Remove ads
música tradicional de Galicia From Wikipedia, the free encyclopedia
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental[1].
A orixe da música tradicional galega é escura. As primeiras referencias remóntanse á música medieval, mais aínda que se conserven varios cancioneiros xeralmente non inclúen notación musical. Hai algunha excepción como Martín Codax (trobador do século XIII) ou Don Dinís, pois consérvanse dous pergamiños coa letra e música das súas composición (pergamiño Vindel e pergamiño Sharrer). Significativas son tamén as Cantigas de Santa María de Afonso X, non só por incluír a parte musical, senón que pola súa extensión e calidades subliñan a importancia da cultura galega da época, tanto no eido musical como no literario.
Sábese que a gaita era común naquela altura, e que en xeral existían xa os principais instrumentos presentes na tradición musical: gaitas, zanfonas e instrumentos de corda aparecen en códices, capiteis románicos ou no ben coñecido Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Estas representacións permiten a reconstrución dos instrumentos e fan posible as interpretacións actuais da música medieval.
Coincidindo cos Séculos escuros e a decadencia do uso culto da lingua e cultura galega, a música tradicional pasa a ter unicamente como vía de transmisión a oral, que se pode reconstruír a través das panxoliñas, cantos de berce, de cego e outras mostras musicais que chegaron até a actualidade.
Non foi ata finais do século XIX e comezos do século XX cando se produciu unha reivindicación da tradición, en ocasións de mans do nacionalismo político. Por unha banda houbo as primeiras recolleitas sistemáticas e publicadas: Marcial del Adalid, Isidoro Hernández e José Inzenga son os primeiros dunha longa lista de investigadores que trataron de estudar a nosa música. Por outra banda, salientaron figuras como Perfecto Feijoo, gaiteiro e zanfonista, que fundaría Aires d'a terra. Esta coral durante 14 anos levaría a música galega por distantes xeografías e realizaría a primeira gravación comercial de música galega en 1904. Este sería un dos varios coros galegos que viron a luz naquela época e que bebían das fontes tradicionais para o seu repertorio, que logo interpretaban fronte a elites urbanas, dentro do movemento musical europeo chamado coralismo.
Tamén durante a primeira metade do século destacan as figuras de Ricardo Portela ou Avelino Cachafeiro, que son fonte de inspiración de moitos músicos posteriores e que dignificaron o instrumento da gaita e o seu significado social.
Paralelamente a esa reivindicación dábanse certas condicións que, igual que noutras entidades étnicas europeas, a interpretación espontánea fose esmorecendo; por unha banda, o ambiente rural foi mudando e desaparecían os traballos comunais, principais momentos onde xurdía a música. Por outra banda, a emigración que afectou a Galicia durante os séculos XIX e XX impediu unha completa transmisión oral.
Durante o franquismo, a música tradicional foi forzada a adaptarse á visión política do momento, e as manifestacións máis vistosas foron transformadas en espectáculos patrióticos, o que conduciu ao declive na popularidade dos estilos tradicionais (o "folclorismo"), a castelanización das letras e a deturpación tanto das formas musicais como das danzas que as acompañaban. Non sería até a desintegración e caída do franquismo que a tradición non volveu a ter sido en conta, tanto por novos grupos (Fuxan os ventos é o caso máis salientable neste senso) como por agrupacións folclóricas, que ben continuaron en certa medida coas formas impostas por Educación y Descanso e os grupos de Coros y Danzas da Falange Española, ou afondaron na recolleita e reconstrución da música tradicional. Nese momento recuperáronse moitas formas tradicionais, tentouse dignificar a gaita e apareceron festivais, como o Festival Internacional do Mundo Celta (1977), que contribuíron a establecer grupos musicais. Algúns grupos destes primeiros tempos que reaprenderon os estilos tradicionais foron Os Areeiras de Catoira, Os Rosales, Os Campaneiros de Vilagarcía,Os Morenos de Lavadores, e Os Irmáns Graceiras. Antón Corral creou un obradoiro de música popular de grande influencia na Universidade Popular de Vigo. A formación máis notoria aparecida nesta altura foi Milladoiro.
