música estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Kim Althea Gordon, nada en Rochester, Nova York, o 28 de abril de 1953, é unha cantante e músico estadounidense coñecida por ser vocalista, compositora, guitarrista e baixista na banda estadounidense de rock alternativo Sonic Youth, disolta en 2011 tras o divorcio de Gordon e Thurston Moore.
(2009) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Kim Althea Gordon 28 de abril de 1953 (71 anos) Rochester, Estados Unidos de América |
Educación | Escola Nacional Superior de Belas Artes Santa Monica College UCLA Lab School (en) York University University High School (en) Otis College of Art and Design (en) King George V School (en) |
Actividade | |
Ocupación | guitarrista, cantautora, deseñador de moda, escritora, artista visual, actriz, compositora de cancións, cantante, directora de cinema |
Período de actividade | 1981 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Rock alternativo e indie rock |
Tesitura | Contralto |
Instrumento | Baixo, guitarra, voz e baixo |
Selo discográfico | Matador Records |
Familia | |
Cónxuxe | Thurston Moore (1984–2013) |
Descrito pola fonte | UbuWeb (en) Obálky knih, |
|
Gordon tamén toca na banda Free Kitten con Julie Cafritz (Pussy Galore) e Yoshimi P-We (Boredoms), e colaborou con moitos músicos como Ikue Mori, DJ Olive, William Winant, Lydia Lunch, Alan Licht, Courtney Love e Chris Corsano. No ano 2012, tras a separación de Sonic Youth, Gordon formou Body/Head co seu amigo Bill Nace, publicando o seu álum de estrea, Coming Apart, en setembro de 2013.
Gordon naceu en Rochester, Nova York o 28 de abril de 1953.[1] O seu pai, Calvin Wayne Gordon, era profesor no departamento de socioloxía da Universidade de Rochester.[2] A súa nai traballou de costureira durante toda a infancia de Kim. Gordon tiña un irmán máis vello, Keller.[3]
Con cinco anos de idade a familia mudouse aos Ánxeles, California, onde o seu pai conseguiu unha cátedra no departamento de socioloxía da Universidade de California, Os Ánxeles,[4] converténdose posteriormente no decano.[3] De nena Gordon foi á University Elementary School, unha escola de primaria progresiva afiliada á UCLA. A familia tamén viviu un ano en Hong Kong durante a súa infancia.[3]
Gordon estudou no University High School ns Ánxeles, e saíu co seu compañeiro de clase Danny Elfman mentres estudaba alí.[5] Despois de graduarse no instituto estudou no Santa Monica College durante dous[6] anos antes de irse á York University de Toronto.[7] Gordon sentiu morriña ao pouco tempo e decidiu regresar aos Ánxeles ao final do ano escolar.[8] "Estaba cada vez menos feliz cando chegou o sombrío inverno de Toronto", escribiu. "Sen os beneficios do sol de California o meu pelo volveuse cada vez máis escuro, e non tiña nin idea de como vestirme para o frío".[9] Gordon decidiu matricularse no Otis College of Art and Design,[10] do que dixo que cambiou a súa vida.[9] Gordon viviu en Culver City e Venice, e traballou nun restaurante indio para pagar a súa matrícula.[9] Tamén traballou brevemente para o comerciante de arte Larry Gagosian.[11] Graduouse no ano 1977 cunha licenciatura en Belas Artes.[12]
Mentres estudaba no Otis College, o irmán Gordon tivo un episodio psicótico no día da súa graduación na Universidade de California en Berkeley, onde conseguira un mestrado en estudos clásicos.[3] Posteriormente diagnosticouselle esquizofrenia paranoide, e durante un tempo viviu nun centro de rehabilitación antes de pasar a ser custodiado polo estado de California. A canción "Schizophrenia", que aparece no cuarto álbum de Sonic Youth, Sister (1987), inspirouse parcialmente no seu irmán.[3]
