océano From Wikipedia, the free encyclopedia
O océano Índico[1] (en árabe, Bahr al-Hind) é a parte do océano mundial da Terra que baña as costas de África do Leste, Oriente Medio, Asia do Sur e Australia. É o terceiro océano máis grande por superficie e cobre aproximadamente o 20 % da superficie do planeta.[2] Delimita co océano Atlántico polo meridiano 20° leste (cabo Agullas), co Pacífico polo meridiano 147° leste e co Antártico polo paralelo 60° sur. O punto máis setentrional do Índico está aproximadamente a 30° norte de latitude no golfo Pérsico. O océano mide aproximadamente 10 000 km de ancho entre as puntas sur de África e Australia; a súa área é 68 556 000 km², incluíndo o mar Vermello e o golfo Pérsico.[3] O volume deste océano estimase en 292 131 000 km³.[4]
Tipo | océano mar rexión xeográfica | |||
---|---|---|---|---|
Epónimo | India | |||
Parte de | Océano mundial | |||
Localización | ||||
División administrativa | sen valor | |||
| ||||
Comparte fronteira con | Kismaayo África austral | |||
Composto por | ||||
Conca hidrográfica | Indian Ocean basin (en) | |||
Características | ||||
Profundidade | máximo: 7.450 m Media: 3.711 m | |||
Dimensións | 10.000 () km | |||
Punto máis baixo | Diamantina Deep (en) (−7.906 m ) | |||
Superficie | 76.174.000 km² 70.560.000 km² | |||
Medicións | ||||
Volume físico | 282.650.000 km³ | |||
As nacións insulares do océano son Madagascar (cuarta illa máis grande do mundo), Comores, Seychelles, Maldivas, Mauricio, e Sri Lanka; Indonesia bordéao. Serve como un ruta de tránsito entre Asia e África o que o converteu nun foco de conflitos. De todas as maneiras, ningunha nación dominouno con éxito ata os inicios do século XIX cando os ingleses colonizaron a maioría da terra perimetral. O Índico foi chamado así porque baña as costas da India.[5][6][7]
O océano Índico coñécese co seu nome actual polo menos desde 1515, cando se testemuña a forma latina Oceanus Orientalis Indicus ("océano Índico Oriental"), chamado así pola India, que se proxecta nel. Anteriormente coñecíaselle como océano Oriental, termo que aínda se utilizaba a mediados do século XVIII (véxase o mapa), en contraposición ao océano Occidental (Atlántico) antes de que se conxecturase o Pacífico.[8]
Pola contra, os exploradores chineses do océano Índico durante o século XV chamábano océano Occidental.[9] O océano tamén foi coñecido como océano Hindú e océano Índico en varios idiomas.[Cómpre referencia]
Na xeografía da antiga Grecia, a rexión do océano Índico coñecida polos gregos chamábase mar de Eritrea.[10]
As primeiras civilizacións do mundo desenvolvéronse ao redor do océano Índico, ao longo dos vales dos ríos Tigris e Éufrates, Nilo e Indo: en Mesopotamia (comezando con Sumeria), no antigo Exipto e no subcontinente indio (comezando coa civilización do val do Indo). Outras civilizacións tamén xurdiron en Persia (a partir do antigo Imperio Elamita), en Armenia (a partír do antigo Imperio Urartu) e posteriormente no sueste de Asia (a partir do antigo Reino de Funan).
Durante a primeira dinastía de Exipto (ca. 3000 a.C.) xa se enviaron expedicións a navegar polo Índico, viaxando ata Punt, que se cre era parte da actual Somalia. Os barcos que regresaban traían ouro e mirra. O primeiro exemplo coñecido de comercio entre Mesopotamia e o val do Indo (ca. 2500 a.C.) desenvolveuse ao longo do Índico. É posible que os fenicios de finais do III milenio a. C. entrasen tamén na zona, pero non deixaron asentamentos.
O Índico é un mar bastante tranquilo, e grazas a iso abriuse ao comercio antes que o Atlántico ou o Pacífico. O cedo coñecemento dos monzóns tamén fixo posible a súa navegación: cara ao oeste ao principio da época dos monzóns, e logo, tras esperar uns meses, de regreso cara ao leste. Isto permitiu aos pobos de Indonesia cruzar o Índico para establecerse en Madagascar.
