From Wikipedia, the free encyclopedia
O real de oito é unha antiga moeda española de prata con valor facial de 8 reais, con arredor de 39 milímetros de diámetro e un peso próximo aos 27 gramos, cuñada en España e nas súas colonias americanas desde 1598 ata a segunda metade do século XIX. É a orixe do peso español e dos países suramericanos. Inicialmente equivalía a 272 marabedís de cobre, aínda que en 1642 o seu valor foi elevado a 340 marabedís.[1][2]
Real de oito † | |
---|---|
Moeda de 8 reais ou "peso" | |
Real de oito columnario cuñado en Potosí en 1770 | Real de oito de Carlos IV de 1806 |
Ámbito: | España Circulación internacional |
Fracción: | 8 reais = 272 marabedís de cobre |
Moedas: | 1/2, 1, 2, 4, 8, 16 marabedís 1/4, 1/2, 1, 2, 4 e 8 reais |
Emisor: | |
Esta moeda, concibida para disputar a súa primacía como unidade de uso internacional co tálero do Sacro Imperio, foi amplamente utilizada en moitos países como unidade de conta nas transaccións de comercio internacional por mor da súa estabilidade, garantida polo poder político e económico de España no contexto internacional da época e apoiada pola explotación das ricas minas de prata suramericanas. Algúns países chegaron mesmo a contremarcar moedas españolas de 8 reais co fin de lle dar carácter formal á súa circulación como moeda local.
O real de oito foi a moeda a partir da cal se creou o dólar estadounidense (aínda que o nome o tome do daler holandés) e, de feito, o curso legal desta moeda española permaneceu en vigor nos Estados Unidos ata a Coinage Act de 1857, pola que se prohibiu a circulación de calque moeda estranxeira. Polo seu uso xeneralizado en Europa, América e o Extremo Oriente, converteuse na primeira moeda mundial a principios do século XVII.[3][4]
Logo da introdución do guldengroschen en Austria en 1486, o concepto dunha grande moeda de prata, cun elevado grao de pureza e un peso de arredor dunha onza estendeuse polo resto de Europa (o Joachimsthaler austríaco comeza a cuñarse en 1518).[5][6] A reforma monetaria en España establecida polos Reis Católicos mediante a pragmática e as ordenanzas reais de Medina del Campo do 13 de xuño de 1497), foi o detonante para a creación da moeda de 8 reais, ou real de oito, nese mesmo ano. Corenta anos despois, en 1537, creábase o escudo de ouro, cun valor de 16 reais de prata (dous pesos), e o seu múltiplo, o dobrón de 2 escudos de ouro, con valor de 32 reais. Foi esta divisibilidade das moedas do sistema monetario español da época a que provocou que o peso de 8 reais se denominase "real de oito".[7]
As primeiras moedas con valor facial de 8 reais foron cuñadas na Coroa de Castela a partir da reforma monetaria de 1497, levada a cabo polos Reis Católicos, aínda que esta peza non ten aínda as características metrolóxicas do que se coñece como real de oito no contexto numismático mundial.
Desde o seu nacemento e ata o século XIX, o real de oito tivo diferentes modelos, tanto en España coma no Novo Mundo. Logo da descuberta de importantes depósitos de prata en México (por exemplo, en Taxco e Zacatecas), en Potosí (na actual Bolivia) e noutras posesións españolas en América, asíña se empezou a cuñar moeda neses lugares, en ocasións para a súa circulación local e noutras para ser levada á Península. As primeiras casas de moeda con carácter permanentes establecéronse en México (1535), Santo Domingo (1536), Lima (1565), Potosí (1572), Bogotá (1630) e Santiago de Chile (1743).[8]
As primeiras moedas tiñan formas e deseños irregulares, e estaban cortadas con tesoiras, situación que se normalizou a partir de 1730, coa instalación de máquinas de cuñaxe máis modernas na Casa de Moeda de México. É a partir dese momento cando os pesos españois de 8 reais empezan a dispor da aceptación internacional que caracterizará a súa existencia nos dous séculos seguintes. A casa da moeda de México converteuse na máis importante do mundo no século XVIII, cunha capacidade de cuñaxe de 30 millóns de pesos ao ano. Entre 1537 e 1892, nesa fábrica batéronse oficialmente 3.292 millóns de reais de oito.