Despois de graduarse mudouse a Nova York no ano 1980 coa intención de iniciar unha carreira nas artes.[12] Alí fixo traballos relacionados coa arte para gañar algúns cartos, como escribir para a revista Artforum,[13] e lanzou un proxecto DIY chamado Design Office, facendo intervencións artísticas lo-fi en apartamentos de amigos.[12] En 1981 foi comisaria dunha exposición na White Columns Gallery[12] na que houbo contribucións de Mike Kelley e Tony Oursler, entre outros. Ao redor de 1981 Gordon comezou a interesarse nas bandas "no-wave", recordando: "Cando cheguei a Nova York ía ao centro a ver bandas tocando música no-wave. Era expresionista e tamén era nihilista. O punk rock dicía, 'Si, estamos destruíndo o rock'. A música no-wave é máis como, 'NON, nos estamos realmente destruíndo o rock'. Era moi disonante. Sinxelamente sentía como, Wow, isto é realmente libre. Podería facelo".[14]
En 1981 uniuse á banda de curta vida CKM,[15] con Christine Hahn e Miranda Stanton. A través de Stanton, Gordon coñeceu aos seus futuros compañeiros de banda Lee Ranaldo e Thurston Moore. Nesa época Gordon tiña 27 anos e nunca tocara un instrumento. Cando comezou a saír con Moore os tres formaron Sonic Youth en 1981,[14] orixinalmente co nome "The Arcadians". Originalmente a banda editou os seus dous primeiros álbums, Confusion is Sex (1983) e Bad Moon Rising (1985) a través de Neutral e Homestead Records, respectiveamente, antes de fichar por SST para publicar EVOL (1986) e Sister (1987). En 1984, casou con Thurston Moore, tres anos despois de formar Sonic Youth.[16] En outubro de 1988 a banda editou Daydream Nation a través do selo Enigma Records.
En 1989 Sonic Youth fichou por DGC Records, unha subsidiaria de Geffen, e publicou Goo (1990), que se converteu no primeiro éxito comercial do grupo.[17] Tamén en 1989, Gordon, Sadie May e Lydia Lunch formaron a banda Harry Crews e editaron o álbum Naked in Garden Hills.[18] Para promocionar Goo, Gordon xirou extensamente con Sonic Youth entre 1990 e 1991, e un documental titulado 1991: The Year Punk Broke documentou a xira da banda con Nirvana, Babes in Toyland, Dinosaur Jr., Gumball e Mudhoney.[19]
A principios de 1991 Courtney Love, que fora influenciad por Sonic Youth e a escena no wave, pediulle a Gordon producir o primeiro álbum de Hole, Pretty on the Inside, editado en 1991. Gordon produciu a gravación coa asistencia de Don Fleming en marzo de 1991, recibindo o traballo a aclamación da crítica.[14] Gordon comentou que nas sesións de gravación Love "era ou encantadora e simpática ou lle berraba á banda" pero que era "unha moi boa cantante, animadora e líder".[20] En 1992 Gordon publicou un sinxelo, "Electric Pen", con Mirror/Dash, un proxecto de curta vida que formou con Moore.[21]
Gordon cofundou en 1993 nos Ánxeles, xunto con Daisy von Furth, unha compañía de roupa de rúa de muller chamada X-Girl.[22] A empresa foi un derivado de X-Large, unha compañía de roupa para homes cofundada por Michael Diamond dos Beastie Boys.[23] A primeira tenda de X-Girl abriu nos Ánxeles en 1994.[24] A actriz Chloë Sevigny foi modelo para varias pezas da colección da compañía.[25] Tamén en 1993 Gordon formou o proxecto musical Free Kitten con Julia Cafritz.[26] O 1 de xullo de 1994 naceu a filla de Gordon e Thurston Moore, Coco Hayley Gordon Moore.[27]
