Iuri Gagarin
cosmonauta soviético, primeira persoa que viaxou ao espazo / From Wikipedia, the free encyclopedia
Iuri Alexeievitch Gagarin (en ruso Юрий Алексеевич Гагарин; [ˈjʉrʲɪj ɐlʲɪˈksʲejɪvʲɪtɕ ɡɐˈɡarʲɪn]), nado en Klushino (óblast de Smolensk) o 9 de marzo de 1934 e finado preto de Novosiolovo (óblast de Vladimir) o 27 de marzo de 1968, heroe da Unión Soviética, foi un cosmonauta ruso que, o 12 de abril de 1961,[1] marcou a historia da humanidade e da exploración espacial ao converterse no primeiro ser humano que viaxou ao espazo exterior, realizando un voo orbital completo arredor da Terra, a bordo da nave espacial Vostok 1.[2]
Gagarin converteuse nunha celebridade internacional, e foi galardoado con diferentes medallas e honores, como o de Heroe da Unión Soviética, o honor máis elevado da nación. A Vostok 1 foi a súa única misión espacial, aínda que ocupou un cargo na tripulación de recambio da misión Soiuz 1 (que terminou en accidente). Despois, Gagarin converteuse no director de formación adxunto do Centro de adestramento de cosmonautas, que logo se renomeou no seu honor. Gagarin morreu o 27 de marzo de 1968 cando o Mikoian-Gurèvitx MiG-15 que pilotaba se estrelou.