From Wikipedia, the free encyclopedia
A orde do Císter (en latín: Ordo cisterciensis, o.Cist.) é unha orde relixiosa fundada en Citeaux por Roberto de Molesmes no ano 1098. Foron coñecidos na idade media como os monxes brancos, pola cor do seu hábito, en oposición aos monxes negros, que eran os beneditinos. En 2020, sumaba 1.601 monxes, mentres que a rama feminina da orde, en 2015, contaba con 825 relixiosas.[1][2]
Orde do Císter Ordo Cisterciensis | |
---|---|
Escudo da orde do Císter | |
Orde relixiosa da Igrexa católica | |
Historia | |
Fundación | 1098 |
Fundador | San Roberto de Molesme |
Goberno e estrutura | |
Abade Xeral | Mauro-Giuseppe Lepori |
Membros | Arredor de 1600 monxes e de 800 monxas |
Outros datos | |
Siglas | O.Cist. |
Páxina web | www.ocist.org |
Ao perder a orde de Cluny o seu fervor á causa das riquezas acumuladas, xorde a reforma cisterciense, saída do mosteiro do Císter en Borgoña. O fundador foi o beneditino Roberto de Molesmes (1024-1111). Este pretendía seguir unha vida monástica máis fiel á Regra de San Bieito, establecendo unha comunidade de ermitáns en Molesmes en 1075. Este mosteiro medrou moito e houbo tensións dentro dos monxes entre os que querían seguir as interpretacións de Roberto de Molesmes e os que preferían seguir a Cluny. Finalmente, 21 relixiosos seguiron o prior Alberico e o abade Roberto e marcharon de Molesmes, fundando o 21 de marzo de 1098 un novo mosteiro en Citeaux, ao sur de Dijon, na diocese de Chalon. O sucesor de Roberto, que volveu a Molesmes por decisión papal, foi Alberico. Con Alberico adoptouse o hábito branco característico da orde, como mostra de humildade rexeitaron tinguir a la como facían os beneditinos.[3]
Falecido en 1109, foi Estevo Harding quen tomou a dirección do mosteiro nun momento no que, debido á dureza da vida da comunidade, estaba en crise pola falta de vocacións. Con todo, nos anos seguintes, a Orde do Císter comezou a fundar novos cenobios: La Ferté (1113), Pontigny (1114) e Clairvaux, chamado Claraval en galego (1115).[4] Estevo Harding escribiu entre 1118 e 1119 a Carta Caratatis ou Carta de Caridade, considerado como o primeiro documento de goberno da Orde. Nesta, recompila os usos e costumes dos mosteiros para velar pola cohesión na observancia.[5] A organización da orde descansaba sobre unha xerarquía á fronte da cal estaba o abade de Citeaux, que convocaba anualmente aos abades das diferentes casas para un Capítulo Xeral.[6] Durante os seus 25 anos de abade, o Císter consolidouse e difundiuse mediante novas fundacións e, cara ao 1125, patrocinou a rama feminina ao fundarse a abadía de Tart.
O Císter comezou un período de esplendor no século XII, en tempos de Bernaldo de Claraval, abade do mosteiro de Claraval, figura senlleira no cristianismo do momento. Só baixo a súa dirección, Claraval difundiu o Císter coa fundación de 65 novos cenobios. En poucos anos, os mosteiros cistercienses comezaron a agromar por toda Europa: monxes de La Ferté fundaron o primeiro en Italia foi na Liguria, en Tiglieto (1120), outros dende Morimond crearon o de Kamp, próximo a Colonia (1123), os membros de Claraval centráronse en terras renanas e nos Países Baixos, fundado Eberbach en Nassau (1131), Himmerod preto de Tréveris (1134) e Ter Duinen en Flandres (1149). Dende Francia dirixíronse ás Illas Británicas e fundaron Waverley (1129), logo se establecerían en Gales, Escocia e Irlanda.[7] En Austria, o mosteiro máis antigo é o de Rein fundado en 1129, cuxa abadía é a máis antiga aínda en funcionamento da orde.[8]
Grazas a esta notable actividade, para 1200 xa sumaban máis de 500 casas.[9] Tamén entre 1145 e 1153, un cisterciense chegou ao pontificado, Uxío III, quen fora abade do mosteiro de Tre Fontane e discípulo de Bernaldo de Claraval.
