Remove ads
obra literaria de Ernesto Guerra da Cal From Wikipedia, the free encyclopedia
Rio de sonho e tempo é un poemario de Ernesto Guerra da Cal, publicado o 6 de abril de 1963 pola Editorial Galaxia. Este foi o segundo poemario, cuxa primeira edición, de 120 páxinas, inclúe 49 composicións. Para a publicación do libro, Guerra da Cal enviáballe cartas cos poemas da obra a Ramón Otero Pedrayo (presidente da editorial naquel momento), solicitando un prólogo, e finalmente ao ser publicada, a obra incluía un limiar escrito por Otero Pedrayo e unha portada deseñada por Fernando Teixidor, quen tamén estaba exiliado nos Estados Unidos.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Rio de sonho e tempo | |
---|---|
Autor/a | Ernesto Guerra da Cal |
Ilustrador/a | Fernando Teixidor |
Lingua | galego |
Xénero(s) | poesía |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1963 |
[ editar datos en Wikidata ] |
En 1991 a Associaçom Galega da Língua (AGAL) publicou unha reedición desta obra, xunto co seu primeiro poemario Lua de alén mar, escrito en galego reintegrado.
O poemario conta cun limiar escrito por Ramón Otero Pedrayo e está dividido en catro partes, que serían: “Pombal de ontens”, “Ego”, “Eva” e “Espelho desabitado”. Tamén hai unha parte do libro dedicada a Rosalía de Castro, que consta de dúas partes: “Perfil da sombra” e “Chamada a ela no apocalipse da Galiza”. Cara ao final da obra achamos un glosario de termos galegos para portugueses e brasileiros e finalmente un índice de contidos.
Rio de sonho e tempo comeza cun limiar, obra de Ramón Otero Pedrayo[1]:
[...] Temos dito, e non ben dito, «libro de poemas». Son acordes, latexos, esquecimentos do soio poema de cada escolleito polo don gratuito e terribre. Noso ademirado Guerra Da Cal, afeito ó fermoso exercicio das millores técnicas da arte literaria, con cheo imperio no seu «ego ipsissimus» volta pra nós fondo e atraente problema, impón a fermosa e amada metáfora xa realidade en entramas costas da serra demarcadoira do trascendente. [...]
A continuación, Guerra da Cal fai unha dedicatoria do seu libro á súa nai e na páxina seguinte preséntanse dúas citas, unha de Shakespeare e outra de Fernando Pessoa. En xeral, ambas falan sobre a figura do poeta como escritor e os seus sentimentos.
Comeza cunha cita do poema Ode to Liberty de Shelley, o cal trata sobre a natureza.
Este tema da natureza vaise converter no tema central desta colección. O poeta trata a natureza, tanto na súa descrición como en mencións curtas desta. A mesma natureza funciona moitas veces como metáfora do paso do tempo. Dentro da colección aparecen outros temas como a nostalxia ou “saudade” da mocidade, con mencións á soidade. Como conclusión, o autor advirte ao lector de que non vire o seu ollar aos tempos pasados debido á dor que isto causa (idea da saudade) fronte á idea do futuro, no cal todo remata. Saudade Líquida e Ontem de cor e auga tratan concretamente da Serra do Courel e da paisaxe lucense, de forma respectiva. Cabe mencionar que nalgunhas obras, o autor ben cita ou ben dedica tales poemas a outros escritores galegos celebérrimos: Ánxel Fole (en Saudade Líquida), ao mestre Manuel Rodrigues Lapa (en Mnemosyne), Uxío Novoneyra (en "Ontem de cor e água") mais unha cita de Teixeira de Pascoaes no poema Conselho. Esta colección contén os sete seguintes poemas: Mais uma vez, Saudade Líquida, Aquela macieira, Ela em min, Mnemosyne, Ontem de cor e água e Conselho.
Comeza cunha cita de Shakespeare, a cal trata da cuestión do “ego” ou tamén da eterna pregunta sobre quen somos nós mesmos (tema central deste poemario).
