From Wikipedia, the free encyclopedia
O Masacre de Múnic ocorreu durante os Xogos Olímpicos de 1972 en Múnic, Alemaña, cando membros do equipo olímpico israelí foron tomados como reféns pola organización terrorista Palestina Setembro Negro, un grupo relacionado coa organización de Yasser Arafat, Fatah.[1] Os terroristas asasinaron a 11 atletas israelís e a un oficial de policía alemán. Cinco dos oito secuestradores foron mortos pola policía durante unha tentativa de rescate. Os tres secuestradores superviventes foron máis tarde postos en liberdade por Alemaña, tralo secuestro dun avión de Lufthansa. O masacre foi seguido por unha serie de asasinatos israelís dos principais planificadores, como vinganza.
Simon Reeve escribiu que o ataque foi un dos incidentes terroristas máis significativos dos tempos recentes, un que "colocou a causa palestina no centro de atención do mundo, establecendo o ton de décadas de conflito no Oriente Medio, e comezando unha nova era de terrorismo internacional".[2]
De acordo cos medios de información, os atletas israelís gozaran dunha noite fóra o 4 de setembro, vendo unha actuación de Fiddler on the Roof antes de volver á Cidade Olímpica. Ás 4:30 da madrugada do 5 de setembro, cando os atletas durmían, oito membros encapuchados de Setembro Negro portando bolsas de lona con pistolas e granadas escalaron unha vala de dous metros coa axuda de atletas americanos que non sospeitaban nada e que tamén entraban furtivamente no recinto olímpico. Unha vez dentro, os terroristas empregaron unhas chaves roubadas para entrar nos dous apartamentos de 31 Connollystraße que estaban a ser usados polo equipo israelí.
Yossef Gutfreund, un árbitro de loita israelí de 40 anos, escoitou a alguén rabuñando discretamente na porta do primeiro dos apartamentos. Cando investigou, viu a porta comezando a abrirse e homes enmascarados e con pistolas ó outro lado da porta. El berrou "Hevre tistalku!" (en hebreo חברה תיסתלקו ; Rapaces, saíde de aquí!) e lanzou o seu corpo de 135 kg. de peso contra a porta para tentar deter a entrada dos palestinos. O aviso de Gutfreund permitiu ó seu compañeiro de habitación, o preparador de levantamento de peso Tuvia Sokolovsky, crebar unha fiestra e fuxir. O adestrador de loita Moshe Weinberg, de 33 anos, loitou para botar ós intrusos, que lle dispararon na cara, forzando ó home a levalos ó apartamento 3, onde os terroristas tomaron a outros seis loitadores e levantadores de peso como novos reféns.
Weinberg, nun movemento calculado, probablemente salvou as vidas dos residentes do apartamento 2. Malia estar seriamente ferido e cativo, Weinberg mantivo o seu enxeño e mentiu ós terroristas cando lle interrogaron, dicíndolles que os residentes do apartamento 2 non eran israelís. El probablemente pensou que os homes máis grandes e fortes do apartamento 3 terían unha mellor oportunidade de loitar contra os intrusos. Dentro do apartamento 2, o corredor Dr. Shaul Ladany fora espertado polos berros de Gutfreund e de seguido escapara. Os outros catro residentes do apartamento 2 (os tiradores Henry Hershkowitz e Zelig Stroch e os espadachíns Dan Alon e Moshe Yehuda Weinstain), máis os dous doutores do equipo e o xefe da delegación Shmuel Lalkin, lograron esconderse e fuxir despois do edificio.
Cando os atletas do apartamento 3 estaban a ser trasladados ó apartamento dos adestradores, Weinberg atacou os secuestradores, xunto cun dos seus loitadores, Gad Tsobari, para fuxir polo garaxe subterráneo[3]. O forte Weinberg deixou un dos intrusos inconsciente e acoitelou a outro cun coitelo de froitas denantes de que lle disparasen ata a morte. O levantador de peso e pai de tres nenos Yossef Romano, de 31 anos, tamén atacou e feriu un dos intrusos antes de ser asasinado.
