From Wikipedia, the free encyclopedia
Bungarus é un xénero de serpes velenosas da familia dos elápidos, que vive no sur e sueste de Asia. O xénero ten 15 especies.
Estas serpes viven en Asia tropical, desde preto de Irán, e ao longo do subcontinente indio (incluíndo Sri Lanka e Bangladesh) ata o sueste asiático (incluíndo partes de Indonesia como Borneo e outras illas).[1]
Estas serpes teñen unha lonxitude total entre 1,0 e 1,5 m (incluíndo a cola), aínda que se observaron espécimes de arredor de 2,0 m. A especie Bungarus fasciatus pode medrar ata os 2,125 m.[2] A maioría das especies están cubertas por escamas lisas e brillantes dispostas formando un padrón de bandas rechamantes de cores alternantes negra e clara. Isto pode servir como coloración aposemática no seu hábitat de pradeira e selva arbustiva. As escamas da crista dorsal son hexagonais. A cabeza é máis delgada e os ollos teñen pupilas redondas. O corpo ten un aplanamento dorsolateral pronunciado, que fai que a sección do corpo sexa triangular.
Aliméntanse principalmente doutras serpes (ofiofaxia), incluídas as velenosas e son tamén caníbales. Tamén comen ratos e pequenos lagartos.[3]
Todas as especies son nocturnas. Son máis dóciles durante as horas do día; de noite son moito máis activas, pero non son moi agresivas mesmo se as provocan. En realidade son bastante tímidas e a miúdo agochan as súas cabezas baixo o seu corpo enroscado como protección. Cando están nesa postura, ás veces menean a cola como distracción para os seus depredadores.[4]
Son serpes ovíparas. A femia pon de 12 a 14 ovos por posta en moreas de follas caídas e permanece a carón deles ata a eclosión.
O xénero Bungarus contén algunhas das serpes de terra máis velenosas do mundo para os ratos baseándose nos seus valores de LD50.[5] Teñen un veleno neurotóxico moi potente, que pode inducir parálise muscular. Clinicamente, os seus velenos conteñen principalmente neurotoxinas sinápticas, que afectan á capacidade dos terminais das neuronas de liberar correctamente o neurotransmisor químico que envía a mensaxe á seguinte neurona. Despois dun envelenamento coas súas bungarotoxinas, a liberación do neurotransmisor queda inicialmente bloqueada (orixinando unha breve parálise), o que vai seguido dun período de sobreexcitación masiva (cambras, tremores, espasmos), que finalmente vai diminuíndo ata acabar nunha parálise. Estas fases pode que non se presenten en todas as partes do corpo ao mesmo tempo. Como son serpes nocturnas, raramente se encontran con persoas polo día, polo que as trabadas son raras, pero unha trabada destes animais é potencialmente mortal e debe considerarse como unha emerxencia médica.
Normalmente, as vítimas empezan queixándose de graves cambras abdominais acompañadas por unha parálise muscular progresiva, que frecuentemente empezan con ptose palpebral (baixada da pálpebra superior). Como non se observan síntomas locais, o paciente debería ser observado coidadosamente buscando indicios de parálise (por exemplo, o comezo de ptose bilateral, diplopía (visión dobre), e disfaxia), e tratado urxentmente con antiveleno. Frecuentemente, hai pouca ou ningunha dor no sitio onde a serpe trabou, o cal pode dar unha falsa confianza á vítima. A principal dificultade médica dos pacientes envelenedos é a falta de recursos médicos (especialmente para a entubación e ventiladores respiratorios nos hospitais rurais) e a falta de efectividade do antiveleno.
Unha vez que a persoa afectada está no centro sanitario, debe dárselle coidados ata que o veleno se metaboliza e a vítima pode respirar sen axuda, especialmente se non se dispón de antiveleno específico de especie. Dado que as toxinas alteran a transmisión da acetilcolina que causa a parálise, algúns pacientes foron tratados con éxito con inhibidores da colinesterase, como a fisostigmina ou a neostigmina, pero o éxito é variable e pode depender da especie implicada. Se ocorre o falecemento, este prodúcese normalmente de 6 a 12 horas despois da trabada, pero pode ser atrasado significativamente. A causa da morte é xeralmente a insuficiencia respiratoria-asfixia pola parálise completa do diafragma. Incluso se o paciente foi levado a un hospital, pode entrar nun coma permanente ou mesmo en morte cerebral por culpa da hipoxia, dado o longo tempo de transporte que adoita haber ata chegar ao centro sanitario.
