ciencia que estuda o territorio, os habitantes e os fenómenos da Terra From Wikipedia, the free encyclopedia
A xeografía (provén do latín geographĭa e este dende o grego «γεωγραφία» xeografía 'descrición da terra'[1], composto de "η γη" (hê gê) a Terra e "γραφειν" [graphein] describir, debuxar) é a ciencia que ten por obxectivo o estudo e a representación gráfica da superficie terrestre así como a distribución espacial de fenómenos significativos na paisaxe.[2][3] Tamén estuda a relación recíproca entre a superficie terrestre e a Lúa e o Sol (xeografía matemática), e entre os humanos e o ambiente (xeografía humana). Un dos temas centrais da xeografía é a relación home-natureza. A natureza enténdese aquí como as forzas que xeraron ou contribúen a moldear o espazo xeográfico, é dicir, a dinámica e interaccións que existen entre a atmosfera, litosfera, hidrosfera e biosfera.
Mapa da Terra. | |
Orixe do nome | γεογραπηία, grego |
---|---|
Orixe | Grecia, séc. III a.C., Eratóstenes |
Influencias | química, xeoloxía, matemática, historia, física, astronomía, antropoloxía, ecoloxía, positivismo lóxico |
Influenciados | matemática, astronomía, política, economía, arquitectura, urbanismo, turismo, socioloxía, marxismo, dereitoetc. |
Principais nomes | Heródoto, Estrabón, Pitágoras, Aristóteles, Eratóstenes de Cirene, Tolomeo, Al-Idrisi, Ibn Battuta, Ibn Khaldún, Abraham Ortelius, Bernhardus Varenius, Gerardus Mercator, James Cook, Alexander von Humboldt, Immanuel Kant, Carl Ritter, Ferdinand von Richthofen, Piotr Kropotkin, Eliseé Reclus, Friedrich Ratzel, Paul Vidal de la Blache, Emmanuel DeMartone, Pierre George, William Morris Davis, Milton Santos, Aziz Ab'Saber, Jurandyr Ross, José William Vesentini, David Harvey, Alfred Hettner, Ruy Moreira, entre outros |
Definición | estuda o conxunto de fenómenos naturais e humanos que constitúen aspectos da superficie da Terra, considerada na súa distribución e relacións recíprocas. |
Coñecida por | utilizar mapas para localización, viaxes e estudos de lugares. |
Pretende | estabelecer relación de espazo entre o home e a natureza |
Divisións | Xeografía física, Xeografía humana, Xeografía econômica |
Ramificacións | climatoloxía, xeomorfoloxía, bioxeografía, hidroloxía, edafoloxía, xeografía matemática, oceanografía, meteoroloxía, xeografía da poboación, antropoxeografía, xeografía económica, xeografía social, xeografía urbana, xeografía política, xeografía histórica |
O primeiro autor en utilizar a palabra Xeografía foi Eratóstenes (276-194 a. C.) nunha obra hoxe en día perdida. Con todo, a fundación da xeografía atribúeselle ao tamén considerado pai da Historia, Heródoto (484-425 a. C.). Para os gregos é a descrición racional da Terra, e particularmente para Estrabón, é o estudo das distintas rexións humanas como base para a formación do político.
Existen catro tradicións históricas na investigación xeográfica, as cales son: a análise espacial de fenómenos naturais e humanos, os estudos do territorio (do lugar á rexión), o estudo da relación entre o home e a súa contorna, e a investigación das ciencias da Terra.[4]
A Xeografía moderna é unha disciplina cuxo obxectivo primordial é a explicación de toda unha serie de fenómenos naturais e sociais e non se refire só á localización deses fenómenos, senón que tamén estuda como son e como cambiaron para chegar a ser o que son. A Xeografía divídese en dúas ramas principais, a saber, xeografía xeral e xeografía rexional.
Isto quere dicir que a xeografía é unha ciencia que se cuestiona simultaneamente polas pegadas deixadas polas sociedades (desenvolvemento dos espazos) ou a natureza (oroxénese das montañas, impacto do clima, etc.); así mesmo, a dinámica e organización espacial das sociedades e á súa vez as do medio físico (como o cambio climático ou o aumento do nivel medio do mar). É por iso que a Xeografía interésase nos fundamentos (físicos e humanos) así como nas dinámicas (demográficas, socio-económicas, culturais, climáticas, bioxeográficas, xeomorfolóxicas) que teñen lugar nas distintas rexións. Doutra banda esta disciplina comezou a integrar aos poucos diversos campos culturais, como a pintura paisaxista, a literatura descritiva e inclusive o cine.
