músico e compositor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Emilio Cao Losada, nado en Santiago de Compostela en 1953, é un músico e compositor galego, destacado intérprete de arpa celta, e primeiro recuperador de tal instrumento en Galiza dende a Idade Media.[1][2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1953 (70/71 anos) Santiago de Compostela, España |
Actividade | |
Ocupación | músico, compositor |
Instrumento | Arpa |
Os seus inicios como músico están ligados a diversos grupos pop da súa cidade. Participou, entre outros proxectos, nos grupos Brétema e N.H.U. Algo máis tarde traballou como músico acompañante vencellado ao colectivo Voces Ceibes. Foi naquel momento no que comezou a compoñer as súas primeiras cancións.[3]
A mediados dos anos setenta viviu diversas experiencias por toda Europa, levando unha vida a medio camiño entre a emigración e a bohemia. Ao seu regreso, atopou accidentalmente unha arpa nunha tenda de instrumentos de segunda man, instrumento que aprenderá a tocar de xeito autodidacta, e para o que axiña comezará a compoñer música.
A partir do seu primeiro disco Fonte do Araño (1977, deseñado por Xosé Díaz[4]), comezou a relacionarse con outros intérpretes deste instrumento, entre os que destacan a galesa Elsie Thomas de Swansea e o bretón Alan Stivell. Tamén estreitou os seus lazos con músicos portugueses relacionados co movemento dos Cantores de abril.
Na discografía de Emilio Cao destaca un grande interese pola cultura literaria de Galiza. As referencias a coñecidos escritores son evidentes dende o título dalgún dos seus traballos, pero tamén é frecuente que musique poemas dalgúns dos poetas galegos máis importantes, como Rosalía de Castro ou Manuel Antonio (a quen dedicou o traballo Cartas Mariñas). Tamén ten colaborado con autores vivos como Suso de Toro e Anxo Rei Ballesteros.
Unha dimensión máis das relacións entre a súa música e a literatura son os seus múltiples traballos para o teatro galego, compoñendo e tocando a música para representacións de obras de Roberto Vidal Bolaño, Eduardo Alonso, Xulio Lago, ou Suso de Toro, así como o de diversas adaptacións.
Como músico ten colaborado ademais en traballos de diversos artistas como Ruper Ordorika, Fausto, e Maite Dono, que en Corazón de Brief interpreta as súas pezas. Siniestro Total dedicoulle a canción, Emilio Cao (David Watts), da súa primeira maqueta de 1982, pero editado no disco Bailaré sobre tu tumba en 1985. O tema reeditouse no disco ¿Cuándo se come aquí? en 2002.[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.