Free Kitten publicou o seu álbum de estrea, Nice Ass, en 1995, seguido por Sentimental Education en 1997, ámbolos dous editados a través do selo independente Kill Rock Stars.[28] En 1996 Gordon codirixiu o vídeo de The Breeders "Cannonball", xunto a Spike Jonze,[29] e estivo tamén involucrada nunha exposición titulada Baby Generation na galería Parco de Toquio. A mostra de Gordon Kim's Bedroom foi exposta no MU nos Países Baixos, ande incluía debuxos e pinturas xunto con música ao vivo e convidados especiais.[30]
Como parte de Sonic Youth, Gordon publicou varios álbums entre mediados e finais dos anos 90, incluíndo Experimental Jet Set, Trash and No Star (1994), Washing Machine (1995), e A Thousand Leaves (1998), todos a través de DGC Records.[31] Posteriormente editaron NYC Ghosts & Flowers en 2000, e Murray Street en 2002. En 1999, tras vender a súa participación en X-Girl,[3] Gordon mudouse con Moore a Northampton, Massachusetts, para criar á súa filla.[12] Ao redor do ano 2002, Gordon comezou a traballar con The Supreme Indifference, unha colaboración musical con Gordon, Jim O'Rourke e Alan Licht.[32] A banda aparece no recompilatorio de 2002 Fields and Streams, aínda que a súa contribución foi considerada "molesta" e o proxecto "autocomplacente" polo crítico Adrian Begrand de PopMatters.[32]
No ano 2003 Gordon foi presentada na Bienal de Gotemburgo e exhibiu Club In The Shadow, unha instalación en colaboración coa artista Jutta Koether, na Kenny Schachter's Contemporary Gallery de Nova York.[33] En 2005 presentou outra colaboración con Koether para a exposición Her Noise en Londres, titulada "Reverse Karaoke".[34] No mesmo ano publicouse un libro de arte titulado Kim Gordon Chronicles Vol. 1 con fotografías de Gordon feitas ao longo da súa vida.[35] O ano seguinte lanzouse Kim Gordon Chronicles Vol. 2 cos seus debuxos, collages, e pinturas.[36]
A comezos de 2005 Gordon comezou a realizar papeis secundarios en películas, sendo a súa primeira aparición como unha executiva discográfica no filme de Gus Van Sant Last Days.[37] Despois tivo un pequeno papel interpretando unha exportadora téxtil no filme de suspense francés de 2007 Boarding Gate,[38] e tamén actuou no filme de Todd Haynes I'm Not There (2007), inspirado na vida de Bob Dylan.[39] O mesmo ano interpretou a un músico de rúa no último episodio da sesta tempada da serie de televisión Gilmore Girls, xunto co seu marido Moore e a súa filla Coco, interpretando a canción "What a Waste" do álbum Rather Ripped.[40]
En setembro de 2008 Gordon lanzou unha colección de moda de edición limitada chamada Mirror/Dash (que tamén era o nome dun proxecto musical paralelo que creara con Moore),[21] inspirada por Françoise Hardy e baseada na idea de que "hai necesidade de roupa para as nais cool".[41]
Sonic Youth publicou o seu derradeiro álbum de estudio, The Eternal, en 2009.[42] O xornalista da revista Rolling Stone Will Hermes dixo do álbum: "É divertido pensar que o ferozmente auténtico Sonic Youth foi un grupo importante durante case 20 anos. The Eternal marca o seu regreso literal ao indie rock - e iso non é unha gran alegría, xa que sempre fixeron o que quixeron. A ironía é que The Eternal podería ser o seu disco máis conciso".[43] Ese mesmo ano Gordon, xunto co resto de Sonic Youth, fixo unha aparición na serie Gossip Girl e interpretou unha versión acústica da canción "Starpower".[44]
