poeta estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Robert Lee Frost, nado en San Francisco (California) o 26 de marzo de 1874 e finado en Boston o 29 de xaneiro de 1963, foi un dos máis importantes poetas dos Estados Unidos do século XX. Frost recibiu catro premios Pulitzer.
O pai de Frost bebía, xogaba e era excéntrico e irascibel. A súa nai era o oposto, relixiosa e culta e foi quen presentou ao fillo o mundo da literatura. Coa morte do pai en 1885, a familia mudouse a Nova Inglaterra, rexión á cal Frost e a súa poesía serían permanentemente asociados no futuro (aínda que o poeta tamén pasou longas tempadas en Míchigan e Florida).
En 1890, publicou o seu primeiro poema, comezou a dar clases e realizou pequenos servizos en facendas e muíños. A vida que levaba nese período moldeou a súa personalidade poética: Frost foi un dos poetas norteamericanos que mellor combinou nos seus versos o popular e o moderno, o local e o universal.
En 1895, iniciou unha nova fase na súa vida co seu matrimonio con Elinor White o 19 de decembro; o seu primeiro fillo naceu o ano seguinte (tiveron seis en total), e pasou a involucrarse cada vez máis na vida no campo: en 1901 xa administraba a súa propia facenda. Adquiriu o hábito de escribir os seus poemas á noite, na mesa da cociña. A partir de 1906, cando comezou a dar clases a tempo completo na Pinkerton Academy, a vida profesional de Frost non se volveu separar máis das letras. Comezou a impartir leccións e conferencias, actividade que non abandonou ata a morte.
Entre 1912 e 1915 viviu no Reino Unido, país onde publicou os seus dous primeiros libros de poemas, A Boy’s Will (1913) e North of Boston (1914). Os libros foron ben recibidos pola crítica europea, e Frost foi presentado a poetas famosos, como Ezra Pound, Ford Madox Ford e W. B. Yeats.
En 1915 volveu aos Estados Unidos, e o mesmo ano lanzou no seu país natal os seus dous primeiros libros. Entre as súas publicacións de 1920 está o poema "Fire and Ice". Coa carreira literaria cada vez máis consolidada, recibiu o Pulitzer (1924, por New Hampshire, e 1931, por Collected Poems).
A morte da súa esposa en 1938[1] e o suicidio da súa filla Carol en 1940 causaron un impacto tremendo na súa estabilidade emocional. En 1941, mudouse a Cambridge, onde viviu o resto da súa vida, todo o tempo asesorado pola súa secretaria Kathleen Morrison; inmediatamente despois da morte da súa dona, Frost pediulle matrimonio a Kathleen, máis esta rexeitouno.
As viaxes como conferencante incluíron unha visita ao Brasil (Río de Xaneiro e São Paulo) en agosto de 1954. En 1957 volveu visitar Europa, ocasión en que coñeceu grandes nomes da literatura da época como W. H. Auden, E. M. Forster, Cecil Day Lewis ou Graham Greene. Plenamente recoñecido como un dos maiores poetas norteamericanos do século XX, Robert Frost morreu o 29 de xaneiro de 1963.
A produción literaria de Frost é variada e abondosa. A súa poesía inclúe sonetos, poemas en forma de diálogo, poemas curtos e poemas longos. Escribiu tres pezas teatrais (A Way Out, In an Art Factory e The Guardeen). Son moi numerosos os rexistros das súas conferencias. A correspondencia, os ensaios e as historias merecen o mesmo comentario.
Frost ten a capacidade de dar un tratamento simple e ao mesmo tempo profundo a temas elementais (lume, xeo, natureza), tirando certas "leccións de moral" das súas observacións do mundo natural (leccións non sempre optimistas, como se pode notar en Nothing Gold Can Stay). Tal trazo, aliado á modernidade da súa linguaxe (Frost era un defensor do uso da linguaxe vernácula nas obras literarias), fixo que Frost xamais deixase de figurar entre os escritores predilectos dos norteamericanos, ao lado de nomes como Whitman, Emerson e Thoreau. O seu poema "The Road Not Taken" é peza obrigatoria en calquera antoloxía poética de lingua inglesa.[2][3] Proba adicional da súa popularidade son as varias referencias en filmes como Dead Poets Society e Baixo o peso da lei.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.