Nun sentido clásico a xeografía é a descrición da Terra, pero hoxe en día, ademais de describila, a xeografía trata de explicala. Considérase á xeografía como unha ciencia que aglutina a todas as demais ciencias, tanto naturais como sociais, desde a historia ata as matemáticas, xa que os obxectos de estudo da xeografía son moitos e moi variados. Con todo, a perspectiva da Xeografía é diferente; estuda os modos de organización do espazo terrestre, a distribución dos elementos que compoñen, entre outros, a paisaxe, as súas formas e as súas poboacións. Ademais, establece unha dialéctica entre a explicación e a descrición da paisaxe; e entre o método inductivo e o deductivo. Para iso estes elementos deben ser elixidos, seleccionados, ordenados, xulgados e presentados. A análise leva ao xeógrafo comprender os modos de organización no espazo.
A orixe etimolóxica do nome "xeografía" é derivado do vocábulo grego geographia (γεογραπηία), que significa "descrición da Terra" e "carta xeográfica".[5] O termo está composto polos radicais gregos geo = "terra", + graphein = "describir". O nome da disciplina é representado no latín como Geographia.[5] Esta é a fonte do eruditismo en cinco linguas europeas: en lingua portuguesa e italiana, geografia (século XVI);[6][7] en lingua española, Geografía, (1615);[8][9] en lingua francesa, geographie (cara ao 1500);[8] en lingua inglesa, geography (século XVI).[10] A palabra inglesa geography é unha palabra prestada do vocábulo francés e alemán Geographie (século XVI).[8] O vocábulo alemán Erdkunde deriva de dúas palabras: Erde = "terra", + Kunde = "coñecemento".[8] Esta palabra foi rexistrada polo especialista en lingüística alemán Johann Christian Adelung (1732 - 1806), en 1774.[8] Erdkunde é traducido do vocábulo francés e alemán Geographie .[8]
Os xeógrafos abordan o estudo xeral do medio e as sociedades que o habitan desde diversas tradicións, estas son:
De todas estas tradicións, dúas delas foron as principais en todo o século XX, a tradición corolóxica ou rexional e a ecolóxica. Ademais, todas estas tradicións non foron compartimentos estancos, xa que moitos xeógrafos e escolas combináronas e combínanas de formas diversas.
O mapa do mundo máis antigo coñecido remóntase a antiga Babilonia do século IX a.C.[11] Os antigos gregos foron os primeiros en acumular e sistematizar os seus coñecementos xeográficos e dar nome a esta nova disciplina, Estrabón, Eratóstenes e Claudio Tolomeo, foron os que empezaron a desenvolver teorías e prácticas do que nese momento se coñecia por xeografía. Os romanos continuaron o seu labor engadindo novos datos e técnicas, Pomponio Mela foi un deles. Durante a Idade Media, os árabes como Al-Idrisi conservaron o coñecemento xeográfico grego e romano e desenvolvérono aínda máis de acordo ás necesidades da época. Os chineses tamén desenvolveron para o interior do seu territorio un coñecemento xeográfico que se tardou en descubrir. Nesta era o pensamento xeográfico baseouse na teoría de Claudio Tolomeo na que se consideraba á Terra como o centro do universo. Existían mapas feitos en forma circular do que se coñecía do planeta nese momento (Europa, Asia e a parte norte de África) nos que a cidade de Xerusalén figuraba no centro da Terra. Cosmas Indicopleustes foi un dos xeógrafos medievais máis relevantes, que avalaba a idea xeocéntrica de Tolomeo. A chegada da revolución científica empezaría coa teoría heliocéntrica de Nicolás Copérnico, o fenómeno da rotación terrestre e a idea dunha Terra de forma esférica de Galileo Galilei, a Lei da gravitación universal de Isaac Newton, reforzadas cos descubrimentos de América e máis tarde de Oceanía, teorías que anos máis tarde gañarían aceptación na comunidade científica e manteríanse ata o día de hoxe. Comezaba a Idade Moderna e a ciencia renovábase, houbo que facer novos mapas sobre o planeta, ademais da instalación de novas teorías, o coñecemento sobre a Terra e polo tanto sobre a Xeografía serían distintos dos da Idade Media.
Tralas grandes exploracións e descubrimentos dos séculos XV ao XVII e a revolución científica, a xeografía experimentou profundos cambios. Será a partir de finais do século XIX, cando esta disciplina comezou a ensinarse na educación primaria e secundaría e cando se institucionalizou definitivamente nun gran número de universidades europeas. Bernhardus Varenius como predecesor do estudo científico da xeografía, Mikhail Lomonosov, Alexander von Humboldt, Carl Ritter, Friedrich Ratzel, Élisée Reclus e moitos outros, foron os grandes referentes da Xeografía deste século XIX.
