espectáculo artístico From Wikipedia, the free encyclopedia
Un circo é un recinto circular estábel ou ambulante, onde os artistas realizan diversos exercicios de ximnasia, acrobacia, doma de animais, espectáculos de pallasos etc., para un público que está arredor do escenario. Por extensión tamén se denomina así ao conxunto de exercicios e espectáculos que se fan nese recinto, así coma ás persoas relacionadas con este espectáculo[1].
O espectáculo artístico pode incluír acróbatas ou saltimbanquis, contorsionistas, equilibristas, escapoloxistas, forzudos, homes bala, magos, malabaristas, mimos, monociclistas, pallasos, titeriteiros ou marioneteiros, cuspefogos, engulidores de espadas, trapecistas, ventrílocuos, andadores en pernas de pau, adestradores de animais e outros artistas. É presentado no interior dun gran toldo que conta con pistas e chanzos de asentos para o público. As pistas dos circos adoitan ser áreas circulares onde se presentan as funcións; por conseguinte, o circo de tres pistas é considerado máis atractivo pola variedade de espectáculos que se gozan ao mesmo tempo.
No século XXI existen circos estábeis e fixos xeograficamente, e algúns destes non posúen actos que inclúan animais, mais en moitas ocasións o circo continúa co seu carácter pasaxeiro, que pode ser anunciado por un desfile, avisando que o circo vai chegando á vila. As artes circenses hoxe non son únicas das pistas do circo, senón que tamén son empregos e subempregos desenvolvidos noutros locais, nas rúas das cidades, hoteis, cruceiros...
O circo representa unha importante parte da cultura humana, unha nobre empresa construída ao longo de moitos séculos, practicamente dende que o home empezou a súa cultura―. (Eduardo Murillo en Jané et al, 1994: 35).
Cómpre mencionar que a acrobacia, así coma o malabarismo, o contorsionismo, e outras prácticas corporais que actualmente se asocian ao universo circense, son expresións humanas (prácticas) anteriores aos propios conceptos de «circo» ou de «artes do circo» (CNAC, 1998: 40).
A historia do circo remóntase ao legado cultural deixado por algunhas das civilizacións antigas, dende o afastado oriente (China, Mongolia, India etc.), até o occidente próximo (Grecia, Roma, Exipto etc.) Nestas sociedades, aproximadamente 3.000 anos atrás, algunhas das actividades que hoxe relacionamos como parte do contido circense, como a acrobacia, o contorsionismo ou mesmo o equilibrismo, tiñan unha utilidade altamente relacionada coa preparación de guerreiros, cos rituais relixiosos e coas prácticas festivas (Viveiro de Castro, 1998).
De acordo cos antropólogos Blanchard e Cheska (1986: 67), a práctica da acrobacia remóntase á cultura mesopotámica, cun pasado de máis de 3000 anos. Nese momento, segundo estes autores, o acróbata competía «consigo mesmo, coas forzas da natueza e asemade cos seus propios compañeiros de tribo» (op. cit.: 87).
Paralelamente na China, a «arte acrobática», ou simplemente a acrobacia, «ten unha historia milenaria», superior aos 2000 anos, conforme proban os achados arqueolóxicos. Segundo os apuntamentos de David Marfil (2004), unha das probas máis antigas da existencia do circo é un graffiti atopado en Exipto na tumba de Ben Hassan con data aproximada de 2040 a. C.
Tal e como sinalan De Blas e Mateu (2000), no antigo oriente (hai 3.000 anos aprox.), os malabaristas e acróbatas xa viaxaban xuntos en troupes, utilizando todo tipo de obxectos, tales como armas (instrumentos típicos das artes marciais), brinquedos infantís (diábolo, bastóns chineses), utensilios domésticos (xerros de porcelana), que guindaban e recibían con diferentes partes do corpo, por exemplo.
Por outra banda, en Grecia, os gladiadores na súa particular procura por demostrar gran forza, realizaban xogos malabares con obxectos de gran porte (na súa maioría pesados), como as rodas dos carros, por exemplo. Na cultura grega, alén doutras do mesmo período, as mulleres tamén «malabareaban», coma se pode apreciar nalgunhas ánforas e xerros gregos ou nos gravados das tumbas exipcias. Amais, noutras civilizacións antigas, como a China e outras da América Central e do Pacífico Sur, as mulleres tamén participaban deste tipo de actividades, como ben ilustra o sonado caso das illas Tonga (Pacífico Sur), onde as raparigas (soamente mulleres) facían, e aínda fan, malabarismos con grandes noces denominadas tui tui, e onde o éxito do seu acto malabarístico ten consecuencias sociais importantes, respecto do casamento, ás posibilidades de ascensión social etc. (op. cit.). Coas primeiras viaxes ás Américas chegaron novas dos costumes aborixes, coma no caso dos mexicas, especializados no antipodismo (malabares cos pés), e os shoshone do Sur da California, onde os malabares facían parte dos xogos dos nenos como por exemplo en carreiras de velocidade mentres manipulaban tres pelotas (op. cit.).