A chegada da orde á Península Ibérica foi coa fundación do mosteiro de Niencebas en 1140 grazas a unha doazón do rei Afonso VII de León, esta comunidade acabou trasladándose a Fitero (Navarra) en 1152. A rama feminina estableceuse por primeira vez en Tudela (Navarra) en 1142, mudándose a Tulebras en 1156, onde se mantén actualmente.[10]
Se ben durante os séculos XIII e XIV a orde foi a máis importante de Europa, no século XV entrou en crise por múltiples factores: o cisma de Occidente, as guerras e as encomendas danaron á orde. Para resolver isto, os mosteiros cistercienses reorganizáronse creando congregacións que agrupasen aos cenobios existentes dentro dun Estado. Este movemento foi cuestionado pola abadía de Citeaux pois supuña a perda do control de parte da rede de mosteiros, pero foi apoiado polos papas.[11] Deste modo, no ano 1427, en Santa María de Sión, na periferia de Toledo, frei Martín de Vargas fundou a Congregación Cisterciense Reformada, tamén coñecida como Congregación de Castela. Posteriormente, este movemento foi seguido noutras rexións, nacendo as congregacións da Lombardía e Toscana, Portugal, Alemaña, Aragón ou Roma, por citar algúns exemplos.[4] Á fronte das congregacións estaba un vicario do que dependían os superiores dos mosteiros que se integraban nela. Durante os séculos XV e XVI houbo tensións dentro da orde pola pretensión de Citeaux de manter o control fronte a vontade de autonomía das congregacións.
A reforma protestante supuxo a disolución das comunidades dos Países Baixos, Escandinavia, os países bálticos e Gran Bretaña. En Alemaña, algúns mosteiros, como o de Eberbach, foron saqueados no contexto das guerras campesiñas, e entre os propios membros houbo disidencias pola adopción do luteranismo. Deste xeito, ao longo do XVI, 45 dos dos 104 cenobios que o Císter contaba en terras alemás pecharon por mor da Reforma; en Suíza só quedaron 4, a metade dos que contaba a orde a principios de século.[12]
Nos séculos XVI e XVII o Císter afrontou tensións internas derivadas das reaccións dalgunhas das comunidades ante o que se entendía era a relaxación na observancia das regras da orde. Así, na década de 1570, no mosteiro de Notre-Dame-des-Feuillants, próxima a Tolosa, conformouse unha nova congregación cisterciense, chamada dos feuillants. Baseábanse nunha volta a unha ascese moi estrita na vida dos monxes: vexetarianismo estrito, durmir e comer no chan, e traballo. O papa Gregorio XIII recoñeceuna como unha congregación independente en 1589 e tamén se difundiu en Italia, ademais de en Francia.[13][14]
Mais, de maior entidade, foi o movemento iniciado en 1664 por Armand Jean Le Bouthillier de Rancé (1626-1700), abade de La Trappe (Francia). Este presentou unha reforma austera baseada no traballo manual duro, silencio, illamento e dieta frugal (prohibición de inxerir "animais de catro patas").[15] O xeito de entender a vida monástica de De Rancé foi imitada por outras comunidades cistercienses, e tamén se espallou pola fundación de novos mosteiros. Por extensión, en referencia a La Trappe, todos estes mosteiros foron chamados "trapas" e os seus membros, "trapistas".[16][17] A concepción da ascese da reforma de Rancé foi recollida no seu manuscrito en latín, Declarationes in regulam beati Benedicti ad usum Domus Dei Beatae Mariae de Trappa. Se ben os feuillants desapareceron coa Revolución Francesa, o movemento de Rancé foi a orixe dunha convivencia de observancias dentro da Orde do Císter que acabou por resolverse no século XIX coa separación da Orde Cisterciense da Estrita Observancia do resto do Císter, que pasou a denominarse "común observancia".[18]
Os procesos secularizadores que se sucederon dende o século XVIII afectaron á orde. Deste xeito, por influencia da Ilustración, algúns déspotas ilustrados fixeron previsións para acoutar ás ordes relixiosas contemplativas, o caso máis significativo foi Xosé II de Austria que na década de 1780 pechou centos de mosteiros.[19][20] A Revolución Francesa supuxo a exclaustración e ruína da maior parte das comunidades cistercienses de Francia. No XIX, as desamortizacións supuxeron tamén a fin da orde en España.
