From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía chámase muda á renovación dos tegumentos (recubrimentos do corpo) que se produce en moitos animais.
En artrópodos e outros ecdisozoos existe unha cutícula externa continua ou exoesqueleto que se muda dunha vez, fenómeno coñecido nestes animais co nome específico de écdise. A muda é estimulada pola hormona ecdisona. No proceso colaboran as chamadas células Inka. O período entre cada muda chámase estadio ou ínstar. O animal entra primeiro nun período de repouso antes de proceder á muda. Cando emerxe, a nova cutícula é mol e de cor pálida e o suxeito denomínase teneral. Pode tardar un par de horas en endurecerse e adquirir a súa cor normal. O exoesqueleto desbotado recibe o nome de exuvia. Algúns artrópodos continúan tendo mudas durante todo o ciclo biolóxico, mentres outros teñen un número fixo de mudas, por exemplo a maioría dos insectos, que ademais non mudan en estado de imago (ou adulto).
Tanto as ras coma as píntegas mudan regularmente a pel e cómena; algunhas especies mudan toda a pel dunha peza e outras por partes.[1]
Nos réptiles o cambio da capa córnea máis externa da epiderme prodúcese baixo control hormonal, entre dúas e doce veces ao ano. Nos ofidios ou serpes ocorre dunha vez, abandonándose como resultado unha camisa que, igual que nos artrópodos, conserva os detalles da morfoloxía externa do animal. Noutros réptiles a muda ocorre por áreas ou parches da pel. Os réptiles poden presentar faneras, que son estruturas especiais derivadas da epiderme, como son as uñas ou os “peliños” dos dedos das ladras (familia gekkonidae).
As aves, que derivan de réptiles dinosauros, presentan faneras dun tipo especial, as plumas, que se encontraban tamén xa nalgúns dinosauros. A muda pode implicar a alternancia estacional entre plumaxes de distintas características. As plumas vellas despréndense pouco a pouco, de maneira que o animal non queda espido (coa excepción dalgúns tucanos) nin presenta calvas, aínda que a muda das plumas responsables do voo pode obrigarlle a permanecer no chan e procurar refuxio durante un curto período do ano, como ocorre en moitas anátidas.[2] O proceso de renovación adoita a iniciarse na cabeza e avanzar cara á cola.
A plumaxe característica dunha ave que mudou trala reprodución coñécese como plumaxe posreprodutiva, ou na terminoloxía de Humphrey-Parkes plumaxe básica. As plumaxes reprodutivas ou as variacións da plumaxe básica coñécense no sistema Humphrey-Parkes como plumaxes alternativas.[3] A muda é anual na maioría das especies, aínda que algunhas poden ter dúas mudas ao ano, e as grandes aves de presa poden mudar só unha vez cada poucos anos. Os patróns de muda varían entre especies. Nos paseriformes, as plumas de voo son substituídas unha por unha iniciando o ciclo coa pluma rémixe primaria máis interna. Cando se muda a quinta das seis plumas primarias, a pluma terciaria máis externa comeza a se desprender. Despois de que se muden as terciarias máis internas, as secundarias comezan a mudarse empezando desde a máis interna e isto prosegue ata as plumas máis externas (muda centrífuga). As tectrices primarias maiores múdanse ao mesmo tempo que as primarias coas que se superpoñen.[4] Xeralmente, as plumas da cola múdanse e substitúense empezando polo par máis interno;[4] porén, obsérvanse mudas centrípetas de plumas da cola en phasianidae.[5] A muda centrífuga é diferente nas plumas da cola dos petos e os cértidos nos que comeza polo segundo par de plumas máis internas e remata co par central, de modo que a ave mantén a capacidade de axudarse da súa cola para gabear.[4][6] O patrón xeral que se observa nas ás de Cuculiformes, concretamerne na sección primaria teñen a seguinte transición: as plumas con números impares substitúense primeiro, e logo as plumas pares, nesta orde a caída das plumas da cola realízase por completo para logo substituírense por novas plumas.[7]
Nalgúns países, na avicultura de galiñas poñedoras de ovos estes animais son forzados a mudar para potenciar a posta de ovos. Isto xeralmente se fai retirándolles completamente o alimento e ás veces a auga durante de 7 a 14 días ou en ocasións ata 28 días en condicións experimentais.[8] Isto causa unha perda de peso corporal do 25 ao 35%,[9] o cal estimula a galiña a perder as plumas, mais tamén revitaliza a produción de ovos. Ás veces son obrigadas a mudar varias veces. Por exemplo, en 2003, nos Estados Unidos, en máis do 75% de todas as granxas destas aves estas foron forzadas a mudar.[10] Outros métodos de inducir a muda son as dietas de baixa densidade (por exemplo de pel de uva, comida de semente de algodón, de alfalfa)[11] ou a manipulación das dietas para crear un desequilibrio dun determinado nutriente. O máis importante deles é a manipulación de minerais como o sodio (Na), calcio (Ca), iodo (I) e cinc (Zn), con dietas completas ou parcialmente reducidas.[12]
Tamén en mamíferos se produce unha muda equivalente do pelo. Prodúcese pouco a pouco, de maneira distribuída. Nos que habitan en climas estacionais de latitudes medias e altas, adoitan a alternar pelames diferenciados para a estación cálida e a fría. A muda de pelo nos cánidos e en xeral en todos os mamíferos[13] débese a flutuacións na cantidade de hormona melatonina segregada pola glándula pineal en resposta fundamentalmente ás variacións estacionais da cantidade de luz e non tanto aos cambios de temperatura.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.