Medio dólar do Centenario de Bridgeport

From Wikipedia, the free encyclopedia

Medio dólar do Centenario de Bridgeport

O medio dólar do Centenario de Bridgeport é unha moeda estadounidense de prata con ese valor facial emitida en 1936 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia, para conmemorar ou centenario da incorporación de Bridgeport, Connecticut, como cidade en 1836.

Máis información Medio dólar do Centenario de Bridgeport ...
Medio dólar do Centenario
de Bridgeport [1][2]
Thumb
Thumb
A/: Busto de Phineas Taylor Barnum cara á esquerda.

Lendas: BRIDGEPORT · CONNECTICUT · CONTINENTAL / P. T. BARUM / 1836-1936.

R/: Representación modernista dunha aguia.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / IN GOD WE TRUST / E PLURIBUS UNUM / LIBERTY / HALF DOLLAR

Pechar

O deseño do artista Henry Kreis para esta moeda representa no anverso o home do espectáculo Phineas Taylor Barnum, que foi un dos persoeiros máis famosos que residiron na cidade de Bridgeport, ademais de ser o seu alcalde e gran contribuidor ao seu desenvolvemento, e de estar soterrado alí. Pola súa banda, no reverso reprodúcese unha aguia estilizada, con trazos claramente modernistas, moi similar á do medio dólar do Tricentenario de Connecticut, tamén creado por Kreis, en 1935.

As autoridades de Bridgeport pretendían a emisión dunha moeda conmemorativa como vía para o financiamento das celebracións do centenario da cidade. Naquela época, o Congreso adoitaba autorizar este tipo de emisións mesmo para a conmemoración de eventos locais, e a lei do medio dólar de Bridgeport foi aprobada sen oposición.

As moedas comezaron a estar dispoñibles para a poboación a un prezo de dous dólares a partir de setembro de 1936, unha data demasiado tardía para a efeméride conmemorada, o que provocou que ficase unha boa cantidade delas sen vender. Isto fixo que algúns comerciantes de moedas as comprasen por xunto e logo estiveron vendéronse no mercado secundario ata entrada a década de 1970.

Antecedentes e contexto

O feito conmemorado

Bridgeport, a cidade máis grande de Connecticut,[3] debe o seu nome a unha ponte (en inglés: bridge) levadiza da que a poboación local se sentía moi fachendosa. Poboada en 1639,[4] foi un centro importante durante os séculos XVII e XVIII, mais non se constituíu como cidade ata 1836.[5] Elias Howe, inventor da máquina de coser moderna, ergueu alí unha das súas factorías.[4]

Thumb
Gravado cun retrato de P. T. Barnum.[6]

Entre os residentes con máis sona de Bridgeport achábase Phineas Taylor Barnum, un home do espectáculo que chegou a ser alcalde da cidade, formou parte da Asemblea Lexislativa de Connecticut e está soterrado alí. Barnum fundou o Museo Barnum de Historia Natural da Universidade Tufts, Massachusetts —posteriormente desaparecido—, que entre outras cousas exhibía animais disecados que en vida formaran parte do circo da súa propiedade,[7] o Ringling Bros. and Barnum & Bailey Circus, que existiu ata 2017.[8]

A idea da emisión conmemorativa

En 1935, non era práctica habitual do Goberno estadounidense se encargase da comercialización das moedas conmemorativas que emitía. Pola contra, nesa época, o Congreso adoitaba designar unha organización específica autorizada para as adquirir na casa da moeda ao seu valor nominal e a vendelas logo á poboación cun sobreprezo.[9][10]

A aparente facilidade para obter beneficios coa compra e a tenza de moedas conmemorativas atraeu a moitos afeccionados ao coleccionismo, que trataron de adquirir as novas emisións. O crecente mercado deste tipo de pezas deu lugar a un número esaxerado de propostas de moedas conmemorativas no Congreso, coa finalidade de conmemorar aniversarios e beneficiar causas xustas e sen ánimo de lucro, entre elas algunhas de relevancia puramente local.[11] Entre estas propostas estaba a moeda conmemorativa do Centenario de Bridgeport, cuxa emisión se solicitou para financiar as celebracións locais do centenario da cidade. A entidade promotora foi Bridgeport Centennial, Inc., encargada de organizar os actos da celebración.[12]