Os terroristas quedaron con nove reféns vivos: ademais de Gutfreund, atraparon ó levantador de peso David Berger, de 28 anos; a Ze'ev Friedman, 28; o loitador Eliezer Halfin, 24; os adestradores Amitzur Shapira, de 40, e Kehat Shorr, de 53; ó loitador Mark Slavin, 18; ó adestrador de esgrima Andre Spitzer, de 27; e ó xuíz de levantamento de peso Yakov Springer, de 51 anos. Gutfreund, fisicamente o máis grande dos reféns, foi atado a unha cadeira; o resto foi aliñado de catro en catro nas dúas camas na habitación de Spitzer e Shorr e atados polos pulsos e nocellos, cada un ós demais. O corpo atravesado polas balas de Romano foi deixado ós pés dos seus camaradas atados como aviso.
Os terroristas foron subseguintemente recoñecidos como membros da fedayeen palestina, procedentes de campos de refuxiados no Líbano, Siria, e Xordania. Foron identificados como Luttif Afif ("Issa"), o líder (tres dos seus irmáns foron identificados tamén como membros de Setembro Negro, dous deles en cárceres israelís), o seu segundo Yusuf Nazzal ("Tony"), e os xoves membros Afif Ahmed Hamid ("Paolo"), Khalid Jawad ("Salah"), Ahmed Chic Thaa ("Abu Halla"), Mohammed Safady ("Badran"), Adnan Al-Gashey ("Denawi"), e o seu curmán Jamal Al-Gashey ("Samir"). Segundo Simon Reeve, Afif, Nazzal e outro dos seus compañeiros traballaran en diversos lugares da Cidade Olímpica, e pasaran varias semanas estudando o seu obxectivo. Un membro da delegación olímpica uruguaia, que vivira cos israelís, dixo que atopara a Nazzal dentro de 31 Connollystraße menos de vinte e catro horas antes do ataque, pero dende que foi recoñecido como un traballador da Cidade, nada pensouse daquilo naquel momento. Os outros membros do equipo dos secuestradores entraran en Múnic por tren e avión uns días antes do ataque. Tódolos membros dos equipos olímpicos do Uruguai e Hong Kong, que tamén compartían edificio cos israelís, resultaron ilesos.
Os terroristas demandaron a liberación e un traslado seguro a Exipto de 234 palestinos e non-árabes que estaban na cadea en Israel, xunto con dous prisioneiros alemáns, Andreas Baader e Ulrike Meinhof, que eran membros da Fracción do Exército Vermello. Os secuestradores lanzaron o corpo de Weinberg a fóra do edificio para demostrar a súa resolución. A resposta de Israel foi inmediata e absoluta: non habería negociación. As autoridades alemás, baixo o liderado do chanceler Willy Brandt e do Ministro de Interior Hans-Dietrich Genscher rexeitaron o ofrecemento de Israel para mandar unha unidade das forzas especiais israelís a Alemaña. Aínda así, a policía alemá que tomou parte nunha tentativa de rescate non tiña especial adestramento en crises deste tipo.
Segundo o xornalista John K. Cooley, a situación presentaba unha extremadamente difícil situación política para Alemaña porque os reféns eran xudeus. Os alemáns ofreceron ós palestinos unha ilimitada cantidade de cartos pola liberación dos atletas, así como a súa substitución por altos cargos alemáns. De todos xeitos, os terroristas rexeitaron ámbalas dúas ofertas.[4]
O xefe da policía de Múnic Manfred Schreiber e Ahmed Touni, xefe do equipo olímpico exipcio, negociaron directamente cos secuestradores, repetíndolles a oferta dunha ilimitada cantidade de cartos. Segundo Cooley, a resposta foi "os cartos non significan nada para nós; as nosas vidas non significan nada para nós." Os embaixadores de Tunisia e Libia tamén axudaron tentando gañar concesións dos secuestradores, pero foi en van. Aínda así, os negociadores aparentemente eran capaces de convencer ós secuestradores de que as súas demandas estaban a ser consideradas, xa que Issa garantiu un total de cinco aprazamentos das súas datas límite. Noutras partes do lugar os atletas continuaban con normalidade, semellando ignorar os acontecementos que estaban a suceder preto de alí. Os xogos continuaron ata que o Comité Olímpico Internacional forzou unha suspensión de 12 horas trala morte do primeiro atleta.
