Rianxo
concello da comarca da Barbanza, na provincia da Coruña From Wikipedia, the free encyclopedia
concello da comarca da Barbanza, na provincia da Coruña From Wikipedia, the free encyclopedia
Rianxo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Barbanza. Linda ao norte cos municipios de Lousame e Rois, ao oeste con Boiro, ao leste con Dodro e Catoira a través da Ponte de Catoira sobre o río Ulla, e ao sur coa ría de Arousa. Sitúase a menos de 50 km de Santiago de Compostela e a 150 km da capital de provincia galega máis distante: Ourense.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Rianxo | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 10.854 (2023) (184,59 hab./km²) | ||||
Xentilicio | rianxeiro | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 58,8 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 4 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Julián Bustelo Abuín | ||||
Eleccións municipais en Rianxo | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15920 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15072 | ||||
Páxina web | rianxo.gal |
Segundo o IGE no 2015 tiña unha poboación de 11.386 habitantes[1] (11.729 en 2012, 11.780 en 2011, 11.826 en 2010), o que o converte no terceiro concello en poboación da comarca, despois de Ribeira e Boiro. O concello posúe unha densidade de poboación de 197,24 hab./km² e unha superficie de 58,8 km².
O seu xentilicio é rianxeiro/rianxeira.
O concello de Rianxo atópase na marxe dereita do río Ulla e da ría de Arousa, a uns 50 km de Compostela. Rianxo fai fronteira polo norte cos concellos de Lousame e Rois; polo sur coa ría de Arousa, que o separa da provincia de Pontevedra; polo leste cos concellos de Dodro e Catoira (separada do territorio rianxeiro polo río Ulla), e polo oeste co concello de Boiro.
Censo total | 11.386 (2015) |
---|---|
Menores de 15 anos | 1.454 (12.77 %) |
Entre 15 e 64 anos | 7.165 (62.93 %) |
Maiores de 65 anos | 2.767 (24.3 %) |
Ano | 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Poboación | 8.277 | 9.461 | 11.120 | 12.715 | 11.582 | 11.769 | 11.780 | 11.729 | 11.598 | 11.479 | 11.386 |
Existen probas que demostran que o actual territorio de Rianxo xa estaba poboado no Neolítico, 4000 anos a. e. c. Nas ladeiras do monte Lioira, entre as parroquias de Leiro e Asados, atópase unha necrópole megalítica con máis de vinte túmulos. Na localidade de alto de Burés apareceron oito mámoas e outras seis no Campiño.
O declive da cultura megalítica comezou a finais do III milenio a. e. c. deixando paso á Idade de Bronce, da que se conservan en Rianxo varios vestixios; entre eles, uns puñais de espeto, atopados no monte Lioira, e mais o casco de Leiro, un cunco de lámina de ouro con decoración astral atopado na praia de Leiro. Da idade de bronce tamén se atopan na parroquia de Isorna varios gravados e petróglifos.
A cultura castrexa desenvólvese dende o final da Idade de Bronce até o século VI. Desta época consérvanse polo menos 10 castros, abandonados coa chegada dos romanos.
A conquista romana de Galicia foi máis prolongada ca no resto da península por mor da súa situación xeográfica e á súa accidentada xeografía.
A presenza dos romanos en Rianxo fica demostrada pola Via per Loca Maritima de Caldas a Betanzos cuxo percorrido se supón que discorre bordeando a beira dereita do río Ulla por Rianxo e da que non se teñen localizados restos certos. Citar tamén o achado en 2006 nunha casa de Taragoña dunha estela funeraria[2]. Tamén polo achado en 2010 de catro enterramentos con restos óseos de tres individuos no seu interior e datados entre o século III e o século V da nosa era[3].
Rianxo atópase moi próximo a Santiago de Compostela, xusto en fronte das torres do Oeste en Catoira, na outra beira do río Ulla. O Ulla é un río navegábel para barcos de pouco calado até Iria, polo que Rianxo tivo que soportar as continuas incursións dos normandos, que se produciron entre os séculos IX e XI, que pretendían chegar dende Iria a Compostela.
No ano 934, a vila de Rianxo e todas as súas posesións foron transferidas a Santiago como privilexio outorgado polo rei Ramiro II. Un século máis tarde, en 1057, Alonso V e o bispo Hermenexildo confirmaban a xurisdición compostelá sobre Rianxo. No século XI, en que comezou o feudalismo en Galiza, Rianxo converteuse na cabeza da xurisdición eclesiástica exercida pola Mitra Compostelá que cobraba diezmos de mar e outras rendas aos rianxeiros. O apoxeo compostelán continuou ao longo dos séculos XII e XIII, deixando unha profunda pegada en Rianxo.