Durante o século XIX , as comunidades que seguían as reformas da Trapa foron máis activas na refundación de mosteiros. A "común observancia" reorganizouse dende as comunidades italianas baixo o patrocinio do papa Pío VII, creándose a Congregación de San Bernaldo en 1820 que agrupaba aos cenobios cistercienses de Italia non adheridos á "estrita observancia".[21]
A comezos do século XXI, a Orde do Císter presentaba unha das menores diminucións dos seus membros entre as ordes relixiosas católicas. Así en 1959, cando Xoán XXIII anunciou a convocatoria do Concilio Vaticano II, a orde contaba con 1623 monxes, e en 2020, eran 1601.[1] A congregación máis numerosa en 2015 era a da Sagrada Familia (Vietnam), con 835 membros.[22] É alí onde están os mosteiros masculinos máis numerosos da orde, segundo os datos de 2015: Phuoc Son con 159 relixiosos, Phouc Ly con 137 e Chau Son Don Duong con 135.[23] Para o mesmo ano, as comunidades femininas máis grandes eran as de Vĩnh Phước (Vietnam) con 57 monxas e a de Seligenthal (Alemaña) con 42.[2]
A tendencia da orde foi a de ocupar terras inhabitadas en lugares polo común afastados dos núcleos de poboación. Ademais, desde o ano 1191 pesa a prohibición sobre as comunidades cistercienses de mercar bens inmobles, prohibición que foi anulada no ano 1216 e posta de novo en vigor máis tarde.
O proceso de fundación e construción dos novos cenobios cistercienses regúlase nos Capítulos Xerais do Císter
Doce monxes, trece co abade, serán enviados a un novo mosteiro, pero non partirán ata que o lugar estea provisto de edificios (oratorio, refectorio, dormitorio, cela de hóspedes e cela de porteiro)
O mosteiro de nova fundación debería situarse nun lugar illado, lonxe de cidades, castelos ou aldeas, lonxe do tráfico de xente, tal e como se establecera polo Capítulo Xeral de 1134. Incluso prohibíase a construción de vivendas no contorno do mosteiro.
A chegada da orde a Galicia ten lugar en 1141 e 1142 co establecemento de comunidades procedentes de Claraval en Santa María de Oseira e Santa María de Sobrado. Entre 1142 e 1225 fundáronse ou integráronse no Císter 14 mosteiros galegos:[24]
Paralelamente, a rama feminina da orde estableceuse por primeira vez no Mosteiro de San Miguel de Bóveda (Amoeiro) cara a 1173, e no do Divino Salvador de Ferreira de Pantón en 1175.[25][26]
Reis como Afonso VII, Fernando II e Afonso IX promoveron a instalación da nova orde concedendo xenerosas doazóns monetarias e grandes privilexios territoriais (coutos) aos seus mosteiros.[27] Detrás disto está a estratexia de controlar o territorio grazas a este monacato, debido á desconfianza da Coroa cara á nobreza galega, tanto laica como eclesiástica, logo de que quedase desprazada da reconquista cara ao sur e a independencia do Reino de Portugal.[28][29]
No xuízo de Andrés Torres Queiruga, Galicia "sentirá o seu influxo benfeitor na colonización de lugares improdutivos e inhabitados, na planificación do labor agrícola, na promoción de servos a colonos de numerosos traballadores en granxas creadas polos mosteiro'".[30] Os cistercienses tiveron un rol fundamental na transformación e organización agraria galega. Nos primeiros tempos, predominaba a explotación directa das súas posesións. Nas zonas máis afastadas ao cenobio, recorríase a granxas nas que baixo a dirección dun magister grangiae traballaban "frades labradores", conversos (laicos que ingresaban no mosteiro) e campesiños asalariados.[24] Logo, co crecemento do patrimonio territorial dos mosteiros, grazas ás doazóns da nobreza e das adquisicións feitas, a explotación directa deu paso ao réxime foral a partir do século XIII, establecéndose un esquema produtivo que perdurou ata a desamortización de Mendizábal (1836). Deste xeito, mediante os seus contratos forais, o Císter impulsou o cultivo de novos eidos para agricultura e incrementou o cultivo de vide, incluso en zonas pouco aptas.[4] Os mosteiros recibían as abondosas rendas que saciaban as necesidades da comunidade e que permitiron emprender as ampliacións dos seus edificios.[31]