Unha pequena escuadra de policía alemá foi enviada á Cidade Olímpica. Vestidos con traxes de deporte olímpicos e portando armas automáticas, eran membros da policía alemá da fronteira, non adestrados na resposta antiterrorista, e sen planos operacionais específicos para o rescate. A policía tomou posicións agardando ordes que nunca chegarían.
Ó mesmo tempo, os equipos de televisión filmaban as accións da policía dende os apartamentos alemáns, e proxectaban as imaxes en directo na televisión. Os terroristas puideron ver á policía cando se preparaba para atacar. O metraxe amosa ós terroristas inclinándose para ver á policía que se estaba a agochar na azotea. Ó final, despois de que Issa ameazara con matar a dous dos reféns, a policía abandonou os seus postos.
Nun punto da crise, os negociadores requiriron contacto directo cos reféns para asegurárense de que os reféns israelís estaban aínda vivos. O adestrador de esgrima Andre Spitzer, que falaba alemán con soltura, e o adestrador de tiro Kehat Shorr, o membro máis vello da delegación israelí, tiveron unha conversación curta con Schreiber e Genscher que estaban na fiestra do segundo piso do edificio, con dous secuestradores apuntándolles coas súas pistolas. Cando os secuestradores volvéronse impacientes coas prolongadas respostas de Spitzer ás preguntas dos negociadores, o adestrador foi golpeado coa pistola xusto diante das cámaras internacionais e apartado da fiestra. Uns poucos minutos despois, a Genscher e Walter Tröger, o maior da Cidade Olímpica, foilles permitido entrar brevemente nos apartamentos e falar cos reféns. Tröger dixo sentirse moi conmovido pola dignidade coa cal os israelís mantíñanse, e que semellaban aceptar ó seu destino.[5] El tamén sinalou que algúns dos reféns, especialmente Gutfreund, amosaban sinais de ter sido maltratados fisicamente polos secuestradores, e que David Berger tiña unha gran ferida de bala no seu ombro.
Despois de máis de medio día de intensas negociacións, os terroristas demandaron ser transportados a un aeroporto. As autoridades deron a súa aprobación, e ás 10:10 p.m. dous oficiais de policía transportaron ós terroristas e ós seus reféns a unha base aérea próxima, onde un avión Boeing 727 agardaba. Inicialmente, os terroristas quixeron ir ó Riem, o aeroporto Internacional preto de Múnic, pero os negociadores convencéronlles de que Fürstenfeldbruck sería moito máis práctico. As autoridades tiñan outro motivo: planearan un asalto armado contra os terroristas no aeroporto.
Cinco francotiradores alemáns, ningún dos cales tiña un especial adestramento, foron elixidos para disparar ós secuestradores. Foron escollidos simplemente porque disparaban competitivamente os fins de semana[6]. Durante a subseguinte investigación alemá, un dos francotiradores identificado como o “Francotirador No. 2” manifestou: “Son da opinión de que non son un tirador de élite.”[7]
Os francotiradores foron posicionados no aeroporto pero as autoridades descubriron sorprendidas que había oito terroristas. Non había tanques nin transportes armados de persoal no lugar. Segundo John Cooley, había un ou dous oficiais israelís que asistían á operación. Tanto Reeve como Groussard citan ó xefe do Mossad Zvi Zamir e a Victor Cohen, un dos maiores asistentes de Zamir, como os oficiais israelís presentes en Fürstenfeldbruck, pero só como observadores. Zamir ten manifestado repetidamente que nunca foi consultado polos alemáns en busca de consello ou de asistencia durante a tentativa de rescate.
Un reactor Boeing 727 foi colocado na pista, con cinco ou seis policías armados alemáns dentro, que se presentaran voluntarios para o traballo, disfrazados como a tripulación do avión. Eles tiñan que reducir ós terroristas que inspeccionasen o avión, e dar ós francotiradores alemáns unha oportunidade de matar ós terroristas que permanecían nos helicópteros, pero eran membros ordinarios da policía que non foran adestrados para este tipo de misións. No último minuto, cando os helicópteros chegaban á pista, os policías alemáns a bordo do avión decidiron abandonar a súa misión, sen consulta ningunha ó comando central. Isto deixou a só cinco tiradores de calidade para tratar de vencer a un grupo de terroristas máis grande e mellor armado. Naquel punto, o xeneral Ulrich Wegener, máis tarde fundador do grupo de elite antiterrorista alemán GSG 9, dixo “Estou seguro de que isto vai levarse a operación enteira!”