O século XX supuxo un gran desenvolvemento cuantitativo e cualitativo para a xeografía. Esta disciplina desenvolveu diversas tradicións xeográficas (física, ecolóxica, rexional, espacial, paisaxística e social) e novos paradigmas de estudo (ambiental, determinismo, posibilismo (xeografía rexional-paisaxística), xeografía idiográfica, xeografía teorético-cuantitativa, xeografía cultural (tamén vista como unha rama), xeografía do comportamento, xeografía do tempo ou temporal, xeografía humanista, teoría da estruturación, xeografía crítica (en Iberoamérica) ou radical (no mundo anglosaxón), xeografías posmodernas (entre as cales está a nova xeografía cultural, a nova xeografía rexional, a xeografía de xénero ou feminista, etc.), xeografía neo-cuantitativa, etc.). Ademais a xeografía ten fortes vínculos con disciplinas afíns, tanto científico-naturais (xeoloxía ou bioloxía) como científico-sociais (socioloxía, economía ou historia).
Entre os xeógrafos destacados do século XX e de comezos do século XXI atópanse William Morris Davis, Vasily Dokuchaev, Alfred Russel Wallace, Wladimir Peter Köppen, Carl Troll, Paul Vidal de la Blache, Jean Brunhes, Hans Oeschger, Albert Demangeon, Richard Chorley, Alfred Hettner, Ellsworth Huntington, Walter Christaller, Torsten Hägerstrand, Halford John Mackinder, Karl Haushofer, Carl Sauer, Yi-Fu Tuan, Nicholas Shackleton, David Harvey, Milton Santos, Yves Lacoste, Horacio Capel, Richard Hartshorne, Ellen Churchill Semple, Doreen Massey, Robert E. Horton, J. Harlen Bretz, Willi Dansgaard e moitos outros.
A comezos do século XXI, a situación actual da Xeografía é algo ambivalente. Por unha banda, parece evidente que a visibilidade da Xeografía como disciplina académica diminuíu a nivel popular, isto por exemplo pódese apreciar na redución de número de estudantes na educación superior desta disciplina, ademais agregado a que algúns autores como Richard R. O'Brien e Paul Virilio na década de 1990, apoiándose na desterritorialización do mundo, como consecuencia do desenvolvemento global das novas tecnoloxías aplicadas ás telecomunicacións, apresuráronse a dicir que é o "fin da Xeografía". Pero ao mesmo tempo, pode afirmarse que nunca o saber xeográfico estivo máis difundido entre a poboación: polo nome das novas tecnoloxías cualificadas co adxectivo de "xeográficas" (Sistema de información xeográfica), e pola difusión e ampliación do interese xeral cara aos coñecementos sobre a superficie terrestre, e sobre o planeta Terra en xeral, un coñecemento que se pode chamar xeográfico. Estes cambios están afectando á concepción popular sobre a Xeografía, onde se empeza a acuñar o concepto de Neoxeografía como unha nova etapa da disciplina, onde se di: "O paso dunha Xeografía académica á nova Xeografía caracterízase por un desdebuxamento dos límites entre os roles tradicionais de suxeitos produtores, comercializadores e consumidores de información xeográfica. Na neoxeografía, a liberdade é o primeiro, non obedecendo a ningún criterio daqueles que definiron á ciencia da Xeografía nin da Xeomática". Ademais tamén se produce un profundo debate na disciplina, onde hai defensores das xeografías rexionais e cuantitativas, onde se defende unha Xeografía máis ben descritiva, e os defensores das xeografías radicais, humanísticas e posmodernas, onde se defende unha Xeografía máis crítica dos feitos da realidade ambiental, cultural, económica, política e social. O desprazamento, nas tres últimas décadas dunha ciencia natural ou da Terra cara ás ciencias sociais en varias institucións educativas no mundo, tamén é obxecto de discusión. Para algúns autores a falta de consenso e estes debates terminan por desgastar á disciplina e é outra das posibles causas da diminución da Xeografía a nivel popular.
De acordo ao seu enfoque, a xeografía divídese en dúas grandes ramas: xeografía xeral e xeografía rexional. A xeografía xeral é analítica, xa que estuda os feitos físicos e humanos individualmente, mentres que a xeografía rexional é sintética e ocúpase dos sistemas territoriais particulares. Con todo, a articulación entre ambas ramas foi tradicionalmente un tema de debate dentro da xeografía. Para os xeógrafos de tradición corolóxica, a xeografía é, sobre todo, xeografía rexional, e a xeografía sistemática sería unha propedéutica destinada a emprender o estudo rexional. En cambio, para os xeógrafos cuantitativos defensores da tradición espacial, a xeografía xeral sería a única xeografía científica xa que só esta é capaz de formular teorías e leis. Un terceiro grupo de xeógrafos, próximos á tradición social, defenderon a primacía da xeografía rexional e a visión da xeografía xeral como un estudo comparado e xeralizador dos diversos elementos que conforman os complexos rexionais.