No século II a. C. ou século I a. C., Eudoxo de Cícico foi o primeiro grego coñecido en lograr cruzar o Índico, navegando ata a India. De Hippalus dise que descubriría a ruta directa desde Arabia ata a India ao redor desta época. Durante o século I e II a.C. desenvolvéronse relacións comerciais intensivas entre o Exipto romano e os reinos Tamil dos Cheras, Cholas e Pandyas do sur da India. Do mesmo xeito que os anteriores pobos indonesios, os mariñeiros occidentais utilizaron o monzón para cruzar o océano. O descoñecido autor do Periplo do Mar Eritreo, que se cre se escribiu entre o século I e o II, describe esta ruta e os portos e mercadorías ao longo das costas de África e da India ao redor do ano 70 a. C.
De 1405 a 1433, o almirante chinés Zheng He conduciu grandes frotas da dinastía Ming en varias viaxes a través do océano Occidental (o nome chinés do Índico) e alcanzou os países costeiros da África oriental (véxase Zheng He para referencia).
En 1497, o navegante portugués Vasco da Gama logrou dobrar o cabo de Boa Esperanza e converteuse no primeiro europeo en navegar á India e máis tarde ao Afastado Oriente. Os barcos europeos, armados con pesados canóns, rapidamente dominaron o comercio. Portugal intentou lograr preeminencia establecendo fortes nos estreitos e portos importantes e dominou o comercio e o descubrimento ao longo das costas de África e Asia ata mediados do século XVII. Máis tarde, os portugueses foron desprazados por outras potencias europeas. A Compañía Holandesa das Indias Orientais (1602-1798) buscou o control do comercio con Oriente a través do Índico. Francia e Gran Bretaña estableceron compañías de comercio na zona e España estableceu unha importante operación comercial en Filipinas e o Pacífico. Cara a 1815, Gran Bretaña converteuse na principal potencia no Índico.
A apertura do canal de Suez en 1869 reviviu o interese europeo no leste, pero ningunha nación tivo éxito en establecer o dominio do comercio. Desde a segunda guerra mundial o Reino Unido viuse obrigado a retirarse da zona, sendo substituído pola India, a Unión Soviética e os Estados Unidos. Os dous últimos trataron de establecer a súa hexemonía negociando sitios para as súas bases navais. Os países en desenvolvemento que bordeaban o océano, con todo, trataron de que fora unha «zona de paz»[Cómpre referencia] para que se puidesen utilizar libremente as súas rutas de navegación. O Reino Unido e os Estados Unidos manteñen unha base militar no Atol Diego García no medio do océano Índico.
Os feitos máis destacados na exploración e navegación do Índico, principalmente para os occidentais, son:
As fronteiras do océano Índico, tal e como as delineó a Organización Hidrográfica Internacional (OHI) en 1953, incluían o océano Antártico pero non os mares marxinais ao longo do bordo norte, pero no ano 2000 a OHI delimitou o océano Antártico por separado, o que eliminou as augas ao sur dos 60°S do océano Índico pero incluíu os mares marxinais do norte.[12][13] Meridionalmente, o océano Índico está delimitado do océano Atlántico polo meridiano de 20° leste, que vai cara ao sur desde o cabo Agullas, e do océano Pacífico polo meridiano de 146°49′L, que vai cara ao sur desde o punto máis meridional de Tasmania. A extensión máis setentrional do océano Índico, incluídos os mares marxinais, atópase aproximadamente nos 30° norte, no golfo Pérsico.[13]
O océano Índico cobre 70 560 000 km², incluíndo o mar Vermello e o golfo Pérsico pero excluíndo o océano Antártico, ou o 19,5% dos océanos do mundo; o seu volume é de 264 000 000 km³ ou o 19,8% do volume dos océanos do mundo; ten unha profundidade media de 3741 m e unha profundidade máxima de 7906 m.[14]
Todo o océano Índico atópase no hemisferio oriental e o seu centro, o meridiano 90° leste, pasa pola Dorsal do Meridiano Noventa Leste.
