lugar das parroquias de Cumbraos e Grixalba, no concello de Sobrado From Wikipedia, the free encyclopedia
As Cruces é un lugar do concello coruñés de Sobrado, que forma parte de dúas parroquias: Cumbraos e Grixalba.[1] Segundo o IGE, en 2019 a parte de Cumbraos tiña 37 habitantes (18 homes e 19 mulleres), mentres a de Grixalba tiña 32 habitantes (17 homes e 15 mulleres).
As Cruces | |
---|---|
Capela de San Roque | |
Parroquia | Cumbraos, Grixalba |
Concello | Sobrado |
Coordenadas | 43°04′42″N 8°00′46″O |
Poboación | 71 hab. (2018) |
[ editar datos en Wikidata ] |
A localidade, asentada nunha antiga e importante encrucillada de camiños, é atravesada polo Camiño de Santiago, concretamente unha das variantes do Camiño do Norte. Até o comezo do século XXI celebrouse nela unha significativa feira tradicional.
O topónimo As Cruces faría referencia, segundo algún autor,[2] ás moitas cruces que se xuntaban nas ladaíñas dunha ermida da parroquia de Cumbraos, mencionadas por Jerónimo del Hoyo nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago do primeiro cuarto do século XVII.[2] No entanto, outros autores consideran que proviría da importante encrucillada de antigos camiños sobre a cal asenta a localidade.[3][4]
Nas Cruces estivo a casa do concello, polo menos durante a década de 1910 e até o 15 de febreiro de 1920, cando se estabeleceu o seu traslado a Sobrado.[5]
Contra 1990, o párroco de Cumbraos trasladou para as Cruces a capela de San Roque que se achaba no inmediato lugar da Torre. Antigamente esta capela estaba situada no tamén inmediato monte da Corda, xa na parroquia da Ciadella, onde aínda se conserva un cruceiro denominado Cruceiro da Corda.[6]
En 1780, a parte de Cumbraos tiña 9 veciños e 38 almas, mentres a de Grixalba 4 veciños e 18 almas, sumando deste xeito un total de 13 veciños e 56 almas.[7] Estes mesmos datos son os que aparecen en 1847 no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz.[8]
No censo de 1887, en Cumbraos e Grixalba contaba 43 e 25 habitantes de feito respectivamente, 68 en total; e 43 e 28 habitantes de dereito, 71 en total.[9]
Xa nos últimos anos do século XX e segundo o padrón municipal, en 1999 tiña 40 habitantes en Cumbraos e 54 en Grixalba, 94 en total;[10] mentres no ano 2000 en Cumbraos tiña 41 e en Grixalba 56, en total 97.[11]
2001 | 2002 | 2003 | 2004 | 2005 | 2006 | 2007 | 2008 | 2009 | 2010 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cumbraos | 41 | 43 | 40 | 39 | 41 | 40 | 41 | 41 | 41 | 41 |
Grixalba | 49 | 49 | 48 | 50 | 51 | 53 | 51 | 50 | 51 | 51 |
Total | 90 | 92 | 88 | 89 | 92 | 93 | 92 | 91 | 92 | 92 |
2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | |
Cumbraos | 41 | 42 | 42 | 42 | 40 | 39 | 37 | 35 | 37 | |
Grixalba | 50 | 47 | 50 | 49 | 47 | 47 | 37 | 36 | 32 | |
Total | 91 | 89 | 92 | 91 | 87 | 86 | 74 | 71 | 69 | |
Fonte: IGE (padrón municipal)[12] |
As Cruces tiña unha importante feira que se celebraba o día 13 de cada mes. Era unha das feiras antigas de Galiza[14][lower-alpha 2] e, igual ca outras feiras galegas, a súa data no calendario remóntaa a unha época en que a superstición do número 13 debía ser allea á cultura galega.[16] A ela viñan xentes de longas distancias, coma os ferreiros do val do Eo.[17] Dispuña de todo tipo de gado (bovino, porcino, ovino, cabrún, cabalar, mular, avícola) e comestíbeis (froitas, ovos, queixos, pan, manteiga etc.), á parte de teas, ferraxes e outras mercadorías.