Nas últimas décadas do século XX, moitos músicos galegos comezaron a considerar que a música galega era polo menos parcialmente "céltica" en orixe, de maneira que procuraron influencias nas músicas de Irlanda e Escocia, así como da Bretaña francesa. A pesar de que esta relación é moi discutida, o resultado foi a proxección internacional da nosa música, coincidindo cun espallamento xeral da música tradicional como contestación as músicas máis comerciais.
A partir dos anos 1980 apareceron moitos grupos e cantantes novos que partindo da música tradicional a fusionaron con outras músicas, ben máis modernas (o pop ou o techno, por exemplo) ou proveniente doutras culturas, sobre todo dos chamados países celtas: Irlanda, Escocia, a Bretaña Francesa... dando a lugar unha corrente de música folk. Uxía Senlle, que comezara con Na Lúa, Luar na Lubre, o gaiteiro Carlos Núñez e Milladoiro foron quen máis teñen popularizado a música galega, a nivel estatal e internacional. O disco de Carlos Núñez A Irmandade das Estrelas de 1996 vendeu máis de 100.000 copias. Ao carón disto nacen, tamén, agrupacións que intentan recuperar e manter a música e baile tradicional a modo de escolas-banda do que é exemplo Abertal.
A celtificación da música galega tamén tivo nas bandas de gaitas unha importante repercusión. Estas formacións son orixe dunha forte polémica, chamada habitualmente guerra das gaitas. Os principais puntos de crítica son a súa estética, tanto visual como musical, os instrumentos empregados, e en xeral polo seu afastamento do considerado tradicional. A Real Banda de Gaitas é o máis significativo caso deste tipo de agrupacións.
Outros gaiteiros modernos son Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane e Cristina Pato. A aparición destas dúas mulleres no mundo da gaita rompeu definitivamente coa visión estritamente masculina do gaiteiro. Outra muller con gran proxección é Mercedes Peón, posuidora dunha potente voz e que afonda tanto na reivindicación da tradición como na súa reinterpretación en linguaxes musicais modernas. Tamén xurdiron nos últimos anos grupos de pandeireiras de recoñecido prestixio, como por exemplo Leilía, ou dentro da corrente máis moderna, Anubía, Faltriqueira, Ialma ou Donicelas.
Os instrumentos tradicionais máis significativo son a gaita e a pandeireta. Pero non sempre foron instrumentos doados de conseguir. Por esta razón cunchas, piñas, tixolas, baldes de metal, un sacho golpeado cun seixo, paus... servían de acompañamento habitual nos momentos de traballo ou cando non se dispuña doutra posibilidade.
A esta familia de instrumentos pertence a gaita, pero tamén se usan o pito ou a requinta.
A gaita, como dixemos, é o instrumento por excelencia na tradición musical galega. Componse dun fol, onde se insufla aire polo soprete, un punteiro, onde se dixita a melodía, e tres tubos (roncón, ronquete e ronquillo) que fan notas pedal. O roncón apóiase no ombreiro do intérprete, e o ronquete e o ronquillo no brazo esquerdo. Segundo a dixitación empregada fálase de tocar en aberto ou en pechado. Variantes deste instrumento son a gaita de barquín, no que un barquín que lle dá nome é o que insufla aire no fol. Outra variante é a gaita de cana, recuperada por Xavier Blanco, con tubos feitos dese material.
O pito aseméllase a unha frauta doce; ten forma cónica e sete furados na parte dianteira e un na posterior e tócase de maneira semellante ao punteiro da gaita. Tradicionalmente facíase en Mi bemol, pero Antón Corral popularizounos en Re.