A diferenza do Atlántico e do Pacífico, o océano Índico está rodeado por grandes masas continentais e un arquipélago en tres dos seus lados e non se estende de polo a polo. O seu centro é o subcontinente indio. Aínda que este subcontinente desempeñou un papel importante na súa historia, o océano Índico foi ante todo un escenario cosmopolita, que interrelacionou diversas rexións mediante innovacións, comercio e relixión desde os inicios da historia da humanidade.[15]
As marxes activas do océano Índico teñen unha anchura media (distancia horizontal desde terra ata a ruptura da plataforma[16]) de 19|+/- 0.61 km cunha anchura máxima de 175 km. As marxes pasivas teñen unha anchura media de 47.6|+/- 0.8 km.[17] A anchura media dos noiros (distancia horizontal desde a ruptura da plataforma ata o pé do noiro) das plataformas continentais é de 50,4-52,4 km para as marxes activas e pasivas respectivamente, cunha anchura máxima de 205.3-255.2 km.[18]
En correspondencia coa plataforma continental, tamén coñecida como zona bisagra, a anomalía de Bouguer oscila entre 0 e 30 mGals que é infrecuente para unha rexión continental duns 16 km de espesor de sedimentos. Expúxose a hipótese de que "a zona bisagra pode representar un vestixio da fronteira entre a cortiza continental e a cortiza protooceánica que se formou durante a separación da India coa Antártida".[19]
Australia, Indonesia e India son os tres países con costas máis extensas na zona económica exclusiva. A plataforma continental ocupa o 15% do océano Índico. Máis de 2.000 millóns de persoas viven en países ribeiregos do Índico, fronte a os 1.700 millóns no Atlántico ou os 2.700 millóns do Pacífico (algúns países limitan con máis dun océano).[20]
A conca de drenaxe do océano Índico ocupa 21 100 000 km2 unha superficie practicamente idéntica á do océano Pacífico e a metade da do Atlántico, é dicir, o 30% da súa superficie oceánica (fronte ao 15% do Pacífico). A conca de drenaxe do océano Índico divídese nunhas 800 concas individuais, a metade que a do Pacífico, das cales o 50% atópanse en Asia, o 30% en África e o 20% en Australasia. Os ríos do océano Índico son máis curtos máis ou menos (740 km) que os dos outros grandes océanos. Os ríos máis caudalosos son (orde 5) o Zambeze, o Ganxes-Brahmaputra, o Indo, o Xuba e Murray e (orde 4) os ríos Chat el Arab, Wadi Ad Dawasir (un sistema fluvial desecado da península arábiga) e o Limpopo.[21] Tras a ruptura do Gondwana oriental e a formación do Himalaia, os ríos Ganxes-Brahmaputra desembocan no maior delta do mundo, coñecido como delta de Bengala ou Sundarbans.[19]
Os mares marxinais, golfos, baías e estreitos do océano Índico inclúen:[13]
Ao longo da costa oriental de África, a canle de Mozambique separa Madagascar do continente africano, mentres que o Mar de Zanj atópase ao norte de Madagascar.
Na costa norte do mar Arábigo, o golfo de Adén está conectado co mar Vermello polo estreito de Bab el-Mandeb. No golfo de Adén, o golfo de Tadjoura atópase en Djibuti e a canle de Guardafui separa as illas de Socotra do Corno de África. O extremo norte do mar Vermello termina no golfo de Aqaba e o golfo de Suez. O océano Índico está conectado artificialmente co mar Mediterráneo sen esclusas a través da canle de Suez, ao que se accede polo mar Vermello. O mar Arábigo está conectado co golfo Pérsico polo golfo de Omán e o estreito de Ormuz. No golfo Pérsico, o golfo de Bahrain separa Qatar da península arábiga.
Ao longo da costa occidental da India, o golfo de Kutch e o golfo de Khambat atópanse en Gujarat, no extremo norte, mentres que o mar das Laquedivas separa as Maldivas do extremo sur da India. O golfo de Bengala atópase fronte á costa oriental da India. O golfo de Mannar e o estreito de Palk separan Sri Lanka da India, mentres que o ponte de Adán separa ambas. O mar de Andaman está situado entre o golfo de Bengala e as illas Andamán.
En Indonesia, a chamada Vía Marítima de Indonesia está formado polos estreitos de Malaca, Sunda e Torres. O golfo de Carpentaria atopase na costa norte australiana, mentres que a Gran Baía Australiana constitúe gran parte da súa costa sur.[22][23][24]
O océano Índico é único por varias razóns. Constitúe o núcleo da piscina cálida do Pacífico occidental (Tropical Warm Pool) a gran escala que, ao interactuar coa atmosfera, afecta o clima tanto a escala rexional como mundial. Asia bloquea a exportación de calor e impide a ventilación do termoclina do océano Índico. Ese continente tamén impulsa o monzón do océano Índico, o máis forte da Terra, que provoca variacións estacionais a gran escala nas correntes oceánicas, incluída o investimento da corrente somalí e a corrente monzónica do Índico. Debido á circulación de Walker no océano Índico, non existen ventos de levante ecuatoriais continuos. O afloramento prodúcese preto do Corno de África e da Península Arábiga no hemisferio norte e ao norte dos ventos alisios no hemisferio sur. O fluxo de paso indonesio é unha conexión ecuatorial única co Pacífico.[25]