Deste xeito, figura por exemplo no Catastro de Ensenada (1752)[18] ou na Descripcion economica del Reyno de Galicia de Lucas Labrada (1804).[19] Aparece tamén nos principais dicionarios xeográficos españois do século XIX, isto é, no Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal de Sebastián Miñano (1826),[20] no Diccionario geográfico universal (1831)[21] e no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1845).[22][23]
Así mesmo, o lugar das Cruces aparece como feira na Carta Xeométrica de Galiza de Domingo Fontán, tanto na minuta manuscrita de 1834[24] como na edición gravada de 1845.[25][lower-alpha 3] O propio Fontán divisou a «feira das Cruces» o 14 de setembro de 1822 desde unha das «penas cónicas» dos montes do Bocelo.[27]
Fala da importancia desta ancestral feira o feito de o seu posterior esmorecemento contribuír ó declive dos camiños históricos que se dirixían cara a alí.[28] Adicionalmente, a feira tornouse tan multitudinaria que cumpriu realizar unha segunda o día 27 de cada mes.[29] Por outra banda, a feira tamén deu o paso á tradición oral, achándose nalgunha lenda como a procedente de Pedrouzos recolleita polo Seminario de Estudos Galegos,[30] e á literatura, sendo mencionada en Terra brava. Contos da solaina (1955) de Ánxel Fole.[31]
En decembro de 1951 o alcalde estabeleceu que a feira do 27 pasase a se celebrar en Sobrado. Isto non gostou ós veciños das Cruces, que o 28 de maio de 1954 solicitaron ó ministro da gobernación a revogación do traslado, aínda que sen éxito.[32]
A feira deixou de se celebrar a comezos do século XXI.[33] Para a rememorar, o 13 de agosto de 2019 celebrouse unha nova edición.[34]
As Cruces foi desde antigo un considerábel nó de comunicacións, a través do cal se distribuían os camiños na zona e onde se conformaba unha importante encrucillada de camiños de longo percorrido. Isto é corroborado pola toponimia[3] e a cartografía histórica.[35]
Actualmente é atravesada pola AC-231, a súa principal vía de comunicación.[36] Esta estrada comunica o lugar en dirección ó norte con Teixeiro (Curtis) e A Castellana (Aranga), onde parte da N-VI, mentres en dirección ó sur con Sobrado, onde conecta coa AC-934 que prosegue até As Corredoiras. O seu paso polas Cruces estaba pensado desde o final do século XIX e durante o principio do XX.[37][38][39] Foi construída seguindo o trazado do camiño real que conectaba Sobrado con Ponte Aranga[40] e desde 1909 até aproximadamente 1916 realizouse o tramo Teixeiro-Sobrado.[41][42]
A seguinte vía en importancia é a DP-8001, que inicia o seu percorrido directamente nas Cruces, na propia AC-231.[36] Coñecida coma a estrada das Cruces á Pena Branca,[43] diríxese cara ó nordeste, atravesando a parroquia de Grixalba, até empatar na serra da Cova da Serpe coa LU-P-2302 que prosegue até Guitiriz. Foi construída de xeito progresivo en varias fases, entre 1962 e os primeiros anos da década de 1970, a partir do denominado «camiño real» polos veciños e «camiño de ferradura» polo Madoz.[44] Este camiño era en realidade un tramo que formaba parte do histórico e ancestral camiño de Compostela a Viveiro e mais a Ribadeo, por Vilalba e Mondoñedo, o cal estaba posibelmente conectado coa vía cantábrica mencionada no Anónimo de Rávena e foi posteriormente empregado coma Camiño de Santiago.[45] En 2015, após anos en proxecto e trala expropiación dunha vivenda tradicional no ámbito urbano das Cruces, procedeuse ó seu derrubamento e á mellora e ampliación do trazado do comezo da estrada.[43][46][47][48] Noutras dúas fases realizadas nos anos seguintes tamén se ampliou o resto da estrada.[49][50][51][52]
Outro importante e antigo camiño de longa distancia que pasaba tamén polas Cruces era o que ía de Betanzos a Portomarín. Desde Filgueira de Barranca e tras discorrer polas igrexas de Xabriño e Santaia (nas parroquias de Fisteus e Curtis), chegaba ás Cruces pola liña de cumios do monte da Corda, para proseguir cara ós montes do Corno do Boi.[53] Era o camiño principal da comarca ―Présaras―.[54] Precisamente, José Crame, o primeiro enxeñeiro xefe a cargo do camiño real de Galiza á Coruña, a primitiva N-VI, propuxo entre 1762 e 1763 que este se executase do porto de Padornelo a Portomarín e de alí á Coruña, co obxectivo de aproveitar infraestruturas e evitar puntos de difícil acceso. Foi substituído sen explicación ningunha xa que a intención da coroa era que o camiño fose máis ó norte.[55]