Proceso lexislativo

O 10 de marzo de 1936, o senador demócrata Augustine Lonergan, de Connecticut, presentou no Senado dos Estados Unidos un proxecto de lei para a emisión dunha moeda de medio dólar conmemorativa do Centenario de Bridgeport.[13] Tres ou catro semanas antes, Bridgeport Centennial, Inc. pedíralle ao outro senador por Connecticut, Francis T. Maloney, que presentase el o proxecto de lei, mais Maloney optara naquela ocasión por non facelo, por mor dos numerosos proxectos de lei de moedas conmemorativas que xa tiña ante si o Senado naquel ano, e que el consideraba excesivos.[14] O proxecto do medio dólar de Bridgeport foi remitido á Comisión de Banca e Moeda do Senado, e foi un dos varios proxectos de moedas conmemorativas que se examinaron o 11 de marzo de 1936, por unha subcomisión creada para o efecto, dirixida por Alva B. Adams, de Colorado.[15]

Thumb
O senador demócrata por Connecticut A. Lonergan presentou no Senado o proxecto de lei para a emisión do medio dólar.[16]

O senador Adams era coñecedor dos abusos que se estaban a producir na emisión de moedas conmemorativas a mediados da década de 1930. Entre outras cousas, as entidades emisoras aumentaban ás veces o número de moedas necesarias facéndoas cuñar con diferentes datas ou en diferentes cecas do país e, xa que logo, con diferentes marcas de ceca, o que obrigaba os coleccionistas a adquiriren varias moedas para completaren as súas series; a lexislación que autorizaba as emisións non o prohibían.[17] Lyman W. Hoffecker, un comerciante de moedas de Texas e membro da Asociación Numismática Americana, testemuñou ante a subcomisión e puxo como exemplo desas prácticas o medio dólar conmemorativo do Oregon Trail, cuñado por primeira vez en 1926 e que se emitiu con diferentes datas e marcas de ceca. Outras emisións, ademais, foran adquiridas na súa totalidade e en grandes lotes por comerciantes individuais, que logo especulaban con elas conseguindo prezos elevados, no canto de as distribuír entre a cidadanía e os coleccionistas, que se sentían defraudados.[18]

O 26 de marzo, Adams devolveu o proxecto de lei ao pleno do Senado, aínda que con numerosas emendas, na procura de dificultar tales abusos. As emendas centrábanse en limitacións como que as moedas só poderían cuñarse nunha casa da moeda, que habería un límite de tiraxe de 10.000 exemplares e que non poderían fabricarse menos de 5.000 á vez. Ademais, terían que estar datadas unicamente en 1936, e Bridgeport Centennial, Inc., a organización designada para adquirir as moedas, disporía dun ano para o poder facer. Os ingresos netos que esta entidade recibise da comercialización das moedas só poderían utilizarse para as celebracións do centenario.[19] O proxecto de lei foi levado ao pleno do Senado o 27 de marzo de 1936, e foi o segundo dos seis proxectos de lei de emisión conmemorativa que se consideraron un tras outro; do mesmo xeito que os demais, foi emendado e aprobado sen que se rexistrase discusión nin disensión.[20]

Seguidamente, o proxecto chegou o 1 de abril á Cámara de Representantes, e alí foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas. O 16 de abril, esta comisión presentou un informe no que recomendaba unha emenda para exixir que se cuñasen polo menos 25.000 exemplares, no canto dos 10.000 solicitados no Senado, e para suprimiro requisito de cuñar 5.000 unidades cada vez, así como o prazo dun ano.[21] O 28 de abril, Schuyler Merritt, de Connecticut, levou o proxecto de lei ao pleno da Cámara de Representantes e pediu que se aprobase coa devandita emenda, o cal se fixo sen debates nin discrepancias.[22]

Como as dúas cámaras non aprobaran versións idénticas do proxecto de lei —por mor das respectivas emendas introducidas—, este volveu ao Senado. O 4 de maio, Adams propuxo que esta cámara aceptase a emenda da Cámara de Representantes, e así sucedeu.[23] Finalmente, o proxecto converteuse en lei, coa sinatura do presidente Franklin D. Roosevelt, o 15 de maio de 1936.[24][25]

A lei autorizaba a emisión de "non menos de 25.000 moedas".[24][25] Esta falta dun límite máximo da tiraxe e dun prazo para a produción implicaba que Bridgeport Centennial, Inc. podería solicita no futuro tantas moedas como quixese, sempre que amosasen a data de 1936. Esta vaguidade quedou resolta en 1939, cando o Congreso suprimiu tal posibilidade mediante unha lei aprobada o 5 de agosto, que ordenaba que as moedas conmemorativas autorizadas antes do 1 de marzo dese cesasen a súa produción, no caso de estar a producirse.[5]