As principais casas de moeda do Novo Mundo que produciron reais de oito foron as de Potosí, Lima e a cidade de México (e en menor medida Bogotá, Popayán, cidade de Guatemala e Santiago). Nos seus principios, estas pezas distínguense das cuñadas na Península pola presenza das Columnas de Hércules nos deseños dos seus reversos ("columnarios"), ata que en 1773 se substituíron polo busto do rei, tal e como sucedía nas fábricas peninsulares.[9]
Estes son os tipos máis representativos dos reais de oito durante os seus tres séculos de existencia:[10]
No século XIX, o valor facial destas moedas cambiouse a 20 reais, (con base na equivalencia nesa época entre o real de oito e o valor de 20 reais de billón). Durante o reinado de Fernando VII coexistiron ambas as pezas, mais Isabel II de España xa non cuñou reais de oito, senón que estes foron substituídos inicialmente polos 20 reais (cun sistema xa decimal), na reforma monetaria de 1848, posteriormente polos 2 escudos, na reforma de 1864, e finalmente polas 5 pesetas, na reforma de 1869.[13]
Tras a independencia de México en 1821, o sistema monetario da nova república mantivo o a estrutura española dos reais de prata e os escudos de ouro, ata a decimalización do sistema e a introcución do peso como moeda nacional, inspirada á súa vez no real de oito español.[14]
Logo da declaración de independencia do 25 de maio de 1810, Buenos Aires e a outras provincias do Río da Prata comezaron unha guerra da independencia na que enviaron expedicións militares á rexión do Alto Perú, onde resistían as tropas realistas. Os arxentinos tomaron a cidade de Potosí en 1810, 1813 e 1815. Foi alí, xa que logo, na casa de moeda de Potosí ocupada militarmente, onde se produciron as primeiras moedas da Arxentina independente, que amosaban os símbolos da súa revolución, mantendo o valor facial dos 8 reais españois, ata que a nova república acabou por oficializar o peso como moeda nacional.[15][16]
Cando se estableceu na actual Australia a colonia de Nova Gales do Sur en 1788 xurdiu o problema da falla de moeda circulante. En 1812, o gobernador Lachlan Macquarie tivo a iniciativa de usar o equivalente a 10.000 libras en reais de oito españois enviados polo Goberno británico, que se converteron, xa que logo, nas primeiras moedas que circularon en terras australianas. Co fin de impedir o seu uso fóra da colonia e duplicar o número de moedas, decidiuse cortar os seus centros, de xeito que tanto o pequeno disco central resultante (coñecido como dump) coma o aro exterior (chamado holley dollar - "dólar furado") foron estampados con marcas e lendas alusivas ao novo valor facial e ao territorio onde debían circular. Aos centros déuselles un valor de 15 peniques e os bordos convertéronse en pezas de cinco xilins (ou unha coroa británica). A experirncia tivo, no entanto, unha curta duración, xa que o Parlamento británico aprobou en 1826 Sterling Silver Money Act, que deslexitimou oficialmente o uso dos holley dollars e dos dump nos territorios coloniais australianos.[17][18]
Cara á fin do século XVIII, o real de oito circulaba adoito na parte oriental do Canadá. O seu valor variaba en función do lugar, e o máis alto era o de Halifax, o que motivaba que cando os comerciantes da Illa do Príncipe Eduardo os acumulaban, marchaban con eles a Halifax para aproveitar a vantaxe do seu valor alí. Este feito derivou nunha escaseza de dinero circulante na illa, o que levou o gobernador en 1813 a xuntar todos os reais de oito que puido e facer perforar os seus centros, do mesmo xeito que se estaba a facer en Australia, e a marcalos para que só puidesen circular nese territorio.[19][20]
Antes da Revolución Americana, por mor da política mercantilista británica, dábase unha situación de escaseza crónica de moeda da metrópole nas súas colonias de Norteamérica, de maneira que o comercio se facía adoito utilizando reais de oito españois (que eles chamaban spanish dollars), que se obtiñan a través do comercio ilícito coas Antillas españolas.[21]
Iso explica que, no inicio da guerra de independencia en 1776, o novo Congreso dos Estados Unidos emitise papel moeda, coñecida como continental currency dollar, en que aparecía impresa a promesa de convertibilidade en reais de oito españois.
Mediante a Coinage Act de 1792 fundouse a United States Mint ("Casa da Moeda dos Estados Unidos") e emitiuse a primeira moeda dun dólar, aínda que esta non logrou desbotar o peso español, dado o maior peso e a maior cantidade de prata deste.
Esta situación de circulación simultánea de dólares e reais de oito nos Estados Unidos foi legal ata que se aprobou a prohibición da circulación da moeda española mediante a Coinage Act de 1857.[22]
O gobernador de Curaçao, ante a escaseza de floríns, decidiu en 1799 usar pezas de reais de oito españois, que se fragmentaban en catro porcións (ás que se lles engadía unha marca central) e ás que se lles asignaba un valor incrementado de tres reais por unidade. A creación destas emisións constituíu a orixe do posterior Banco das Antillas Neerlandesas.[23]
No século XIX, a circulación de reais de oito era moi común en todo o Sueste de Asia, na costa da China e no Xapón. Estas moedas levaban 250 anos introducíndose nas Filipinas españolas a través de, a onde chegaban en buques desde Acapulco, en México. Estas naves, coñecidas como galeóns de Manila, supuñan un botín moi tentador para os barcos piratas.
O real de oito español converteuse en moeda de comercio internacional en todo o Extremo Oriente, primeiro en solitario e despois en competencia cos táleros de diversas potencias europeas (principalmente o tálero de María Tareixa) e outras moedas coloniais como o dólar de Hong Kong ou a piastra de comercio creada en 1885 por Francia para a Indochina e para a Cochinchina.[24]
Neste comercio oriental, os pesos españois comtramarcábanse adoito con caracteres chineses, que indicaban que a peza en cuestión fora examinada e autenticada por un comerciante recoñecido.
Ata o século XIX, as únicas moedas no mercado eran os reais de oito españois cuñados no Novo Mundo, principalmente en México. No entanto, desde a década de 1840 empezaron a ir substituíndose polos pesos emitidos polas xa independizadas repúblicas hispanoamericanas. De feito, os primeiros reais de oito e pesos do México independente foron os que servidon de inspiración para os deseños das primeiras moedas emitidas para a circulación naquela rexión, como os dólares de Hong Kong cuñados entre os anos 1866 e 1868 pola Casa da Moeda de Hong Kong,[25] ou os iens xaponeses emitidos en 1871.[26][27]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.