Con todo, foron os romanos quen na antigüidade deron o nome de «circo» ás actividades de entretemento, ou mellor dito, aos espectáculos públicos. Segundo o dicionario da Real Academia Galega[2] o circo era « Lugar onde os romanos realizaban espectáculos, con chanzos para os espectadores». Tiña comunmente forma de paralelogramo prolongado, arredondado nun dos seus extremos. Ademais das carreiras de carros e cabalos, no circo romano, os desafíos concentraban os duelos de vida e morte, entre homes e bestas, un concepto semellante ao que na actualidade continúan nas touradas.
Trala decadencia destas civilizacións antigas, principalmente as occidentais, as artes corporais (teatro xestual, danza, ximnástica e circo) «eclipsaron», perdendo o seu interese entre a poboación. Posteriormente, na Europa da Idade Media, as artes corporais empezaron a recobrar o seu espazo, tornando aos poucos á realidade cidadá. Porén foi na Renacenza, cando os artistas circenses volveron a tomar as vilas, as rúas de moitos países europeos, ampliando o status social de dita cultura. De acordo con Soares (1998: 55), o circo na Renacenza «deslocava os habitantes das vilas e cidades das rotinas binárias do trabalho e do descanso», consolidando nunha práctica que crebaba a orde institucional, diverxía do concepto utilitario e visaba especialmente «a diversão», o riso descomprometido da función educativa, procurando encantar e entreter o público. Era unha arte do lecer.
Neste período as «troupes de saltimbanquis» xa incluían nos seus espectáculos a música, o baile, os contos populares, as narracións épicas, os monicreques, amais das habilidades clásicas como a acrobacia e os malabares (De Blas e Mateu, 2000).[3] Neste momento imperaba un xeito «libre» de exploración das posibilidades corporais (Annie Fratellini en Unesco, 1988: 27). En moitas vilas chegábase a acoller os artistas itinerantes, ofrecéndolles un lugar para presentar os seus espectáculos, como atracción dos acontecementos públicos importantes. Polo que devagar, mais solidamente, formalizáronse itinerarios, camiños polos cales milleiros de artistas acostumaban pasar durante todo o ano.[4]
Na opinión de Coasne (2004: 41), o circo contemporáneo caracterízase por unha mestura de prácticas, das cales podemos salientar a música, o teatro, a pantomima, a acrobacia, a ximnástica etc. Trátase dun modelo artístico de circo, no que a técnica fica ao servizo da arte, da expresión.
O primeiro circo moderno foi inaugurado por Philip Astley en Londres, Inglaterra o 9 de xaneiro de 1768.
As deformacións ou condicións especiais en animais ou en humanos, eran parte dun espectáculo mórbido que, pexorativamente, se refería como fenómenos (freak show). Un caso sonado foi o do «Home elefante» (1862-1890). Malia terse ventado en moitas partes do mundo, nalgunhas outras, estes espectáculos continúan nunha forma separada e paralela nalgunhas feiras ou caranavais.
Respecto dos dereitos dos animais, son numerosas as ONG de defensa dos dereitos dos animais, cidadáns e colectivos sensibilizados no tema, como o de veganos que non só critican duramente o trato que se lle dá aos animais que son empregados nalgúns circos, senón que desaproban o feito de tirar os animais do seu hábitat natural contra da súa vontade, engaiolalos e usalos coma obxectos para entreter. Por isto, fan campaña para pedir á xente que non acoda a circos nos que se faga uso de animais. En España, dita polémica cobrou protagonismo ao se denunciar o estado dos animais no circo do domador Ángel Cristo.[5][6]
Denúnciase tamén as condutas de mitos dos animais engaiolados dos circos, que non deixan de dar voltas ou o caso dos elefantes que non deixan de mover a testa dun lado para o outro, mostras claras dos trastornos psicolóxicos acarreados a estes animais pola vida no circo. Por isto, nalgúns países xa se prohibiu o uso de determinadas especies, como na India, onde en 2009 prohibiuse o uso de elefantes tanto en circos como en zoolóxicos,[7] ou noutros, como Canadá, Suecia, Dinamarca, Bolivia e México,[8] ademais de en diversas cidades doutros estados, onde está prohibido o uso de calquera animal nos circos.[9] En Cataluña están xa prohibidos os circos con animais, ademais das touradas. En Galicia non hai lexislación que limite este feito polo de agora, mais nos últimos anos ten aumentado en sectores das sociedades urbanas unha nova concepción do lugar que ocupan os animais na súa relación co ser humano.
Dende 2008 celébrase no Teatro Circo de Albacete o Festival Internacional de Circo da cidade, único no seu tipo en España.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.