Preparación

O 10 de xuño de 1936, o alcalde de Bridgeport, Jasper McLevy, escribiu á directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Nellie Tayloe Ross, para a informar da contratación de Henry Kreis, deseñador do medio dólar do Tricentenario de Connecticut, para que se encargase do deseño e o gravado do medio dólar de Bridgeport, e xuntaba á súa misiva esbozos do deseño proposto. O alcalde McLevy sinalou que a efixie de Barnum sería a protagonista dunha das faces da moeda e xustificouno polo feito de que Barnum fora o artífice do regalo de Seaside Park á cidade, ademais de contribuír decisivamente ao desenvolvemento da zona de East Bridgeport. O día seguinte, a directora Ross escribiu ao secretario do Tesouro, Henry Morgenthau, para lle comunicar que, antes de que Este dese a súa aprobación final, os deseños de Bridgeport se enviarían á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos para que emitise o seu ditame preceptivo,[26] xa que esta entidade debía pronunciarse acerca de calquera obra de arte pública, incluídas as moedas, por unha orde executiva de 1921 do presidente Warren G. Harding.[27] Na súa carta, Ross sinalou ademais que, malia non ser da competencia da Comisión a determinación de se Barnum debía aparecer ou non na moeda, iso non lle impedira no mesmo ano pronunciarse en contra da aparición de Stephen Foster no medio dólar do Centro Musical de Cincinnati.[26]

Thumb
Nellie Tayloe Ross era a directora da Casa da Moeda dos EEUU cando se emitiu o medio dólar de Bridgeport.

O 24 de xuño de 1936, o presidente da comisión, Charles Moore, escribiu á directora Ross e trasladoulle os comentarios de Lee Lawrie, un escultor membro da Comisión, que aprobaban en xeral os deseños propostos por Kreis, aínda que propuña que os lemas nacionais LIBERTY e IN GOD WE TRUST se trasladasen de debaixo da cabeza de Barnum no anverso ao reverso. Lawrie suxeriu que isto deixaría espazo para que o nome CONNECTICUT —que aparecía abreviado como CONN. no orixinal— se puidese amosar na súa forma completa. A Comisión de Belas Artes aprobou os modelos revisados e, o 4 de agosto, a directora adxunta da Casa da Moeda, Mary M. O'Reilly, enviou a Morgenthau os modelos completos das moedas gravados en escaiola.[28] A compañía Medallic Art Company, de Nova York, converteu estes modelos en matrices do tamaño dunha moeda para elaborar os cuños, co tempo suficiente para que a produción da moeda puidese comezar en setembro.[29]

Deseño

Motivos e lendas

O anverso da moeda presenta o xa referido busto do showman e filántropo Phineas Taylor Barnum, ollando cara á esquerda, e debbaixo del o seu nome, P. T. BARNVM. Rodeando o busto está a inscrición BRIDGEPORT CONNECTICVT CENTENNIAL, e no exergo as datas da conmemoración do centenario: 1836-1936.[1][2][4][30]

Pola súa banda, no reverso represéntase unha aguia sobre unha rocha ollando cara á dereita e coas súas ás lixeiramente levantadas, cunha interpretación de estilo marcadamente modernista. En tanto que a cabeza e as poutas da ave presentan algunhas marcas de relevo, o resto do corpo amósase practicamente liso. Na parte dereita da aguia, con letras pequenas e distribuídos en tres liñas, insírense os tres lemas nacionasis dos EEUU que aparecen en todas as moedas do país: INGOD WE TRUST / E PLVRIBVS VNVM / LIBERTY. Na parte superior, rodeando a ave e con letras máis grosas, o nome do país, VNITED STATES, que aparece en parte oculto pola á dereita da aguia. No exergo do reverso indícase o valor facial da moeda: HALF DOLLAR. No extremo dereito do bordo, preto da rocha, apréciase unha pequenísima letra K incusa, a modo de marca de gravador.[1][2][4][30]

Valoracións críticas

A cuestión do protagonismo do busto de P. T. Barnum no anverso absorbeu gran parte dos comentarios relativos ao deseño da moeda. Michael K. Garofalo, nun artigo sobre o deseñador Kreis, afirma que «aínda que o retrato teña un gran parecido con Barnum, a representación era simplemente normal para o talentoso Kreis».[31]

Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu volume sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, afirman en relación con isto:[12]

A elección de P. T. Barnum, de entre todas as persoas imaxinables [...] ten menos que ver co seu cinismo de “Nace un parvo cada minuto” (por moi aplicable que isto puidese ser aos afeccionados ás moedas conmemorativas na década de 1930) que co seu labor filantrópico coa cidade".[32] Swiatek e Breen consideraron a moeda no seu conxunto como unha «composición moi Art Déco.