A requinta é parecida ao piccolo e ten sete furados e unha chave final. Normalmente faise en Sol ou, ás veces, nun Do alto. A súa orixe remóntase, segundo Ana Sánchez Brunete e Enrique Montero, na necesidade de frautas para a interpretación de música na Catedral de Santiago, que acabaron sendo construídas por obradoiros do país. Polas súas características musicais logo pasaría a ser empregada xunto coa gaita.
Outros instrumentos inclúen o chifre e a ocarina e por influencia das bandas militares e da música procedente de América, o clarinete, o saxofón ou o acordeón.
O bombo confeccionase cun gran cilindro de madeira con dúas membranas de pel. Tócase cunha única maza e leva o ritmo principal acompañando a gaita, pero nunca superando o son desta.
O tamboril é similar ao bombo, pero de moito menor tamaño e polo tanto, de son mais agudo, e tánxese con dúas baquetas. Ten bordóns só na parte superior. A medida que as pezas, instrumentos e formacións foráneas foron introducíndose na cultura galega, os tamborís foron substituídos por redobrantes de son máis seco, como a caixa, que permite redobres máis nítidos e doados. Desde comezos do século vinte regrésase ao uso de tambores de madeira e pel como acompañantes da gaita, facendo aparición o tambor galego actual, evolucionado desde os antigos tamborís[2].
O pandeiro (semellante ao adufe portugués) é cadrado, ten dúas caras e no seu interior colócanse os axóuxeres que acompañan o son do parche. Interprétase apoiando nunha man e tanxido pola outra, facendo a man de apoio tamén golpes sinxelos. Outros tócano apoiado no colo ou atado cunha cinta ao pescozo, sendo este un xeito de tocar máis moderno.
A pandeireta é un instrumento tradicionalmente feminino e consiste nun aro de madeira con dúas filas de pares de ferreñas alternadas. Do aro cóbrese só unha cara, que é a que se golpea contra o pulso, a palma da man ou os extremos dos dedos. O xeito de tocalo depende das zonas e do intérprete, e tanto acompaña outros instrumentos como serve de único acompañamento para a interpretación de cancións. O seu pequeno tamaño, a súa versatilidade e o relativamente barato da súa construción fixo que actualmente sexa un instrumento moi popular.
Dúas cunchas de vieira rascadas unha contra outra tamén poden acompañar calquera peza, así como as tarrañolas, que son dúas lamelas de madeira ou incluso xisto.
O charrasco, un instrumento xa pouco empregado na actualidade, consiste nun mango longo de madeira en cuxo extremo superior vai un rectángulo de madeira onde se sitúan un número variable de ferreñas; un arame vai da parte superior á inferior pasando por un pau transversal que o tensa. Cun pau golpéase ou rózase o arame, e ao tempo golpease o instrumento enteiro contra o chan. O seu uso limítase actualmente ás charangas de Nadal, característicos das Rías baixas.
Non existe tradición de instrumentos de corda a excepción da zanfona e o violín, ámbolos dous vinculados a cegos e esmoleiros que percorrían a xeografía galega.
A zanfona desapareceu a mediados do século XX, e foi recuperada por Faustino Santalices e Xosé Lois Rivas. As gravacións máis antigas deste instrumento foron as de Perfecto Feijoo en 1904. A zanfona galega ten unha estrutura similar á da zanfona que se atopa espallada por toda Europa.
O violín chegou a Galicia de mans de peregrinos, e pasaron a mans de cegos e esmoleiros. Sendo o violín un instrumento de difícil interpretación e afinación, e como os intérpretes tocaban de ouvido, non era raro que este soase desafinado. O seu uso tradicional perdeuse, aínda que quedarán como testemuña as gravacións de Florencio, o Cego dos Vilares. Actualmente reapareceu na música folk, por influencia dos grupos irlandeses que adoitan a usala nas súas interpretacións.