O primeiro señor de Rianxo foi o almirante Paio Gómez de Soutomaior, coñecido como Paio Gómez Chariño. Chariño tomou parte na conquista de Sevilla como quinto almirante de Castela ao mando das naves galegas. Era ademais un recoñecido poeta e trobador. Foi asasinado en 1295 e soterrado en San Francisco de Pontevedra. Entre as súas propiedades cabe mencionar o pazo Martelo, hoxe reconvertido na biblioteca municipal, e a torre-fortaleza da desembocadura do río Te, da que só fican os alicerces.
O señorío de Rianxo estivo en mans dos Chariño até despois das Revoltas Irmandiñas do século XV. Tras longos preitos, outorgarase de novo o señorío á Mitra Compostelá en 1532.
A Mitra Compostelá exerceu a súa xurisdición en Rianxo dende 1532 até ben entrado 1814. Durante esta época e ao abrigo da Mitra xurdiron as liñaxes máis ilustres de Rianxo: os Torrado e a familia Bastón cuxas posesións a día de hoxe forman parte do patrimonio artístico de Rianxo.
Tamén no século XVI, concretamente entre 1580 e 1590, tivo lugar unha vaga de peste que devastou a rexión, matando a moitos habitantes.
A parte final do século XIX e os comezos do XX caracterizáronse en Rianxo pola presenza dun activo movemento cultural e político. Rianxo está relacionado con nomes tan importantes para a cultura galega como Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, Brea Segade, Eduardo Dieste ou Xosé Arcos Moldes entre outros. Todos eles estaban fortemente vencellados ao galeguismo, movemento integrado nas Irmandades da Fala e estreitamente relacionado coa corrente populista As Ligas Agrarias.
Con Castelao á cabeza, fundaron a revista El barbero municipal, unha publicación que trataba de fomentar a unión da mocidade rianxeira e que se editou dende 1910 a 1914. Case todos os intelectuais locais deixaron Rianxo por motivos políticos, exiliándose durante a guerra civil ou a posguerra en Suramérica.
O topónimo de Rianxo provén seguramente do latín rivus angulus, «a curvatura do río» (Rivu(m) Ángulu(m) > Riv'ang'lo > Rianxo) dada a forma que describe a ría ao seu paso pola vila. Porén, tamén se especula con que provén de rivus amplus, «río ancho».
A vila de Rianxo destaca polo seu atractivo turístico e cultural. Na parroquia do Araño atópase o meirande hórreo de toda Galicia,[4] en canto a lonxitude (36,75 metros a cámara e 37,05 m o celeiro) e capacidade (cámara 109,31 m³, celeiro 59,09 m³). No tocante ao seu atractivo paisaxístico a vila destaca polo esteiro do Ulla, as súas praias e os miradoiros do Castro Barbudo, do Monte Pena e do Pico Muralla, dende o que se pode ver as torres da catedral de Santiago de Compostela e incluso as Illas Cíes, na bocana da Ría de Vigo, e aínda máis alá, ata preto da costa portuguesa. Rianxo tamén destaca polo seu patrimonio arqueolóxico e cultural. Na vila atópanse numerosas mámoas como Os Campiños; petróglifos, na actualidade están catalogadas 59 estacións rupestres no concello; castros como o do Castriño, o das Sercas ou o de Traba; ademais de igrexas, capelas, ermidas, pazos, hórreos e os máis de 188 cruceiros catalogados na vila.[5]
Ademais de polas súas paisaxes e patrimonio, Rianxo tamén é coñecida por A Rianxeira, canción popular galega, convertida nun dos símbolos culturais de Galicia e particularmente representativa do colectivo dos emigrantes popularizada por emigrantes rianxeiros no exterior.
Na vila de Rianxo o sector predominante é o primario no que destacan principalmente a pesca de baixura (sobre todo da sardiña e da xouba), o marisqueo (do berberecho e da ameixa), e o cultivo do mexillón, existindo tamén outras actividades como a agricultura, a explotación forestal e a gandería. A maior presenza industrial é a conserveira. Nos últimos anos produciuse un notable incremento do turismo que influíu notable e positivamente na economía da vila, chegando nos meses estivais case a duplicarse a poboación. En Rianxo existe unha grande oferta de festas variadas, actos culturais e actividades deportivas.[23]
Julián Bustelo (Rianxo en Común) é o alcalde de Rianxo desde xuño de 2023, cando accedeu ao posto tras as eleccións do 28 de maio de 2023.[24] Nas eleccións municipais do 2023, cun 67,7% de participación, Rianxo en Común foi o partido máis votado con 1810 votos (28,98 %), obtendo 5 edís; o PSdeG-PSOE foi a segunda candidatura máis votada con 1790 sufraxios (28,66%) e 5 concelleiros, seguido polo PP con 1767 apoios (28,29%) e tamén 5 representantes, Pola súa banda, o BNG obtivo 814 votos (13,03%) e 2 concelleiros.[25]
|
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.