O autor trata cuestións como o tema da vida e a morte acompañado do sentimento de melancolía romántica e a doenza por elementos da natureza (a cal tamén aparece reflectida na colección). Volven de novo cuestións como o paso do tempo, o ollar cara ao pasado e o futuro visto coma a fin dos nosos días. Alén, aparece a cuestión da inutilidade para amar e a do propio ser, a soidade que sente o corazón sen rumbo mediante imaxes e metáforas da paisaxe.
Dentro desta temática sobre a tristeza interna do autor, existe o contraste entre a paisaxe feliz e a personaxe do propio autor que brinda tristeza ao mundo mediante metáforas, simbolismos e comparacións. Nalgúns poemas tamén se manifesta como o autor se dirixe a unha segunda persoa co resultado de engadir máis expresión ao poema.
Presenta ideas como a compaixón e abandono dun mesmo e a perda da inocencia. Outro tema vagamente mencionado é o da emigración (visto en Broadway, very late...) mesturado coa idea do cosmopolitismo.
Tamén podemos achar varias dedicatorias a personalidades de alta importancia: Cecília Meireles (en Non sum dignus), Fernández del Riego (en Paisagem viageira), Elysio Condé (en Enigma), (en Compaixâo) e a Otero Pedrayo (en Eloim, eloim). Igualmente, o poeta utiliza unha cita do marqués de Santillana no poema Voltas. Manuel Bandeira. Na colección recóllense os seguintes poemas: Identidade, «Non sum dignus» , Voltas, Luar de morte, “Na tarde, a vida a desfolhar-se”, Paisagem viageira, Cançao doente, Enigma, Compaixâo, “Broadway, very late…”, Desespero e Eloim, eloim.
Comeza cunha cita de Milton, a cal trata sobre a descrición nun ton amoroso e de admiración dunha dama. Por isto, podemos supoñer que o tema principal da colección trata sobre a cuestión amorosa.
O tema principal tamén parece corresponder co recordo da amada ou primeiro amor mediante a descrición da propia (ou só dunha parte do seu corpo), razón do namoramento. Estas mencións e imaxes sobre a amada aparecen mediante elementos da natureza e a paisaxe ademais das figuras retóricas como a metáfora, a pregunta retórica, os hipérbatos e o uso dos símiles ao longo do poemario (sen esquecer a expresión que aportan os signos de puntuación). O resultado na maioría dos casos parece levar un sentimento de nostalxia e tristeza pola ausencia ou despedida amorosa.
Ao mesmo tempo, vemos cuestións relacionadas coa relixión (concretamente, coa historia do Xénese) nalgúns poemas. Tamén aparecen parodias de composicións poéticas como a cantiga de amor (debido á forma escrita, a semellanza da rima e temas que tratan as cantigas medievais) e o haiku.
No poemario aparecen dúas citas de Bernart de Ventadorn nos poemas Ausencia e Alva em «maneira de proençal» , se cadra para dar a coñecer a este popular trobador.
Esta colección constitúese polos seguintes poemas: Namoro primeiro, Teima de olhos, Desencontro, Cantiga antiga, Madrigal do azar azul, «Paradise Lost» , «Haiku» , Vazio, Descoberta, Beijo, Ausência, Quando a tinha ao meu lado…, Alva em «maneira de proençal» e Fim.
Comeza cunha cita de André Gide, que trata sobre o recordo das memorias pasadas. Polo tanto poderiamos dicir que trata o tema do encontro persoal.
O tema principal componse das cuestións do camiño ao que vai dar a vida, a queixa do amor e a condición humana por seren de natureza malvada, o concepto da eternidade que une tanto o pasado coma o presente etc. Outras cuestións similares tratan sobre a morte, a saudade dos tempos pasados fronte ao desolador futuro con mencións á natureza.
