From Wikipedia, the free encyclopedia
O Tratado de Paz entre o Estado de Israel e o Reino haxemita de Xordania asinouse o 26 de outubro de 1994 e normalizou as relacións entre ambos os países, resolvendo as súas disputas territoriais, iniciadas na Guerra árabe-israelí de 1948 e agravadas na Guerra dos Seis Días. A firma, realizada en Aravá polo primeiro ministro israelí Isaac Rabin e o primeiro ministro xordano Abdelsalam al-Majali, realizouse no contexto dos esforzos por chegar a un acordo de paz entre Israel e a OLP. Foi o segundo tratado de paz que asinou Israel desde a súa independencia, tras o rubricado con Exipto en 1979.
Este tratado comprende seis puntos principais que se refiren á demarcación da fronteira, asuntos referentes aos recursos hídricos, á seguridade, á liberdade de movemento, aos lugares de significado histórico e relixioso e aos refuxiados e persoas desprazadas.
En 1987 o ministro de asuntos exteriores de Israel, Shimon Peres e o rei Hussein I de Xordania trataron de acordar en segredo un acordo de paz segundo o cal Israel cedería Cisxordania a Xordania. Os dous firmaron un acordo definindo o marco de traballo para unha conferencia de paz en Oriente Próximo. A proposta non chegou a consumarse debido ás obxeccións do primeiro ministro de Israel Isaac Rabin. O ano seguinte Xordania abandonou as súas reclamacións sobre Cisxordania en favor dunha resolución pacífica do conflito entre Israel e a OLP.[1][2]
As conversas comezaron en 1994. O primeiro ministro israelí Isaac Rabin, xunto ao seu ministro de asuntos exteriores Shimon Peres informaron ao rei Hussein que tralos acordos de Oslo coa OLP, Xordania podía quedar fora do gran xogo. Hussein consultou ao presidente de Exipto Hosni Mubarak e ao sirio Hafez al-Asad. Mubarak animouno a asinar un acordo, mentres que al-Asad recomendoulle unicamente "falar" pero non firmar ningún acordo con Israel. O presidente dos Estados Unidos, Bill Clinton, premeu a Hussein para que comezara as conversas e asinar un tratado de paz con Israel, coa promesa de que as débedas de Xordania quedarían perdoadas. Os esforzos tiveron froito e Xordania asinou un tratado de non belixerancia con Israel. Rabin, Hussein e Clinton asinaron unha declaración en Washington DC o 25 de xullo de 1994.[3] A declaración dicía que Israel e Xordania remataban o seu estado oficial de inimizade e comezarían unhas negociacións para conseguir o fin "da matanza e a dor" así como un tratado de paz xusto e duradeiro.[4]
O 26 de outubro de 1994, Xordania e Israel asinaron o tratado de paz[5] nunha cerimonia celebrada no val de Arava en Israel, ao norte de Eilat e preto da fronteira con Xordania. O primeiro ministro Rabin e o xordano Abdelsalam al-Majali asinaron o tratado e o presidente de Israel Ezer Weizman deuse a man co rei Hussein. O presidente estadounidense Bill Clinton, observou todo o acto acompañado polo seu secretario de estado Warren Christopher.
Exipto celebrou o acordo entre ambos países, mentres que Siria o ignorou. A milicia libanesa Hezbollah resistiuse ao tratado e 20 minutos antes da cerimonia lanzou un ataque con morteiro e mísiles sobre varias cidades do norte de Galilea.[6]
O Tratado de Paz consta dun preámbulo, 30 artigos, 5 anexos e minutas acordadas. Establece acordos sobre o territorio, a seguridade, as augas e a cooperación entre varias materias.[5]
As Minutas Acordadas do tratado establecen algúns detalles para a implantación do tratado de paz.[13]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.