No século XV, o sistema de encomenda afectou negativamente ao monacato, polo que logo da fundación da Congregación de Castela, os cenobios galegos vanse incorporando malia as resistencias: Sobrado en 1494, Aciveiro e Penamaior en 1505, Melón en 1506, Meira en 1514, Montederramo en 1518, Franqueira en 1528, San Clodio e Armenteira en 1536, Oseira en 1545, Xunqueira de Espadanedo en 1546 e Oia en 1547. Isto motivou trocos moi importantes na súa organización: Aciveiro, A Franqueira e Penamaior perderon a categoría de abadías polas menores rendas que percibían, e Toxos Outos pasou a ser un priorato de Sobrado. A incorporación á congregación castelá supuxo que moitos abades fosen foráneos e que a lingua galega deixase de ser empregada na documentación conventual: os derradeiros documentos son do mosteiro de San Clodio en 1532.[32] Mais, a orde coñeceu un renovado pulo en Galicia como evidencia que Meira e Montederramo acolleran colexios de filosofía e Sobrado e Oseira viviron un período de riqueza.[4]
Nos séculos XVII e XVIII os mosteiros galegos do Císter coñeceron un importante crecemento das súas rendas grazas á introdución de novos cultivos procedentes de América. Isto facilitou a remodelación dos seus edificios en estilo barroco, como o da igrexa de Santa María de Sobrado, consagrada en 1708.[33]
Durante o primeiro terzo do século XIX, o incremento das cargas fiscais do Estado minguaron as rendas dos mosteiros.[34] Mais, a desamortización de Mendizábal supuxo a fin das comunidades cistercienses en Galicia: primeiro os seus membros foron exclaustrados e os seus cenobios disoltos, logo, procedeuse á venda en poxa do seu patrimonio inmobiliario.[4] A maior parte das edificacións foron abandonadas aínda que nalgúns casos as igrexas continuaron como parroquias. No século XX, monxes da familia cisterciense, trapistas desta volta, instaláronse de novo en Oseira e Sobrado,[35][36] mentres que o de Armenteira acolle monxas trapistas dende finais dese século. Por outra banda, o do Divino Salvador de Pantón, mantén unha comunidade feminina ligada á Congregación Cisterciense de San Bernaldo.
Os regulamentos do Císter no relativo á construción e decoración dos seus mosteiros nos séculos XII e XIII, deron lugar a un estilo arquitectónico de seu que marca a transición entre o románico e o gótico.[37] A austeridade que a caracteriza nace das indicacións de Bernaldo de Claraval, quen contra o ano 1125, nunha carta ao abade de Saint-Thierry na diocese de Reims, censurou a suntuosidade das abadías bieitas.[38] Deste xeito, as normas que rexeron no Císter constitúen un conxunto de restricións, unha primacía da frugalidade fronte ao exceso decorativo propio do contemporáneo románico pleno de orixe francesa que en Galicia tiña a Catedral de Santiago como obrigada referencia e fonte de inspiración.
Prohíbese polo tanto calquera tipo de decoración, incluída a escultura e a pintura. Os Capítulos Xerais chegaron mesmo a regular os cristais das xanelas dos templos, establecendo que todas debían ser brancas, sen pinturas nin cruces, e que aquelas pintadas habían de ser substituídas no prazo de dous anos, e que no caso contrario o abade, o prior e o celeireiro terían que xaxuar cada sexto día a pan e auga ata o seu cambio. O medievalista francés Georges Duby considera que arquitectura cisterciense busca seguir estritamente os preceptos da regra de San Bieito:[39]
A súa vontade de ascetismo despoxaba os edificios de todo ornamento superfluo. A súa beleza obedece só a nobreza do material en bruto, baixo o percorrido da luz e do perfecto equilibro dos volumes
As igrexas dos mosteiros adoptaron, de forma xeral, a planta cruciforme con tres naves lonxitudinais e unha no cruceiro, con dúas capelas a cada brazo, mentres que outra capela rectangular formaba a cabeceira. Mais, a mediados do século XII, o Císter abreuse a ampliar o número de capelas, ata as catro no cruceiro, así como aos deambulatorios e ás capelas radiais na cabeceira. Como cubertas, predominou inicialmente a bóveda de canón e logo as oxivais. Ademais, a orde tamén prohibía a edificación de campanarios.[37]
O claustro adoita situarse no muro sur do templo e arredor del organízanse as dependencias do mosteiro. No lado norte situábanse os dormitorios dos leigos, no sur o refectorio e a cociña, mentres que o leste reservábase para a sala capitular, o locutorio e os dormitorios dos monxes.
Algunhas mostras destacadas desta arquitectura son os mosteiros de Fontenay e Le Thoronet en Francia ou os de Casamari e Fossanova en Italia. En Galicia, considérase que a igrexa de Santa María de Sobrado dos Monxes cumpría coa descrición indicada como modelo do Císter, ata a súa remodelación no século XVI.[40]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.