Deste xeito, algunhas figuras que utiliza o poeta nestas obras son a anáfora, preguntas retóricas, a personificación de elementos da natureza e, sobre todo, as metáforas.
Como nas outras coleccións, nesta aparecen dedicatorias a máis personalidades coñecidas: ao mestre Hernâni Cidade (en Pensamento), a Ángel del Río (en Trans-mundo), a Thiers e Rosita Moreira (en Setembro) e finalmente a Matilde Ucelay en Instante. Ademais, no poema de Lázaro aparece unha cita de Robert Frost, a cal inspira á mesma obra.
Finalmente, o poemario consta dos seguintes poemas: Retorno, Arrepio, Pensamento, Trans-mundo, Fábula, Auto-retrato, «Trompe l’oeil» , Lázaro, Relógio, Desengano, Devaneio, Setembro, Cor de outono em Connecticut e Instante.
Guerra da Cal dedica a súa última colección á escritora Rosalía de Castro con dous poemas. No primeiro, tratan as traxedias polas que tivo que pasar a poetisa, destacando o seu gran traballo e a súa fortaleza. Nestes versos áchanse figuras como o paralelismo, símiles e a reduplicación.
No segundo poema o autor fala sobre a neve, a noite e a morte que vai arrasando todo o que encontra mentres entre parénteses aparece a pregunta retórica sobre o paradeiro de Rosalía ao longo da composición, polo que se ve que o autor fai un chamamento á poetisa para que poida cambiar a situación de tormento que está a acontecer. Ao non responder, este sómese nunha tristeza inmensa pola perda da escritora e o que ela chegou a significar para Galiza. Durante a composición podemos observar figuras como imaxes da natureza, o grande uso da adxectivación e sobre todo, bastantes enumeracións.
O nome co que se coñecen estes poemas son: Perfil da sombra e Chamada a ela no apocalipse da Galiza.
Para rematar, cara ao final da versión moderna do libro móstrase un índice seguido dun glosario de galaicismos e rematando cunha bibliografía da obra lírica.
O 11 de xuño de 1960 Da Cal recibiu, no Paço dos Duques de Guimarães, o “Premio Rosalía de Castro” nos Jogos Florais Galaico-Portugueses de Guimarães, pola súa composición titulada “Rosalía (Perfil de sombra)”. O poema, que forma parte da colección de Rio de sonho e tempo, foi publicado por primeira vez no Programa do acto[2], e ao igual que a outra composición dedicada a Rosalía, “Chamada a ela no apocalipse da Galiza”, foi reproducida en varias ocasións antes e despois da súa publicación na colección. Aínda que este último non recibiu ningunha consagración.
Ademais, en 1971 foi incluído na antoloxía Poesía Galega Contemporánea, publicada no Diário de Notícias de Lisboa e en 1991 foi reeditado en conxunto con Lúa de alén mar pola Associaçom Galega da Língua (AGAL).
Nesta segunda edición realizada pola AGAL en 1991 inclúense os mesmos poemas, mais nesta reedición engádense dous apéndices, un para as pezas musicais, onde se poden ollar os pentagramas coa explicación para interpretar a peza. Neste caso, os poemas elixidos para seren cantados e tocados a piano e arpa son: ''Mais uma vez", "Desespero", "Cantiga Antiga'' e ''Instante''. Tamén hai unha tabula gratulatoria, algo que non aparece na edición de 1963.
Profundando nas edicións reparamos en que hai moitas diferenzas, se ben as partes e o número de poemas é o mesmo. Encontramos cambios léxicos e ortográficos, ademais da presenza de cambios na orde dalgúns versos. Débese engadir que na edición de 1991 todos os poemas teñen título, mentres que no orixinal non é así (como é o caso no décimo poema da parte “Espelho desabitado”).
A estrutura dos poemas é totalmente distinta, o autor da edición máis nova non respecta a do libro orixinal, os versos non están colocados da mesma forma.