Os helicópteros tomaron terra xusto despois das 10:30 p.m., e os catro pilotos e seis dos secuestradores saíron deles. Mentres catro dos membros de Setembro Negro mantiñan ós pilotos apuntados coas armas (rachando un acordo feito por eles de que non tomarían ningún refén alemán), Issa e Tony avanzaron para inspeccionar o reactor, tan só para atopalo baleiro. Sabéndose enganados, Issa e Tony volveron correndo xuntos cara ós helicópteros, e aproximadamente ás 11:00 pm, as autoridades alemás deron a orde ós francotiradores da policía de disparar.
Segundo Simon Reeve, a operación de rescate alemá foi un fiasco:
Houbo un caos instantáneo. Os catro membros alemáns das tripulacións dos helicópteros comezaron a correr pola súa seguridade en tódalas direccións. Issa e Tony comezaron a correr xuntos cara ós helicópteros, cando o terceiro francotirador abriu fogo contra eles. O seu primeiro disparo errou, afundíndose na pista preto de Issa, quen se detivo e entón comezou a correr en zigzag cara ós helicópteros. O francotirador disparou outra vez, ferindo a Tony na perna. El desplomouse enriba da pista.[2]
No caos resultante, os dous secuestradores que vixiaban ás tripulacións dos helicópteros (Ahmed Chic Thaa e Afif Ahmed Hamid) morreron, e os catro restantes terroristas expostos movéronse rapidamente para poñerse a salvo, devolvendo o fogo e afastándose tan apresa como podían das luces do aeroporto de preto dos helicópteros, fóra da liña de tiro dos francotiradores. Un policía alemán da torre de control, Anton Fliegerbauer, morreu polos disparos. Os pilotos dos helicópteros fuxiran, pero os reféns, que estaban atados dentro dos aparatos, non puideron. Produciuse un punto morto. Durante o tiroteo, escribe Groussard, os reféns traballaron secretamente en liberarse das súas ataduras. Atopáronse marcas de mordeduras nas cordas trala fin do tiroteo.
Os cinco tiradores alemáns non tiñan contacto de radio entre eles e foron incapaces de coordinar os seus disparos. Ningún dos tiradores estaba equipado con cascos de aceiro ou chalecos antibalas, probando pouca preparación. Ningún dos rifles estaba equipado con miras telescópicas ou aparatos de visión nocturna. Despois descubriuse que un dos tiradores vacilou en disparar porque estaba directamente posicionado na liña de fogo amigo, sen ningunha roupa protectora. Máis tarde no combate, cando o secuestrador Khalid Jawad tentou fuxir a pé, este tirador disparou o seu único tiro, matando ó terrorista que fuxía pero estando a punto de ser ferido por un dos seus policías, que non sabía que estaba disparando a un dos seus homes.
Frustrados pola aparente indiferenza dos alemáns ante a gravidade da situación, Zamir e Cohen subiron á azotea da torre de control cun megáfono e tentaron falar cos secuestradores. A resposta dos terroristas — dispararon contra os dous israelís — deixou claro que o tempo das negociacións pasara fai rato.
Os alemáns non conseguiron transporte armado de persoal a tempo, e só foron chamados cando se chegou ó punto morto. Como as estradas cara ó aeroporto non foran despexadas, os transportes víronse detidos no tráfico e só chegaron preto da media noite. Catro minutos despois da media noite, segundo Cooley, un dos terroristas, presumiblemente Issa, volveu xunto ós reféns no helicóptero do leste e baleirou un cargador dentro deles, matando a Springer, Halfin, e Friedman e ferindo a Berger na perna. El entón guindou unha granada de man dentro do helicóptero, producindo unha tremenda explosión que esnaquizou o helicóptero e queimou os israelís atados dentro del.