A xeografía xeral presenta un conxunto de diversos tipos de subdisciplinas configuradas ao redor do seu propio obxecto, con fortes vínculos coas súas respectivas ciencias auxiliares e con grados variables de comunicación entre si. Trátase dun estudo de multitude de ciencias específicas que se atopan relacionadas entre si polo obxecto de estudo (o noso planeta, en especial os conceptos e procesos que se presentan na superficie terrestre). Por razóns metodolóxicas que se derivan do campo de estudo tan amplo que desenvolve, subdividese en dúas grandes ramas: xeografía física e xeografía humana.
A xeografía física (coñecida nun tempo como fisiografía, termo agora escasamente usado) é a rama da Xeografía que estuda en forma sistemática e espacial a superficie terrestre considerada no seu conxunto e, especificamente, o espazo xeográfico natural.
A xeografía física preocúpase, segundo Strahler, dos procesos que son o resultado de dous grandes fluxos de enerxía: o fluxo de radiación solar que dirixe as temperaturas da superficie xunto aos movementos dos fluídos, e o fluxo de calor desde o interior da Terra que se manifesta nos materiais dos estratos superiores da cortiza terrestre. Estes fluxos interactúan na superficie terrestre que é o campo do xeógrafo físico.[12]
Así, a xeografía física é a rama da Xeografía que estuda o medio físico. Os principais elementos que estruturan o medio físico corresponden ao relevo, as augas terrestres, o clima, a vexetación, a fauna e o chan; e o estudo de cada un destes deu orixe a diversas ciencias da Terra, entre as cales atópanse:
A xeografía humana é a ciencia social centrada no estudo das sociedades e dos seus territorios; tamén estuda ao ser humano e as súas reaccións coa súa contorna tanto no aspecto estático da súa organización, como no dinámico dos cambios que experimentan. Para algúns a xeografía humana pode ser unha práctica humana de coñecer onde se vive para comprender e planificar o espazo onde se vive. A pesar do foco principal da xeografía humana non ser a paisaxe física da Terra (ver xeografía física), dificilmente se pode discutir a xeografía humana sen se referir á paisaxe física onde as actividades humanas acontecen. A xeografía humana contén varias subdisciplinas:
A xeografía matemática , estuda a representación matemática da superficie da Terra e a súa relación coa Lúa e o Sol. Esta vocación dual non é contraditoria, porque a través do estudo dos fenómenos da superficie que ocorren produto da interacción co Sol e a Lúa pode ser mapeado no ecuador, os trópicos, as liñas polares, coordenadas xeográficas e ata medir o tamaño da Terra. Inclúe ramas como:
A xeografía rexional ou corolóxica (do grego «χώρα», espazo, país, rexión e «λόγος», coñocemento, estudo) é a disciplina que estuda os sistemas ou complexos xeográficos. Porén, non hai consenso á hora de definir que é un complexo xeográfico nin o papel da xeografía rexional no conxunto da xeografía.
Para algúns xeógrafos, a xeografía rexional é a disciplina encargada do estudo sintético dos complexos xeográficos (territorios, lugares, paisaxes ou rexións entre outras denominacións). Sería polo tanto unha parte da xeografía en condición de igualdade coas múltiples disciplinas que conforman a xeografía xeral ou sistemática, as cales estudan analiticamente diversos fenómenos nas súas características e distribución (relevo, clima, vexetación, poboación, organización económica, organización política, comercio, transportes, etc.).
Para outros xeógrafos, pola contra, a denominación xeografía rexional é redundante pois toda a xeografía é rexional. É dicir, a xeografía ten por obxecto estudar os complexos xeográficos a calquera escala (localidades, comarcas, rexións, países, grandes rexións, etc.) tanto de forma sintética coma temática. As diversas disciplinas que conforman a xeografía xeral serían polo tanto, o achegamento temático e comparativo ao estudo dos complexos xeográficos. Así, segundo Robert E. Dickinson, «A xeografía é fundamentalmente a ciencia rexional ou corolóxica da superficie terrestre», e para Manuel de Terán, «A primacía da xeografía rexional non é discutible na situación actual da ciencia xeográfica. A xeografía moderna é fundamentalmente xeografía rexional, coma na Antigüidade foi Coroloxía e Chorografía».
A xeografía, debido á amplitude do seu campo de estudo, require dos coñecementos doutras ciencias, que son as chamadas ciencias auxiliares. Entre estas destacan a matemática, a estatística, a astronomía e a xeodesia para a xeografía en xeral; a meteoroloxía, a astronomía, a física, a química, a xeoloxía estrutural, a estratigrafía, a oceanografía, a xeometría, a sedimentoloxía, a petrografía, a ecoloxía, a hidroxeoloxía e a bioloxía para a xeografía física; a socioloxía, a antropoloxía, a economía, a historia, a agronomía, a demografía, a arquitectura, a etnografía e a arqueoloxía para a xeografía humana.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.