Quer o camiño de Betanzos a Portomarín, quer o camiño de Compostela a Ribadeo, que se cruzaban nas Cruces, terían orixe romana.[56] Deste xeito, segundo algúns autores tamén pasaría polo lugar unha controvertida calzada romana de carácter militar: a vía XX, tamén chamada per loca maritima, do Itinerario de Antonino.[57][58][59][60] Así mesmo, outra vía transversal procedente da zona de Iria Flavia conectaría nas Cruces coa XX proseguindo cara á costa norte.[58][61][56] Foi posibelmente por estas dúas vías por onde os viquingos, na súa incursión de 968-970, chegaron ó mosteiro de Curtis para o destruír. Após se internaren en Galiza pola ría de Arousa e chegaren a Compostela, probabelmente entroncaron co camiño á costa norte e unha vez nas Cruces continuaron pola vía XX até Santaia de Curtis.[62]
Outro camiño real era o que desde As Cruces chegaba até A Penalba, na parroquia de Nodar (Friol). Pasaba por Sante e, tras discorrer entre Vilasuso e A Armada, proseguía polo sur de Vilariño.[63] En realidade non remataba na Penalba, senón que continuaba para se dirixir cara a Lugo.[54] En 1978 foi asfaltado até Sante.[64] Segundo algún autor, compartiría parte do seu trazado co de Betanzos-Portomarín.[54]
As Cruces é unha localidade do Camiño de Santiago situada nunha das variantes do Camiño do Norte ou Ruta da Costa.[1]
No lugar de Toar en San Breixo de Parga (Guitiriz),[65] o Camiño do Norte galla para se dirixir unha variante ás Cruces e a outra a Sobrado. Así, o antigo camiño que chega ás Cruces, oficializado en 2014, faino após pasar polas parroquias guitiricenses de San Breixo de Parga, Parga, Vilar e as Negradas e tamén pola de Grixalba. Xa nas Cruces, vólvese dividir en dous gallos, un cara a Sobrado e o outro cara a Boimil (Boimorto) pola Ciadella e Vilariño (Vilasantar). Ámbolos tramos únense de novo coa variante de Sobrado procedente de Toar.[66][67]
O Camiño chega ás Cruces tras atravesar a parroquia de Grixalba pola DP-8001, mais desviándose polos lugares de Paraños, O Coto e Suavila. O trazado histórico evitaba estes lugares, axustándose máis á lóxica dos camiños de longo percorrido, mais nalgúns puntos está perdido. Este treito é sinalado coma «trazado con vestixios históricos».[68][69] Adicionalmente, tamén existía antano outra ruta que accedía a Grixalba polo lugar de Codesoso do Monte no canto de pola futura DP-8001 e que procedía de Paradela, na contigua parroquia de Foxado (Curtis).[70] O concello de Curtis, malia ter proposto e sinalizado o Camiño de Santiago polo seu territorio municipal, non ten en conta esta variante.[71][lower-alpha 4]
Unha vez nas Cruces, antigamente os peregrinos decidían se se dirixir cara ó mosteiro de Sobrado ou cara ó santuario de San Pedro de Mezonzo. Para a segunda escolla proseguían cara á Ciadella, onde existía un hospital de peregrinos xunto á referida capela do monte da Corda.[6]
Localidade anterior: Suavila, Grixalba, Sobrado a 2,7 km → |
Camiño de Santiago (Camiño do Norte) As Cruces (581 msnm) 63,844 km á Catedral de Santiago de Compostela |
Seguinte localidade: Variante 1 A Ciadella, Sobrado → a 0,5 km Variante 2 A Torre, Cumbraos, Sobrado → a 0,43 km |
Lugares da parroquia de Cumbraos no concello de Sobrado (A Coruña) | |
---|---|
A Acivreira | A Aldea do Muíño | A Armada | O Camareiro | Carral | Casa Camiño | O Cepo | Cimadevila | As Cruces | A Cruz do Castro | Eirixe | A Fraga | Guisó | O Lago | A Medoña | O Outeiro | O Pereiro de Abaixo | O Pereiro de Arriba | A Portacal | Portocavado | Prevencidos | A Torre | Vila do Monte | Vilamor | O Vilar da Maceira | O Vilar |
Lugares da parroquia de Grixalba no concello de Sobrado (A Coruña) | |
---|---|
Adamonde | O Amenedo | Barrio | A Brixaría | O Casal de Abaixo | O Casal de Arriba | O Castro | Codesoso do Monte | Costoia | O Coto | As Cruces | Dombrete | Farlá | Guiximil | A Lagoa | A Laxe | Lousado | Orxás | Paraños | A Pena Grande | O Porto de Abaixo | Rañón | A Sabugueira | Sante | Santó | Suavila | A Uceira | Vilarchá | Vilariño | Vilasuso |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.