Issa e outro terrorista entón correron ó longo da pista e comezaron a disparar contra a policía, que matou os dous cando devolveu o fogo. Que sucedeu cos reféns restantes é aínda motivo de disputa. Unha investigación da policía alemá indicou que un dos seus francotiradores e algúns dos reféns puideron ser disparados accidentalmente e morrer por fogo amigo. Aínda así, unha reconstrución da Time Magazine do informa largamente reducido do fiscal bávaro indica que un terceiro secuestrador (identificado por Reeve como Adnan Al-Gashey) permaneceu á porta do helicóptero e metrallou ós restantes reféns; Gutfreund, Shorr, Slavin, Spitzer e Shapira recibiron unha media de catro disparos cada un[6]. Berger foi o derradeiro refén en morrer, sucumbindo á inhalación de fume. Nalgúns casos, a causa exacta de morte dos reféns do helicóptero do leste non foi establecida porque os cadáveres arderon máis aló da posibilidade de recoñecemento na explosión ou no lume que a seguiu. Tan só o corpo de Ze'ev Friedman estaba relativamente intacto; xa que foi lanzado do helicóptero polo estoupido.
Tres dos terroristas permaneceron no chan, dous deles aparentando mortos, e foron capturados pola policía. Jamal Al-Gashey recibiu un disparo que atravesou o seu pulso[2], e Mohammed Safady tiña unha ferida apreciable na perna.[8] Adnan Al-Gashey saíu completamente ileso. Tony, o outro terrorista, escapou do lugar, pero foi localizado con cans 40 minutos despois. Acurralado e bombardeado con gas, morreu por un disparo tras un breve tiroteo. Arredor da 1:30 a.m., a batalla rematara.
As crónicas iniciais dos medios de comunicación, publicados arredor de todo o mundo, indicaban que tódolos reféns estaban vivos, e que tódolos terroristas morreran. Só despois un representante do Comité Olímpico Internacional suxeriu que as noticias iniciais eran sobre todo optimistas.
Jim McKay, que estaba a cubrir os xogos para a ABC, informouse sobre os sucesos como lle dixera Roone Arledge. Trala tentativa errada de rescate, volveu en avión con esta exposición:
Os nosos peores medos teñen sido realizados esta noite. Din agora que había 11 reféns; 2 foron asasinados nas súas habitacións na mañá de onte, 9 foron asasinados no aeroporto esta noite. Eles están todos mortos[9].
A competición olímpica foi suspendida o 5 de setembro por un día completo; isto nunca tiña sucedido antes. Ó día seguinte, un servizo conmemorativo ó que asistiron 80,000 espectadores e 3,000 atletas tivo lugar no Estadio Olímpico. O presidente do Comité Olímpico Internacional Avery Brundage non fixo referencia ós atletas asasinados durante un discurso gabando a forza do movemento olímpico, ultraxando á maioría dos que o ouviron[7].
A maioría das 80,000 persoas que encheron o estadio olímpico para un partido de fútbol entre Alemaña e Hungría levaban matracas e ondeaban bandeiras, pero cando varios espectadores despregaron unha pancarta na que se podía ler “17 mortos, enseguida esquecidos?” os encargados de seguridade retiraron a pancarta e botaron ós seus porteadores fora do estadio[10].
Durante o servizo conmemorativo, a bandeira olímpica ondeou a media hasta, xunto coas bandeiras de moitas das nacións participantes, por orde de Willy Brandt. Entón as nacións árabes presentes nos xogos esixiron que as súas bandeiras ondeasen a hasta enteira, o que Brandt aceptou[11].
Willi Daume, presidente do comité organizador de Múnic, tentou inicialmente cancelar o que restaba dos xogos, pero pola tarde Brundage e outros que desexaban continuar os xogos prevaleceron, manifestando que non podían permitir que o terrorismo detivese os xogos.[10] Brundage manifestou que “os xogos deben continuar”, unha decisión apoiada polo goberno israelí e polo xefe do equipo olímpico[12].
O 6 de setembro, o equipo israelí anunciou que deixaría Múnic. Tódolos deportistas xudeus permaneceron baixo garda. Mark Spitz, o gran nadador americano que acabara de rematar ás súas competicións, abandonou Múnic durante a crise por medo a que, como xudeu importante, podía ser un obxectivo dos secuestradores. O equipo exipcio deixou os xogos o 7 de setembro, expresando o seu temor a represalias[13]. Os equipos de Filipinas e Alxeria tamén abandonaron os xogos, como fixeron algúns membros dos equipos neerlandés e noruegués. O corredor americano de maratón Kenny Moore, que escribiu sobre o incidente para Sports Illustrated, citou a un dos atletas holandeses dicindo “Se dades unha festa, e alguén é asasinado durante a festa, vos non continuades a festa, marchades a casa. Isto é o que estou facendo.”