O clima ao norte do ecuador vese afectado por un clima monzónico. De outubro a abril sopran fortes ventos do nordés; de maio a outubro predominan os ventos do sur e do oeste. No mar Arábigo, o violento monzón trae a choiva ao subcontinente indio. No hemisferio sur, os ventos adoitan ser máis suaves, pero as tormentas de verán preto de Mauricio poden ser severas. Cando cambian os ventos monzónicos, os ciclóns azoutan ás veces as costas do mar Arábigo e do Golfo de Bengala.[26] Ao redor do 80% da precipitación total anual na India prodúcese durante o verán e a rexión depende tanto destas choivas que moitas civilizacións pereceron cando o monzón fallou no pasado. A enorme variabilidade do monzón de verán da India tamén se produciu prehistóricamente, cunha fase forte e húmida 33.500-32.500 BP; unha fase débil e seca 26.000-23.500 BC; e unha fase moi débil 17.000-15.000 BP, correspondente a unha serie de dramáticos acontecementos globais: o quecemento de Bølling-Allerød, o evento de Heinrich, e o Dryas recente.[27]
O océano Índico é o máis cálido do mundo.[28] Os rexistros de temperatura oceánica a longo prazo mostran un quecemento rápido e continuo no océano Índico, de aproximadamente 12 °C (54 °F) (en comparación con 07 °C (45 °F) para a rexión da piscina cálida) durante 1901-2012.[29] As investigacións indican que o quecemento de efecto invernadoiro inducido polo home e os cambios na frecuencia e magnitude dos fenómenos de El Niño (ou dipolo do océano Índico) son os desencadeamentos deste forte quecemento do océano Índico.[29]Mentres que o océano Índico quentouse a un ritmo de 1,2 °C por século durante 1950-2020, os modelos climáticos predín un quecemento acelerado, a un ritmo de 1,7 °C-3,8 °C por século durante 2020-2100.[30][31] Aínda que o quecemento abarca toda a conca, o máximo rexístrase no noroeste do Índico, incluído o mar Arábigo, e o menor nas costas de Sumatra e Xava, no sueste do Índico. Prevese que o quecemento global leve ao océano Índico tropical a un estado de onda de calor case permanente en toda a conca a finais do século XXI, onde se prevé que as ondas de calor mariñas aumenten de 20 días ao ano (durante 1970-2000) a 220-250 días ao ano.[30][31]
Ao sur do Ecuador (20-5°S), o océano Índico gaña calor de xuño a outubro, durante o inverno austral, mentres que o perde de novembro a marzo, durante o verán austral.[32]
En 1999, o experimento do océano Índico demostrou que a queima de combustibles fósiles e biomasa no sur e sueste de Asia provocaba unha contaminación atmosférica (tamén coñecida como nube marrón asiática) que chegaba até a zona de converxencia intertropical. Esta contaminación ten implicacións tanto a escala local como mundial.[33]
O corenta por cento dos sedimentos do océano Índico atópase nos abanos dos ríos Indo e Ganxes. As concas oceánicas adxacentes ás ladeiras continentais conteñen maioritariamente sedimentos terríxenos. O océano ao sur da fronte polar (aproximadamente nos 50° de latitude sur) ten unha alta produtividade biolóxica e está dominado por sedimentos non estratificados compostos na súa maioría por óxidos silíceos . Preto das tres grandes dorsais oceánicas, o fondo oceánico é relativamente novo e, polo tanto, sen sedimentos, agás a dorsal do suroeste índico debido á súa velocidade de propagación ultra-lenta.[34]
As correntes oceánicas están controladas principalmente polo monzón. Dous grandes xiros, un no hemisferio norte que flúe no sentido das agullas do reloxo e outro ao sur do ecuador que se move no sentido antihorario (incluíndo a corrente de Agulhas e a corrente de retorno de Agulhas), constitúen o patrón de fluxo dominante. Durante o monzón de inverno (novembro-febreiro), con todo, a circulación inverte ao norte dos 30°S e os ventos debilitan durante o inverno e os períodos de transición entre os monzóns.[35]
As placas tectónicas africana, india e antártica converxen no punto triplo de Rodrigues, a súa conxunción está marcada por ramificacións da dorsal oceánica que forman un Y invertido, coa raíz que vai cara ao sur desde o límite da plataforma continental preto de Bombai, na India. As bacías leste, oeste e sur subdivídense en bacías máis pequenas por cristas submarinas.
Os principais puntos de estreitamento son Bab el Mandeb, o estreito de Hormuz, o estreito de Lombok, o estreito de Malaca e o estreito de Palk, os principais mares deste océano son o golfo de Adén, mar de Andaman, mar Arábigo, baía de Bengala, gran Baía Australiana, mar de Laquedivas, golfo de Mannar, canle de Mozambique, golfo de Omán, golfo Pérsico, mar Vermello e outros corpos de auga tributarios. Está conectado artificialmente co mar Mediterráneo pola canle de Suez, accesible vía o mar Vermello.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.