cal está distraída. Non gustan de longas persecucións, deténdose tras unha persecución de 10-180 metros, aínda que hai casos documentados de seguimentos de máis de 36 km.[13] Usualmente os lobos adoitan matar ás presas grandes lanzándose sobre a zona traseira e a área do perineo, provocando un desangramento.[13] En ocasións, atacan á gorxa, danando severamente a xugular e a traquea.[16]
Unha única trabada pode causar unha fenda de entre 10–15 cm de lonxitude. Un gran cervo que goce dunha óptima saúde sucumbirá en tres trabadas na zona do perineo despois de sufrir unha persecución de 150 metros. Unha vez que a presa se esboroa, os lobos abrirán a cavidade abdominal e comezarán a devorar ao animal, ás veces cando a presa se atopa aínda viva.[13] Nalgunhas ocasións non acosarán á presa, senón que agardarán a que morra por mor das feridas para comezar a alimentarse.[17] O status da manda refórzase durante a alimentación. A parella reprodutora adoita comer primeiro, comezando polo corazón, fígado e mais pulmóns. Os lobos dun rango intermedio previrán aos lobos de status inferior a que se absteñan de alimentarse ata que a parella dominante non remate.[18] Comen o estómago, deixando o contido intacto. Os músculos das coxas son os seguintes, sendo os ósos o derradeiro en ser comido.[10] Existen excepcións, documentándose a preferencia dalgunhas mandas polos depósitos de graxa da presa por riba dos órganos internos.[19]
Malia amosar que os lobos adoitan alimentarse de animais enfermos,[20] existen poucas evidencias que amosen que se limitan a esa clase de brancos. Máis ao contrario, a evidencia asevera que os lobos se centrarán nas opcións máis accesibles e máis válidas. Deste xeito, aínda que se supón que animais enfermos sexan presas potenciais, tamén inclúe a animais novos e femias preñadas.[13] As investigacións levadas a cabo pola antiga URSS amosaron que, nalgúns casos, o 93% de tódalas presas se atopan en bo estado de saúde, sen ningún tipo de enfermidade ou incapacidade.[13] En Nenetsia observouse que os lobos seleccionaban renos domesticados encinta antes que exemplares enfermos, e algúns estudos mostran que sorteaban aos animais convalecentes por preferiren exemplares sans.[13]
Porén, os animais en forma non fuxirán do ataque dos lobos, senón que elixirán ficar na súa posición, medrando así a posibilidade de danar aos atacantes. Os lobos adoitan recuar cando se enfrontan a unha presa valente. Usualmente son ineficientes dando caza a presas de grande tamaño, con taxas de éxito do 20%, o cal é debido, en parte, polo grande tamaño e mailas capacidades defensivas da súa presa.[21] Nalgunha ocasión observouse como os lobos se adican a cazar para teren un excedente. Un exemplo disto foi documentado polo Conservation Officer for the Minnesota Department of Natural Resources, que declarou que durante unha treboada de neve primaveral, dous lobos mataron 21 cervos, consumindo só dous.[22] A caza excedentaria acontece nos meses invernais, cando a densa neve impide o movemento das presas de gran tamaño.[13] En ocasións atacan a ungulados preñados para alimentarse do feto, deixando á nai intacta.[23] Ocasionalmente complementan a súa dieta con vexetación. Nalgunhas zonas da antiga URSS documentáronse danos que os lobos causaran a plantacións de sandía.[13]
O tobo dun lobo pode ser unha cova, un tronco dunha árbore oca, unha zona de vexetación espesa ou un burato na terra feito por el. A reprodución dos lobos ocorre na primavera, pero aparéanse no inverno. A femia prepara a gorida para parir a súa camada, que adoita estar entre un e once lobetos. Os pais coidan as crías durante un ano, e estes constitúen un grupo que se establece nunha zona e a defende, marcando o seu territorio con excrementos e ouriños. Nalgunhas ocasións (sobre todo no inverno) os lobos forman grupos máis numerosos, de varias familias; é o que se chama unha manda, aínda que esta non adoita ter máis de dez membros.
Os lobos teñen unha estrutura social moi xerarquizada, amosan modelos de comportamento para informar da súa posición social de dominio ou submisión. Cada manda está liderada por un macho que copula coa femia dominante.
O ouveo do lobo é moi característico, e escoitase máis durante o inverno, cando se aparean. O seu ouveo serve para se manter en contacto cos distintos membros da manda, delimitar territorio e para advertir a presenza de mandas "estranxeiras" no seu territorio.
O lobo é unha especie en perigo de extinción; aínda que nos últimos anos se recuperou un pouco, segue a estar ameazada. As batidas, a delimitación do seu espazo pola construción de estradas, os atropelos e a escaseza dos seus alimentos son as causas principais.[Cómpre referencia]
Os lobos (Canis lupus) son aínda, malia a persecución da que foron obxecto, os cánidos coa distribución máis ampla. Estes mamíferos espállanse ao longo de toda Eurasia e Norteamérica, e foron introducidos en Australia. O seu hábitat varía dende os xeos de Groenlandia aos desertos de Arabia ou as selvas da India. Tan vasta distribución permitiu a aparición de distintas subespecies, que se diferencian no tamaño, cor e lonxitude da pelaxe ou proporcións do fociño ou as orellas. Describíronse máis de 50 subespecies de lobo. Porén, revisións posteriores foron condensando a lista de subespecies, reducíndoas nalgún caso ata 13 (unha cifra máis realista), 15 se se inclúen ao can e ao dingo e 17 contando dúas subespecies recentemente extinguidas (ver mapa).
O can considérase unha subespecie doméstica do lobo baixo o nome de Canis lupus familiaris, malia as múltiples formas domésticas existentes. Aquí dáse unha curta descrición das subespecies salvaxes e o seu estado actual:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.