Uns meses máis tarde, en xuño publicouse a primeira crítica, realizada por Fernández del Riego en La Noche, quen destaca a “fonda devoción pola súa terra” de Guerra da Cal. Valórao ademais como “un libro de calidade, que complementan aínda os maníficos poemas finás nos que o poeta dá, en dous tempos, unha orixinal visión do mundo rosalián. [...] Da Cal apreiza en versos rotundos e armoñosos, a beleza fonda e perdurabre”.[3]
Pouco máis tarde publícase tamén a crítica de Raymond S. Sayers na Revista Hispánica Moderna, profesor do City College de Nova York e reputado crítico, afirma que Da Cal é coñecido como “crítico e historiador das literaturas ibéricas, e sobre todo polo seu libro fundamental sobre Eça de Queirós”. Destaca o feito de que Guerra da Cal empregue o galego na poesía pese a empregar o español ou o portugués para escribir ensaios, remarcando que para Da Cal o galego é a “lingua dos seus antepasadaos e dos seus recordos da infancia, das experiencias que profundamente fican no seu subconsciente”. Fai destacar tamén a facilidade de lectura para brasileiros e portugueses, posto que facilita a internacionalización do poemario.[4]
Tamén se publicaron outras críticas como a de Arcadio López-Casanova, tamén en La Noche, remarcando este a dupla dimensión de Da Cal como investigador e poeta ademais de destacar o feito de que o autor xera un grande impacto nos novos escritores galegos polo emprego de galego que fai, posto que “quere recobrar o tempo ido” e conclúe que no último poema, dedicado a Rosalía, “acada un fermoso retrato do noso mais outo poema de todolos tempos, que en a ser un retrato da ialma limpa e doorida de Galiza, que de xeito tan fondo sinte Ernesto Guerra da Cal”.[5]
Outras críticas foron a de Salvador García Bodaño en Faro de Vigo[6] ou a de Maria Joaquina Nobre Júlio na revista portuguesa Perspectivas, publicación que axuda á difusión da súa obra en Portugal e que resalta que na poesía de Guerra da Cal “cabe toda a paisagem galega”.[7]
Porén, a máis destacábel é a de Ánxel Fole, quen na segunda publicación de Grial do ano 1963 compara Rio de sonho e tempo co anterior poemario do autor, Lúa de alén-mar, achegando o seu propio pensamento acerca da obra de Guerra da Cal.[8]
«Iste seu segundo libro de trovas, “Río de sonho e tempo” é máis fermoso e máis inspirado o que se dí, que aquil primeiro “Lua de alén-mar”. Máis fondamente sentido e pensado. Tamén máis ricaz. Ten máis aire, máis vento, máis auga: máis paisaxe. E tamén máis pálpito. Ibamos decir que ten máis alma. Moitos silenzos pensatibres. E máis paisaxe, por dentro e por fora. Esta máis ateigado de relembros e saudades.»
As críticas seguirán sendo publicadas en diversas partes do mundo como Estados Unidos, Italia ou Brasil. Cabe destacar neste último a recensión de Antônio de Oliveira Coelho en Tempo Brasileiro ou a publicación no Jornal de Letras, Artes e Ideias de dous dos seus poemas (“Compaixón” e “Enigma”) na súa versión orixinal máis tamén cunha tradución ao portugués do Brasil realizada por Manuel Bandeira.[9]
Todas as críticas que recibe, ademais de seren positivas, axudan en certo modo á internacionalización do galego.
Un dos exemplos de crítica dende Portugal é a que fai Jacinto do Prado Coelho no Dicionário da literatura galega (1973), achegando que Guerra da Cal presenta na súa obra composicións de elaborada e rica complexidade rítmica con contidos próximos a un sentido humanístico, ademais de que podemos considerar Rio de sonho e tempo como unha obra de tendencia subxectivista dentro da poesía galega contemporánea, mais esta non é realmente recoñecida actualmente en Galiza, ao igual que o autor, polo mero feito de este ter vivido máis tempo no estranxeiro que na propia Galiza.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.