Na Idade Media tamén se usou a arpa mais esta desapareceu hai séculos. Volveu a incorporarse nos anos 1970 cando a usou Emilio Cao; posteriormente, tamén a incluíron músicos como Quico Comesaña e Rodrigo Romaní influenciados pola arpa céltica de Escocia, Irlanda e a Bretaña Francesa. Tamén se incorporaron nas últimas décadas a guitarra española, o buzuqui e a mandolina.
Os instrumentos combínanse segundo as necesidades e os recursos, en pequenas agrupacións compostas só de instrumentos de percusión ou de percusión e melódicos.
Respecto á gaita, na actualizade a formación máis estendida é a combinación de dúas gaitas, tamboril e bombo, coñecida comunmente como cuarteto tradicional. A el poden engadirse outros instrumentos de percusión como pandeiretas ou cunchas. Por quinteto tradicional enténdese comunmente un cuarteto co engadido doutro instrumento melódico ou harmónico, como acordeón, requinta ou clarinete entre outros .
Os grupos de pandeireteiras componse de varias mulleres (ocasionalmente homes) tocando exclusivamente instrumentos de percusión, non só pandeiretas. As charangas, aínda que non se consideran estritamente tradicionais, inclúen entre os seus instrumentos moitos tradicionais, e son propias das Rías Baixas, onde actúan como pasarrúas durante as festas de Entroido. As bandas de gaitas, compostas por ducias de intérpretes, tampouco se consideran tradicionais, aínda que o seu repertorio o sexa.
O pobo empregaba a música en moitas ocasións e por numerosos motivos: para expresar as súas inquedanzas, para transmitir normas sociais, protexerse dos males e atraer os favores divinos, celebrar acontecementos vitais, facilitar o traballo, divertirse ou facer máis levadíos os momentos duros... Debido a que era raro o acontecemento que non servía como escusa para cantar, tocar ou bailar, xurdiron diversidade de xéneros musicais. Estas expresións musicais, ademais, están en moitas ocasións fortemente vinculadas as tradicións, ritos, traballos e aos saberes populares, e resulta imposible separalos.
Os cantos galegos máis antigos empregan unha reducida variedade de escalas. Unha mesma melodía varía de ton, entoación e incluso ritmo dependendo o intérprete e a zona xeográfica. Incluso no mesmo intérprete vai cambios; moitas melodías constrúense de xeito definitivo no momento mesmo de cantalas, sendo a interpretación individual un valor importante dentro da música galega.
Algúns xéneros non son totalmente pechados ou non están totalmente definidos, ou teñen variantes o nomes distintos ao longo da xeografía. Algúns xéneros defínense pola súa utilidade ou temática, mentres que outros veñen definidos polos ritmos, o que fai difícil a súa clasificación. As letras e melodías combínanse moitas veces libremente, e incluso unha mesma melodía adáptase a diferentes ritmos e funcións, dependendo do intérprete e da zona. Con todo distínguense algúns xéneros con características ou temáticas propias.
Moitos dos xéneros musicais galegos eran bailables. Algúns, de feito, distínguese maiormente polo seu xeito de bailar, aínda que non haxa unha diferenza formal substancial. Interpretábanse tanto cantando como instrumentalmente, sendo esta última variante menos habitual
As interpretacións musicais non sempre eran totalmente formais: existían sempre un certo grao de improvisación, sobre todo naqueles xéneros propensos á espontaneidade. Durante unha pandeiretada, por exemplo, un intérprete comezaba unha copla, que era recoñecida polos demais que se unían no segundo ou terceiro verso. Cabía a posibilidade incluso de improvisala enteiramente, baseándose en esquemas previas ou coplas xa existentes, adaptando o seu contido á ocasión. Mediante sinais os músicos indicaban a fin da peza, ou cunha copla que o indicase expresamente. Durante a interpretación os cantantes podían falar entre eles ou lanzar un aturuxo, un berro prolongado que se botaba para animar os músicos ou os bailaríns durante a interpretación dunha danza ou peza festiva.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.