O comerciante numismático B. Max Mehl, na súa obra de 1937 sobre as moedas conmemorativas, considerou como uns «panocos» os compradores desta moeda, e engadiu: «pensamos que o retrato de Barnum, en vista do seu famoso comentario, é sen dúbida do máis apropiado». Mehl tamén criticou o reverso da moeda:[33]

A aguia (...) no novo medio dólar de Bridgeport é a maior brincadeira como espécime da nosa nobre ave que xamais aparecera ata agora nunha moeda. Non aparece nin unha pluma na súa superficie de folla de lata, e varios espectadores dixeron que semellaba un avión. Se se lle dá a volta, aparece unha fermosa quenlla con dúas aletas dorsais, coa boca aberta e coa súa lingua. A quenlla parece estar a rir; pregúntome de quen. E que oportuno que o retrato de P. T. Barnum adorne a outra cara! Tiña razón nos seus famosos comentarios de hai anos.

O autor numismático Q. David Bowers describiu a aguia de Kreis como modernista e salientou o seu parecido coa que o mesmo escultor creara para o medio dólar do Tricentenario de Connecticut.[34] Pola súa banda, Don Taxay, escribiu en 1966 en termos coincidentes, ao considerar a aguia como a máis modernista vista en calquera outra moeda.[35] O investigador numismático Kevin Flynn chamouna «aguia ultramoderna»,[36] e Michael K. Garofalo declarou a este respecto:[31]

A aguia altamente estilizada de Kreis recibiu críticas mixtas. Aclamada criticamente polo mundo da arte, desconcertou a poboación, unha gran parte da cal non identificou doadamente a ave como o símbolo da nación. [...] Desde un punto de vista artístico, os deseños de Kreis para o medio dólar de Bridgeport foron un éxito asombroso. O anverso era conservador e preciso, como debe ser un retrato, e o reverso era elegante e inspirador.

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu traballo sobre a arte nas moedas e nas medallas estadounidenses, afirmou que o medio dólar de Bridgeport «foi citado como unha das moedas conmemorativas de maior éxito dentro da ampla tradición instituída por Augustus Saint-Gaudens». Describiu a moeda como «P. T. Barnum nun gran perfil reflexivo, e unha aguia de estilo conceptual e metálico»; tamén gabou a tipografía e considerou que a colocación dos lemas patrióticos no reverso se fixera dun xeito «non antiartístico». Vermeule suxeriu que o deseñador Kreis fora incapaz de achar un tema adecuado relacionado con Bridgeport para o reverso e, no canto diso, recorreu a:[39]

unha nova interpretación de elementos, como a aguia, utilizados nas moedas da emisión regular. Unha moeda na honra de P. T. Barnum podería ter presentado un león, un elefante ou un oso no reverso, pero este produto da empresa cívica de Bridgeport ten un gran mérito por amosar unha nova e emocionante forma da ave nacional.

Produción, distribución e coleccionismo

En setembro de 1936, cuñáronse na Ceca de Filadelfia 25.015 exemplares do medio dólar de Bridgeport, dos cales 15 ficaron reservados para a súa inspección e comprobación o ano seguinte por parte da Comisión de Ensaios dos estados Unidos.[40] No momento do seu lanzamento, xa se levaran a cabo moitas das celebracións do centenario, que deran comezo o 4 de xuño, aínda que continuaron ata o 3 de outubro.[41]

As moedas comercializáronse a un prezo de dous dólares,[30] e distribuíronse principalmente a través dos bancos locais de Bridgeport.[41] Pola súa banda, as vendas por correo foron xestionadas polo First National Bank de Bridgeport. As moedas individuais vendíanse dispostas en pequenos estoxos de cartón, cun límite de cinco unidades por comprador.[40] Malia o seu prezo relativamente alto e a pesar do feito de que se puxese á venda despois de moitas das celebracións do centenario, a moeda tivo un bo acollemento comercial tanto entre a poboación xeral como entre os coleccionistas.[42][30]

Con todo, varios milleiros de pezas quedaron sen vender e os organizadores do centenario transferíronas ao Fondo Comunitario de Bridgeport, que as vendeu por xunto a comerciantes numismáticos cun pequeno sobrecusto sobre o seu valor nominal. Na década de 1950, Toivo Johnson, un comerciante de moedas de Maine, posuía arredor de mil exemplares, e durante anos vendéronse rolos de 20 en convencións numismáticas; unha boa cantidade foi adquirida e logo vendida por unha empresa de investimento en moedas a principios da década de 1970.[43]

Cara a 1940, o medio dólar de Bridgeport vendíase por arredor de 1,50 dólares en estado de conservación “sen circular”, aínda que subiu a 2,50 dólares en 1950, a 12 dólares en 1960 e a 250 dólares en 1985.[44] A edición “de luxe” do catálogo Guide Book of Unitede States Coins, de Richard S. Yeoman, publicada en 2018, atribúelle a esta moeda un prezo no mercado numismático de entre 120 e 300 dólares, dependendo do seu estado de conservación. Un exemplar nun estado excepcional e dunha beleza singular ascendeu ata os 1.880 dólares nunha poxa da casa Heritage Auctions que tivo lugar en 2015.[45][46]

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.