As taxas de mortalidade causadas polas trabadas por serpes deste xénero varían segundo a especie. De acordo co Departamento de Toxicoloxía da Universidade de Adelaida, as trabadas da Bungarus fasciatus se non son tratadas teñen unha taxa de mortalidade do 1 ao 10%,[6] mentres que nas da Bungarus caeruleus é do 70 ao 80%.[7] Aínda que varias páxinas web afirman que a taxa de mortalidade é do 50% mesmo con tratamento, non mencionan ningunha especie concreta e tampouco a fonte da literatura médica de onde se obtivo o dato. Igual que ocorre con outras serpes velenosas, o momento da morte e a taxa de mortalidade resultante da trabada destas serpes depende de numerosos factores, como do veleno inxectado e do estado de saúde da vítima.
O antiveleno de elápidos polivalente é efectivo para neutralizar o veleno de B. candidus e B. flaviceps e bastante efectivo para B. fasciatus. Neste último caso, o antiveleno monovalente para B. fasciatus é tamén moderadamente efectivo.[8]
Especies | Autoridade | Subespecies* | Área xeográfica |
---|---|---|---|
B. andamanensis | Biswas & Sanyal, 1978 | 0 | India (Illas Andamán) |
B. bungaroides | (Cantor, 1839) | 0 | Myanmar, India (Assam, Cachar, Sikkim), Nepal, Vietnam |
B. caeruleusT | (Schneider, 1801) | 0 | Afganistán, Paquistán, India (Bengala, Maharashtra, Karnataka), Sri Lanka, Bangladesh, Nepal |
B. candidus | (Linnaeus, 1758) | 0 | Camboxa, Indonesia (Xava, Sumatra, Balí, Sulawesi), Malaisia (Malaia), Singapur, Tailandia, Vietnam |
B. ceylonicus | Günther, 1864 | 1 | Sri Lanka |
B. fasciatus | (Schneider, 1801) | 0 | Bangladesh, Brunei, Myanmar, Camboxa, sur da China (incluídos Hong Kong e Hainan), nordeste da India, Eturnagaram[Warangal[Telangana]India], Bután, Nepal, Indonesia (Sumatra, Xava, Borneo), Laos, Macau; Malaisia (Malaia e Malaisia do leste), Singapur, Tailandia, Vietnam e Filipinas |
B. flaviceps | (Reinhardt, 1843) | 1 | Sur de Tailandia, Sur de Myanmar, Camboxa, Vietnam, Península de Malaca, Pulau Tioman, Indonesia (Bangka, Sumatra, Xava, Billiton, Borneo) |
B. lividus | Cantor, 1839 | 0 | India, Bangladesh, Nepal |
B. magnimaculatus | Wall & Evans, 1901 | 0 | Myanmar |
B. multicinctus | Blyth, 1861 | 1 | Taiwán, sur da China (Hong Kong, Hainan), Myanmar, Laos, norte de Vietnam, Tailandia e norte de Filipinas |
B. niger | Wall, 1908 | 0 | India (Assam, Sikkim), Nepal, Bangladesh, Bután |
B. persicus | Abtin, Nilson, Mobaraki, Hosseini & Dehgannejhad, 2014 | 0 | Irán |
B. sindanus | Boulenger, 1897 | 2 | Sueste de Paquistán, India |
B. slowinskii [9] | Kuch, Kizirian, Q. Nguyen, Lawson, Donnelly & Mebs, 2005 | 0 | Norte de Vietnam |
B. walli | Wall, 1907 | 0 | India (Uttar Pradesh), Nepal, Bangladesh |
*) Non se inclúe a subespecie nominal (forma típica).
T) Especie tipo
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.