O 14 de outubro do 2011 Kim Gordon e Thurston Moore anunciaban a súa separación despois de 27 anos de matrimonio a través de Matador[45]. O mes seguinte Lee Ranaldo revelou que Sonic Youth se disolvera formalmente,[46] poñendo fin a unha carreira de 30 anos. Nunha entrevista á revista Elle no ano 2013 confirmou que os motivos da separación foron que Moore a estaba enganando cunha muller próxima ao contorno de Sonic Youth, pero sen desvelar a súa identidade. Na mesma entrevista tamén revelou que fora diagnosticada dun "ductal carcinoma in situ", un tipo non invasivo de cancro de mama.[14] O cancro foi tratado con éxito con cirurxía.[14][47]
Tras o anuncio do hiato de Sonic Youth Gordon comezou a xirar con Ikue Mori, batería xaponesa da banda de finais dos 70 DNA. Gordon xa tocara con ela anteriormente en eventos como o NoFunFest en 2004.[48][49] O dúo completou unha xira por Europa a mediados de 2012 e Gordon explicou durante unha entrevista: "Dalgunha maneira queres perderde e esperas que a audiencia se perda contigo ... Podes sentir se escoitan, podes sentir se hai algunha conexión".[50] Xunto con Bill Nace, Gordon e Mori foron escollidas para tocar no evento All Tomorrow's Parties comisionado por Deerhunter en xuño de 2013.[51] Ao redor de 2012 Gordon formou un proxecto noise con Nace, chamado Body/Head, e a banda publicou o sinxelo "The Eyes, The Mouth" ese ano 2012 a través do selo belga Ultra Eczema.[52] O álbum de estrea do dúo, Coming Apart, foi editado o 10 de setembro de 2013 a través de Matador Records e a banda completou unha xira polos Estados Unidos no outono dese ano.[53]
Gordon tamén se mergullou na produción de arte ao sentir que a música deixara de lado a súa carreira como artista visual.[12] Realizou varias exposicións en 2013, incluída "The Show Is Over" na Gagosian Gallery de Londres, e o estudio "Design Office with Kim Gordon-Since 1980", en White Columns, Nova York,[14] este último a continuación dun proxecto que iniciara en 1980.
Gordon é unha establecida artista visual e comisaria, e o seu traballo foi exposto ao longo dos Estados Unidos, o Xapón e Europa. Kim graduouse no Otis College of Art & Design nos Ánxeles. A comezos dos anos 80 Gordon escribiu para a revista de arte contemporánea Artforum e traballou en varias galería de arte do Soho. Foi comisaria dunha exposición na galería White Columns en 1982 que tiña contribucións de Mike Kelley e Tony Oursler entre outros.
En 1996 Gordon participou nunha mostra titulada Baby Generation na galería Parco de Toquio. A súa exposición Kim's Bedroom mostrouse no MU dos Países Baixos, e incluía debuxos e pinturas xunto con música ao vivo e convidados especiais. Un libro e CD en edición limitada da exposición foi publicado por Purple Books.
En 2003 Gordon apareceu na Gothenburg Biennale e mostrou Club In The Shadow, unha colaboración co artista Jutta Koether, na Kenny Schachter's Contemporary Gallery de Nova York. No 2005 presentou outra colaboración con Koether para a exposición Her Noise en Londres.[54] Ese mesmo ano publicouse o o libro artístico Kim Gordon Chronicles Vol. 1 que conta con fotografías de Gordon ao longo da súa vida.[55] No ano seguinte editouse Kim Gordon Chronicles Vol. 2 cos seus debuxos, collages e pinturas.[56]
Álbum | Ano | Selo | Notas |
---|---|---|---|
SYR5 | 2000 | Sonic Youth Recordings | con DJ Olive e Ikue Mori |
Yokokimthurston | 2012 | Chimera Music | con Yoko Ono e Thurston Moore |
No Home Record | 2019 | Matador Records | |
At Issue | 2022 | Alara Music | con Loren Connors |
The Collective | 2024 | Matador Records |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.