Remove ads
subespecie del lobo gris From Wikipedia, the free encyclopedia
O lobo ibérico (Canis lupus signatus) é unha subespecie de lobo (Canis lupus) autóctona da Península Ibérica. Segundo o censo de 2003, estimouse que o número total de lobos ibéricos rolda os 2 000 exemplares.
Lobo ibérico | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Lobo ibérico. | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Vulnerable | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome trinomial | |||||||||||||||||
Canis lupus signatus Ángel Cabrera, 1907 | |||||||||||||||||
Distribución Canis lupus signatus |
O seu tamaño é medio, algo máis pequeno que outros lobos europeos. De longo miden dende 130 ata 180 cm os machos, e dende 130 ata 160 cm as femias. A altura de cruz pode chegar aos 70 cm. Os machos adultos pesan xeralmente entre 30 e 40 kg, e as femias pesan de 20 a 35 kg. Presentan testa grande e maciza, orellas triangulares relativamente pequenas e ollos oblicuos de cor amarelenta. O fociño presenta unhas manchas brancas nos belfos denominadas bigoteiras. A súa pelaxe é heteroxénea, de tal xeito que se describen unhas franxas lonxitudinais escuras ou negras cubrindo a parte anterior das súas dúas patas dianteiras, unha mancha escura ao longo da cola, e outra mancha escura ao redor da cruz á que se lle coñece como cadeira de montar.
O conxunto destas marcas ou manchas escuras, son as que lle deron o nome "signatus" a esta subespecie de lobo, posto que "signatus" (en latín) significa "signado" ou "marcado".
Os lobatos ao nacer presentan tons escuros uniformes.
En movemento chama a atención o poderío dos cuartos dianteiros en relación á grupa, levemente caída.
O lobo ibérico estivo presente en toda a Península Ibérica durante séculos, tanto é así que chegou a habitar case todo o territorio peninsular ata os anos 1900, no entanto, estivo a piques de extinguirse nos anos 70 do século XX, debido a que en España e durante o goberno da ditadura franquista houbo unha campaña de exterminio contra este animal, unha campaña que comprendería os anos 1950 e 1960 e que erradicou a esta subespecie de todo o país agás na parte noroeste e algunhas áreas illadas de Serra Morena. Ademais, en Portugal, unha política semellante cun semellante resultado borrou dos seus campos ao lobo de todo o territorio que abrangue dende o Río Douro cara ao sur, sobrevivindo tan só algúns grupos reducidos nalgunhas áreas concretas. Se apenas puido ser salvado, sería grazas ao labor de varios naturalistas e divulgadores coma o español Félix Rodríguez de la Fuente.
É un animal protexido, con prohibición en 2021 da súa caza en toda España[1], e dende os anos noventa atópase en franca expansión ao que se engade o aumento de densidade nas zonas tradicionais. Tense noticia de que as poboacións asentadas en Castela e León están avanzando cara a Estremadura, Madrid, Aragón e Guadalaxara.[2]. As poboacións de Andalucía tiveron menos sorte e semella que os derradeiros lobos de Serra Morena desapareceron recentemente. O lobo é abondoso no noroeste da Península, sobre todo en Galicia onde conta con 90 mandas reprodutoras[3] e unha poboación duns 700 exemplares [4], o que fai de Galicia a comunidade onde se atopa a maior densidade desta especie[5].
Segundo algúns autores, cara 1988 estimouse que a poboación do lobo en España era de entre 1500 e 2000 exemplares. No ano 2002, calculáronse polo menos uns 2000, e en Portugal de 300 a 400 exemplares de lobo ibérico.[6]
O lobo ibérico está catalogado como especie vulnerable no Libro vermello dos vertebrados de España, e como especie case ameazada no Atlas do mamíferos terrestres de España.[7]
É complicado para os non expertos, pois tanto as súas pegadas como os seus excrementos, e ata os danos ao gando, poden confundirse cos de cans de grande tamaño. A súa observación en liberdade resulta complicada. Porén, pódense oír (e provocar, imitándoos ou mediante gravacións) os seus ouveos.[8]
O lobo ibérico é un dos poucos grandes carnívoros que existen na Península Ibérica, e como depredador, aliméntase basicamente das presas que caza, grandes herbívoros e outros mamíferos de porte menor.
O doutor Félix Rodríguez de la Fuente, realizou diferentes estudos para concretar a dieta do lobo ibérico, e segundo os resultados extraídos, esta podería estar composta por: grandes mamíferos (como corzos, muflóns, cervos...) nun 35%, ovellas nun 24%, coellos nun 14%, ratos de campo nun 9%, prea nun 7%, réptiles e aves nun 5%, insectos e vexetais nun 4%, e outros carnívoros (coma raposos ou cans) nun 2%.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.