As familias dalgunhas vítimas pediron ó COI establecer un memorial permanente ós atletas, pero o COI declinou isto, dicindo que introducir unha referencia específica ás vítimas podería “alienar a outros membros da comunidade olímpica,” segundo a BBC [14]. Alex Gilady, un oficial do COI israelí, dixo á BBC: “Debemos considerar que pode facer isto a outros membros das delegacións que son hostís a Israel.”
Hai, de todos xeitos, un memorial fóra do Estadio Olímpico, na forma dunha placa de pedra na ponte que une o estadio coa antiga Cidade Olímpica. Hai tamén unha placa memorial ós israelís asasinados a carón da porta dos seus antigos apousentos no 31 de Connollystraße. O 15 de outubro de 1999 (case un ano antes dos Xogos de Sidney do 2000) unha placa conmemorativa foi inaugurada nunha das grandes torres lumisosas de fóra do Estadio Olímpico de Sidney, e alí permanece hoxe[15][16].
O 5 de setembro, Golda Meir, por aquel entón Primeira Ministra de Israel, apelou a outros países para “salvar ós nosos cidadáns e condenar os impronunciables actos criminais perpetrados”[17]. O ataque foi amplamente condenado arredor do mundo, co Rei Hussein de Xordania cualificándoo como un “crime salvaxe contra a civilización… perpetrado por mentes enfermas.”[4] Hussein foi o único líder dun país árabe que denunciou publicamente o ataque.
Os corpos dos cinco palestinos — Afif, Nazzal, Chic Thaa, Hamid e Jawad — mortos durante o tiroteo de Fürstenfeldbruck foron enviados a Libia, onde recibiron funerais de heroes e foron incinerados con grandes honores militares.
As autoridades alemás encarceraron ós tres terroristas sobreviventes, e pronto crearon unha unidade antiterrorista (GSG 9) para evitar unha posible resposta máis forte con nova toma de reféns.
O 9 de setembro, avións israelís bombardearon campos de refuxiados palestinos en Siria e no Líbano[18].
O 29 de outubro, os secuestradores dun avión de pasaxeiros alemán da compañía Lufthansa reclamaron a posta en liberdade dos tres terroristas sobreviventes que ían ser levados a xuízo. Safady e os Al-Gasheys foron liberados inmediatamente por Alemaña, recibindo unha tumultuosa benvida cando tomaron terra en Libia e deron a súa experiencia de primeira man da operación nunha conferencia de prensa a nivel mundial. Algúns sospeitan que os oficiais alemáns liberaron rapidamente ós terroristas por medo a que os defectos e erros da actuación de Alemaña na crise saísen á luz durante o xuízo[2]. No documental A traxedia dos xogos de Múnic e no documental gañador dun Oscar de Kevin Macdonald Un día en Setembro, mantense que o secuestro do 29 de outubro foi só unha actuación, ideada por Alemaña e a OLP para permitir que Alemaña liberase ós tres prisioneiros palestinos.
Golda Meir e o Comité de Defensa Israelí autorizaron secretamente ó Mossad a que, en vinganza, descubrise e eliminase a aqueles responsables do Masacre de Múnic[19], algo disputado por Zvi Zamir, que o describiu como “poñer fin a un tipo de terror que estaba a ser perpetrado” (en Europa)[20].
Para este fin o Mossad estableceu un número de equipos especiais para localizar e eliminar a eses terroristas, coa axuda das estacións que a axencia posuía en Europa[21].
En febreiro do 2006, o antigo xefe do Mossad nunha entrevista[20] Zvi Zamir responde a unha pregunta directa:
Non había ningún compoñente de vinganza na decisión de actuar contra os terroristas?
Non. Non estabamos ocupados na vinganza. Estamos acusados de ter sido guiados por un desexo de vinganza. Isto non ten sentido. O que fixemos foi para prever concretamente o terrorismo no futuro. Actuamos contra aqueles que pensaban que ían continuar perpetrando actos de terror. Non estou a dicir que aqueles que estiveron envoltos no de Múnic non estivesen sinalados para morrer. Eles definitivamente mereceron a morte. Pero non estabamos dispensándonos co pasado; nos concentrabamos no futuro.
Non recibiu vostede unhas ordes de Golda Meir sobre a liña de acción para “tomar vinganza naqueles responsables do de Múnic”?
Golda aborreceu a necesidade que nos foi imposta para levar a cabo a nosa operación. Golda xamais instoume a ‘tomar vinganza naqueles responsables do de Múnic.’ Ninguén me dixo iso[20].
A misión israelí foi coñecida despois como Operación Cólera de Deus ou Mivtza Elohim.
Despois de moitos anos, o destino dos tres sobreviventes é debatido. Tense dito moito que tanto Mohammed Safady como Adnan Al-Gashey foron matados polo Mossad como parte da Operación Cólera de Deus. De acordo a Klein, Adnan Al-Gashey morreu dun faio cardíaco nos anos setenta, e non como resultado dun ataque polos equipos israelís. Ademais, no verán de 2004, o veterano da OLP Tawfiq Tirawi díxolle a Klein que o seu amigo Mohammed Safady estaba "tan vivo como o estás tí"[6]. El non foi máis aló daquel críptico comentario. Non veu a luz ningunha outra evidencia relativa ó sobrevimento de Safady.
O pensamento que prevalece é que Jamal Al-Gashey é o único supervivente dos secuestradores que permanece vivo hoxe en día (setembro do 2006), vivindo baixo terra, dicindo que aínda teme a resposta das autoridades israelís. É o único dos terroristas que sobreviviron que consente entrevistas dende 1972, permitindo unha entrevista en 1992 para un xornal palestino, e tendo emerxido brevemente do seu ocultamento en 1999 para participar nunha entrevista para o filme Un día en Setembro, durante a cal el estivo disfrazado e a súa cara mostrada só nunhas sombras borrosas.
Daqueles que se pensa que planearon o masacre de Múnic, tan só Abu Daoud, o home que di que o ataque foi idea súa, coñécese que está vivo, e pénsase que está oculto nalgún lugar do Oriente Medio ou en África. O 27 de xullo de 1981 recibiu trece disparos dende unha distancia de preto de dous metros nunha cafetería do hotel Victoria (hoxe Sofitel) de Varsovia, pero sorprendentemente sobreviviu ó ataque. Dise que perseguiu ó seu atacante ata á entrada do hotel antes de caer derrubado.
Abu Daoud conseguiu un pasaxe seguro a través de Israel en 1996 para que puidese asistir a unha reunión da OLP na Franxa de Gaza co propósito de rescindir un artigo nos seus estatutos que establecía a loita pola erradicación de Israel[6].
Na súa autobiografía, Dende Xerusalén a Múnic, publicada por primeira vez en Francia en 1999, e despois nunha entrevista escrita con Sports Illustrated[22], Abu Daoud, xa con setenta anos, escribe que os cartos para Múnic foron postos por Mahmoud Abbas, Presidente da OLP dende o 11 de novembro de 2004 e Presidente da Autoridade Nacional Palestina dende o 15 de xaneiro de 2005[23][24][25].
Malia dicir que el non sabía en que ían ser empregados os cartos, o durante moito tempo oficial de Fatah Mahmoud Abbas, alias Abu Mazen, foi responsable do financiamento do ataque de Múnic[26].
Abu Daoud, que vive coa súa dona nunha pensión provista pola Autoridade Palestina, ten dito que “a operación de Múnic tivo o respaldo de Arafat,” a pesar de que Arafat non estivo envolto no concevimento ou no equipamento do ataque. Na súa autobiografía, Daoud escribe que Arafat despediu ó equipo no aeroporto coas verbas “Que Alá te protexa”[27]. Arafat sempre negou a súa participación nos feitos.
O 27 de decembro de 2005, Mohammed Odeh (Abu Daoud) dixo que non tiña remorsos pola súa implicación no ataque de Múnic, e que o filme de Steven Spielberg non traería a reconciliación. Ankie Spitzer, viúva do adestrador de esgrima Andre, ten rexeitado varias ofertas de encontros con Abu Daoud, dicindo que o único lugar onde lle gustaría atoparse con el é na sala dun tribunal. Como dixo Ankie Spitzer, “El (Abu Daoud) non pagou o prezo polo que fixo”[28].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.